Publicado por: MontePituco | 02/04/2012

TOD@S CONTRA OS LUMES (PERO MELLOR SEN BANDEIRAS)

Marchamos da concentración celebrada na praza da Ferrería de Pontevedra cunha sensación de decepción. Habería unhas 200 e pico persoas tan só, cando sería desexable unha resposta moito maior, tendo en conta que a contorna de Pontevedra foi moi castigada polos lumes daquel arrepiante verán de 2006.

A proliferación de bandeiras do Bloque causou malestar nun sector do público que asistía á mobilización, algúns deles vencellados ao colectivo 15-M, que berraron para que se baixaran os emblemas políticos, aínda que sen resposta por parte dos aludidos. Entre os cargos da agrupación nacionalista, o alcalde e varios concelleiros de Pontevedra, o deputado Bieito Lobeira e tamén, ao lonxe, o edil marinense Xosé María Vilaboa.

E así foi que nas fotos fora imposible obter unha panorámica xeral da concentración sen a presenza das bandeiras -moi respectables, todo sexa dito- coa franxa azul e a estrela vermella. Ata o punto de que os representantes da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, que portaban unha pancarta co logo da asociación, tiveron que cambiar varias veces de sitio para que a súa participación na protesta non fora malinterpretada en clave política. E nin con esas, segundo un dos responsables do colectivo ecoloxista, conseguían separarse dos emblemas nacionalistas, que en todo momento estaban arredor do persoal da APDR.

O certo é que as convocatorias que se estenderon por correo electrónico e a través das redes sociais non aludían a ningunha sigla partidista: “Concentracións contra a queima do país” ou “Concentración polas Fragas do Eume” foron os lemas dalgunhas desas mensaxes ventureiras. Non sería de todo descabellado pensar que houbera persoas que, independentemente da súa ideoloxía política, e especialmente se non foran pro-nacionalistas, deran media volta ao chegar á Ferrería e ver o percal. Para as eleccións autonómicas aínda falta un ano e tempo terán os partidos para rifar os votos da poboación; o de hoxe pasaba por ser unha expresión de solidariedade cidadá cun espazo natural violentamente agredido, un clamor contra os pirómanos e os terroristas ambientais, e un xesto de cara ao Goberno para que se tomen medidas urxentes para reparar os danos, con ou sen reproches sobre o nivel de resposta e a información transmitida por parte da Administración autonómica sobre o desastre.

Durante a concentración distribuíronse carteis pedindo a dimisión da Xunta, calificando de “incomPPetente” a xestión desta crise e rescatando o lema do “Nunca Máis” en clave forestal. Carteis sen siglas políticas; quen estivera de acordo podía coller un ou varios, o mesmo que non exhibilos no caso de quen non compartira as consignas. Entre o público había representantes de Revira, e tamén do Colectivo Nacionalista de Marín, cun cartel no que a fotografía de Núñez Feijóo se rotulaba co adxectivo “culpábel”; pero a presenza do CN non era en absoluto cargante senon testemuñal e activa no exercicio lexítimo da libre expresión. Foi a pouca discreción do Bloque, e o exceso de marketing que o aparato do partido soe exhibir neste tipo de convocatorias públicas, os que motivaron unhas protestas que, realmente, nin tiveron moito eco nin acabaron callando.

Pero esta anécdota en Pontevedra non foi a única. Curioseando nas redes sociais, atopamos comentarios de asistentes ás concentracións noutras cidades. Velaquí algúns testemuños:

“Estivemos na convocatoria celebrada en Pontedeume e a sensación que temos é o DESALENTO. Falta de organización raiana co surrealismo, onde non se vía nin escoitaba aos oradores, e por riba, con bandeiras e cánticos dun partido político empeñado en monopolizar xunto con varias asociacións satélite o descontento popular para transformalo en simples votos. Que país… Máis traxedia!”

“Penso que a quen me coñece non lle teño que explicar o meu nivel de independentismo galego, (e a quen non que pregunte se quere), pero sentíndoo moito, e recén volto da concentración de Santiago, pola miña parte non penso voltar a outra mentras os arrastrados de certo partido, ó que cada vez estou máis arrepentido de ter votado en varias ocasións, (até que gobernaron e por desgracia vin qué clase de xente se agochaba dentro, pero esa é outra historia…), enfíen as súas bandeiriñas no lado escuro da forza ou as deixen para os seus actos. Non permito que se me saque na fotiño para que ningún partido, (nen sindicato; os que alí estiveron saben por quen vai), se autoerixa protagonista da xuntanza e saque réditos electorais. Para rematar quero decir que me pareceu dignísimo o papel de X. Manuel Beiras e de Martiño Noriega, que asistiron manténdose nun 2º plano e acudindo a título meramente personal, e non coma outros… Xa me fode ter que lle dar a razón ós de Libertad Digital, pero o que vin hoxe foi exactamente o que din, que “la izquierda gallega”, (que iso de esquerda non o acabo de ter claro, pero bueno…), quiere hacerle a Feijóo, (para os amigos, “el Habichuela”), su propio Prestige… hoxe sentín vergoña allea; hai quen é capaz de meter o fuciño onde sexa con tal de arrañar un voto, (iso pensan, o cal fala bastante mal da idea que deben ter do seu votante medio), e o que consiguen é que a xente que vai ÚNICA E EXCLUSIVAMENTE por apoiar a causa das Fragas do Eume, dea media volta e lisque, con moita razón”.

“Qué tal las concentraciones en otras ciudades? Por lo menos lo que leo por aquí de Pontedeume muy bien, no? Gente con ganas de hacer cosas… Yo al final me pasé brevemente por la de Ferrol, pero escuchando tanto politiqueo no me quedaron ganas de quedarme, valga la redundancia… pasé un par de veces y en ningín momento escuché hablar sobre las Fragas… una pena…”

“Menudo éxito caótico en Pontedeume, moita xente, imposible enterarse do que se falaba … Interesante como se rexeitou a algúns que pretendían facer campaña alí, esperanzador…. O pouco que logrei escoitar que me gustou foi que hai que axudar os veciños e tratar de facer algo antes de que chova; non sería mala idea…. pero precisamos organización, apuntareime os voluntarios, iso si…”

Entre os asistentes á concentración celebrada en Pontevedra atopábase un representante da Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, Carlos Morgade, que amosaba a súa fonda preocupación polos efectos negativos desta seca tan prolongada no crecemento deficiente da vexetación. Moita atención ás súas interesantes observacións do que pode pasar se non mudan as tornas:

“Agora mesmo ESTÁ TODO MOI SECO, está empezando a brotar, pensamos que VAI BROTAR MAL. Se non vén a chover non vai brotar ben e O FENTO VAI SECAR IGUAL QUE PASOU NO 2006, se ademais segue este VENTO DO NORTE, aínda que non veña moi forte. INCLUSO NAS ZONAS LIMPAS, por exemplo, en Pontevedra a maior parte das comunidades polo Plan Monte Vivo teñen o monte acabado de limpar de hai uns meses, vaille saír o fento, vai SECAR PREMATURAMENTE e imos ter unha situación parecida ao do 2006 como non chova. Estamos pensando que ÍMOLAS PASAR MORADAS. Como estes dous meses que quedan de primavera non chova, en canto se poña unha situación o Norte, O VERÁN PODE SER BESTIAL”.

Nesta xornada a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra emitiu un comunicado de condena polo desastre ecolóxico que lle afectou ás Fragas do Eume.

“Para a APDR, que entende que estamos diante dun dos maiores desastres ecolóxicos dos últimos tempos na Galiza, dun desastre que terá ademais enormes consecuencias socioeconómicas para a zona, a situación require dunha análise fonda, que vaia máis alá da simple busca da man executora destas queimas, e que -desde logo- poña en cuestión o modelo forestal promovido desde o goberno galego e mesmo a política referente á conservación de espazos naturais de interese ecolóxico. Que analice en profundidade a política autonómica en materia de prevención e extinción de incendios e mesmo a responsabilidade do goberno galego á hora da extinción do lume forestal que hoxe nos ocupa, pois, con seguridade, a falta de preocupación e inversións na política de prevención, na limpeza dos nosos montes e bosques, e a importante redución de medios económicos e humanos nos servizos de extinción están detrás das enormes dimensións adquiridas por estes lumes forestais.

Neste sentido, esixe a apertura dunha fonda investigación que permita non só coñecer quen poden estar detrás destas queimas forestais, quen puideron provocar o lume, senón tamén quen poden tirar proveito dunha situación como esta. E son moitos os aspectos sinalados desde distintas instancias, téndose citado xa desde o descontento veciñal polo xeito de xestión dos espazos naturais protexidos ata a existencia de distintos sectores empresariais que verían na destrución da zona, unha posibilidade para o desenvolvemento dos seus intereses económicos”.

Por último, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), amosábase moi crítica coa política forestal da Xunta:

“A cidadanía merece que a Administración resposte a estas cuestións chaves:

-Quen recurtou en 20 millóns de € os orzamentos para prevención e 2 millóns de € para extinción?

-Quen promove unha Lei de Montes que reduce as faixas de protección, o tempo para aproveitar os terreos queimados e permite masas monoespecíficas (eucaliptos, por exemplo) de máis de 50 ha continuas?

-Quen reduciu significativamente e precarizou os operativos de loita contra o lume, eliminou o Voluntariado do Monte, suspendeu as BIIF (Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais), desactivou as UXFOR e abríu a porta á especulación do monte coas SOFOR?”

Xunto con ADEGA, tamén a Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia fixeron unha declaración pública ante a gravidade da situación:

“Dende ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia queremos amosar a nosa solidaridade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos incendios declarados durante a fin de semana e que afectan ao Parque Natural das Fragas do Eume e á zona de Anca. Así mesmo envíamos o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nas labores de extinción. Sumadas unhas circunstancias meteorolóxicas desfavorables, o lume que afecta as Fragas do Eume é a consecuencia directa dunha política forestal baseada na falta de planificación e xestión forestal, así como o fomento de plantacións con especies que favorecen os incendios.

Segundo a información proporcionada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, ata as 14 h. de hoxe víronse afectadas 750 hectáreas do Parque Natural. Nesta mesma información tamén se falaba de 100 hectáreas na zona de Cabalar (A Capela), pero cremos que se trata dunha información errada xa que outro dos incendios de grandes dimensións que están a asolar a comarca produciuse na zona de Anca-As Louseiras. Varias persoas integrantes destes colectivos comprobaron que houbo un conato de incendio no lugar de Cabalar, pero sen a gravidade que lle atribúe a Xunta de Galiza.

Entre os datos que fomos coñecendo, os técnicos sinalan ata tres focos causantes do incendio que afecta ás Fragas do Eume, é dicir, trataríase dun lume intencionado que coincide no tempo e no espazo co incendio en As Louseiras e co conato de Cabalar, o que buscaría causar o maior dando posible a espazos naturais de grande importancia ecolóxica como son as fragas do río Eume e do río Belelle. A Xunta de Galiza está obrigada a poñer todos os medios e persoal necesarios para deter aquelas persoas que provoquen os incendios, pero tamén é necesario que a sociedade galega rexeite as actividades incendiarias e modifique a “cultura do lume” instaurada nas prácticas agrícolas.

No caso do parque natural, o incendio está a afectar zonas de Reserva Natural, e de maior interese ecolóxico, zonas de fragas, zona de repoboacións con especies alóctonas e zonas de mato e pasteiros.

Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio, as condicións climatolóxicas de vento e escaseza de humidade, ADEGA, SGHN e Verdegaia queremos salientar que as dimensións deste incendio non poden entenderse se non é tendo en conta outros factores referentes as políticas ambientais da Xunta de Galiza:

– A declaración como Parque Natural no ano 1997 non foi suficiente para que se tomaran as medidas necesarias que garantiran a súa conservación. A día de hoxe non conta co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, o que favorceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas. Un exemplo o temos nos terreos afectos polo incendio: unha das zonas calificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirias, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.

– A Xunta primou en Galiza o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención, feito que non supuxo reducir o número de conatos e incendios. As Fragas do Eume, como veñen manifestando tempo atrás técnicos da propia administración, presentan zonas prácticamente inaccesibles debido ao abandono dos montes. Cando as circunstancias climatolóxicas son moi desfavorables, coma acontece actualmente, eses medios de extinción atopan grandes dificultades á hora de loitar contra os lumes. Se a isto sumamos que nos últimos tempos os brigadistas critican a precariedade laboral e a falta de medios coa que traballan, ademáis da aposta da Xunta por reducir o persoal encargado do cuidado dos espazos naturais, atopamos unha situación de grave perigo que ameaza aos nosos montes e que nos últimos meses está a castigar duramente moitos dos nosos espazos protexidos: LIC Macizo Central, ZEPA A Limia, Reserva da Biosfera de Allariz, LIC Ancares-Courel, etc. No caso das Fragas do Eume, o chamado da Xunta de Galiza ao exército pon de manifesto a incapacidade de afrontar unha circunstancia previsible de diferentes incendios cos medios e persoal existentes.

– Queremos facer un chamado de atención sobre o réxime hídrico do río Eume, moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes. Descoñecemos, debido á falta de información proporcionada por Augas de Galiza, se o proceso de enchido está a cumprir co obrigado caudal ecolóxico nun momento de seca como o actual. O menor caudal do río Eume podería estar a reducir a evapotranspiración, contribuíndo a unha menor humidade no ambiente e a un maior risco de incendio en espazos que, como as fragas, soen verse pouco afectadas polos lumes grazas ao seu elevado nivel de humidade.

Perante a gravidade dos acontecementos, os colectivos asinantes esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume como primeiro paso para elaborar un plano a través do cal se avalíen os danos sufridos e se establezan as medidas de restauración dos espazos e a dotación económica axeitada. Do mesmo xeito, consideramos imprescindible a convocatoria do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: