“Esta marabilla natural / que abrangue o río dos Gafos / non foi inaugurada por ninguén, / non houbo primeira pedra, / non ten placa conmemorativa. / Pregamentos telúricos, / sedimentos e clima / foron conformando a súa paisaxe maxestuosa: verde, pallosa, castaña, ocre, dourada; / reflectida no seu río de andar preguizoso / e augas cristalinas. / Así se mantivo / dende os seus antigos devanceiros. / Nin romanos nin franceses a turbaron, / mesmo os caciques recuaron / empacados como metoucos de millo pantasmais. / Non a estraguemos agora / que é un pazo de cultura, / un deleite para os ollos / e unha escola para os nosos fillos“.
Gonzalo Sancho: “O val do río Gafos”, no ‘PoemaRio dos Gafos”.
Poemas, acrósticos, artigos xornalísticos, crónicas históricas, apuntamentos etnográficos, impresións e experiencias… A Asociación Vaipolorío vén de presentar unha publicación que contén textos de estilos e enfoques diversos, co denominador común de ter o río Gafos como protagonista e fonte de inspiración. De Vaipolorío non cómpre presentación ningunha: do prestixio deste colectivo dan boa conta as súas actividades, impulsando dende hai máis de dez anos un intenso e denodado labor a prol da recuperación ambiental deste cauce fluvial, involucrando na súa causa a organizacións sociais e institucións públicas, estudando, catalogando e dando a coñecer a fauna e a flora deste espazo, afondando nos aconteceres do pasado e da veciñanza que, ao longo de xeracións sucesivas, foi habitando nas súas ribeiras.
Este libriño de pouco máis de medio cento de páxinas é outro paso adiante -cun cariz literario e creativo nesta ocasión- na senda certeira coa que Vaipolorío unicamente persegue converter o Gafos nun referente da identidade moderna de Pontevedra, e seguir captando a complicidade da cidadanía na tarefa común de construírmos entre todos un mundo mellor; non en van, cómpre apostar pola acción a nivel local, mais cun pensamento global.
“Foron moitos anos que Pontevedra viviu de costas ao río Gafos…”
Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío, no prólogo da obra.
…Tamén os marinenses vivimos moitos anos de costas ao monte. E dun tempo a esta parte é cando algúns nos decatamos de que non podemos prescindir deste espazo, no seu estado natural. Que nada -nin os cartos, nin as promesas de bonanza- compensa a perda irreversible deste patrimonio ambiental, histórico e cultural. Ogallá DEFENDE O MONTE PITUCO teña tantos folgos coma Vaipolorío; un bo espello no que mirarnos, tal como as augas -agora si, cristalinas- do Gafos.
“Aos amigos de Monte Pornedo, que con máis ilusión que medios, VAN CONSEGUIR ETERNIZAR ESE ESPAZO MAXESTUOSO“. (Gonzalo Sancho).
Moitas grazas. Ogallá!
Que seria de Galiza sen os seus ríos?
Déronos e dannos de beber.
Foron a forza motriz de milleiros de muíños.
Serven para regar brañas, pradeiras e leiras de millo.
O seu percorrido é unha senda que troca de cores con cada estación.
Son unha fonte de vida de incalculable valor… magoa que a avaricia duns poucos queira rematar con eles.
Que máis se lle pode pedir?
Parabéns pola iniciativa.
By: Arben on 31/05/2012
at 18:38