Publicado por: MontePituco | 10/05/2012

A PLATAFORMA MONTES DO MORRAZO, CONTRA AS FUMIGACIÓNS

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo alerta que a nosa bisbarra figura no mapa de fumigacións previsto pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón, e manifesta, nun comunicado, o seu rexeitamento contra esta medida adoptada para combater a praga do gurgullo do eucalipto.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo denuncia a campaña de fumigacións masivas de eucalipto con medios aéreos que a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (ASPAPEL), na que está integrada ENCE, coa colaboración da transnacional química BASF, outras entidades (Mesa da Madeira, Asociación Forestal de Galicia, PROMAFOZ, Areeiro, Ecología y Espacio SL, Fitoaragón SL…) e a connivencia da Xunta (Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes) pretende levar a cabo por todo o territorio galego e, en especial, por varias zonas do espazo natural dos Montes do Morrazo máis as áreas naturais de Outeiro de Campolongo, Monte Cernello, Montes de Ardán, Monte Penizas, ata os Montes de Lourizán e Salcedo, e o propio LIC da Enseada de San Simón, chegando asimesmo ata as proximidades de varios núcleos de poboación humana a través de dúas áreas circulares que se sobrepoñen de 8 kilómetros de diámetro cada unha delas, denominadas “zonas de tratamento químico”, onde se concentran as masas máis densas e con maior afectación do gurgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus).

O produto denominado Cascade -co que se pretende realizar as fumigacións como método de eliminación do gurgullo- é altamente tóxico para a saúde humana e o medio ambiente porque contén como principio activo o Flufenoxuron, substancia biocida que foi catalogada recentemente como daniña pola Unión Europea, e da que se prohibirá a súa venda a partir do 1 de agosto deste ano.

Esa substancia agrotóxica é persistente e bioacumulable, está detrás da progresiva desaparición das abellas como especie produtora e polinizadora en Galicia, e ten efectos moi negativos no ambiente acuático, afectando dende os insectos ata a fauna insectívora (anfibios, réptiles, aves e mamíferos) dentro da rede trófica.

O espazo natural dos Montes do Morrazo, onde non todo é monocultivos de eucalipto senón que tamén existen carballeiras e sobreirais mesturadas con áreas de monte aberto e matogueira, contén unha biodiversidade faunística moi importante, con especies de interese comunitario protexidas pola Directiva de Aves e Hábitats a nivel europeo, endemismos ibéricos e vulnerables, ou en perigo de extinción.

Nel tamén están os nacementos dos ríos Lameira, Loira, Fraga, Barranco do Faro, Caiauga, Freixa, Miñouva, Rio Maior e Toimil que, co seu leito e áreas de ribeira, poderíanse ver tamén afectados polas aplicacións masivas do produto.

O Outeiro de Campolongo e o Monte Cernello destacan pola súa importancia entomolóxica e da fauna insectívora.

Os Montes de Ardán destacan pola presenza de varias especies de fauna insectívora endémica e vulnerable.

Os Montes de Lourizán están rodeados por hábitats húmidos de interese comunitario.

Nas proximidades e no fondo da ría de Vigo, tamén resulta afectado o LIC Rede Natura da Enseada de San Simón, de grande importancia ornitolóxica, humidal e mariña, integrado no listado galego de espazos naturais protexidos da Rede Natura.

Tamén se poderían ver afectadas fincas con cultivos e zonas habitadas debido á gran dispersión da poboación humana no Morrazo, posto que un 60% das fumigacións aéreas (poden ser en avión, helicóptero ou por medios terrestres) tamén soen caer fóra e mesmo a kilómetros do seu obxectivo. Neste caso, os núcleos con mais poboación dentro das áreas de fumigación serían os de Marín, San Xulián, Mogor, O Campo, Piñeiro, San Adrián, Santa Cristina de Cobres, Bértola ou Figueirido; e os mais directamente afectados serían os rurais da Pastoriza, Miñán, Silvestre, Allariz, O Pereiro, Pardavila, San Lourenzo, Carballido, Sobreira, Vilar ou Postemirón, perto dos montes e con plantacións de eucaliptos polos seus arredores, que non foron tidos en conta pola cartografía das áreas afectadas. Por proximidade tamén se poderían ver afectados perifericamente os núcleos de Ardán, Seixo, Cela, Meira e Domaio.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo está en contra das fumigacións e denuncia os intereses economicistas, a costa do medio ambiente e da saúde das persoas, por parte da patroal pasteira en colaboración coa transnacional química, entidades madereiras e fitopatolóxicas e a Xunta, pretendendo vender o stock dun produto nocivo, con moratoria de fabricación, e data próxima de prohibición.

Detrás está a continuidade da política de fomento do monocultivo alóctono de eucalipto, responsable da praga do gurgullo, pero tamén da perda de biodiversidade, do cada vez máis patente déficit hídrico do solo, e da propagación de incendios forestais como especie pirófita, feito que sucedeu varias veces dende finais do século pasado ata a nefasta vaga de 2006, pasando polos pequenos focos que se producen ano tras ano e que supoñen, en xeral, unha grave lacra ecolóxica, grandes perdas económicas a nivel produtivo, e gastos económicos adicionais de fondos públicos en materia de extinción de incendios.

E por engadido, esa masa de eucalipto é a que está utilizando ENCE para contaminar a ría de Pontevedra dende hai 50 anos a través da transformación en pasta de papel nas instalacións que a empresa ten enriba das marismas de Lourizán, contravindo a Lei de Costas, a mesma que lle deu de plazo ata o 2018 para desmantelar o complexo do lugar.

Como alternativa, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo demanda a substitución progresiva e paulatina dos monocultivos do eucalipto por plantacións forestais con outras especies que respecten a biodiversidade, seguindo unha reordenación baseada na prevención, na multifuncionalidade e na diversidade produtiva do monte; no seu uso social e cultural, e na solución ao seu abandono actual e, ao mesmo tempo, a xeración de emprego.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: