Publicado por: MontePituco | 10/06/2012

PLENO DE XUÑO (I)

A política, esa forma de relación entre grupos sociais que, levada a bo termo, dá froitos positivos para facilitar as condicións de vida da cidadanía, mellorar os servizos existentes e crear outros novos, modelando colectivamente un contorno máis habitable e creando no presente as condicións para que as xeracións vindeiras reciban en herdanza o mellor mundo posible. (Definición de colleita propia).

…Trabúcase quen renega da política, pois son algúns pésimos políticos -e por extensión, pésimas persoas- os que perverten o sistema, traizoan a nosa confianza e devalúan a calidade desa democracia que tanto se vanaglorian de defender coa boca tan chea coma podre. Os plenos municipais do Concello de Marín son un exemplo -por desgraza non o único nin o último- deste estado de decepción permanente no que vivimos os electores. E algo non funciona ben cando na orde do día ten máis peso, en tempo adicado e mais en contidos, o apartado final de rogos e preguntas que os puntos precedentes, nos que se supón que pesamos nunha balanza o resultado da xestión municipal ao longo do mes anterior.

Agora que estamos de cheo no anestesiante ambiente dun Mundial futboleiro, poderíase comparar o apartado de rogos é preguntas coa tanda de penaltis dun partido no que os concelleiros da oposición, uns con máis mala idea e mala fe que outros, se adican a chutarlle balóns a unha alcaldesa-porteira que trata de encaixar os menos goles posibles. Pero os espectadores sentados nas gradas do estadio, ou nos asientos para o público do salón de plenos, non deberían deixarse levar polas xogadas efectistas. Cómpre agardar ao control antidoping, onde os máis deses que fan alarde de ser bos co balón (ou coa palabra), non superan a proba do algodón, sacando a relucir aí a súa inmensa roña moral, a súa absoluta falta de talla política.

O BNG presentou unha moción urxente referente á situación do castro da Subidá, coa queixa de que o Goberno local “por capricho” non lle dera trámite dende a data da súa presentación, o pasado 20 de marzo, e “se metera nun caixón”. Pilar Blanco calificouno como unha mostra da “degradación da democracia interna” do Concello. Todos os grupos votaron a favor da urxencia da moción e a voceira nacionalista leu o texto da proposta.

Explicou Pilar Blanco nese escrito que un dos aspectos do Proxecto Arela é a “difusión e conservación do patrimonio arqueolóxico do Concello”. Aplicando esta máxima ao castro da Subidá, o obxectivo da súa recuperación é “frear o deterioro” que presentaba, adecuar o contorno ao seu uso público e instalarlle elementos informativos, ademais de mellorar a accesibilidade coa creación dunha senda peonil. Pilar Blanco constatou que actualmente o castro xa é accesible e que representa unha “fonte de beneficios” para o Concello. Non obstante, a zona demanda unha “actuación continua” para o seu mantemento. En definitiva, fixo unha defensa desta actuación pola importancia que representa “transmitir o valor deste ben patrimonial”, ao considerar que esta forma de cultura tamén pode contribuir á xeración de emprego.

Relacionado cos restos prehistóricos da Subidá, tamén traeu a colación a situación do centro de recepción de visitantes dos petroglifos de Mogor, do que reclamou o seu remate. Ademais, pediu que se complete a sinalización do castro, para que todos os visitantes que acudan a Marín saiban como chegar, que se habilite unha canteira próxima como aparcamento para vehículos, que se elimine unha praca de cemento que hai preto do acceso ao castro porque rompe a estética do contorno, que se acometan labores de limpeza periódicas e que se realice con persoal “especializado” unha campaña de difusión, argumentando que “hai medios de sobra” para facelo. Para o BNG de Marín, rematou Pilar Blanco, o patrimonio arqueolóxico é “un recurso cultural, social e turístico, de carácter non estacional, para a creación de emprego”.

Visto e oído semellante discurso, un non pode menos que quedar coa boca aberta, cos ollos como pratos e cos oídos distorsionados, na máis absoluta incredulidade, incapaz de darlle creto a un alarde de desfachatez tan descarado e insultante. Porque arrogarse a preocupación pola conservación do patrimonio arqueolóxico marinense, e erixirse en defensor dos vestixios históricos do Concello en aras de obter un rendemento social e económico, carece de toda credibilidade vindo de quen vén: o BNG de Marín, un grupo municipal que -cando tiña responsabilidades de Goberno- NEGOUSE a apoiar unha proposta denominada “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, que engloba un conxunto ben interesante de elementos arqueolóxicos perfectamente acreditados e catalogados pertencentes aos municipios de Marín, Vilaboa e Pontevedra; dos cales os situados no ámbito territorial marinense atópanse, curiosamente, onde o BNG de Marín defende a instalación dun POLÍGONO INDUSTRIAL que arrasaría unha zona privilexiada con todo o seu valor paisaxístico e patrimonial.

Nin Pilar Blanco como ex-concelleira de Medio Ambiente, nin Xosé María Vilaboa como ex-concelleiro de Urbanismo, nin Esther Crespo como ex-concelleira de Cultura, son os máis indicados para lamentarse do fea que queda unha explanada de cemento nos arredores do castro da Subidá cando están a favor de arruinar con asfalto e formigón o contorno do conxunto rupestre do Pornedo, de desafectar toda esa zona -que actualmente está catalogada como Espazo Natural Protexido no ámbito dos Montes do Morrazo- para chantarlle unha morea de naves empresariais.

Negáronse a apoiar a creación dun simple roteiro que puxera en valor estes valiosos petroglifos e nin sequera se dignaron en contestar os escritos cursados pola comisión técnica para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Mais, por riba, Esther Crespo tivo a inmensa insolencia de apuntarse á andaina que se organizou polo Pornedo e por outros puntos do Espazo con motivo dunha actividade do Clube Ciclista de Marín, en abril de 2011.

Coherencia e principios, poucos; electoralismo e demagoxia, a mans cheas. Velaí o dobre raseiro do BNG de Marín para medir o tratamento que merece o patrimonio arqueolóxico marinense. Mogor e Subidá teñen unha importancia innegable e merecen todos os coidados e campañas de difusión que se poidan desenvolver. Pero habendo unha demanda social a prol da recuperación duns gravados rupestres que, como os de Pornedo, Pinal de Caeiro, Sete Camiños ou A Carrasca, atópanse en condicións precarias, é onde se evidencia a verdadeira actitude deste grupo municipal, discriminatoria e sectaria.

Trala exposición de Pilar Blanco, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos Costas, comentou que o Grupo de Goberno está “sensibilizado” con este asunto e anunciou o apoio do PP a esta moción.

A continuación tomou a palabra o voceiro socialista, Francisco Veiga, que contou que recentemente fora pasear ata o castro da Subidá, e mesmo tomara fotos do asentamento, do que destacou a súa “indubidable calidade”, e do que se atreveu a afirmar que é aí onde se atopa “a orixe de Marín”. Remontouse á súa anterior (e sempre añorada) etapa como alcalde para lembrar que o castro estaba delimitado e, aínda que non había sinalización, “víase o que había”. Agora, pola contra, queixouse de que está “cheo de maleza”. Nese sentido, reclamoulle ao Goberno local que actuara para poñer “a disposición da xente de Marín e da xente de fóra un recurso arqueolóxico” tan importante, argumentando que sería “imperdoable” deixalo estragar. Sen deixar de rememorar o tempo no que sostiña o bastón de mando, Veiga recalcou que a intención de recuperar o castro da Subidá era “cambiar o turismo de sol e praia para buscar un turismo que pervivira”, aproveitando que en Marín se conservan vestixios da cultura megalítica.

E dito isto, comezou a patexar coma as galiñas cando extenden o cosco polo chan, presumindo do índice de visitas do ecoparque de Cadro, da construcción do albergue e da creación da ruta BTT; relacionando sen xeito nin dereito estes recursos cos parques arqueolóxicos de Campo Lameiro e Ponte Caldelas. Logo cuestionou que non houbera cartos para completar as obras pendentes e, pola contra, se fora financiar unha concentración motorística sen que a oposición soubera canto se vai gastar”, poñendo esta actuación como exemplo do “secretismo” co que actúa o Goberno local. “E dar a coñecer as orixes de Marín, na Idade de Pedra, deixámolo sen dar a coñecer”, concluíu Veiga.

…Impresionante, señoras e señores. Para mexar e non botar gota. Para picarse cun alfinete e non sangrar. O ex-alcalde de Marín facendo unha defensa exacerbada do patrimonio arqueolóxico marinense do que el mesmo non só é un perfecto ignorante, senón do que ademais deu publicamente mostras reiteradas de DESPREZO, en connivencia cos seus antigos socios de goberno municipal na anterior lexislatura.

Porque o voceiro socialista, mal que lle pese que DEFENDE O MONTE PITUCO llo restregue unha e outra vez, NEGOUSE a visitar os elementos arqueolóxicos -eses que con tanta vehemencia defende agora- situados no Alto do Pornedo. Pasou olimpicamente dos múltiples escritos que, dende DEFENDE O MONTE PITUCO e a comisión do Espazo Sete Camiños, se lle enviaron para que se dignara en coñecer o irrefutable valor patrimonial dun contorno que o Goberno local que el presidía quería converter nunha inmensa chaira de cemento.

Francisco Veiga pasea, cámara de fotos en ristre, polo castro da Subidá, e fai moi ben; pero os petroglifos do Pornedo -que por dereito figuran no Catálogo de Bens de Interese Cultural a carón dos de Mogor, de Campo Lameiro ou de Ponte Caldelas- seica non deben estar á altura do seu elevado nivel de coñecementos en materia de Prehistoria e Arqueoloxía. Os colectivos que vimos reclamando máis atención para os gravados rupestres de Pornedo non recibimos, de parte do señor Veiga, maior resposta que un fugaz rapapolvos malencarado ao pé das escaleiras do Concello e no pasillo da Alcaldía. E logo diso, o máis absoluto silenzo, o desdén. Os seus impolutos zapatos non pisaron endexamais a terra e as pedras milenarias onde historiadores incuestionables como José Torres Martinez sitúan o verdadeiro berce de Marín, San Xian dos Ancourados. Porque é xusto ao pé de conxuntos arqueolóxicos como o de Pornedo, onde habitamos os sucesores daqueles antigos poboadores.

“…Mucho antes pues de usarse el nombre de Marín fue designado nuestro puerto con el de San Giao dos Ancourados, aludiendo a la primitiva entidad parroquial de San Julián, sin duda la más antigua del Término Municipal que comprendía todo el valle sobre el que hoy se asienta la villa…”

[“Pequeña Historia de Marín”, Colección Tambo, 1983: José Torres Martínez. Páx. 129]

A retórica de Francisco Veiga cae en saco roto; non se pode ser máis contraditorio, cínico e falso. Por algo os marinenses lle retiraron a súa confianza e relegaron o seu arqueolóxico traseiro ao banco onde mellor encaixa: o da oposición. Ogallá sexa por moitos anos.

Na súa intervención, a concelleira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio, advertiulle ao Goberno local que “coa sensibilidade só non vale, que hai que poñerse a elo”, se do que se trata é de manter en boas condicións o castro. Santos Costa respostoulle que o Concello solicitará unha subvención de 55.000 euros á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para traballos de acondicionamento do castro da Subidá. A moción foi aprobada por unanimidade.


Responses

  1. En fin… o bipartito continúa coas demagoxias de sempre.
    Eles seguen a considerarse os gardas da verdade e os defensores da beleza, cando non son mais ca unha panda de mentireiros.
    Cando un político defende o medioambiente, non pode ter a cara de impoñer polígonos industriais. Cando defende a difusión da Cultura e da Historia, non pode defender uns petroglifos e enterrar os outros debaixo do cemento.
    Que lástima de 270.000 € que Fran Veiga se empeñou en investir no denominado “auditorio ó aire libre” de Seixo, e que non é mais ca unha enorme tarima de madeira que ainda non usou ningunha orquesta nin poderá usar nunca porque está destartalada e chea de porquería.
    Se empregaran eses cartos en rematar todo o que deixaron a medias nos petroglifos de Mogor, no Castro da Subidá etc, non terían agora que decir tantas parvadas nos plenos, nin botarlle a culpa ós que viñeron detrás.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: