Publicado por: MontePituco | 25/05/2012

FOL DE VELENO, ANUARIO DE ANTROPOLOXÍA E HISTORIA Nº2

Temos por diante nestes vindeiros días a lectura das 130 páxinas das que consta a segunda entrega do Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza “Fol de veleno”, editado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Cómpre saudar a recente saída do prelo desta publicación que dirixe Rafael Quintía, compañeiro de DEFENDE O MONTE PITUCO na comisión técnica do proxecto para a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Colaboran neste número diversos profesionais da arqueoloxía, da historia, da conservación do medio natural, da antropoloxía sociocultural e forense, da socioloxía, da docencia, especialistas en etnografía e mitoloxía, investigadores. Un elenco ben interesante, achegando artigos ben interesantes, tal e como consta no sumario que atopamos no blogue do director, Á sombra de Bouza Panda.

“Cada vez que empezamos un novo proxecto, ou que abrimos unha nova etapa nunha aventura editorial como é publicar unha revista de antropoloxía e historia cómpre facer balance do feito. Cómpre mira-lo pasado, cos pés no presente e a vista no futuro, para saber de onde se ven e onde se quere ir. Para corrixir erros e tentar ir mellorando día a día ata acada-la meta e os propósitos que nos marcamos cando nos lanzamos a esta empresa fascinante pero arriscada. Co paso dos anos un vai aprendendo dos erros e da inexperiencia pero, inevitablemente, tamén vai cometendo novos erros. Velaí a dinámica da aprendizaxe e da mellora continua. Mais, por sorte, os anos tamén van dando novos compañeiros de viaxe, novos folgos e ideas e, asemade, tamén van consolidando fieis apoios e vellas amizades e colaboradores. Así que hoxe é para min unha grande satisfacción inaugurar con este número de Fol de Veleno unha nova etapa desta modesta pero sempre dinámica cabeceira

O anuario “FOL DE VELENO” que hoxe teñen nas súas mans ten a súa orixe na publicación “Fol de Veleno”, un fanzine cultural e de opinión creado e editado polo que aquí escribe aló polo ano 2006. Aquel modesto fanzine que naceu co ánimo de dar a coñecer, dun xeito ameno e asequible, ós distintos aspectos da cultura popular galega, así como de ser un foro libre para a crítica social, foi retomado no ano 2010 polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca para transformalo nunha revista de historia e etnografía, o que daría lugar a “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”, cuxo primeiro número saíu á rúa en outubro do 2010. Velaí o pasado, vexamos agora o presente. No ano 2011 a Sociedade Antropolóxica Galega recolle o legado deste proxecto editorial e decide facerse cargo da edición, financiamento e publicación de FOL DE VELENO, mellorando o seu formato, a súa extensión e os seus contidos para reconvertelo no anuario que hoxe presentamos.

“FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” é un espazo libre e de calidade onde especialistas da etnografía, da arqueoloxía, da historia e da antropoloxía galega poidan expo-las súas achegas e as súas investigacións. Ademais ofrece ós novos investigadores que traballan no eido da descuberta e da recuperación da nosa cultura popular e da nosa historia unha canle onde publica-los seus traballos. FOL DE VELENO tamén está aberto ás achegas doutros investigadores de fóra de Galicia e a traballos alleos ó ámbito galego pero que pola súa temática poidan ser de interese para os nosos lectores. Este é pois o futuro, e poden estar ben certos de que os que hoxe compoñemos o equipo editorial desta publicación loitaremos e traballaremos a reo, como ata agora viñemos facendo, para que esta nova etapa deste vello proxecto sexa o máis frutífera posible e cumpra e satisfaga tódalas expectativas que vostedes, amigos lectores, teñen depositadas nela. Non lles roubo máis tempo, pasen páxina pois, e mergúllense sen máis demora na descuberta dos interesantes artigos que lles agardan en “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”.

Editorial de Rafael Quintía no nº 2 do Anuario Fol de Veleno, reproducido no blogue Á Sombra de Bouza Panda.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: