Publicado por: MontePituco | 21/05/2012

…O LOBO A COIDAR DAS OVELLAS?

A incoherencia persoal, ou a comenencia política -dito sexa noutras palabras- depara ás veces situacións insólitas, desas que cando se repara nelas, cómpre fregar os ollos ou peliscar un brazo como xesto de incredulidade. Aconteceu hai uns días en Pontevedra, onde unha representación da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común foi convocada na sé provincial do PSdeG-PSOE para comentar os termos nos que a Xunta está tramitando a nova Lei de Montes de Galicia. Os responsables da Organización xa foran recibidos en Santiago pola executiva nacional do BNG, que lle deu o seu apoio á manifestación do vindeiro 9 de xuño contra esta normativa; una movilización que, finalmente, parece que se vai convocar co lema “Por unha LEI de Montes XUSTA na DEFENSA do monte VECIÑAL”.

…Faltáballes a xuntanza coa dirección dos socialistas a nivel autonómico, pero os misterios das axendas son inescrutables, de xeito que os representantes da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común foron citados finalmente no local da executiva provincial de Pontevedra, onde os seus interlocutores foron a voceira municipal no Concello de Forcarei, Ana Doval, e …ATENCIÓN! o voceiro municipal de Marín e responsable da secretaría provincial de “Economía sostible”, Francisco Veiga, que como “todo o mundo” sabe, é tan “defensor” a ultranza da sostibilidade, que a máxima expresión do seu compromiso coa ecoloxía e o medio ambiente pasa por apoiar a construcción dun polígono industrial no Monte Pornedo, incluido no Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo, nun enclave de máxima intervisilidade ou impacto paisaxístico, en plena fachada litoral.

Quen programara este encontro, unha de dúas: ou tiña un despiste monumental sobre o rol que desempeñou (en pasado) Veiga á fronte da alcaldía marinense en relación á desfeita que pretendía acometer no Alto do Pornedo, ou verdadeiramente non tivo o menor reparo en que se exhibira á vista da opinión pública a doble moral, a hipocresía e a falta de seriedade do político marinense, que agora pretende erixirse no defensor do monte veciñal, cando o único monte veciñal que se preciou de defender foi o Monte Carrasco de Pontevedra, onde a Xunta proxecta construir un novo hospital (se público, ou privado, xa é fariña doutro costal).

Afortunadamente para a Organización Galega de Comunidades de Montes, o PSdeG vai apoiar as reivindicacións deste colectivo para que a nova Lei de Montes “recoñeza os montes veciñais como titularidade comunitaria, protexa e non usurpe os montes veciñais, e permita un monte veciñal multifuncional e sustentable”.

Temos memoria e non esquecemos o desprezo de Veiga, a súa intolerable falta de diálogo con DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo). Mentres el ignoraba as numerosas peticións de entrevista que se lle cursaron e desdeñaba os argumentos incuestionables que se expoñían a prol da conservación deste espazo, outras entidades escoitaron e acabaron apoiando o que -por razón e dereito- tanto se recalcaba. Entre elas, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que hai exactamente DOUS ANOS, deulle o seu respaldo a Defende o Monte Pituco e á comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños en contra do polígono industrial nesta ubicación.

“Que no IV Congreso Galego de Comunidades de Montes celebrado en O Carballiño (Ourense), con datas do 22 ao 23 de maio do ano 2010, foi APROBADA POR UNANIMIDADE unha resolución de APOIO á creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, no Concello de Marín, e á CONSERVACIÓN DO MONTE fronte ao proxecto de creación dun polígono industrial nese entorno”.

 Francisco Veiga, o inimigo do Monte Pornedo.

…Aí vén o lobo a coidar das ovellas…

 


Responses

  1. JaJaJa, este Fran Veiga é mundial.
    Eu, cando me dixeron que o nomearan secretario de economía sostible escachei de risa. É así como o PSOE trata de recuperar a credibilidade perdida?. É así como pretende ofrecernos ós galegos e galegas un proxecto de goberno de esquerdas para as próximas eleccións?
    Pois moito me temo que se non reaccionan a tempo e melloran un pouco as candidaturas, van ter un batacazo tan grande ou mais que o anterior.
    A alcaldía de Fran Veiga caracterizouse por ser a mais protestada pola veciñanza marinense nos últimos trinta anos. A súa política medioambiental, en sociedade con un nefasto BNG, baseouse en planificar varios micropolígonos industriais-empresariais en lugares tan estratéxicos coma Monte Pituco (Zona protexida), ou a beira do río Loira.
    A política, de por si, é un oficio con bastante porquería, pero se aínda porriba son os partidos progresistas os que cometen semellantes falcatruadas, a indignación da xente multiplícase, porque non hai cousa peor que perder os referentes.

    Tes toda a razón cando lle chamas cínico a Fran Veiga.

    • …E incompetente, e incoherente, e inmaduro. Mais, non gastemos letras en balde para falar do “pasado”. Salvado o val do Loira, no presente inmediato toca seguir loitando por todo o contrario do que el e o seu “equipo” procuraron, na súa torpeza e na soberbia de crérense infalibles: a conservación do Monte Pornedo.
      Grazas.

  2. Certo, hai que seguir loitando para salvar o Pornedo!!
    Pero a incompetencia dun político non debemos esquecela, sobre todo porque dentro duns meses imos ter as eleccións autonómicas e según parece, van estar os mesmos de sempre.
    Mais agora este magnífico blog debe continuar a súa labor de difundir a beleza.
    Xa sabes aquela frase tan famosa dun locutor de radio que decía:
    “Hay que buscar la belleza porque es la única protesta que merece la pena en este asqueroso mundo”
    Apertas


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: