La Voz: “Los comuneros de San Tomé denuncian robos en las vallas de pastizales“, por Marcos Gago.
QUIOSCO DE PRENSA: SAN TOMÉ, MONTES, VARIANTE
Publicado en Hemeroteca | Etiquetas: Monte veciñal, Prensa, Veciñ@s, Xunta
NEONAZIS, FÓRA DO PORNEDO
Desgrazadísimamente, cómpre volver denunciar unha nova aberración contra o Monte Pornedo cometida polos inimigos do patrimonio, da natureza e do civismo. O penedo monumental no que gozamos de tantos momentos de descanso, de tantos solpores e de tantas lecturas, vén de ser vítima dunha agresión imperdoable. Xa en xaneiro de 2011 DEFENDE O MONTE PITUCO informou da aparición dunhas pintadas chafalleiras e antiestéticas sobre a mole de granito. O sprai volve ser outra vez a arma destrutiva que utilizan unhas mentes perversas e podres. Sexan grupos neonazis, neofascistas, neofalanxistas ou uns burdos imitadores, os que viñeron garabatear os seus deplorables símbolos de intolerancia e xenocidio ao Alto do Pornedo, merecen a maior condea social, moral e legal.
Estamos ante algo máis que unha simple gamberrada ou unha broma de mal gusto. A exaltación desta ideoloxía extremista -culpable dalgúns dos peores episodios da historia da humanidade- está tipificada como delicto, e os seus promotores deberían estar á disposición da xustiza.
As persoas que defenden a democracia, o pacifismo, os dereitos humanos e a liberdade, que respectan o medio ambiente e o patrimonio cultural, non teñen por que soportar este insulto á intelixencia. Estas pintadas fan un dano horrible á vista, por pouco sensible que sexa un, e calquera a quen lle faga a máis mínima graza esta mostra de diarrea mental, debería consultar a opinión dalgún experto en trastornos da personalidade e do desenvolvemento cognitivo.
Tocoulle ao miradoiro do Pornedo como lle podería ter tocado a calquera outro fito destacable da contorna. Por iso dende a Comunidade de Montes de San Xulián e o Concello de Marín, ou mesmo dende a Comunidade de Montes e o Concello limítrofes, cando teñan coñecemento deste atentado, deberían expresar a súa repulsa e adoptar algunha medida conxunta para que estes trazos desprezables desaparezan do lugar onde foron marcados. Ignoralos sería un xesto de consentimento inadmisible, para os tempos que corren.
Quen descoñeza a gravidade dos feitos, non ten máis que informarse a través dos libros de Historia ou da propia Wikipedia, para coñecer o significado desta simboloxía recalcitrante: “Arriba España”, lema do franquismo; a esvástica, os números 88, que equivalen á expresión “Heil Hitler”, pola orde que ocupa a letra H no alfabeto latino; o círculo atravesado con dúas liñas horizontal e vertical, que é unha variante da cruz celta e forma parte da iconografía neonazi; e as letras SS do abecedario latino -ou no alfabeto rúnico (xermánico)- aluden á organización político-militar da Alemaña nazi.
É abraiante, cando non patético, que a estas alturas da “vida”, coas posibilidades de educación e formación que ten a sociedade ao seu alcance, siga habendo grupos que profesan esta filosofía violenta e racista. E o peor, que os teñamos tan cerca, que “convivamos” tan preto deles. E nós sen enteirarnos…

Publicado en Denuncias, Imaxes | Etiquetas: Medio ambiente, Monte veciñal
XORNADAS ‘POR UN MEDIO RURAL GALEGO VIVO’: RESUME

ALIANZA POR UN MEDIO RURAL GALEGO VIVO
A NECESIDADE DUNHA ALIANZA A PROL DO NOSO RURAL
A garantía de futuro para o noso rural é ter orgullo del; polo que está nas nosas mans que creamos nel, o dignifiquemos e apostemos por el. A actual crise supón tamén unha oportunidade, porque detrás das dificultades agóchanse as vías para construír alternativas. Temos que tomar medidas antes de que o abandono e as iniciativas neoliberais desfagan o pouco que nos queda do mundo rural, e nesta liña son fundamentais accións sinérxicas encamiñadas á suma de esforzos na defensa do ben común.
Ate o día de hoxe, as políticas europeas de desenvolvemento rural, non foron políticas multisectoriais e onde a función social foi a gran esquecida. Esta filosofía tradúcese nunha perda de coesión económica, social, ambiental e territorial. As axudas derivadas desta política de desenvolvemento rural, baseadas case exclusivamente no concepto de rendabilidade económica, significa que os beneficiados destas non sexan nin os territorios, nin as poboacións que viven no territorio.
O fracaso da política de desenvolvemento rural é o reflexo do fracaso da propia Política Agraria Común (PAC) que ten como máximo expoñente a continua perda de activos agrarios e de poboación rural en toda a Unión Europea (UE). E isto non é de agora, senón que vén sendo unha constante desde que a PAC se orientou seguindo os criterios mercantilistas e neoliberais en todas e cada unha das reformas ás que foi sometida e que se continua na proposta que da nova PAC para o periodo 2014-2020.
O propio documento da Comisión recoñece que a futura PAC será desenvolvida no rescaldo dunha crise económica que afectou seriamente á agricultura ao ligala directamente á evolucións macroeconómicas mais globais que afecta aos custos de produción agrícolas. A maiores admite que os rendementos agrícolas caeran substancialmente no ano 2009, agravando a situación de por si precaria, visto que estes rendementos son significativamente inferiores aos obtidos por outros sectores económicos, e que os rendementos dos habitantes das zonas rurais tamén son inferiores, en cerca preto do 50% aos das zonas non rurais.
Por outra parte a política de desenvolvemento rural do actual goberno da Xunta de Galiza limítase exclusivamente a dinamitar e botar abaixo as bases para acadar un desenvolvemento rural acaído iniciadas na pasada lexislatura e definidas no Programa Leader Galiza 2007-2013. Bases que tiñan como eixos fundamentais a dinamización do sector agro e monte, a política de benestar social e a participación activa do tecido asociativo nos Grupos de Desenvolvemento Rural.
Derivado desta práctica política do Partido Popular, hoxe os Grupos de Desenvolvemento Rural esmorecen. É preciso xa a reivindicación dunha política de desenvolvemento rural dentro dunha política económico-social que defenda os intereses das maiorías sociais da nosa Nación, participada polo tecido asociativo e en beneficio das poboacións que viven, traballan e xestionan o medio rural.
Para acadar esta nova política de desenvolvemento rural, cómpre que as entidades de carácter agrario, sindical, veciñal, ambiental e de outra índole, que desenvolvan as súas actividades maioritariamente no medio rural, concordemos nun proxecto común. O proxecto de acadar un medio rural multifuncional e sustentábel. Un medio rural galego vivo; é dicir, con poboación adicada a diversas actividades e con calidade de vida.
A preocupación polo actual estado do noso rural e as medidas que os actuais gobernos (autonómico, estatal e europeo) están poñendo en marcha neste eido (reforma da PAC, modificacións normativas, freo de proxectos e axudas para o rural, …) fan necesaria unha actuación conxunta. Para artellar unha resposta conxunta ás numerosas agresións que está a padecer o rural galego e facer propostas viábeis e sustentábeis é necesario constituír unha plataforma que o defenda e coordene os esforzos das distintas organizacións e asociacións galegas que estamos a traballar a prol do noso rural.

PRINCIPIOS E OBXECTIVOS
1. Loitar polo logro de un medio rural multifuncional e sustentábel. Un medio rural con poboación, un medio rural vivo.
2. Responder a todo tipo de agresións (lexislativas, normativas, iniciativas, proxectos, …), contra o medio rural.
3. Acadar unha calidade de vida digna para as poboacións que viven no medio rural (emprego, servizos, infraestruturas, …)
4. Formular iniciativas de toda índole que camiñen cara a consecución dun medio rural multifuncional e sustentábel.
5. Reivindicar a presenza do tecido asociativo do medio rural en todas as institucións públicas do territorio.
6. Defender un modelo de sociedade e desenvolvemento máis xusto e solidario.
7. Desenvolver un traballo constante de búsqueda de alternativas e propostas operativas.
8. Promover todo tipo de iniciativas de ámbito social, cultural, ambiental, asociativo, económico e outras que teñan repercusións positivas no desenvolvemento do medio rural.
9. Recoñecemento da titularidade veciñal (ou comunitaria) como unha titularidade máis e distinta das outras dúas que existen (a pública e a privada)
10. Definición de aproveitamentos do monte veciñal, todos aqueles que se dean na súa superficie ou no seu subsolo.
11. Apostar para que a posta en valor do monte veciñal fágase dende os principios da xestión comunitaria dos recursos.
FUNCIONAMENTO INTERNO
Poderán formar parte da Alianza aquelas entidades e organizacións de carácter veciñal, agrario, social, sindical, ambiental e outras que teñan como ámbito de actuación o territorio galego e que sexan de obediencia galega.
Respectar a vida interna e os principios de cada entidade ou organización que forme parte da Alianza
Funcionamento por maioría simple, mais respectando as opinións minoritarias. Permitindo mesmo a discrepancia pública, sempre que sexa explicativa.
O órgano de goberno da Alianza será unha Coordenadora. A persoa portavoz será a persoa Coordenadora Xeral, que será un cargo rotativo de entre todas as entidades ou organizacións que conforman a Alianza.
Na composición da Coordenadora, haberá un equilibrio entre os distintos grupos de organizacións. Así establécese unha distribución das organizacións en tres grandes grupos ou cámaras: veciñal, ambiental e social.
As decisións estratéxicas serán tomadas en asemblea, onde o voto de cada organización estará ponderado pola súa representatividade no grupo ou cámara.

Publicado en Sen clasificar
O PETROGLIFO DE PEDROUZOS, NA PRENSA
Publicado en Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Parroquia de San Xulián, Patrimonio rupestre, Prensa
DESBROCE DA HERBA DA PAMPA

(Abril 2012)
A semana pasada comprobamos que se realizaran traballos de desbroce no terraplén que hai entre a variante de Marín e o recheo efectuado ao pé do Monte Pornedo, onde foi instalado diverso mobiliario para a creación dunha área recreativa que, por desgraza, atópase en estado de abandono. Dende o ano pasado DEFENDE O MONTE PITUCO viña alertando -tanto neste blogue como en escritos dirixidos á Comunidade de Montes de San Xulián e á Xunta- da preocupante proliferación neste espazo da especie invasora denominada herba da Pampa, ou “cortaderia selloana” na súa nomenclatura científica. Intentando identificar os motivos da súa presenza, cabían polo menos dúas posibilidades: que a terra que foi depositada neste lugar xa contiña rizomas desta planta, co cal só foi cuestión de tempo que medrara de xeito incontrolado; ou que fora plantada irresponsablemente con posterioridade ao remate das obras pola facilidade que ten esta especie para botar raíces, multiplicarse e fixar o terreo malia a pendente.
Como se pode comprobar nas imaxes, os traballos consistiron na eliminación dunha parte da maleza (outra parte máis abaixo onde medra broza máis mesta e abundante quedou, de momento, como estaba), incluidos os talos dos numerosos exemplares da herba da Pampa, que foron cortados a rente do chan. Cómpre agradecer a iniciativa que, sen dúbida, contribúe a mellorar un pouco o aspecto deste pequeno recuncho do monte. Lamentablemente, a acción non abonda en absoluto para erradicar esta especie invasora, como nos apuntaron dende a Mancomunidade de Montes de Pontevedra: “Non abonda con cortalas, hai que ARRINCALAS; se non, rebrotan e é coma se non se fixera nada”.
Buscando información sobre os métodos eficaces para a eliminación da herba da Pampa, atopamos na rede un documento de decembro de 2011 da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, pertencente ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. Titúlase “Plan de control y eliminación de especies vegetales invasoras de sistemas dunares (Ref.: 28/5101)” e na páxina 74 adicada a “Experiencias de erradicación de cortaderia selloana (hierba de la Pampa, plumero)” descríbese a metodoloxía a seguir:
Es una de las especies que más problemas de invasión está produciendo en toda la cornisa cantábrica, su peligrosidad se debe en gran parte a su rápido crecimiento, capacidad de rebrote, reproducción vegetativa, y producción de miles de semillas que se dispersan con el viento.
Los métodos más usados para su erradicación son:
* Medios mecánicos:
– Los ejemplares más jóvenes se pueden eliminar fácilmente arrancándolos de modo manual de terrenos sueltos.
– Los ejemplares adultos se deben retirar con maquinaria pesada. Se corta primero la parte aérea con sierra mecánica y posteriormente se arranca la raíz con ayuda de maquinaria pesada. No es una forma de erradicación muy recomendable por el gran deterioro que se produce en el perfil edáfico.
– Como práctica habitual, se debe impedir que los nuevos ejemplares que puedan volver a aparecer no lleguen a florecer y producir una nueva generación de semillas.
* Medios químicos:
– Esta especie responde muy bien a los tratamientos con glifosato, incluso a dosis del 1%. La aplicación más eficaz es antes de que comience la floración y en la parte central de la planta para evitar la afección a otras especies. Si el tratamiento se prolonga al menos en tres campañas anuales sucesivas, se alcanzan tasas de mortalidad en los ejemplares tratados de casi el 100%. Otro producto utilizable es fluaziflop-p-butil.
En todos los casos el material arrancado se debe trasladar a un gestor de residuos autorizado.

O Monte Pornedo dista moito de ser un sistema dunar como o referido nese documento do Ministerio, pero o procedemento para erradicar a herba da Pampa non ha distar moito entre un ecosistema costeiro e outro montañoso. As autoridades están cada vez máis sensibilizadas na necesidade de frear o avance desta especie que, en cada un dos seus plumeiros contén máis de 100.000 sementes que se espallan con moita facilidade. Non só se teme pola densidade da súa estrutura vexetativa, capaz de modificar o hábitat que coloniza e desprazar a flora autóctona preexistente. Tamén se valora que poida tratarse dunha especie pirófita, que contribúe a propagar os incendios e acaparar logo a superficie afectada para seguir extendéndose.
Daquela, cómpre aplicar medidas máis efectivas para acabar coa praga e para evitar que a herba da Pampa dea o salto ao Monte Pornedo e a outras zonas do monte comunal de San Xulián.

Artigo do 27 de abril de 2011: “HERBA DA PAMPA, ESPECIE INVASORA“.

(Abril de 2011)
Publicado en Denuncias, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Flora, Medio ambiente, Monte veciñal
DÍA DO LIBRO
23 de abril, DÍA DO LIBRO


HERDEIROS POLA FORZA: Xurxo Ayán / Manuel Gago (2.0 Editora, 2012)
“Como os carballos e castiñeiros, o libelo Herdeiros pola forza ten tres partes: cerna, sámago e cortiza. A cerna é unha retranqueira crítica historiográfica dos modelos de xestión do patrimonio cultural que se sucederon desde o século XIX. O sámago é unha denuncia expresa da situación actual, na que unha elite de burócratas, técnicos, académicos e intelectuais marxina as comunidades locais e a cidadanía en xeral na xestión de bens patrimoniais públicos. Finalmente, a cortiza é unha alegación esperanzada a prol da participación activa da sociedade civil non só no goce do inmenso referente identitario que é o noso patrimonio cultural, senón tamén un proceso de construcción social do coñecemento sobre o noso pasado. Porque parafraseando a Stèphane Hessel: Herdar é preservar, preservar é resistir“.

CHANDREXA DE QUEIXA, PATRIMONIO CULTURAL: Luís José Míguez Rodríguez (Deputación de Ourense, 2010).
“Para darlle o xusto valor a un determinado patrimonio, calquera que este sexa, é preciso coñecelo, interpretalo e protexer as súas posibilidades. Esta obra ten a pretensión de revelar o patrimonio cultural de Chandrexa de Queixa, de xeito ameno e accesible para cañquera lector que queira descubrir un dos espazos máis fermosos e sorprendentes da provincia de Ourense. Nestas páxinas poderemos descubrir as circunstancias orográficas que marcaron a orixe e modelaron a paisaxe desta zona a través dos distintos tempos xeolóxicos; a súa historia recente e os seus monumentos singulares; o carácter dos seus ríos e as condicións climatolóxicas que dominan o territorio, pero tamén a súa paisaxe vexetal conformada por un conxunto de árbores e plantas que lle dan a súa personalidade a esta serra. Non falta a fauna, coas distintas especies animais que encontramos nesta paraxe e que son fundamentais para interpretar un territorio no que a natureza é a protagonista. Esta información complétase cun breve estudo sobre a demografía e a distribución dos seus habitantes, que manifesta a delicada situación que vive o interior de Galicia. Coñecendo Chandrexa e o seu patrimonio, poñeremos as bases para tratar de non perdelo nunca”.

A ALDEA, CANDO AS NÉBOAS DOS CARREIROS CONTAN HISTORIAS: Xavier Frías Conde (Urco Editora, 2011)
“A aldea e o lugar máxico onde o tempo corre doutro xeito ou, se callar, ás veces nin corre. A aldea deste libro, Vilaboa, é unha aldea medio real e medio máxica das montañas do concello de Allande, na Terra Eo-Navia, baseada na aldea de San Salvador de Balledor. Nela están condensadas lembranzas e desexos que non son revelados a calquera, excepto a quen se achegar con vontade de as entender. Ao fío de dúas historias principais desenvolvidas en Vilaboa, unha serie de historias secundarias son narradas, tecéndose daquela unha arañeira complexa de historias e subhistorias que guían o lector a mundos inesperados, mais sempre partindo da aldea”.

O ORGULLO DO GURGULLO: Calros Solla (Morgante, 2012).
Edición conmemorativa do 25º aniversario da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra.
“Aos amigos da APDR, bo traballo. Ao gorgullo Gonipterus scutellatus, bo proveito”. Dedicatoria do autor.
Papiroflexia sen enrugarse
barquiño de papel
con
temón
monte vivo
e
lema
de ferro

NUNCA MÁIS, A VOZ DA CIDADANÍA: Proxecto dirixido por Xavier Paz e Alba Vázquez Carpentier (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2003)
“O desastre provocado polo afundimento do petroleiro Prestige deu nacemento a un movemento cidadán sen precedentes en Galiza. A través deste libro pretende reflectirse o alcance dunha nova dinámica social que di nunca máis ás mareas negras, pero tamén a un estilo de facer as cousas. Centos de fotografías e documentos de todo tipo son ofrecidos, neste primeiro tomo, como exemplo da rica e imaxinativa resposta que espontánea e auto-organizadamente xurdiu no país galego nos primeiros seis meses desde a catástrofe”.

LA VIDA NOCTURNA DE LOS ÁRBOLES: Bhajju Shyam / Durga Bai / Ram Singh Urveti. Tradución Chema Heras. (Faktoría K de Libros, 2010).
“Distintas visións das árbores, representadas mediante intricados debuxos, enchen as páxinas deste marabilloso libro de arte da tribo Gond, da India Central. Como moradores tradicionais dos bosques, os Gond cren que as árbores son o centro da vida. Durante o día, as árbores realizan un arduo traballo: ocúpanse de darnos sombra, cobixo e alimento. Pero pola noite, cando todos os visitantes diurnos marchan, son os espíritos os que se nos revelan. E son eses espíritos luminosos os que están magnificamente representados en La vida nocturna de los árboles. Premio Novos Horizontes 2008 Boloña”.
Artigo de 2012: 23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO
DÍA DA TERRA
22 de abril, DÍA DA TERRA

“…Hombres, mamíferos a todo correr, reptiles arrastrándose… huyen. Las máquinas, con un ruido infernal, continúan su masacre…”
EN EL BOSQUE DEL PEREZOSO (Ed. Hipòtesi, 2012).

“Todo está verde, a vida éo todo, no bosque do perezoso…”
Cada ano desaparecen no mundo 13 millóns de hectáreas de bosque. Un 90% da deforestación é ilegal. Esta destrucción ameaza a supervivencia de numerosas especies, entre elas, o perezoso de tres dedos. Pero aínda non é tarde de máis para impedir a devastación.
[Tradución ao galego do texto de presentación do álbum “En el bosque del perezoso”, editado por Hipòtesi. Este libro despregable foi impreso con tintas de soxa respectuosas co medio ambiente sobre papel procedente de fontes responsables].
Artigo de 2011: 22 DE ABRIL, NO DÍA DA TERRA
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Cultura, Medio ambiente
DESCUBERTOS NOVOS PETROGLIFOS EN PEDROUZOS, SAN XULIÁN

DEFENDE O MONTE PITUCO quere compartir a boa nova que vén de dar a coñecer a Plataforma Montes do Morrazo: o descubrimento dun novo petroglifo no alto dos Pedrouzos, na parroquia de San Xulián. Arestora, mentres DEFENDE O MONTE PITUCO aplaude o achado e felicita os integrantes deste colectivo por ter contribuido a enriquecer o catálogo do patrimonio arqueolóxico galego, outros deben ter un disgusto bárbaro. Os que non distinguen uns gravados rupestres con miles de anos de antigüidade do que califican como “unhas pedras do 2000”, están maldicindo a súa sorte e lembrándose dos parentes presentes, pasados e futuros dos promotores das accións a prol da defensa do monte.
Esta é a realidade: os montes de San Xulián están infravalorados e, por riba, entidades como a propia comunidade de (des)montes ou a asociación que propón a construcción de dous polígonos industriais no Pornedo, contribúen a devalualo máis, moi inxustamente. Pola contra, feitos como a descuberta destes petroglifos inéditos vén a demostrar que os montes de San Xulián teñen unha importancia histórica que cómpre respectar, difundir e reivindicar. Estamos de noraboa.
COMUNICADO DA PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO:
Nestas últimas semanas membros da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo atoparon un novo petróglifo dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, consistente nun gravado de tres circos concéntricos con apéndice. Este novo petróglifo atopouse dentro da área de protección do xacemento medieval do Castelo Barbudo e está esculpido nunha rocha cunha leve inclinación cara ó Norte a uns 390 metros de altitude sobre o nivel do mar, no cumio do alto dos Pedrouzos, pertencente á parroquia marinense de San Xián.
O lugar, situado por debaixo das Chans de Castiñeiras, posúe unhas amplas e extraordinarias vistas panorámicas do espazo natural dos Montes do Morrazo dende Cotorredondo pasando pola serra de Domego, Monte Formigoso e Monte Faro de Domaio ata o Outeiro da Carballosa. E tamén do fértil e conservado val conformado polos regos da Maceira, de Cachadiñas, Neibó e Loira ao seu paso polas parroquias rurais de Santo Tomé de Piñeiro e Santa María do Campo, co alto de Outeiro de
Campolongo e o monte Cernello á fronte e a ría de Pontevedra de fondo. A zona foi afectada nas últimas décadas polo paso dun tendido eléctrico, plantacións de monocultivo de piñeiros e eucaliptos, pola vaga de lumes do ano 2006 e xa máis recentemente por un incendio forestal no ano 2011.
Os gravados rupestres con forma de circos concéntricos xunto cos laberínticos e as cazoletas, que adoitan estar datados na Idade do Bronce no III milenio a.c., son os máis característicos entre os atopados ata agora no termo municipal do Concello de Marín.
A aparición deste novo petróglifo, moi próximo ao Complexo rupestre de Cadro, que xa foi comunicada á Dirección Xeral de Patrimonio para que proceda á súa catalogación e posterior declaración como BIC (Ben de Interese Cultural), viriase sumar ao rico e variado patrimonio cultural existente por todo o espazo dos Montes do Morrazo:
• Complexo Rupestre do Pornedo, Petróglifos dos Sete Camiños, Conxunto de gravados rupestres de Piñeiral do Caeiro, Complexo Rupestre da Carrasca e Complexo Rupestre de Champás existentes tamén nos montes de San Xián que xunto cos xacementos Mámoa de Chan da Lagoa nº 1 e Mámoa de Chan da Lagoa nº 2, a Mámoa do Catadoiro, a Mámoa de Sete Camiños, Abrigo Rochoso de Catadoiro, Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buratos – Outeiro da Mina , Petróglifo da Cachada do Vello, Petróglifo de Pumariño e Mámoa de Cavada do Pito na limítrofe parroquia de Lourizán forman parte do proxecto de creación do Espazo Natual e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
• As 20 mámoas megalíticas rexistradas en Chan de Castiñeiras, Pedralonga, Chan de Ombra, Chan de Armada, Outeiro de Ombra, Chan de Fonteseca, Chan de Lagucheiras e Chan de Arquiña que forman parte dunha rota de sendeirismo subvencionada con fondos PRODER da UE.
• As 10 áreas arqueolóxicas de petróglifos da Idade do Bronce dos montes de Meira (Pozo Garrido, Os Meáns I, II e III, complexo rupestre de A Escada, Xesteira I e II, muíño lítico de O Vieiro, Pedra Furada, A Borna).
E as mámoas de Outeiro do Aviador e A Fanequeira máis a de Viduido e o asentamento calcolítico da Fontenla na parroquia de Domaio.
Este amplo e variado listado de xacementos arqueolóxicos foi exposto como unha das moitas razóns que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo espuxo na proposta de ampliación da Rede Natura presentada na Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Nesta proposta a plataforma solicitaba a ampliación da Rede
Natura a un novo LIC Montes e Carballeiras do Morrazo, onde se incluíran os espazos naturais dos Montes de Morrazo e da Carballeira de Coiro, catalogados actualmente como solo rústico de protección de espazos naturais dentro do Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia, e que fora ampliable ás áreas naturais dos montes de Lourizán, Outeiro de Campolongo/Monte Cernello, montes de Ardán, montes de Cela, serra da Magdalena e monte Borrallido, montes de Varalonga e montes do Hio como unha sucesión de corredores naturais protexidos ata os LIC de Costa da Vela e Cabo Udra.
Con toda a seguridade este non será o último elemento patrimonial que se descubra nestes montes e na comarca, tal como indicou a plataforma xa en distintas alegacións, dada a grande cantidade de novos achádegos que arqueólog@s e afeccionad@s en xeral á arqueoloxía están a descubrir nos últimos anos, complementando os descubrimentos e catalogacións realizadas con anterioridade ao longo do século pasado.

Publicado en Alertas, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Colectivos sociais, O Morrazo, Patrimonio rupestre
O ‘CADERNO DE CAMPO’ DA SAGA
O novo boletín da Sociedade Antropolóxica Galega SAGA dá conta no seu segundo número deste mes de abril, do éxito de público na presentación do documental “Sete Camiños: Encrucillada do tempo”.
A publicación pódese descargar na seguinte ligazón en formato PDF: “CADERNO DE CAMPO nº2 ABRIL 2012” e tamén no blog “Á sombra de Bouza Panda“.
Publicado en Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: 7Camiños, Colectivos sociais
…RESISTIRÉ!
“Qué boiña é!! Santificala era pouco!! Fai actos altruistas e inmortalízaos cunha fotografía para que todos a alabemos!”.
[Comentario des(cons)tructivo de “OMonte Pituco É Meu” en Facebook]
…Semella que volven á carga especimes do estilo ‘Marín e Futuro’ co seu trío de acólitos amparados por ‘DesMontes’ e ‘Remendos’. Desta volta, sexan estes ou calesquer outros, cortados polo mesmo patrón, fanse chamar dun xeito insultantemente egocéntrico, egoísta e cun afán de protagonismo preocupante: “OMonte Pituco É Meu”.
Nada máis lonxe da realidade, mal que lles pese. O Monte Pituco non é seu, nin deles, senón dos veciños e veciñas da parroquia de San Xulián. E mal que lles pese tamén, hai unha parte desa veciñanza -e da sociedade marinense por extensión- que aposta claramente pola conservación do Pituco, cunha batería de argumentos sólidos e incuestionables que para si quixeran estes partidarios da construcción de un, dous, ou dez polígonos industriais nese Espazo Natural Protexido. Ante a ausencia absoluta de motivos cribles para xustificarse, non dan para máis que pataletas estériles a través das redes sociais, con comentarios de mal gusto -cando non ofensivos- cos que unicamente quedan en evidencia ante a opinión pública, facendo unha lamentable exhibición da súa intolerancia ou, por que non dicilo, do seu infantilismo.
Polo menos, semella que non lle dan tantas patadas ao diccionario como facían os seus predecesores nesta campaña surrealista e kafkiana de acoso e derribo, aínda que o seu dominio da lingua segue deixando bastante que desexar: alabar en castelán, louvar en galego…
A saber se quen se parapeta baixo o alcume fraudulento de “OMonte Pituco É Meu” sabe algo dese feixe de lixo e rastrollos que apareceu no medio e medio do Pornedo en plena tempada de secaextrema e altas temperaturas. Se a este/a que agora se arroga a “propiedade” do Pituco lle molesta que non unha, senón varias persoas, traballaran de balde para retirar eses residuos, non sei a que esperaba “OMonte Pituco É Meu” para anticiparse e ir limpar onde di que é “seu”. Porque no caso de non actuar en consecuencia, igual tería que darlle explicacións ao Seprona pola súa irresponsabilidade.
DEFENDE O MONTE PITUCO non ten nada que demostrarlle a ninguén, e menos á comparsa de “OMonte Pituco É Meu”. As únicas “medallas” de DEFENDE O MONTE PITUCO son ter conseguido, a base de moitas horas de traballo, que as Administracións públicas se estean cuestionando a idoneidade deste espazo para instalar un polígono industrial, polas razóns técnicas, ambientais e patrimoniais evidentísimas que tantas veces se teñen exposto nesta páxina. É un mérito compartido coa Asociación de Veciños de San Xulián, coa comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, coa Plataforma Montes do Morrazo, con Almuinha, con Ronsel, e con outros colectivos de ampla representación que apoian esta causa nobre e xusta.
As pseudo-críticas de “OMonte Pituco É Meu” están cargadas de ironía barata, porque non ofende quen quere, senón quen pode. DEFENDE O PITUCO seguirá actuando coma sempre, fiel á súa liña de comportamento, con absoluta independencia de que dun tempo a esta parte apareceran voces disonantes e teledirixidas que pretendan atacar o noso intenso labor a prol da protección do monte contra os intereses económicos e especulativos que o ameazan. Aínda sendo opinións discrepantes, poderían ser respectables, pero deixaron de selo no momento no que deixaron de enfrontarse á causa e cruzaron a fronteira sagrada das boas formas para acabar agredindo moral e profesionalmente á persoa que sostén esta plataforma.
Quizais no subsolo do Pituco haxa máis petróleo do que poida haber nas profundidades de Vaca Muerta. Tal vez os nosos opoñentes teñan pistas sobre a existencia dalgún dos tesouros das míticas mouras. Acaso o pirata Benito Soto, nos seus bos tempos, viñera agochar debaixo dalgunha pedra o suculento botín dalgún dos seus cruentos saqueos polo mar adiante. Sexa o que for, non se explica a teima -con tintes de xenreira- destes elementos subversivos, que teñen bo traballiño vindo meter os cornos nesta guerra que probablemente non vaia con eles, porque algúns dos arriba aludidos nin sequera son desta parroquia.
Sexa aburrimento ou obsesión, a actitude de “OMonte Pituco É Meu” é digna dunha sesión de psicoanálise.
Publicado en Denuncias, Xeral | Etiquetas: Pensamentos
XORNADAS ‘POR UN MEDIO RURAL GALEGO VIVO’
Este venres día 20 no salón de actos do Concello de Pontevedra e o sábado 21 no local da Comunidade de Montes Rega dos Agros, en Combarro (Poio), vanse celebrar as xornadas “Por un medio rural galego vivo”. Están organizadas pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, a CIG, a Federación Rural Galega FRUGA e o colectivo ecoloxista ADEGA. O obxectivo desta iniciativa é fortalecer as “alianzas sociais en defensa do noso medio rural”.
As sesións están planificadas para abarcar a realidade do medio rural dende diferentes perspectivas e distintos eidos de acción. Farase achegamentos á Política Agraria Comunitaria, ás políticas de emprego do rural, ás políticas ambientais ou á xestión dos montes comunais. Ademais de afondar na situación de Galicia, tamén se poderán coñecer outras experiencias que se están a desenvolver noutras rexións españolas ou na veciña Portugal, abrindo así novos vieiros e perspectivas no desenvolvemento do noso agro.
VENRES 20: Salón de actos do Concello de Pontevedra
-18:30 h: Apertura da mesa de traballo.
Representantes da organización. Alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores.
-19:00 h: Mesa de traballo para a constitución da alianza rural.
-21:00 h: Cea de confraternización
SÁBADO 21: Local social da Comunidade de Montes Rega dos Agros (Combarro, Poio)
-09:30h: Apertura das xornadas
Claudio Quintillán, presidente da Comunidade de Montes Rega dos Agros. Luciano Sobral, alcalde de Poio
-10:00 h: Conferencia inaugural “Políticas de desenvolvemento rural”, con Mar Pérez Fra, da Universidade de Santiago de Compostela.
-11:00 h: Pausa-café
-11:30h: Mesa redonda “Un medio rural multifuncional e sustentable”.
‘A reforma da Política Agraria Común no horizonte 2014-2020’, a cargo de Manuel da Cal Vasques, coordinador da FRUGA
‘A xeración de emprego no medio rural’, por Anxo Pérez Carballo, secretario confederal de Medio Ambiente da CIG
‘A política ambiental necesaria’, a cargo de Xabier Bruña García, vogal de Medio Rural de ADEGA
‘Os montes veciñais en man común: xestión comunitaria dos recursos’, por Xosé Carlos Morgade Martínez, vogal da xunta reitora da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
-13:00 h: Debate
-14:00 h: Xantar
-16:00 h: Mesa redonda “Diversas experiencias de desenvolvemento rural”
‘Os baldíos e o desenvolvemento das áreas comunitarias’, con Amando Carvalho, da Federaçao Nacional de Baldíos de Portugal.
‘Xestión de montes veciñais asturianos’, con Álvaro Gómez Collado, avogado de Futureland Consultores SLP.
‘A custodia agraria como ferramenta de desenvolvemento rural’, con Núria Llabrés, de GOB Menorca.
‘Madeira, transformación e cooperativismo’, con Ramón Martín Salvador, de Duruelo de la Sierra (Soria), experto en cooperativismo.
‘Reconversión dun aproveitamento gandeiro tradicional nun aproveitamento multifuncional e ecolóxico en Vila de Cruces’, con Pilar Vispo, labrega de Camanzo (Vila de Cruces).
-18:00 h: Debate
-19:00 h: Clausura das xornadas e presentación pública da alianza “Por un medio rural galego vivo”, coa participación de:
Virginia Rodríguez Álvare, presidenta de ADEGA; Xesús Seixo Fernández, secretario xeral da CIG; Xurxo Álvarez Pérez, presidente da FRUGA; Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
PROGRAMA EN FORMATO PDF: “POR UN MEDIO RURAL GALEGO VIVO“.
(Inscrición gratuita no enderezo de correo electrónico alianza.rural.galega@gmail.com, indicando nome, apelidos, forma de contacto e se vai asistir ao xantar).
Publicado en Xeral, Xuntanzas | Etiquetas: Colectivos sociais, Monte veciñal
AS QUEIXAS SOBRE A ÁREA DE LECER, NO DIARIO
Esta información publicada no Diario de Pontevedra corresponde co artigo titulado “A ÁREA DE DESCANSO, ETERNA ASIGNATURA PENDENTE“.
Publicado en Denuncias, Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Comunidade de Montes de San Xulián, Prensa
VECIÑ@S DE SAN XULIÁN, QUE NON VOS ENGANEN

Publicado en Alertas, Denuncias, Xeral | Etiquetas: Chan industrial, Colectivos sociais, Monte veciñal, Parroquia de San Xulián
O ESTUDO ‘MADE IN INSTITUTO NOOS’ DA ASOC. VIRXE DOS ‘REMENDOS’
A Casa de Montes de San Xulián vai acoller mañá domingo un acto DESinformativo organizado pola Asociación Virxe dos Remedios, rebautizada neste blog como dos ‘Remendos’. Anuncia esta entidade veciñal que na orde do día da súa asemblea ordinaria anual vaise abordar a construcción dun polígono industrial en terreos do monte comunal da parroquia.
Chama moito a atención que a Asociación Virxe dos Remedios trate un asunto que, a priori, non lle compete “autorizar”, posto que o monte comunal xestiónase dende a Comunidade de Montes -rebautizada neste blog como ‘Desmontes’- Veciñais de San Xulián, non desde a Asociación Virxe dos Remedios. A non ser que, polo mero feito de que na directiva deste colectivo haxa tamén integrantes da xunta rectora da Comunidade de Montes, se poida extrapolar que “tanto monta, monta tanto, Remendos coma Desmontes”. Se así fora, estariamos ante un caso flagrante de indefensión por parte dos comuneiros que non pertenzan -por saúde mental, maiormente- ao colectivo Virxe dos Remedios.
Tamén resulta sorprendente que na directiva da Asociación Virxe dos Remedios haxa veciños que asinaron EN CONTRA da instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo, unha iniciativa que defende contra vento e marea esta entidade, aínda que sen o mínimo rigor informativo. Unha circunstancia tan chamativa pódese interpretar de tres maneiras: a) que haxa directivos que lle fagan honra ao alcume dos Remendos polo seu nulo sentido da ética e da coherencia persoal; b) que a directiva da Asociación Virxe dos Remedios padeza unha fonda división interna; c) que as dúas posibilidades anteriores se dean simultaneamente.
Pero o colmo do surrealismo no que vive a directiva da Asociación Virxe dos Remedios -un surrealismo que lle quere contaxiar de forma incomprensible e inxustificable á súa masa social- é pretender a instalación non de un, senón de dous polígonos industriais entre o Monte Pornedo e os Sete Camiños. Os (ir)responsables deste colectivo veciñal baséanse nun presunto estudo técnico que custou uns cantos centos de euros e que “bendice” a urbanización dunha parte considerable do monte comunal -cuxa xestión, insistimos, NON depende da Asociación Virxe dos Remedios- moi a pesar dos evidentes problemas orográficos que presenta toda a zona afectada.
DEFENDE O MONTE PITUCO manexa non un, senón DOUS estudos técnicos realizados por unha consultoría solvente, especializada en montes e medio ambiente, unha empresa que asesora a comunidades de montes da provincia de Pontevedra. E o dictame destes profesionais é rotundamente NEGATIVO no que respecta á valoración do impacto dun polígono industrial, parque empresarial ou plataforma loxística neste espazo.
O primeiro estudo abarca a parcela que lle propuxera o anterior goberno local bipartito á Xunta de Galicia para a ubicación de chan industrial, e que vén sendo a zona delimitada no proxecto do PXOM. Ademais de ubicarse nun Espazo Natural Protexido polas Normas Provinciais e Subsidiarias de Planeamento ao pertencer aos Montes do Morrazo, resulta que este terreo non cumpre en absoluto a “Guía de Recomendacións Técnicas para el Proyecto Integral de Parques Empresariais en Galicia” elaborada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo:
“Os parques de tipo industrial non se poden localizar razoablemente sobre as zonas moi abruptas, entendendo por estas as que superen o 15% de pendente. O movemento de terras, se non se compensa e se minimiza, xera un sobrecuste na urbanización interna do parque e pode chegar a representar unha afección ao medio non só física, senón natural e de tipo paisaxístico”.

A análise técnica dos diversos planos de pendentes, topográfico e catastral determinou o que DEFENDE O MONTE PITUCO vén recalcando insistentemente nos últimos dous anos e pico:
Máis do 90% da zona afectada ten máis do 15% de pendente.
O 57% da zona afectada (máis do dobre do terreo) ten máis do 35% de pendente (máis do dobre do desnivel recomendado).
Só o 7% do terreo den unha pendente por debaixo do 15%.
…Por non falar tamén da afección aos petroglifos catalogados como Bens de Interese Cultural, ás mámoas e outros vestixios do patrimonio histórico, e por suposto, o risco para o mantemento dos abundantes mananciais naturais que suministran auga para regadío e para consumo doméstico aos habitantes do contorno e que se perderían se houbera detonacións con explosivos no hipotético caso de que prospere o proxecto.
O segundo estudo, fechado en marzo deste ano 2012, corresponde á zona afectada polo proxecto de instalación dunha plataforma loxística contemplada no recente Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia no ámbito territorial dos concellos de Marín e Pontevedra, e que lle afecta a unha parcela de 28 hectáreas entre os montes de Lourizán e de San Xulián, das cales só 9,69 correspóndenlle ao monte comunal desta última parroquia. Neste caso, o informe elaborado pola consultora contratada por DEFENDE O MONTE PITUCO non só se basea en planos de tipo topográfico, catastral e de pendentes, senón que tamén inclúe un plano da cunca visual.
Tendo en conta unicamente a zona afectada por este proxecto de plataforma loxística no monte comunal de San Xulián, máis do 25% do terreo supera o desnivel do 15%. No caso do monte comunal de Lourizán, hai un 23% do terreo que está por riba dese 15% de pendente o 23%. Entre os dous temos que case a metade da área prevista para a ubicación desa plataforma loxística excede a pendente máxima recomendada.

Nas súas conclusións, este segundo informe non só advirte, unha vez máis, da presenza de elementos arqueolóxicos no ámbito de desenvolvemento da plataforma loxística proxectada “que reducen en grande medida a súa superficie, polo que poñen en dúbida a viabilidade económica do desenvolvemento do parque empresarial Marín-Pontevedra”.
Ademais, advirte da “grande visibilidade dende zonas de moita influencia de público”, é dicir, zonas turísticas como os concellos de Poio e Sanxenxo situados na outra beira da ría, ademais dos propios núcleos urbanos de Marín e Pontevedra. En canto á orografía, destaca a existencia de “pendentes elevadas do terreo nun 25% da superficie prevista como parque empresarial”, só na parque que lle afecta a San Xulián. Precisamente, sobre o monte veciñal desta parroquia, o informe tamén conclúe que unha plataforma loxística é “incompatible coas funcións produtivas e a viabilidade económica” do monte. Lembremos a este respecto que destacados membros da Asociación Virxe dos Remedios e da Comunidade de Montes de San Xulián portaron noutrora pancartas co lema “San Xulián en defensa dos nosos montes” cando protestaban porque a Brilat leváballes o monte “pola cara”, dixeron textualmente. E por se fora pouco, este estudo tamén cuestiona a conexión desta hipotética urbanización industrial coas vías de comunicación “ao ter en conta unicamente distancias e non as pendentes que suporían unha grande dificultade, cando non a imposibilidade de conexión directamente coas infraestruturas de ferrocarril e, por encima de todo, unha aberración polo consumo de combustible que xerarían, incompatible coa loita contra o cambio climático”.

Pero que lle pode importar á Asociación Virxe dos Remedios a loita contra o cambio climático, ou a conservación e posta en valor cultural e turístico do patrimonio arqueolóxico, ou a protección dunha especie faunística en perigo de extinción como a saramaganta rabilonga, ou o mantemento dos mananciais que lle dan de beber aos veciños e que regan as súas fincas, se detrás do desmedido e irrefreable afán deste colectivo por instalar non un, senón dous polígonos industriais, só están os intereses económicos dos seus directivos, e dos que tamén participaría -ou non- a directiva da Comunidade de Montes. Que os directivos de ámbalas entidades teñan a ben actuar con transparencia e, á vista das discrepancias máis que razoables que mantén DEFENDE O MONTE PITUCO, aclararen se avalan, comparten ou subscriben as teses de quen fai estas propostas, baseadas en datos de cuestionable rigor.
Nunha noticia publicada recentemente no Diario de Pontevedra, a Asociación Virxe dos Remedios ousaba planificar -con que lexitimidade?- no monte comunal de San Xulián un parque comercial de 66.784 metros cadrados no Monte da Pena. Acaso se lle consultou aos habitantes das vivendas existentes nos lugares de Pena e de Caeiro que tipo de empresas irían parar a ese hipotético polígono, xusto enriba das súas propiedades? Tamén afirma este colectivo que “nunha zona máis alta” se instalaría un polígono industrial de 254.730 metros cadrados. Pero que en ámbolos casos as dimensións serían “orientativas que poderían incrementarse nun futuro ata a capacidade que interese”, como se o monte se puidera estirar coma o chicle, como se non houbera que ter en conta a ubicación de regatos ou elementos patrimoniais, como se hai que invadir o monte veciñal de Lourizán, xa postos.
A Asociación Virxe dos Remedios, acaso baseándose nun estudo de dubidosa solvencia, afirma que “o desnivel existente salvaríase cunha pendente inferior ao 5,5%”. Estes datos para nada poden corresponder ao Monte Pornedo, o Monte da Pena, os Sete Camiños ou como ese colectivo veciñal lle queira chamar á zona afectada polos seus delirantes soños de grandeza.
Clama tamén ao ceo que o voceiro da Asociación Virxe dos Remedios, vencellado por extensión á directiva da Comunidade de Montes, teña a desfachatez de afirmar que o Pornedo e os Sete Camiños son montes “de baixa calidade”, DESPREZANDO o valor natural faunístico e vexetal desta peculiar matogueira, así como a riqueza patrimonial dos vestixios históricos existentes. A quen sosteña tales palabras só cabe pedirlle responsabilidades por ter contribuído, no exercicio das súas funcións á fronte dunha Comunidade de Montes, por acadar esa “baixa calidade” en vez de ter contribuido coa súa xestión a mellorar o monte da parroquia; por dicir “digo” onde antano dixo “diego” cando hai uns poucos meses sostiña unha pancarta na que proclamaba “a defensa dos nosos montes”; só cabe pedirlle a dimisión de calquera cargo vencellado á Comunidade de Montes que contribúe a DESPRESTIXIAR cos seus pronunciamentos, que serían respectables se estiveran apoiados en datos verídicos, mais como non é o caso só merecen crítica e reprobación.
E para colmo de cinismo, demagoxia e burla, dende a Asociación Virxe dos Remedios manifestan a súa preocupación por “preservar o entorno paisaxístico privilexiado” do Monte Pornedo e dos seus aledaños.
Non sabemos -ou máis ben, mellor non saber- de que fontes contaminadas “bebe” a Asociación Virxe dos Remedios para obter informes elaborados a mantenta á medida dos seus escuros intereses. A ver se vai resultar que detrás dese informe seu, de resultado tan sospeitoso, vaia estar o Instituto Noos con toda a súa parafernalia de imputados por delictos do máis granado, e que a cambio dun pastón se adicaba a elaborar estudos fuleros que parecían sacados do “rincón do vago”, dito sexa con ironía.
En definitiva, todo o que a directiva da Asociación Virxe dos Remedios lles poida dicir aos seus socios e socias na asemblea xeral ordinaria a prol da instalación de un, de dous, ou de dez polígonos industriais no Monte Pornedo é unha rotunda falsidade, baseada nun estudo técnico presuntamente fraudulento, e que tal vez se vaia pagar cos recursos económicos dunha colectividade que vai ser literalmente enganada, o que constitúe unha manipulación en toda regra da opinión pública.
DEFENDE O MONTE PITUCO pon a disposición de calquera veciño ou veciña, non só de San Xulián senón do concello de Marín, os seus dous informes técnicos independentes, asinados por profesionais cualificados e colexiados ante os órganos pertinentes. Entre os “números ad hoc” da Asociación Virxe dos Remedios e a sólida base técnica na que se apoia DEFENDE O MONTE PITUCO para rexeitar a urbanización deste espazo, non hai color.
CONSULTAR ARTIGO TITULADO: (DES)MONTES E REMENDOS, do 9 de abril de 2012.
Publicado en Denuncias, Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Chan industrial, Colectivos sociais, Informes técnicos, Parroquia de San Xulián, Prensa
PLENO DE ABRIL: RECORTES DE PRENSA
Publicado en Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Concello de Marín, Política
O PP MANTÉN O PLAN SECTORIAL DE SOLO EMPRESARIAL
Publicado en Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Chan industrial, Política, Prensa, Xunta
DENDE O PITUCO Á SERRA DE SAN MAMEDE

(Nunha terra fermosa, inzada de camiños verdes, entre a beira serpeante do Arnoia e o abrazo neboento da Serra de San Mamede. JGB, in memoriam).
“…Levabamos os cabalos co paso de andadura. El, o criado de Xixín, sabía o sitio. Era unha choupana triste, co solpor dándolle pola parte de tras. Posta a casa no meo dos piñeiros, semellaba un animal derrubado. No cumio, brillaba unha aiga de folla de lata. Relocía a aiga e, de lonxe, viña o fragor do Arnoia escachándose en caneiros e cenzas indecisas. Ningún can latía. O camiño que nos trouxera pasaba arrentes da casopa. Era feito de pedras grandes e antigas, aquel camiño. Pouco antes de chegarmos, o camiño demorárase nun relanzo no que as pedras amosaban carrís labrados por eternidás de carro, e calcamos unha ponte altísima na que os nosos cabalos facían soar ecoares secos, toscos, estreitos, de mil anos…”
Xosé Luís Méndez Ferrín, “Arraianos”.
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Pensamentos
SOLIDARIEDADE CO MONTE PINDO

MARCHA MONTE PINDO: pola declaración de Parque Natural
Sábado 14 de abril ás 12:00 horas
Saída: Área recreativa do Ézaro (Dumbría)
Remate: Praza da Solaina (O Pindo)
Outros datos de interese:
Posto informativo da AMPPN na Praza da Solaina activo desde as 11:00 horas.
Percorrido accesible para todas as idades e condicións físicas (por estrada asfaltada).
Duración aproximada: 32 minutos. Distancia: 2,7 quilómetros.
Servizo de orde propio para garantir o bo transcurso da marcha.
Xantar popular baixo carpa con polbo á feira, churrasco e carne ao caldeiro.
A marcha estará amenizada por grupos de música tradicional.
Convocatoria pertinentemente comunicada á Subdelegación de Goberno.
Máis información: www.montepindo.org

Publicado en Xeral | Etiquetas: Colectivos sociais, Cultura, Medio ambiente
CHUVIA vs. LUME

Timidamente, a choiva parece empezar a facer efectivo o famoso refrán que augura “en abril, augas mil”. Por desgraza, mentres o anticiclón non nos deu tregua, tiveron que arder moitos centos -mesmo milleiros- de hectáreas no pouco que levamos de ano. A Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común volve cargar unha vez máis, tralos lumes que calcinaron unha parte das Fragas do Eume, contra a situación de abandono do medio rural. E critica a falta de compromiso da veciñanza no coidado dun monte ao que se lle dán as costas, que non se valora suficientemente, e cando se “valora” é acaso para tirarlle “diñeiro fácil” a base de consentir a súa destrucción para uns fins que, en absoluto, teñen que ver co concepto de monte “multifuncional e sostible” que esta Organización reivindica. Por riba, as políticas forestais dos últimos anos non contribuíron nada a prestixiar o monte como fonte de ingresos, nin como referente identitario. E así nos loce o pelo. Cómpre, pois, unha nova estratexia que aposte polo monte como motor de desenvolvemento, implicando a todos os ámbitos da sociedade na súa conservación.
Publicado en Hemeroteca | Etiquetas: Monte veciñal, Prensa
A ÁREA DE DESCANSO, ETERNA ASIGNATURA PENDENTE

Hai un ano por estas datas a área de descanso situada a carón da estrada de Figueirido experimentou unha lixeira mellora tralas mínimas tarefas de adecentamento que lle realizaron ante o lamentable estado de abandono no que se atopaba, cunha gran cantidade de lixo acumulada no chan e maleza abundante. A precaria situación deste espazo foi denunciada neste blogue en repetidas ocasións, case tantas como escritos se lle cursaron á Comunidade de Montes de San Xulián, con non moita reacción por parte dos directivos responsables do mantemento deste parque.
Setembro de 2010: NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES
Abril de 2011: A ÁREA DE DESCANSO, DESBROZADA
Esta área de descanso podía ser un pequeno verxel no alto da parroquia de San Xulián, na “porta” de entrada ao Pornedo. Moitas persoas achéganse ata este espazo: paseantes que transitan pola estrada e acceden ao parque para descansar trala andaina, veciños e veciñas da contorna que se reúnen para parrafear nos días solleiros, grupos de rapaces da parroquia de Santa María de Marín que se achegan ata o monte o fin de semana para pasar a mañá xogando, familias que veñen organizar festas de cumpreanos dos seus fillos, propietarios de cans que adestran con eles sobre a herba…

Se toda esta xente accede a este recinto a pesar de que o seu estado é manifestamente mellorable, canta máis xente podía expansionarse se o lugar estivera “presentable”. Porque os defectos, ou desperfectos, son os de sempre: bancos de pedra rotos, unha fonte que perde auga a pesares de que no tempo de preocupante seca que padecemos non se debía consentir que se desperdiciara nin unha soa gota de líquido elemento, lixo que se vai acumulando periodicamente no chan ante a ausencia dun bidón onde depositar plásticos, papeis ou envases, maleza que medra sen control porque ningún responsable da Comunidade de Montes -que debería ser a entidade que velara polo bo estado deste espazo- procede para que se fagan as reparacións ou os traballos de mellora oportunos.
Ten unhas vistas fabulosas sobre a ría e sobre o porto pero non se poden contemplar con tranquilidade porque non hai ningunha barandilla de madeira ou de pedra onde poder debruzarse sen risco de caír polo terraplén. Ten un arborado frondoso que lle proporciona aos usuarios sombra baixo a que poder descansar. Ten suministro de auga que, por falta dun cartel que informe da potabilidade da fonte, non se pode beber con tranquilidade, toda vez que o surtidor é vello, está deteriorado e ten unha pinta do máis antihixiénica.

Cun mínimo investimento que permitira cortar as silvas, os toxos e os fentos que invadiron parte do espazo; cambiar a fonte actual por outra nova e economicamente asequible; repoñer os bancos rotos ou arranxar os que presenten desperfectos para que todo o mobiliario estea en condicións óptimas; podar as árbores e facerlles un tratamento silvícola acorde coas características do espazo; e dotar dun cerre perimetral a todo o parque para que os usuarios -especialmente os que veñen con animais domésticos ou con nenos pequenos- estean máis cómodos, sería abondo para poder “presumir” dun lugar agradable, en contacto coa natureza. E a pesar dos “recheos” de procedencia indefinida que se están facendo xusto por debaixo desta área recreativa, lindando co trazado da variante. En que asemblea da Comunidade de Montes se ten tratado a autorización para que uns camións vaian botar terra aí, creando un montículo artificial do que se descoñece en que condicións de seguridade se fai esa obra? (É unha pregunta retórica).
…Porque non todo vai ser a barra da taberna, ou o amago de terraza anexa, ou os catro columpios que hai cruzando a estrada, ou os maquinillos electrónicos -dardos, futbolín e chilindradas semellantes- que hai na Casa de “Cultura”. Porque a Comunidade de Montes ten responsabilidades que están máis aló das paredes dese edificio. Se no seu día se habilitou un espazo como área recreativa, a obriga de calquera directiva -sexa anterior, actual ou futura- é velar polo seu coidado, que redunda na boa imaxe da parroquia. Non é recibo que tanto este recinto a carón da estrada de Figueirido, como o construido no Monte Pornedo, estean de calquera maneira, pasto do vandalismo e no máis absoluto abandono.

Publicado en Denuncias, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Comunidade de Montes de San Xulián, Monte veciñal
40.000 VISITAS… MOITAS GRAZAS!

PEDRAS
“Pasos pequenos.
Soar de luz.
Música transparente.
Sílabas que din os carros.
Herbiñas”.
(Miguel González Garcés)
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Pensamentos
STOP VERQUIDOS NO PITUCO

…Non se trataba de dar ningunha lección de civismo, nin de activismo ambiental, nin tan sequera de bo gusto fronte á chapuza allea. Simplemente, había un feixe de cosco nun espazo natural, depositado exactamente “alí” por alguén que pretendía provocar a un humilde colectivo veciñal que fai o que pode, sexa moito ou sexa pouco, pola defensa dese contorno fronte a uns intereses especulativos e pola conservación do valioso patrimonio que outros desprezan nun xesto evidente de ignorancia.

Unhas luvas, un par de pás, uns sacos de tea e un pouco de esforzo físico abondaron para que o Alto do Pornedo recuperara o decoro. Foi un pracer. O monte meréceo porque dános moito máis do que outros perciben na súa lamentable e vergoñenta estreitez de miras.

STOP verquidos
#MontePitucoCALIDADE!
Publicado en Denuncias, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Monte veciñal, Veciñ@s
SOBRE O DOSSIER PARA ANA PASTOR, NO DIARIO
Con motivo da visita de Ana Pastor a Pontevedra, DEFENDE O MONTE PITUCO entregoulle un dossier explicando as problemáticas deste espazo ante a pretensión de instalarlle un polígono industrial ou plataforma loxística. Contámolo na seguinte ligazón:
Publicado en Accións, Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Chan industrial, Ministerio de Fomento, Prensa
NON QUEREMOS ‘FRAGUAS’

Este fin de semana levamos a desagradable “sorpresa” de que un porco/a, desaprensivo/a e provocador/a, foi chimpar un feixe de cosco ao medio e medio do Alto do Pornedo, preto dos petroglifos catalogados. Restos de canas, pólas de eucalipto, hedras, anacos de madeira, terra… Limparon a broza dunha finca e tomaron a “molestia” de levar o paquete envelenado a un espazo que, con moito esforzo, nos afanamos en defender das agresións ambientais. Outros teñen o “detalle” de bascular o lixo nunha cuneta, no recodo dun camiño, nun terraplén. Neste caso o mal foi feito a mantenta, co agravante de que os restos vexetais son agora un perigoso combustible para que calquera canalla veña prender un misto e montar un cristo.
Tralo lamentable desastre nas Fragas do Eume, NON queremos “FRAGUAS” no Pornedo.
(PD: O cacho de canaleta metálica que había entre a maleza xa está a bo recaudo no contenedor apropiado. Xa estamos en proceso de retiralo todo e deixar a zona limpa).
Publicado en Denuncias, Imaxes | Etiquetas: Medio ambiente, Monte veciñal
TOD@S CONTRA OS LUMES (PERO MELLOR SEN BANDEIRAS)

Marchamos da concentración celebrada na praza da Ferrería de Pontevedra cunha sensación de decepción. Habería unhas 200 e pico persoas tan só, cando sería desexable unha resposta moito maior, tendo en conta que a contorna de Pontevedra foi moi castigada polos lumes daquel arrepiante verán de 2006.
A proliferación de bandeiras do Bloque causou malestar nun sector do público que asistía á mobilización, algúns deles vencellados ao colectivo 15-M, que berraron para que se baixaran os emblemas políticos, aínda que sen resposta por parte dos aludidos. Entre os cargos da agrupación nacionalista, o alcalde e varios concelleiros de Pontevedra, o deputado Bieito Lobeira e tamén, ao lonxe, o edil marinense Xosé María Vilaboa.
E así foi que nas fotos fora imposible obter unha panorámica xeral da concentración sen a presenza das bandeiras -moi respectables, todo sexa dito- coa franxa azul e a estrela vermella. Ata o punto de que os representantes da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, que portaban unha pancarta co logo da asociación, tiveron que cambiar varias veces de sitio para que a súa participación na protesta non fora malinterpretada en clave política. E nin con esas, segundo un dos responsables do colectivo ecoloxista, conseguían separarse dos emblemas nacionalistas, que en todo momento estaban arredor do persoal da APDR.
O certo é que as convocatorias que se estenderon por correo electrónico e a través das redes sociais non aludían a ningunha sigla partidista: “Concentracións contra a queima do país” ou “Concentración polas Fragas do Eume” foron os lemas dalgunhas desas mensaxes ventureiras. Non sería de todo descabellado pensar que houbera persoas que, independentemente da súa ideoloxía política, e especialmente se non foran pro-nacionalistas, deran media volta ao chegar á Ferrería e ver o percal. Para as eleccións autonómicas aínda falta un ano e tempo terán os partidos para rifar os votos da poboación; o de hoxe pasaba por ser unha expresión de solidariedade cidadá cun espazo natural violentamente agredido, un clamor contra os pirómanos e os terroristas ambientais, e un xesto de cara ao Goberno para que se tomen medidas urxentes para reparar os danos, con ou sen reproches sobre o nivel de resposta e a información transmitida por parte da Administración autonómica sobre o desastre.
Durante a concentración distribuíronse carteis pedindo a dimisión da Xunta, calificando de “incomPPetente” a xestión desta crise e rescatando o lema do “Nunca Máis” en clave forestal. Carteis sen siglas políticas; quen estivera de acordo podía coller un ou varios, o mesmo que non exhibilos no caso de quen non compartira as consignas. Entre o público había representantes de Revira, e tamén do Colectivo Nacionalista de Marín, cun cartel no que a fotografía de Núñez Feijóo se rotulaba co adxectivo “culpábel”; pero a presenza do CN non era en absoluto cargante senon testemuñal e activa no exercicio lexítimo da libre expresión. Foi a pouca discreción do Bloque, e o exceso de marketing que o aparato do partido soe exhibir neste tipo de convocatorias públicas, os que motivaron unhas protestas que, realmente, nin tiveron moito eco nin acabaron callando.
Pero esta anécdota en Pontevedra non foi a única. Curioseando nas redes sociais, atopamos comentarios de asistentes ás concentracións noutras cidades. Velaquí algúns testemuños:
“Estivemos na convocatoria celebrada en Pontedeume e a sensación que temos é o DESALENTO. Falta de organización raiana co surrealismo, onde non se vía nin escoitaba aos oradores, e por riba, con bandeiras e cánticos dun partido político empeñado en monopolizar xunto con varias asociacións satélite o descontento popular para transformalo en simples votos. Que país… Máis traxedia!”
“Penso que a quen me coñece non lle teño que explicar o meu nivel de independentismo galego, (e a quen non que pregunte se quere), pero sentíndoo moito, e recén volto da concentración de Santiago, pola miña parte non penso voltar a outra mentras os arrastrados de certo partido, ó que cada vez estou máis arrepentido de ter votado en varias ocasións, (até que gobernaron e por desgracia vin qué clase de xente se agochaba dentro, pero esa é outra historia…), enfíen as súas bandeiriñas no lado escuro da forza ou as deixen para os seus actos. Non permito que se me saque na fotiño para que ningún partido, (nen sindicato; os que alí estiveron saben por quen vai), se autoerixa protagonista da xuntanza e saque réditos electorais. Para rematar quero decir que me pareceu dignísimo o papel de X. Manuel Beiras e de Martiño Noriega, que asistiron manténdose nun 2º plano e acudindo a título meramente personal, e non coma outros… Xa me fode ter que lle dar a razón ós de Libertad Digital, pero o que vin hoxe foi exactamente o que din, que “la izquierda gallega”, (que iso de esquerda non o acabo de ter claro, pero bueno…), quiere hacerle a Feijóo, (para os amigos, “el Habichuela”), su propio Prestige… hoxe sentín vergoña allea; hai quen é capaz de meter o fuciño onde sexa con tal de arrañar un voto, (iso pensan, o cal fala bastante mal da idea que deben ter do seu votante medio), e o que consiguen é que a xente que vai ÚNICA E EXCLUSIVAMENTE por apoiar a causa das Fragas do Eume, dea media volta e lisque, con moita razón”.
“Qué tal las concentraciones en otras ciudades? Por lo menos lo que leo por aquí de Pontedeume muy bien, no? Gente con ganas de hacer cosas… Yo al final me pasé brevemente por la de Ferrol, pero escuchando tanto politiqueo no me quedaron ganas de quedarme, valga la redundancia… pasé un par de veces y en ningín momento escuché hablar sobre las Fragas… una pena…”
“Menudo éxito caótico en Pontedeume, moita xente, imposible enterarse do que se falaba … Interesante como se rexeitou a algúns que pretendían facer campaña alí, esperanzador…. O pouco que logrei escoitar que me gustou foi que hai que axudar os veciños e tratar de facer algo antes de que chova; non sería mala idea…. pero precisamos organización, apuntareime os voluntarios, iso si…”
Entre os asistentes á concentración celebrada en Pontevedra atopábase un representante da Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, Carlos Morgade, que amosaba a súa fonda preocupación polos efectos negativos desta seca tan prolongada no crecemento deficiente da vexetación. Moita atención ás súas interesantes observacións do que pode pasar se non mudan as tornas:
“Agora mesmo ESTÁ TODO MOI SECO, está empezando a brotar, pensamos que VAI BROTAR MAL. Se non vén a chover non vai brotar ben e O FENTO VAI SECAR IGUAL QUE PASOU NO 2006, se ademais segue este VENTO DO NORTE, aínda que non veña moi forte. INCLUSO NAS ZONAS LIMPAS, por exemplo, en Pontevedra a maior parte das comunidades polo Plan Monte Vivo teñen o monte acabado de limpar de hai uns meses, vaille saír o fento, vai SECAR PREMATURAMENTE e imos ter unha situación parecida ao do 2006 como non chova. Estamos pensando que ÍMOLAS PASAR MORADAS. Como estes dous meses que quedan de primavera non chova, en canto se poña unha situación o Norte, O VERÁN PODE SER BESTIAL”.
Nesta xornada a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra emitiu un comunicado de condena polo desastre ecolóxico que lle afectou ás Fragas do Eume.
“Para a APDR, que entende que estamos diante dun dos maiores desastres ecolóxicos dos últimos tempos na Galiza, dun desastre que terá ademais enormes consecuencias socioeconómicas para a zona, a situación require dunha análise fonda, que vaia máis alá da simple busca da man executora destas queimas, e que -desde logo- poña en cuestión o modelo forestal promovido desde o goberno galego e mesmo a política referente á conservación de espazos naturais de interese ecolóxico. Que analice en profundidade a política autonómica en materia de prevención e extinción de incendios e mesmo a responsabilidade do goberno galego á hora da extinción do lume forestal que hoxe nos ocupa, pois, con seguridade, a falta de preocupación e inversións na política de prevención, na limpeza dos nosos montes e bosques, e a importante redución de medios económicos e humanos nos servizos de extinción están detrás das enormes dimensións adquiridas por estes lumes forestais.
Neste sentido, esixe a apertura dunha fonda investigación que permita non só coñecer quen poden estar detrás destas queimas forestais, quen puideron provocar o lume, senón tamén quen poden tirar proveito dunha situación como esta. E son moitos os aspectos sinalados desde distintas instancias, téndose citado xa desde o descontento veciñal polo xeito de xestión dos espazos naturais protexidos ata a existencia de distintos sectores empresariais que verían na destrución da zona, unha posibilidade para o desenvolvemento dos seus intereses económicos”.
Por último, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), amosábase moi crítica coa política forestal da Xunta:
“A cidadanía merece que a Administración resposte a estas cuestións chaves:
-Quen recurtou en 20 millóns de € os orzamentos para prevención e 2 millóns de € para extinción?
-Quen promove unha Lei de Montes que reduce as faixas de protección, o tempo para aproveitar os terreos queimados e permite masas monoespecíficas (eucaliptos, por exemplo) de máis de 50 ha continuas?
-Quen reduciu significativamente e precarizou os operativos de loita contra o lume, eliminou o Voluntariado do Monte, suspendeu as BIIF (Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais), desactivou as UXFOR e abríu a porta á especulación do monte coas SOFOR?”
Xunto con ADEGA, tamén a Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia fixeron unha declaración pública ante a gravidade da situación:
“Dende ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia queremos amosar a nosa solidaridade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos incendios declarados durante a fin de semana e que afectan ao Parque Natural das Fragas do Eume e á zona de Anca. Así mesmo envíamos o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nas labores de extinción. Sumadas unhas circunstancias meteorolóxicas desfavorables, o lume que afecta as Fragas do Eume é a consecuencia directa dunha política forestal baseada na falta de planificación e xestión forestal, así como o fomento de plantacións con especies que favorecen os incendios.
Segundo a información proporcionada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, ata as 14 h. de hoxe víronse afectadas 750 hectáreas do Parque Natural. Nesta mesma información tamén se falaba de 100 hectáreas na zona de Cabalar (A Capela), pero cremos que se trata dunha información errada xa que outro dos incendios de grandes dimensións que están a asolar a comarca produciuse na zona de Anca-As Louseiras. Varias persoas integrantes destes colectivos comprobaron que houbo un conato de incendio no lugar de Cabalar, pero sen a gravidade que lle atribúe a Xunta de Galiza.
Entre os datos que fomos coñecendo, os técnicos sinalan ata tres focos causantes do incendio que afecta ás Fragas do Eume, é dicir, trataríase dun lume intencionado que coincide no tempo e no espazo co incendio en As Louseiras e co conato de Cabalar, o que buscaría causar o maior dando posible a espazos naturais de grande importancia ecolóxica como son as fragas do río Eume e do río Belelle. A Xunta de Galiza está obrigada a poñer todos os medios e persoal necesarios para deter aquelas persoas que provoquen os incendios, pero tamén é necesario que a sociedade galega rexeite as actividades incendiarias e modifique a “cultura do lume” instaurada nas prácticas agrícolas.
No caso do parque natural, o incendio está a afectar zonas de Reserva Natural, e de maior interese ecolóxico, zonas de fragas, zona de repoboacións con especies alóctonas e zonas de mato e pasteiros.
Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio, as condicións climatolóxicas de vento e escaseza de humidade, ADEGA, SGHN e Verdegaia queremos salientar que as dimensións deste incendio non poden entenderse se non é tendo en conta outros factores referentes as políticas ambientais da Xunta de Galiza:
– A declaración como Parque Natural no ano 1997 non foi suficiente para que se tomaran as medidas necesarias que garantiran a súa conservación. A día de hoxe non conta co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, o que favorceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas. Un exemplo o temos nos terreos afectos polo incendio: unha das zonas calificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirias, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.
– A Xunta primou en Galiza o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención, feito que non supuxo reducir o número de conatos e incendios. As Fragas do Eume, como veñen manifestando tempo atrás técnicos da propia administración, presentan zonas prácticamente inaccesibles debido ao abandono dos montes. Cando as circunstancias climatolóxicas son moi desfavorables, coma acontece actualmente, eses medios de extinción atopan grandes dificultades á hora de loitar contra os lumes. Se a isto sumamos que nos últimos tempos os brigadistas critican a precariedade laboral e a falta de medios coa que traballan, ademáis da aposta da Xunta por reducir o persoal encargado do cuidado dos espazos naturais, atopamos unha situación de grave perigo que ameaza aos nosos montes e que nos últimos meses está a castigar duramente moitos dos nosos espazos protexidos: LIC Macizo Central, ZEPA A Limia, Reserva da Biosfera de Allariz, LIC Ancares-Courel, etc. No caso das Fragas do Eume, o chamado da Xunta de Galiza ao exército pon de manifesto a incapacidade de afrontar unha circunstancia previsible de diferentes incendios cos medios e persoal existentes.
– Queremos facer un chamado de atención sobre o réxime hídrico do río Eume, moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes. Descoñecemos, debido á falta de información proporcionada por Augas de Galiza, se o proceso de enchido está a cumprir co obrigado caudal ecolóxico nun momento de seca como o actual. O menor caudal do río Eume podería estar a reducir a evapotranspiración, contribuíndo a unha menor humidade no ambiente e a un maior risco de incendio en espazos que, como as fragas, soen verse pouco afectadas polos lumes grazas ao seu elevado nivel de humidade.
Perante a gravidade dos acontecementos, os colectivos asinantes esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume como primeiro paso para elaborar un plano a través do cal se avalíen os danos sufridos e se establezan as medidas de restauración dos espazos e a dotación económica axeitada. Do mesmo xeito, consideramos imprescindible a convocatoria do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente”.
Publicado en Denuncias, Imaxes, Xeral, Xuntanzas | Etiquetas: Colectivos sociais, Concello de Pontevedra, Fauna, Medio ambiente
ARDEN AS FRAGAS DO EUME
SOLIDARIEDADE coas FRAGAS do EUME.
E con todos os MONTES afectados pola LACRA vergoñenta dos INCENDIOS.


Ergo a miña protesta contra o lume,
dimito a miña voz na madrugada,
desterro o meu cantar, doume aos camiños.
Un arbre son, nacido diante un río
que pasa sin lecer e nunca é o mesmo.
Nacín cos brazos ceibes. Hoxe levo
o corazón atado a negras cordas
de tebras e xenreiras.
(Fragmento de «Carta a papá do ceo» de Celso Emilio Ferreiro, “Viaxe ao país dos ananos”, 1968).
Publicado en Denuncias, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Medio ambiente
A HORA DO PLANETA

SE ÀS VEZES DIGO QUE AS FLORES SORRIEM
Se às vezes digo que as flores sorriem
E se eu disser que os rios cantam,
Não é porque eu julgue que há sorrisos nas flores
E cantos no correr dos rios…
É porque assim faço mais sentir aos homens falsos
A existência verdadeiramente real das flores e dos rios.
Porque escrevo para eles me lerem sacrifico-me às vezes
À sua estupidez de sentidos…
Não concordo comigo mas absolvo-me,
Porque só sou essa cousa séria, um intérprete da Natureza,
Porque há homens que não percebem a sua linguagem,
Por ela não ser linguagem nenhuma.
Alberto Caeiro, de “O Guardador de Rebanhos” (1914)
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Medio ambiente
ANA PASTOR RECIBE UN DOSSIER DO MONTE PORNEDO

Hai unha semana a ministra de Fomento, Ana Pastor, facía a súa primeira visita oficial a Pontevedra -tanto á Deputación Provincial como ao Concello- dende o seu nomeamento. Entre os asuntos que tratou tanto con Rafael Louzán e os alcaldes do PP na bisbarra, como con Miguel Fernández Lores e os voceiros municipais, estivo o proxecto de creación dunha plataforma loxística asociada ao porto de Marín.
O alcalde de Pontevedra referíase á idea nestes termos:
Falamos un pouco por riba da necesidade do porto de Marín de ter unha alternativa de porto seco ou plataforma loxística que nos dea solucíón aos problemas do porto e teña visión de futuro de cara a que o porto de Marín teña cada vez máis peso no transporte de mercadorías. Aí intervén tamén o conselleiro, a ministra tamén ten algunha relación como responsable do Ministerio de Fomento e de Portos do Estado. Eso está un pouco verde, pero en todo caso nós transmitímoslle a necesidade e en todo caso a aposta de Pontevedra pola alternativa en Leborei que nos parece a máis axeitada para dar solución a ese tema tanto para o porto de Marín como para o de Vilagarcía.
Pola súa parte, Ana Pastor ofrecía máis explicacións sobre a iniciativa:
La plataforma logística es muy importante. Nosotros en las Redes Transeuropeas hemos incluido la plataforma de Pontevedra, que no estaba incluida en la red global, porque entendemos que Pontevedra y su área de influencia especialmente porque tiene un puerto que se quiere potenciar logicamente, es muy importante que haya una plataforma. Tendrá que haber acuerdo entre las Administraciones porque es la Xunta de Galicia quien va planificando, pero las otras Administraciones tenemos que colaborar. Que sea una plataforma nodal europea significa que podrá haber financiación en su momento, financiación europea que no llega para todo ni muchísimo menos, pero que esté en el mapa, si se me permite, que Pontevedra en este aspecto esté colocada en el mapa.
Ante a falta de concreción, de prazos e orzamentos, Fernández Lores volvía valorar ao día seguinte as palabras da ministra de Fomento:
A plataforma loxística que está metida aí é para o 2050. É dicir, que temos unha plataforma loxística metida nun mapa da unión Europea para cuando esteamos todos mortos. Xusto para cando se acabe de pagar a autoestrada, daquela os que estamos en política activa… De verdade que son brindes ao sol.
Independentemente de brindes ao sol, croquis ou quimeras, DEFENDE O MONTE PITUCO tivo a valiosa oportunidade de entregarlle a Ana Pastor un pequeno dossier expoñendo cando menos 10 motivos para rexeitar a instalación dunha plataforma loxística no ámbito do Monte Pornedo, tal e como contempla a Xunta no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. Aínda que non sexa da súa competencia a ubicación desta infraestrutura complementaria ao porto de Marín, non dubidamos da influencia da ministra de Fomento -tanto pola súa relación coa alcaldesa de Marín, como co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e máis aínda co presidente da Autoridade Portuaria de Marín- para que se desbote definitivamente o Monte Pornedo, atendendo a razóns incuestionables: a orografía escarpada da zona, o impacto paisaxístico, a afección aos bens patrimoniais e naturais. Agardamos de Ana Pastor a sensibilidade e o sentido común para que non se acabe levando a cabo unha obra que destruiría de forma irreversible a fachada da ría de Pontevedra.
Publicado en Accións, Xeral | Etiquetas: Chan industrial, Ministerio de Fomento, Porto de Marín
O MONTE, EN FOLGA

Fentos, miñatos, toxos, saramagantas rabilongas, castiñeiros, petroglifos, cabalos, bolboretas, mananciais… o monte, en FOLGA.
(Tamén houbo folga botánica e de toda clase de bichería na folga anterior, en setembro de 2010: MONTE EN FOLGA).
E OS PETROGLIFOS DO PORNEDO, E AS MÁMOAS.. QUE?
“Dende o BNG observamos a pouca preocupación do Goberno do PP polo patrimonio rupestre do noso municipio”.
Hai que ter un rostro máis duro que o cemento armado para despacharse tan a gusto con frases deste calado, sito sexa sen ánimo de gabar nin xustificar a política do actual Goberno municipal en materia de protección e conservación do patrimonio. Como se o BNG de Marín puidera arrogarse o título de defensor a ultranza do legado histórico que chegou aos nosos días dende millóns de anos atrás. Quen, durante a anterior lexislatura, á fronte das concellerías de Urbanismo, de Medio Ambiente, e de Cultura, apoiou en primeira liña a instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo, onde se atopan Bens de Interese Cultural tan prezados como os petroglifos de Pornedo e Sete Camiños, e que tamén lle afecta á mámoa de Chan de Lagoa e outros elementos de interese etnográfico?
ARTIGO TITULADO “SOBRE O CHAN INDUSTRIAL”
ARTIGO TITULADO “MURADAS E OS INXENUOS DO QUINTO PINTO-PLENO DECEMBRO 2009” NO BLOG BREASEIXO
Quen abogou pola desafección do Monte Pornedo para que se desligara da súa lexítima pertenza aos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural Protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra?
ARTIGO TITULADO “SOBRE A MEMORIA AMBIENTAL DO PXOM”
Quen lle negou o apoio institucional ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e, sen embargo, logo tiña a desfachatez de participar nas andainas reivindicativas que se organizaban para dar a coñecer esta contorna?
ARTIGO TITULADO “PASOS VS. RODAS”
“Agardamos que todos os esforzos realizados polo Goberno anterior para poñer en valor o noso patrimonio rupestre (centro de acollida dos petroglifos e consolidación do castro da Subidá) non se bloqueen por parte do Goberno actual”.
Quizais o BNG de Marín considere que hai patrimonio de primeira e de segunda categorías, que só o patrimonio que o BNG de Marín defende mediante as súas mocións e iniciativas é merecedor de protección e de conservación. Con que criterio? En absoluto cun criterio profesional, senón dende a máis absoluta arbitrariedade, e por que non, ignorancia. Sete arqueólogos avalan o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, o que supón recoñecer a extraordinaria importancia dos petroglifos, das mámoas e dos elementos que conforman este territorio, no que se atopa a maior concentración de patrimonio arqueolóxico da bisbarra.
A actitude do BNG de Marín, por tanto, evidencia unha clarísima discriminación con respecto aos elementos que, como os gravados rupestres de Pornedo, Sete Camiños ou Pinal de Caeiro, son máis descoñecidos, pero non por iso menos valiosos. A súa situación é precaria, como así se lle informou á concelleira de Cultura de Marín, Beatriz Rodríguez, nunha recente xuntanza.
Cómpre desbrozar o entorno no que se atopan para evitar que un posible lume forestal os poida destruir; cómpre deseñar, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio, unha intervención arqueolóxica para restauralos e despexalos de terra, unha acción que mesmo podería devir en novas descubertas; cómpre artellar estratexias de promoción e implicación da sociedade na promoción destes bens, comezando pola Comunidade de Montes, que descoñece o enorme potencial destes gravados rupestres.
Noutras comunidades de montes máis avanzadas o patrimonio arqueolóxico e natural é un dos eixes de desenvolvemento, entendendo o monte dende un punto de vista multifuncional. Na medida en que dende a Comunidade de Montes de San Xulián desprezan -igual que despreza o BNG de Marín- este material histórico inscrito nas “pedras” -petroglifos do 2000, dinlle, tan torpemente- queda moito, moito, que avanzar na correcta consideración destes elementos.
Por suposto, tamén dende instancias políticas e partidistas, para que cese este trato desigual, este favoritismo que o BNG de Marín vén de plasmar cunha moción tan sesgada, a prol do castro da Subidá e dos petroglifos de Mogor -coa súa carísima edificación anexa-, e ignorando por completo o patrimonio arqueolóxico de San Xulián, que precisa tanta ou máis atención para sacalo do abandono e recoñecerlle a importancia que lle corresponde, xustamente na parroquia -San Xián dos Ancourados- na que se fraguou o primitivo Marín.
Publicado en Denuncias, Hemeroteca, Xeral | Etiquetas: Patrimonio rupestre, Política, Prensa

























Comentarios recentes