Publicado por: MontePituco | 14/04/2012

O ESTUDO ‘MADE IN INSTITUTO NOOS’ DA ASOC. VIRXE DOS ‘REMENDOS’

A Casa de Montes de San Xulián vai acoller mañá domingo un acto DESinformativo organizado pola Asociación Virxe dos Remedios, rebautizada neste blog como dos ‘Remendos’. Anuncia esta entidade veciñal que na orde do día da súa asemblea ordinaria anual vaise abordar a construcción dun polígono industrial en terreos do monte comunal da parroquia.

Chama moito a atención que a Asociación Virxe dos Remedios trate un asunto que, a priori, non lle compete “autorizar”, posto que o monte comunal xestiónase dende a Comunidade de Montes -rebautizada neste blog como ‘Desmontes’- Veciñais de San Xulián, non desde a Asociación Virxe dos Remedios. A non ser que, polo mero feito de que na directiva deste colectivo haxa tamén integrantes da xunta rectora da Comunidade de Montes, se poida extrapolar que “tanto monta, monta tanto, Remendos coma Desmontes”. Se así fora, estariamos ante un caso flagrante de indefensión por parte dos comuneiros que non pertenzan -por saúde mental, maiormente- ao colectivo Virxe dos Remedios.

Tamén resulta sorprendente que na directiva da Asociación Virxe dos Remedios haxa veciños que asinaron EN CONTRA da instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo, unha iniciativa que defende contra vento e marea esta entidade, aínda que sen o mínimo rigor informativo. Unha circunstancia tan chamativa pódese interpretar de tres maneiras: a) que haxa directivos que lle fagan honra ao alcume dos Remendos polo seu nulo sentido da ética e da coherencia persoal; b) que a directiva da Asociación Virxe dos Remedios padeza unha fonda división interna; c) que as dúas posibilidades anteriores se dean simultaneamente.

Pero o colmo do surrealismo no que vive a directiva da Asociación Virxe dos Remedios -un surrealismo que lle quere contaxiar de forma incomprensible e inxustificable á súa masa social- é pretender a instalación non de un, senón de dous polígonos industriais entre o Monte Pornedo e os Sete Camiños. Os (ir)responsables deste colectivo veciñal baséanse nun presunto estudo técnico que custou uns cantos centos de euros e que “bendice” a urbanización dunha parte considerable do monte comunal -cuxa xestión, insistimos, NON depende da Asociación Virxe dos Remedios- moi a pesar dos evidentes problemas orográficos que presenta toda a zona afectada.

DEFENDE O MONTE PITUCO manexa non un, senón DOUS estudos técnicos realizados por unha consultoría solvente, especializada en montes e medio ambiente, unha empresa que asesora a comunidades de montes da provincia de Pontevedra. E o dictame destes profesionais é rotundamente NEGATIVO no que respecta á valoración do impacto dun polígono industrial, parque empresarial ou plataforma loxística neste espazo.

O primeiro estudo abarca a parcela que lle propuxera o anterior goberno local bipartito á Xunta de Galicia para a ubicación de chan industrial, e que vén sendo a zona delimitada no proxecto do PXOM. Ademais de ubicarse nun Espazo Natural Protexido polas Normas Provinciais e Subsidiarias de Planeamento ao pertencer aos Montes do Morrazo, resulta que este terreo non cumpre en absoluto a “Guía de Recomendacións Técnicas para el Proyecto Integral de Parques Empresariais en Galicia” elaborada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo:

“Os parques de tipo industrial non se poden localizar razoablemente sobre as zonas moi abruptas, entendendo por estas as que superen o 15% de pendente. O movemento de terras, se non se compensa e se minimiza, xera un sobrecuste na urbanización interna do parque e pode chegar a representar unha afección ao medio non só física, senón natural e de tipo paisaxístico”.

A análise técnica dos diversos planos de pendentes, topográfico e catastral determinou o que DEFENDE O MONTE PITUCO vén recalcando insistentemente nos últimos dous anos e pico:

Máis do 90% da zona afectada ten máis do 15% de pendente.

O 57% da zona afectada (máis do dobre do terreo) ten máis do 35% de pendente (máis do dobre do desnivel recomendado).

Só o 7% do terreo den unha pendente por debaixo do 15%.

…Por non falar tamén da afección aos petroglifos catalogados como Bens de Interese Cultural, ás mámoas e outros vestixios do patrimonio histórico, e por suposto, o risco para o mantemento dos abundantes mananciais naturais que suministran auga para regadío e para consumo doméstico aos habitantes do contorno e que se perderían se houbera detonacións con explosivos no hipotético caso de que prospere o proxecto.

O segundo estudo, fechado en marzo deste ano 2012, corresponde á zona afectada polo proxecto de instalación dunha plataforma loxística contemplada no recente Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia no ámbito territorial dos concellos de Marín e Pontevedra, e que lle afecta a unha parcela de 28 hectáreas entre os montes de Lourizán e de San Xulián, das cales só 9,69 correspóndenlle ao monte comunal desta última parroquia. Neste caso, o informe elaborado pola consultora contratada por DEFENDE O MONTE PITUCO non só se basea en planos de tipo topográfico, catastral e de pendentes, senón que tamén inclúe un plano da cunca visual.

Tendo en conta unicamente a zona afectada por este proxecto de plataforma loxística no monte comunal de San Xulián, máis do 25% do terreo supera o desnivel do 15%. No caso do monte comunal de Lourizán, hai un 23% do terreo que está por riba dese 15% de pendente o 23%. Entre os dous temos que case a metade da área prevista para a ubicación desa plataforma loxística excede a pendente máxima recomendada.

Nas súas conclusións, este segundo informe non só advirte, unha vez máis, da presenza de elementos arqueolóxicos no ámbito de desenvolvemento da plataforma loxística proxectada “que reducen en grande medida a súa superficie, polo que poñen en dúbida a viabilidade económica do desenvolvemento do parque empresarial Marín-Pontevedra”.

Ademais, advirte da “grande visibilidade dende zonas de moita influencia de público”, é dicir, zonas turísticas como os concellos de Poio e Sanxenxo situados na outra beira da ría, ademais dos propios núcleos urbanos de Marín e Pontevedra. En canto á orografía, destaca a existencia de “pendentes elevadas do terreo nun 25% da superficie prevista como parque empresarial”, só na parque que lle afecta a San Xulián. Precisamente, sobre o monte veciñal desta parroquia, o informe tamén conclúe que unha plataforma loxística é “incompatible coas funcións produtivas e a viabilidade económica” do monte. Lembremos a este respecto que destacados membros da Asociación Virxe dos Remedios e da Comunidade de Montes de San Xulián portaron noutrora pancartas co lema “San Xulián en defensa dos nosos montes” cando protestaban porque a Brilat leváballes o monte “pola cara”, dixeron textualmente. E por se fora pouco, este estudo tamén cuestiona a conexión desta hipotética urbanización industrial coas vías de comunicación “ao ter en conta unicamente distancias e non as pendentes que suporían unha grande dificultade, cando non a imposibilidade de conexión directamente coas infraestruturas de ferrocarril e, por encima de todo, unha aberración polo consumo de combustible que xerarían, incompatible coa loita contra o cambio climático”.

Pero que lle pode importar á Asociación Virxe dos Remedios a loita contra o cambio climático, ou a conservación e posta en valor cultural e turístico do patrimonio arqueolóxico, ou a protección dunha especie faunística en perigo de extinción como a saramaganta rabilonga, ou o mantemento dos mananciais que lle dan de beber aos veciños e que regan as súas fincas, se detrás do desmedido e irrefreable afán deste colectivo por instalar non un, senón dous polígonos industriais, só están os intereses económicos dos seus directivos, e dos que tamén participaría -ou non- a directiva da Comunidade de Montes. Que os directivos de ámbalas entidades teñan a ben actuar con transparencia e, á vista das discrepancias máis que razoables que mantén DEFENDE O MONTE PITUCO, aclararen se avalan, comparten ou subscriben as teses de quen fai estas propostas, baseadas en datos de cuestionable rigor.

Nunha noticia publicada recentemente no Diario de Pontevedra, a Asociación Virxe dos Remedios ousaba planificar -con que lexitimidade?- no monte comunal de San Xulián un parque comercial de 66.784 metros cadrados no Monte da Pena. Acaso se lle consultou aos habitantes das vivendas existentes nos lugares de Pena e de Caeiro que tipo de empresas irían parar a ese hipotético polígono, xusto enriba das súas propiedades? Tamén afirma este colectivo que “nunha zona máis alta” se instalaría un polígono industrial de 254.730 metros cadrados. Pero que en ámbolos casos as dimensións serían “orientativas que poderían incrementarse nun futuro ata a capacidade que interese”, como se o monte se puidera estirar coma o chicle, como se non houbera que ter en conta a ubicación de regatos ou elementos patrimoniais, como se hai que invadir o monte veciñal de Lourizán, xa postos.

A Asociación Virxe dos Remedios, acaso baseándose nun estudo de dubidosa solvencia, afirma que “o desnivel existente salvaríase cunha pendente inferior ao 5,5%”. Estes datos para nada poden corresponder ao Monte Pornedo, o Monte da Pena, os Sete Camiños ou como ese colectivo veciñal lle queira chamar á zona afectada polos seus delirantes soños de grandeza.

Clama tamén ao ceo que o voceiro da Asociación Virxe dos Remedios, vencellado por extensión á directiva da Comunidade de Montes, teña a desfachatez de afirmar que o Pornedo e os Sete Camiños son montes “de baixa calidade”, DESPREZANDO o valor natural faunístico e vexetal desta peculiar matogueira, así como a riqueza patrimonial dos vestixios históricos existentes. A quen sosteña tales palabras só cabe pedirlle responsabilidades por ter contribuído, no exercicio das súas funcións á fronte dunha Comunidade de Montes, por acadar esa “baixa calidade” en vez de ter contribuido coa súa xestión a mellorar o monte da parroquia; por dicir “digo” onde antano dixo “diego” cando hai uns poucos meses sostiña unha pancarta na que proclamaba “a defensa dos nosos montes”; só cabe pedirlle a dimisión de calquera cargo vencellado á Comunidade de Montes que contribúe a DESPRESTIXIAR cos seus pronunciamentos, que serían respectables se estiveran apoiados en datos verídicos, mais como non é o caso só merecen crítica e reprobación.

E para colmo de cinismo, demagoxia e burla, dende a Asociación Virxe dos Remedios manifestan a súa preocupación por “preservar o entorno paisaxístico privilexiado” do Monte Pornedo e dos seus aledaños.

Non sabemos -ou máis ben, mellor non saber- de que fontes contaminadas “bebe” a Asociación Virxe dos Remedios para obter informes elaborados a mantenta á medida dos seus escuros intereses. A ver se vai resultar que detrás dese informe seu, de resultado tan sospeitoso, vaia estar o Instituto Noos con toda a súa parafernalia de imputados por delictos do máis granado, e que a cambio dun pastón se adicaba a elaborar estudos fuleros que parecían sacados do “rincón do vago”, dito sexa con ironía.

En definitiva, todo o que a directiva da Asociación Virxe dos Remedios lles poida dicir aos seus socios e socias na asemblea xeral ordinaria a prol da instalación de un, de dous, ou de dez polígonos industriais no Monte Pornedo é unha rotunda falsidade, baseada nun estudo técnico presuntamente fraudulento, e que tal vez se vaia pagar cos recursos económicos dunha colectividade que vai ser literalmente enganada, o que constitúe unha manipulación en toda regra da opinión pública.

DEFENDE O MONTE PITUCO pon a disposición de calquera veciño ou veciña, non só de San Xulián senón do concello de Marín, os seus dous informes técnicos independentes, asinados por profesionais cualificados e colexiados ante os órganos pertinentes. Entre os “números ad hoc” da Asociación Virxe dos Remedios e a sólida base técnica na que se apoia DEFENDE O MONTE PITUCO para rexeitar a urbanización deste espazo, non hai color.

CONSULTAR ARTIGO TITULADO: (DES)MONTES E REMENDOS, do 9 de abril de 2012.


Responses

  1. […] utilizada de forma instrumental para cubrir ese tipo de gastos, como xa aconteceu con aquel bochornoso e fraudulento estudo a prol da instalación de dous polígonos industriais no Monte […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: