Publicado por: MontePituco | 26/04/2012

XORNADAS ‘POR UN MEDIO RURAL GALEGO VIVO’: RESUME

ALIANZA POR UN MEDIO RURAL GALEGO VIVO

A NECESIDADE DUNHA ALIANZA A PROL DO NOSO RURAL

A garantía de futuro para o noso rural é ter orgullo del; polo que está nas nosas mans que creamos nel, o dignifiquemos e apostemos por el. A actual crise supón tamén unha oportunidade, porque detrás das dificultades agóchanse as vías para construír alternativas. Temos que tomar medidas antes de que o abandono e as iniciativas neoliberais desfagan o pouco que nos queda do mundo rural, e nesta liña son fundamentais accións sinérxicas encamiñadas á suma de esforzos na defensa do ben común.

Ate o día de hoxe, as políticas europeas de desenvolvemento rural, non foron políticas multisectoriais e onde a función social foi a gran esquecida. Esta filosofía tradúcese nunha perda de coesión económica, social, ambiental e territorial. As axudas derivadas desta política de desenvolvemento rural, baseadas case exclusivamente no concepto de rendabilidade económica, significa que os beneficiados destas non sexan nin os territorios, nin as poboacións que viven no territorio.

O fracaso da política de desenvolvemento rural é o reflexo do fracaso da propia Política Agraria Común (PAC) que ten como máximo expoñente a continua perda de activos agrarios e de poboación rural en toda a Unión Europea (UE). E isto non é de agora, senón que vén sendo unha constante desde que a PAC  se orientou seguindo os criterios mercantilistas e neoliberais en todas e cada unha das reformas ás que foi sometida e que se continua na proposta que da nova PAC para o periodo 2014-2020.

O propio documento da Comisión recoñece que a futura PAC será desenvolvida no rescaldo dunha crise económica que afectou seriamente á agricultura ao ligala directamente á evolucións macroeconómicas mais globais que afecta aos custos de produción agrícolas. A maiores admite que os rendementos agrícolas caeran substancialmente no ano 2009, agravando a situación de por si precaria, visto que estes rendementos son significativamente inferiores aos obtidos por outros sectores económicos, e que os rendementos dos habitantes das zonas rurais tamén son inferiores, en cerca preto do 50% aos das zonas non rurais.

Por outra parte a política de desenvolvemento rural do actual goberno da Xunta de Galiza limítase exclusivamente a dinamitar e botar abaixo as bases para acadar un desenvolvemento rural acaído iniciadas na pasada lexislatura e definidas no Programa Leader Galiza 2007-2013. Bases que tiñan como eixos fundamentais a dinamización do sector agro e monte, a política de benestar social e a participación activa do tecido asociativo nos Grupos de Desenvolvemento Rural.

Derivado desta práctica política do Partido Popular, hoxe os Grupos de Desenvolvemento Rural esmorecen. É preciso xa a reivindicación dunha política de desenvolvemento rural dentro dunha política económico-social que defenda os intereses das maiorías sociais da nosa Nación, participada polo tecido asociativo e en beneficio das poboacións que viven, traballan e xestionan o medio rural.

Para acadar esta nova política de desenvolvemento rural, cómpre que as entidades de carácter agrario, sindical, veciñal, ambiental e de outra índole, que desenvolvan as súas actividades maioritariamente no medio rural, concordemos nun proxecto común. O proxecto de acadar un medio rural multifuncional e sustentábel. Un medio rural galego vivo; é dicir, con poboación adicada a diversas actividades e con calidade de vida.

A preocupación polo actual estado do noso rural e as medidas que os actuais gobernos (autonómico, estatal e europeo) están poñendo en marcha neste eido (reforma da PAC, modificacións normativas, freo de proxectos e axudas para o rural, …) fan necesaria unha actuación conxunta. Para artellar unha resposta conxunta ás numerosas agresións que está a padecer o rural galego e facer propostas viábeis e sustentábeis é necesario constituír unha plataforma que o defenda e coordene os esforzos das distintas organizacións e asociacións galegas que estamos a traballar a prol do noso rural.

PRINCIPIOS E OBXECTIVOS

1. Loitar polo logro de un medio rural multifuncional e sustentábel. Un medio rural con poboación, un medio rural vivo.

2. Responder a todo tipo de agresións (lexislativas, normativas, iniciativas, proxectos, …), contra o medio rural.

3. Acadar unha calidade de vida digna para as poboacións que viven no medio rural (emprego, servizos, infraestruturas, …)

4. Formular iniciativas de toda índole que camiñen cara a consecución dun medio rural multifuncional e sustentábel.

5. Reivindicar a presenza do tecido asociativo do medio rural en todas as institucións públicas do territorio.

6. Defender un modelo de sociedade e desenvolvemento máis xusto e solidario.

7. Desenvolver un traballo constante de búsqueda de alternativas e propostas operativas.

8. Promover todo tipo de iniciativas de ámbito social, cultural, ambiental, asociativo, económico e outras que teñan repercusións positivas no desenvolvemento do medio rural.

9. Recoñecemento da titularidade veciñal (ou comunitaria) como unha titularidade máis e distinta das outras dúas que existen (a pública e a privada)

10. Definición de aproveitamentos do monte veciñal, todos aqueles que se dean na súa superficie ou no seu subsolo.

11. Apostar para que a posta en valor do monte veciñal fágase dende os principios da xestión comunitaria dos recursos.

FUNCIONAMENTO INTERNO

Poderán formar parte da Alianza aquelas entidades e organizacións de carácter veciñal, agrario, social, sindical, ambiental e outras que teñan como ámbito de actuación o territorio galego e que sexan de obediencia galega.

Respectar a vida interna e os principios de cada entidade ou organización que forme parte da Alianza

Funcionamento por maioría simple, mais respectando as opinións minoritarias. Permitindo mesmo a discrepancia pública, sempre que sexa explicativa.

O órgano de goberno da Alianza será unha Coordenadora. A persoa portavoz será a persoa Coordenadora Xeral, que será un cargo rotativo de entre todas as entidades ou organizacións que conforman a Alianza.

Na composición da Coordenadora, haberá un equilibrio entre os distintos grupos de organizacións. Así establécese unha distribución das organizacións en tres grandes grupos ou cámaras: veciñal, ambiental e social.

As decisións estratéxicas serán tomadas en asemblea, onde o voto de cada organización estará ponderado pola súa representatividade no grupo ou cámara.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: