Publicado por: MontePituco | 09/04/2012

A ÁREA DE DESCANSO, ETERNA ASIGNATURA PENDENTE

Hai un ano por estas datas a área de descanso situada a carón da estrada de Figueirido experimentou unha lixeira mellora tralas mínimas tarefas de adecentamento que lle realizaron ante o lamentable estado de abandono no que se atopaba, cunha gran cantidade de lixo acumulada no chan e maleza abundante. A precaria situación deste espazo foi denunciada neste blogue en repetidas ocasións, case tantas como escritos se lle cursaron á Comunidade de Montes de San Xulián, con non moita reacción por parte dos directivos responsables do mantemento deste parque.

Setembro de 2010: NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES

Abril de 2011: A ÁREA DE DESCANSO, DESBROZADA

Esta área de descanso podía ser un pequeno verxel no alto da parroquia de San Xulián, na “porta” de entrada ao Pornedo. Moitas persoas achéganse ata este espazo: paseantes que transitan pola estrada e acceden ao parque para descansar trala andaina, veciños e veciñas da contorna que se reúnen para parrafear nos días solleiros, grupos de rapaces da parroquia de Santa María de Marín que se achegan ata o monte o fin de semana para pasar a mañá xogando, familias que veñen organizar festas de cumpreanos dos seus fillos, propietarios de cans que adestran con eles sobre a herba…

Se toda esta xente accede a este recinto a pesar de que o seu estado é manifestamente mellorable, canta máis xente podía expansionarse se o lugar estivera “presentable”. Porque os defectos, ou desperfectos, son os de sempre: bancos de pedra rotos, unha fonte que perde auga a pesares de que no tempo de preocupante seca que padecemos non se debía consentir que se desperdiciara nin unha soa gota de líquido elemento, lixo que se vai acumulando periodicamente no chan ante a ausencia dun bidón onde depositar plásticos, papeis ou envases, maleza que medra sen control porque ningún responsable da Comunidade de Montes -que debería ser a entidade que velara polo bo estado deste espazo- procede para que se fagan as reparacións ou os traballos de mellora oportunos.

Ten unhas vistas fabulosas sobre a ría e sobre o porto pero non se poden contemplar con tranquilidade porque non hai ningunha barandilla de madeira ou de pedra onde poder debruzarse sen risco de caír polo terraplén. Ten un arborado frondoso que lle proporciona aos usuarios sombra baixo a que poder descansar. Ten suministro de auga que, por falta dun cartel que informe da potabilidade da fonte, non se pode beber con tranquilidade, toda vez que o surtidor é vello, está deteriorado e ten unha pinta do máis antihixiénica.

Cun mínimo investimento que permitira cortar as silvas, os toxos e os fentos que invadiron parte do espazo; cambiar a fonte actual por outra nova e economicamente asequible; repoñer os bancos rotos ou arranxar os que presenten desperfectos para que todo o mobiliario estea en condicións óptimas; podar as árbores e facerlles un tratamento silvícola acorde coas características do espazo; e dotar dun cerre perimetral a todo o parque para que os usuarios -especialmente os que veñen con animais domésticos ou con nenos pequenos- estean máis cómodos, sería abondo para poder “presumir” dun lugar agradable, en contacto coa natureza. E a pesar dos “recheos” de procedencia indefinida que se están facendo xusto por debaixo desta área recreativa, lindando co trazado da variante. En que asemblea da Comunidade de Montes se ten tratado a autorización para que uns camións vaian botar terra aí, creando un montículo artificial do que se descoñece en que condicións de seguridade se fai esa obra? (É unha pregunta retórica).

…Porque non todo vai ser a barra da taberna, ou o amago de terraza anexa, ou os catro columpios que hai cruzando a estrada, ou os maquinillos electrónicos -dardos, futbolín e chilindradas semellantes- que hai na Casa de “Cultura”. Porque a Comunidade de Montes ten responsabilidades que están máis aló das paredes dese edificio. Se no seu día se habilitou un espazo como área recreativa, a obriga de calquera directiva -sexa anterior, actual ou futura- é velar polo seu coidado, que redunda na boa imaxe da parroquia. Non é recibo que tanto este recinto a carón da estrada de Figueirido, como o construido no Monte Pornedo, estean de calquera maneira, pasto do vandalismo e no máis absoluto abandono.


Responses

  1. […] información publicada no Diario de Pontevedra corresponde co artigo titulado “A ÁREA DE DESCANSO, ETERNA ASIGNATURA PENDENTE“. Like this:LikeBe the first to like this […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: