Publicado por: MontePituco | 27/04/2012

NEONAZIS, FÓRA DO PORNEDO

Desgrazadísimamente, cómpre volver denunciar unha nova aberración contra o Monte Pornedo cometida polos inimigos do patrimonio, da natureza e do civismo. O penedo monumental no que gozamos de tantos momentos de descanso, de tantos solpores e de tantas lecturas, vén de ser vítima dunha agresión imperdoable. Xa en xaneiro de 2011 DEFENDE O MONTE PITUCO informou da aparición dunhas pintadas chafalleiras e antiestéticas sobre a mole de granito. O sprai volve ser outra vez a arma destrutiva que utilizan unhas mentes perversas e podres. Sexan grupos neonazis, neofascistas, neofalanxistas ou uns burdos imitadores, os que viñeron garabatear os seus deplorables símbolos de intolerancia e xenocidio ao Alto do Pornedo, merecen a maior condea social, moral e legal.

Estamos ante algo máis que unha simple gamberrada ou unha broma de mal gusto. A exaltación desta ideoloxía extremista -culpable dalgúns dos peores episodios da historia da humanidade- está tipificada como delicto, e os seus promotores deberían estar á disposición da xustiza.

As persoas que defenden a democracia, o pacifismo, os dereitos humanos e a liberdade, que respectan o medio ambiente e o patrimonio cultural, non teñen por que soportar este insulto á intelixencia. Estas pintadas fan un dano horrible á vista, por pouco sensible que sexa un, e calquera a quen lle faga a máis mínima graza esta mostra de diarrea mental, debería consultar a opinión dalgún experto en trastornos da personalidade e do desenvolvemento cognitivo.

Tocoulle ao miradoiro do Pornedo como lle podería ter tocado a calquera outro fito destacable da contorna. Por iso dende a Comunidade de Montes de San Xulián e o Concello de Marín, ou mesmo dende a Comunidade de Montes e o Concello limítrofes, cando teñan coñecemento deste atentado, deberían expresar a súa repulsa e adoptar algunha medida conxunta para que estes trazos desprezables desaparezan do lugar onde foron marcados. Ignoralos sería un xesto de consentimento inadmisible, para os tempos que corren.

Quen descoñeza a gravidade dos feitos, non ten máis que informarse a través dos libros de Historia ou da propia Wikipedia, para coñecer o significado desta simboloxía recalcitrante: “Arriba España”, lema do franquismo; a esvástica, os números 88, que equivalen á expresión “Heil Hitler”, pola orde que ocupa a letra H no alfabeto latino; o círculo atravesado con dúas liñas horizontal e vertical, que é unha variante da cruz celta e forma parte da iconografía neonazi; e as letras SS do abecedario latino -ou no alfabeto rúnico (xermánico)- aluden á organización político-militar da Alemaña nazi.

É abraiante, cando non patético, que a estas alturas da “vida”, coas posibilidades de educación e formación que ten a sociedade ao seu alcance, siga habendo grupos que profesan esta filosofía violenta e racista. E o peor, que os teñamos tan cerca, que “convivamos” tan preto deles. E nós sen enteirarnos…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: