Publicado por: MontePituco | 23/04/2012

DÍA DO LIBRO

23 de abril, DÍA DO LIBRO

HERDEIROS POLA FORZA: Xurxo Ayán / Manuel Gago (2.0 Editora, 2012)

“Como os carballos e castiñeiros, o libelo Herdeiros pola forza ten tres partes: cerna, sámago e cortiza. A cerna é unha retranqueira crítica historiográfica dos modelos de xestión do patrimonio cultural que se sucederon desde o século XIX. O sámago é unha denuncia expresa da situación actual, na que unha elite de burócratas, técnicos, académicos e intelectuais marxina as comunidades locais e a cidadanía en xeral na xestión de bens patrimoniais públicos. Finalmente, a cortiza é unha alegación esperanzada a prol da participación activa da sociedade civil non só no goce do inmenso referente identitario que é o noso patrimonio cultural, senón tamén un proceso de construcción social do coñecemento sobre o noso pasado. Porque parafraseando a Stèphane Hessel: Herdar é preservar, preservar é resistir“.

CHANDREXA DE QUEIXA, PATRIMONIO CULTURAL: Luís José Míguez Rodríguez (Deputación de Ourense, 2010).

“Para darlle o xusto valor a un determinado patrimonio, calquera que este sexa, é preciso coñecelo, interpretalo e protexer as súas posibilidades. Esta obra ten a pretensión de revelar o patrimonio cultural de Chandrexa de Queixa, de xeito ameno e accesible para cañquera lector que queira descubrir un dos espazos máis fermosos e sorprendentes da provincia de Ourense. Nestas páxinas poderemos descubrir as circunstancias orográficas que marcaron a orixe e modelaron a paisaxe desta zona a través dos distintos tempos xeolóxicos; a súa historia recente e os seus monumentos singulares; o carácter dos seus ríos e as condicións climatolóxicas que dominan o territorio, pero tamén a súa paisaxe vexetal conformada por un conxunto de árbores e plantas que lle dan  a súa personalidade a esta serra. Non falta a fauna, coas distintas especies animais que encontramos nesta paraxe e que son fundamentais para interpretar un territorio no que a natureza é a protagonista. Esta información complétase cun breve estudo sobre a demografía e a distribución dos seus habitantes, que manifesta a delicada situación que vive o interior de Galicia. Coñecendo Chandrexa e o seu patrimonio, poñeremos as bases para tratar de non perdelo nunca”.

A ALDEA, CANDO AS NÉBOAS DOS CARREIROS CONTAN HISTORIAS: Xavier Frías Conde (Urco Editora, 2011)

“A aldea e o lugar máxico onde o tempo corre doutro xeito ou, se callar, ás veces nin corre. A aldea deste libro, Vilaboa, é unha aldea medio real e medio máxica das montañas do concello de Allande, na Terra Eo-Navia, baseada na aldea de San Salvador de Balledor. Nela están condensadas lembranzas e desexos que non son revelados a calquera, excepto a quen se achegar con vontade de as entender. Ao fío de dúas historias principais desenvolvidas en Vilaboa, unha serie de historias secundarias son narradas, tecéndose daquela unha arañeira complexa de historias e subhistorias que guían o lector a mundos inesperados, mais sempre partindo da aldea”.

O ORGULLO DO GURGULLO: Calros Solla (Morgante, 2012).

Edición conmemorativa do 25º aniversario da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra.

“Aos amigos da APDR, bo traballo. Ao gorgullo Gonipterus scutellatus, bo proveito”. Dedicatoria do autor.

Papiroflexia sen enrugarse

barquiño de papel

con

temón

monte vivo

e

lema

de ferro

NUNCA MÁIS, A VOZ DA CIDADANÍA: Proxecto dirixido por Xavier Paz e Alba Vázquez Carpentier (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2003)

“O desastre provocado polo afundimento do petroleiro Prestige deu nacemento a un movemento cidadán sen precedentes en Galiza. A través deste libro pretende reflectirse o alcance dunha nova dinámica social que di nunca máis ás mareas negras, pero tamén a un estilo de facer as cousas. Centos de fotografías e documentos de todo tipo son ofrecidos, neste primeiro tomo, como exemplo da rica e imaxinativa resposta que espontánea e auto-organizadamente xurdiu no país galego nos primeiros seis meses desde a catástrofe”.

LA VIDA NOCTURNA DE LOS ÁRBOLES: Bhajju Shyam / Durga Bai / Ram Singh Urveti. Tradución Chema Heras. (Faktoría K de Libros, 2010).

“Distintas visións das árbores, representadas mediante intricados debuxos, enchen as páxinas deste marabilloso libro de arte da tribo Gond, da India Central. Como moradores tradicionais dos bosques, os Gond cren que as árbores son o centro da vida. Durante o día, as árbores realizan un arduo traballo: ocúpanse de darnos sombra, cobixo e alimento. Pero pola noite, cando todos os visitantes diurnos marchan, son os espíritos os que se nos revelan. E son eses espíritos luminosos os que están magnificamente representados  en La vida nocturna de los árboles. Premio Novos Horizontes 2008 Boloña”.

Artigo de 2012: 23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO


Responses

  1. A lectura fainos mais libres, menos manipulables, mais personas.
    Hai libros para todos os gustos e para todos os bolsillos.
    Este blog non tería tanta calidade se a persona que o escribe non fora unha boa lectora.
    Nunca é tarde para iniciarse na lectura.
    O mellor regalo…un libro.
    Saúdos

    • Moitas grazas pola mensaxe, ‘Pasaba por aquí’. Ogallá que esas persoas que desprezan os petroglifos, que devalúan a riqueza do monte afirmando que non ten valor, e que non saben expresar razoablemente as súas discrepancias máis que recorrendo ao ataque e ao desprestixio persoal, atopen nalgún destes libros unha guía para aprender sobre patrimonio histórico, sobre medio ambiente, e sobre educación. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: