Publicado por: MontePituco | 13/06/2010

MOTORES FÓRA

Ruxían os motores. Dende o alto do monte, sentiamos como aceleraban insistentemente, subindo e baixando costaneiras. É sairen unhas raiolas de sol logo duns días chuviosos, e velaí están, moendo na lama, trillando na terra, facendo sucos cada vez máis fondos coas rodas das súas motos e dos seus quads. Non deben sentir os laios da terra. Pero a nós o monte dóenos.

Non temos nada en contra da xente que practique esa afección, pero pedímoslle que o fagan nun circuito regulado. Os comuneiros de Salcedo, de Marcón e doutras parroquias xa lles prohibiron circular nas súas parcelas, xa vetaron a súa presenza a lomos das súas máquinas; non en van, a dinámica constante destes vehículos no monte altera a paisaxe, arrasa coas prantacións de árbores e deixa sen vexetación os espazos polos que rodan, unha e outra vez. Os neumáticos fan o mesmo efecto que o de Atila: non crece a herba ao seu paso.

Provocan contaminación acústica, espantan a fauna que habita na zona. Arriscan a súa seguridade os temerarios que entrenan sen nengún tipo de seguro que, en caso de accidente, provoca que a responsabilidade civil recaia na Comunidade de Montes, incapaz de asumir semellante gasto. E os máis irresponsables non dubidan en convertir o monte non só nun mapa caótico de rodadas, senón tamén nun basureiro de latas.

A comunidade de montes de San Xulián está polo labor de ceder un espazo para os afeccionados a esta práctica deportiva. Que os interesados contacten coa xunta rectora e se informen da ubicación deste ou doutros posibles circuitos autorizados. Pero no Monte Pituco, dende logo, non está permitida esta actividade: hai xacementos arqueolóxicos que poden sufrir danos irreparables, é un espazo do que gozar a pé ou en bicicleta, en contacto coa natureza e, por tanto, non admite o impacto nen o nivel de agresión que causan eses vehículos.

Sentímolo polos pilotos que viñeron este fin de semana, dende Pontevedra, Marín, Ponte Caldelas e a saber de onde máis sitios virán. Pero a próxima vez, en vez de apuntar ao chan, o obxectivo da cámara apuntará directamente a eles e ás súas bruscas manobras. E as imaxes acabarán no Seprona.

Publicado por: MontePituco | 10/06/2010

UN LIBRO SOBRE SOSTIBILIDADE

 

Na capa e na contracapa predominan distintas tonalidades de cor verde. Non se podía agardar menos dun libro que se titule “Sostenibilidad, valores y cultura ambiental”. Estivemos na súa presentación, cos directores da publicación, Ricardo García Mira, profesor de Psicoloxía Social e Ambiental, e Pedro Vega Marcote, profesor de Educación Ambiental para un Desenvolvemento Sostible, ámbolos dous na Universidade da Coruña. A publicación reúne artigos de 19 académicos e investigadores de Galicia, Andalucía, Cataluña, Canarias, Portugal, México, Rumanía, Suecia, Estados Unidos e Reino Unido, analizando o concepto “sostibilidade” desde a psicoloxía social, a socioloxía, a educación, a economía ou os medios de comunicación.

E, aínda sen tempo para ir afondando pouco a pouco nas súas 328 páxinas, atopamos un parágrafo nidio e clarificador nun dos seus primeiros capítulos. Ricardo García Mira fai a seguinte reflexión:

“A sostibilidade debe ser entendida como ecolóxica, con usos que non esgotan os recursos e preservan o medio; económica, que permite a prosperidade, aínda que con ataduras e freos ás accións que supoñen un impacto irreversible, con renuncias soportables, e social, que canaliza a participación e o consenso social sobre a toma de decisións”.

E a pouco que se extrapole esta definición ao futuro do Monte Pituco, ante a ameaza de sucumbir ao proxecto de polígono industrial ou área loxística coa que o Concello de Marín pretende estragalo, podemos pensar que a actitude política dos responsables municipais é a antítese da sostibilidade. Con que argumento o afirmamos? En principio, o goberno local pretende un fin encomiable: prosperidade económica para a vila. Pero falla estrepitosamente porque obvia o custe ecolóxico, económico e social da medida que pretende: o aspecto máis evidente está no impacto irreversible na xeografía da zona; unha zona, lembremos, de gran fraxilidade visual, segundo recolle o propio documento provisional do PXOM.

Tamén interviu na presentación o profesor do Instituto Xelmírez II de Santiago, Francisco Serrallé, que comentou tres ideas interesantes: a primeira, que para exercer un comportamento social comprometido coa sostibilidade non cómpre preocuparse polo deterioro da Amazonia, que tamén, senón botar unha ollada ao noso redor, visualizar problemas que están ante nós e nos afectan directamente, para intervir sobre eles. Din os ecoloxistas: Pensa globalmente e actúa localmente, non é?

Insistiu Serrallé na educación como motor de cambio, se aspiramos a vivir nun pobo, nun país, nun mundo sostible. De pouco serve que un puñado de persoas se comprometa a coidar do medio ambiente; só a maioría social concienciada pode lograr resultados positivos. Por iso é importante que a educación ambiental chegue a todas as persoas. E nesa liña apuntaba que é posible invertir dinámicas, cambiar a maneira de facer as cousas, conseguir que quen ten o poder e a responsabilidade de actuar, o faga sen cometer os erros do pasado, porque as problemáticas actuais non teñen que ver coas de antano.

Mais é aí onde “pinchamos en óso”, onde se frustra a esperanza, onde fracasa o sistema, onde se evidencia que as intencións de cambio por parte dalgunhas Administracións e organizacións con capacidade de xestión son pura maquillaxe, pura fachada, pura mentira. Porque predican e aparentan o que non cumpren nin practican. Porque desprezan a participación das persoas con sensibilidade ambiental, non reciben nin atenden, reaccionan con silencio e opacidade.

Iso, cando non atacan ou ameazan, ao criticarlles a falta-de-educación, a falta-de-cultura. Porque, chamándolle ás cousas polo seu nome e prescindindo dos eufemismos, cal é o antónimo de educación, de cultura, de coñecemento? Acaso non é a ignorancia?

Agradecémoslle ao profesor García Mira que nos achegara esta obra, da que abofé iremos tirando moi bo proveito e moita riqueza en ideas e argumentos.

Publicado por: MontePituco | 09/06/2010

…EXEMPLO DE MANTEMENTO???

Non lles custaba nada, pero fixeron mutis polo foro e a maior parte dos veciños e comuneiros de San Xulián enteráronse pola prensa da visita que o delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, fixo o venres pasado á Casa de Montes e aos terreos nos que se están a facer uns costosos traballos de erradicación de acacias. A invitación, segundo a nota informativa da Xunta, partiu da Comunidade de Montes que, xustamente unha semana antes convocara unha asemblea. Fora para falar do polémico conflicto cun particular pola propiedade dunha parcela, pero non tería estado de máis que remataran a sesión anunciando a visita de Cores Tourís. Así se fai en organizacións transparentes nas que flúe a información.

Outra posibilidade: que a visita se confirmara dun día para outro, pode ser. En calquera caso, non hai disculpa posible para unha xunta rectora que non comparte información cos comuneiros, que non dá conta dos proxectos nos que está involucrada nin das relacións institucionais que mantén coas Administracións. Para enterarse das cousas, nada mellor que facer vida no bar da Casa de Montes, chiquita vai, chiquita vén, para remendar o vecindario e poñer de media volta a quen non lle entra polo ollo a máis de catro. Os que non teñen nada mellor que facer obvian que o resto dos parroquianos vivimos do traballo; pero sabemos ler e, dende logo, os taboleiros de anuncios están baleiros de información salvo cando toca a rebato.

Así que, agás os “enteirados” de turno, o resto dos mortais temos que cheirar nos xornais que a Consellería de Medio Rural, en colaboración coa comunidade de montes, está a investir 66.830 euros para levar a cabo un proxecto re Restauración Hidrolóxica Forestal nunha superficie de 16,78 hectáreas. Contaba estes días atrás a nota informativa da Xunta:

O obxectivo desta obra é o fomento de frondosas, a execución de desbroces, e a eliminación de mimosas e acacias. “Neste último sentido traballamos en dúas fases, nunha primeira para erradicar os espécimes máis pequenos e unha segunda fase, dentro de tres ou catro anos, para eliminar os exemplares maiores”, explicou José Manuel Feito, o director da obra.

“Para nós é unha gran satisfacción que os membros da comunidade de montes nos invitaran a comprobar o avance destes traballos, xa que son todo un exemplo de mantemento dos nosos montes”, engadiu Cores Tourís.

A maiores, o presidente da asociación solicitou tamén o delegado territorial colaboración económica para o desenrolo das actividades que se poñen en marcha todos os anos no centro social de San Xulián. “Eu comenteilles que por suposto, teñen toda a nosa colaboración e que deben estar moi atentos a cando saia a liña de axudas para solicitalas en tempo e forma”.

…Todo un exemplo? De mantemento? Eso mentres haxa monte, porque para iso están na directiva e facer o contrario merecería denuncialos por deixación de funcións. Dende logo, Cores Tourís non está informado da présa que teñen os comuneiros maiores do reino por “des-montar” o monte, o Monte Pituco polo menos, no que por certo, non se percibe que invistan nin un céntimo na súa mellora: os actos vandálicos desfixeron a área recreativa na que ninguén ten interese en recrearse, os verquidos incontrolados pululan de camiño en camiño, e a broza medra exuberante sen que se artellen medidas para limpar a zona de cara ao verán para previr o risco de incendios. En cambio, leva varios meses pululando por San Xulián o vehículo dunha empresa forestal malagueña que debe ser a tal encargada desas obras de restauración hidrolóxica.

Xa que María Ramallo non llo debeu dicir, a pesar de que tamén participou na visita, Cores Tourís debería saber que esta xunta rectora non é exemplo de mantemento do monte porque os seus membros aspiran a destruir unha parte importante do mesmo coa instalación dun polígono industrial -inviable técnica e economicamente, dende o noso modesto pero contrastado punto de vista- que o Concello de Marín quere construir desesperadamente. Cores Tourís debería saber que hai comuneiros e veciños que temos unha visión completamente oposta no que respecta á xestión do monte. E tamén debería saber Cores Tourís que non somos catro almas disidentes as que opinamos así, senón que contamos con apoios a nivel local de colectivos sociais, e a nivel autonómico de comunidades de montes de toda Galicia que comparten con nós a necesidade de potenciar os recursos naturais e patrimoniais deste espazo, absolutamente incompatibles co formigón que pretende sementar esta xunta rectora.

Exemplo de mantemento“… O que hai que ler…

Publicado por: MontePituco | 08/06/2010

X ANIVERSARIO DA MANCOMUNIDADE DE MONTES DE PONTEVEDRA

Á falta da celebración dunha xuntanza oficial, estamos practicamente en condicións de adiantar que o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, do que forman parte terreos do Monte Pituco, vai incorporar un apoio máis: o da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, que se sumaría así á Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que hai uns días tamén confirmaba a súa adhesión formal a esta iniciativa.

Precisamente, e con motivo do seu décimo aniversario, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra vai organizar este fin de semana unhas xornadas sobre biodiversidade e valor ambiental do monte periurbano. E nós preguntámonos, ante quen teña a ridícula tentación de acusarnos de pro-capitalinos e anti-marinenses, por que en Marín ou no Morrazo non se artellan xornadas coma estas ou semellantes? Por que a Comunidade de Montes de San Xulián vive de costas aos colectivos que lle son afíns e cos que podería haber un interesante e fructífero intercambio de experiencias? Por que o Concello de Marín se quere cargar o seu monte periurbano, o que dá en plena fachada sobre a ría e se sitúa en primeiro plano dende a outra banda do mar?

DESCARGAR O PROGRAMA DAS XORNADAS

Publicado por: MontePituco | 08/06/2010

ERASMO VIRTUAL, LUIS PRESENCIAL

Por fin puidemos agradecerlle verbal e persoalmente a Erasmo o que moitas veces puxo por escrito no foro marinenses.com: o seu posicionamento a prol da conservación do Monte Pituco e a súa firme aposta pola ubicación dun polígono industrial noutra ubicación, con maior proxección de futuro e menor impacto ambiental. Foi posible grazas á iniciativa do Ateneo Santa Cecilia, que invitou a este profesor marinense da Universidade Carlos III de Madrid a impartir unha charla sobre o adverso contexto económico actual e a súa repercusión no noso ámbito autonómico e local.

Malia que moitos coñecemos por primeira vez a quen está detrás -ou diante, segundo o punto de vista- deste peculiar alter ego, atopamos nel unha persoa cercana e conversadora, coa que se poden compartir ideas ou non pero, en calquera caso, cunha sólida e contrastada bagaxe documental en todo canto expón.

Na súa conferencia, á que non faltaron concelleiros da oposición -os do goberno socialista estaban nunha charla paralela con Carmen Gallego que se celebraba na biblioteca e os do goberno nacionalista non sabemos onde estaban mais tampouco cremos que fora relevante averiguar o seu paradeiro naquel intre- volveu insistir na necesidade de inxectar credibilidade, optimismo e ambición na cidadanía marinense e na súa clase política: para optar a un polígono industrial potente e de envergadura que capte investimentos, por que non, ao nivel das grandes corporacións, por que non, tamén de rango internacional. Por iso calificou de “birria” o estudo do Bloque sobre as necesidades de chan empresarial e advertiu que os 300.000 mil metros cadrados de capacidade que puidera ter un posible polígono no Pituco non só non abondan para satisfacer as necesidades a 25 ou 30 anos vista, senón que ademais se trata dun espazo que presenta serias dificultades a nivel ecolóxico e topográfico.

…E non podemos estar máis de acordo, Erasmo-Luis, pero unha cousa son os plantexamentos obxectivos, e outra, os intereses, no sentido enrevirichado da palabra que, non por máis ocultos resultan menos evidentes. Dende DEFENDE O MONTE PITUCO non deixaremos de atacar a actitude enrevirichadamente interesada da Comunidade de Montes, cuxo presidente por certo, estaba moi atento en primeira fila.

Erasmo de Marinenses versus Luis Grandal: outro Erasmo, de Rotterdam, neste caso, célebre humanista dos séculos XV-XVI, contribuiu a legarnos unha valiosa fortuna de proverbios de orixe grega e romana. Un deles pódeselle aplicar a este veciño que vén de perder o seu anonimato virtual: Erasmo-Luis é unha sorte de rara avis. Non sabemos se estoutra lla debemos ao legado recompilador do teólogo holandés, pero podería ser perfectamente factible: Non se pode comulgar con rodas de muiño. Velaí as grandes contradiccións de quen sobe a carros dos que non leva as rendas, vaia isto en alusión a quen aparentemente goberna na nosa infausta Casa de Montes.

Grazas, Luis, por compartir en persoa o que Erasmo comparte na rede. Ata próximos capítulos de Rurales e Urbanitas.

Publicado por: MontePituco | 05/06/2010

COMUNIDADES DE TODA GALICIA, CO MONTE PITUCO

Nunha loita de pequenos contra grandes, de ‘davides’ contra ‘goliats’, de quixotes idealistas contra muiños de vento disfrazados de xigantes… cómpre sentirse arroupados e amparados por colectivos de prestixio e con criterio xuicioso que nos manteñen cos pés na terra. O seu apoio dános a seguridade de que as nosas pretensións non son irrealizables, que loitamos por unha reivindicación xusta e posible, que se poden aplicar aquí modelos de xestión que dende hai tempo funcionan con éxito noutros lugares próximos. Que, como diría o entrañable “Nadarín”, de Leo Lionni:

“…Imos nadar todos xuntos coma se fósemos o peixe máis grande do mar!”.

Publicado por: MontePituco | 03/06/2010

RANCIA NOSTALXIA

“Doutrina política favorable á intervención do pobo no goberno”.

Así define o diccionario da Real Academia Española a palabra ‘Democracia’; un concepto que na Comunidade de Montes de San Xulián se interpreta dun xeito un tanto peculiar. Resulta que falta un ano para renovar a xunta reitora pero, entre os propios directivos, xa dan por feito que o vicepresidente vai relevar no cargo ao actual titular. E, a falta de que se celebren unhas eleccións en regra, semellante afirmación non se pode considerar menos que:

a) poñer o carro antes dos bois

b) botar a lingua a pastar

c) ningunear o presidente

d) ningunear os comuneiros

e) ningunear a democracia

E iso non se pode consentir nun Estado de Dereito, tanto para encabezar un goberno, unha casa de montes ou unha asociación de veciños. Un ano dá para moito, sexa de boa xestión, sexa de meteduras de pata, sexa de mangoneo premeditado. Pero afirmar a estas alturas que un señor que actualmente está de segundo de abordo -aínda que para moitos exerce de ter a sartén polo mango e cortar o bacallau ao seu xeito- vai ser o sucesor por designación pouco menos que divina, é un atrevemento e un insulto. E logo éncheselles a boca dicindo que no polémico caso do litixio cun propietario particular pola titularidade dunha parcela no Monte Pituco hai “gato encerrado” pola outra parte. De “gatos encerrados” e doutras bestas saben moito algúns directivos, polo visto.

A escena foi como segue: finaliza a xuntanza encol do terreo disputado e DEFENDE O MONTE PITUCO diríxese a membros da xunta reitora co obxectivo de entregar unha solicitude de colaboración para levar a cabo a eliminación dos verquidos incontrolados que proliferan nesta zona. Como se dunha Administración pública se tratara, pretendíase entregar o documento e obter sinatura dunha copia do mesmo, conforme fora recepcionado. En ausencia do presidente, o vicepresidente recolle a petición e eloxia favorablemente o contido da proposta, pero négase a asinar a copia ou cuñala co selo da Comunidade de Montes.

A que vén esa actitude? Por que un vicepresidente non exerce a súa función en ausencia do principal titular? Un síntoma de falta de confianza entre directivos -en teoría- dun mesmo equipo? Que temor pode haber a asinar un simple acuse de recibo a unha petición para levar a cabo unha acción beneficiosa para o monte e a colectividade? Por que, cando di que lle entregará o documento ao presidente, nos temos que fiar da palabra dun directivo co que discrepamos abertamente dos seus cuestionables criterios de xestión do monte? Que interese lle move a pretender quedar cun documento do que non se fai cargo como destinatario?

Todas estas preguntas que nos faciamos mentalmente mentres se producía un surrealista “tira-e-afrouxa” sobre a conveniencia ou inconveniencia de asinar o acuse de recibo, tiveron resposta na frase máxica: “Xa che firmará o papel cando sexa presidente”. Inevitable a cara a cadros. Inevitable pensar naquel memorable programa de televisión do desaparecido Fernando García Tola, “Si yo fuera presidente”. Deus nos colla confesados cando este señor sexa presidente.

E xa o colmo da pretensión -no sentido de pretenciosidade- por parte do presidenciable é, nin máis nin menos, “copiar” o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Casualmente, cando máis difusión se lle está a dar a esta proposta de recuperación e posta en valor do Monte Pituco-Pornedo e dos montes colindantes das comunidades veciñas, o presidenciable arráncase, “coa boca pequena”, cun suposto proxecto para facer un mirador nese alto, pero que non fora adiante porque “tumba”, porque “taramba”, porque se “aquelou” o “aquel” e vaguedades polo estilo. O mesmo que apoia a instalación dun polígono industrial que arruinará o potencial cultural, patrimonial, turístico e forestal do monte, pretende compatibilizar una mole de formigón co disfrute da paisaxe. Pero de que vai este presidenciable.

…Que o mesmo che desmonta o monte enteiro, que che pranta un espazo recreativo, o mesmo che pon a parir a franxa de seguridade da Brilat -esa que o Exército lle leva o monte “pola cara” mentres que o polígono llo permutan ben permutado- que che resolve o problema dos verquidos incontrolados. A súa coherencia si que é un auténtico descontrol. Pero non é de estrañar a actitude do presidenciable cando, entre os seus adeptos dentro da propia xunta reitora, propoñen unha fórmula infalible para acabar cos vertedoiros: “Aquí tiña que volver Franco!”.

Só agora cabe volver ao principio deste relato: “…a intervención do pobo no goberno”. Ou acaso será ditadura cando pretenden pintala de democracia?

Publicado por: MontePituco | 02/06/2010

CUNETAS PERIGOSAS

Velaquí o estado que presentan as cunetas nos lugares de Bouza, Caeiro e Pena: tralas chuvias abundantes dos últimos meses e a chegada do bo tempo, a maleza invade o paso dos peóns nunha estrada de titularidade provincial cun trazado cheo de curvas e que carece de beirarrúas. Sen beirarrúas, cunha iluminación tirando a precaria e unhas condicións de seguridade vial cuestionables. Os habitantes da zona e os numerosos paseantes que soben camiñando a cotío ata o alto do Pituco, por moi guiadiños que vaian “pola súa man”, non poden evitar ás veces ter que botarse contra o muro para que algúns conductores desaprensivos, que circulan tal coma nos rallies, non os leven por diante. Cativos e persoas maiores escasas de reflexos, corredores e ciclistas que fan este roteiro para entrenar, expóñense a un perigo innecesario que se podería resolver se a maquinaria da Deputación fixera limpeza nestes tramos, se o Concello de Marín demandara que os viais que comunican as parroquias estiveran nas mellores condicións posibles. Cómpre tamén sensibilizar os donos das fincas e dos matos lindantes para que se preocupen de desbrozar as súas propiedades; unha colaboración que xa aportan algúns veciños, de xeito responsable e exemplar.

Publicado por: MontePituco | 01/06/2010

NA SEMANA DO MEDIO AMBIENTE

Este sábado 5 de xuño é o Día do Medio Ambiente e xa son moitas as actividades que ao longo da semana se veñen celebrando sobre esta data instaurada en 1973: os rapaces nas escolas aprenden o significado do concepto sostibilidade, a recoñecer exemplos de contaminación e a familiarizarse coas técnicas da reciclaxe-reutilización-reducción dos residuos… Unha labor educativa que semella estéril cando na práctica moitos adultos fan a cotío todo o contrario do que deberan inculcar nos máis novos; e exemplos houbo abondo neste blogue, dende verquidos incontrolados in fraganti, ata accións de desprezo e case maltrato polo patrimonio histórico e natural do monte, pasando polos discursos rancios e demagóxicos da Comunidade de Montes a prol dun polígono industrial no espazo protexido que outros defendemos, co único argumento pola súa parte de que ‘as pedras non dan de comer’.

Pero o que din, ou fan, ou deixan de facer algúns dos seus directivos merece un capítulo aparte; sirva tan só como adianto que ultimamente están amosando un insólito afán por “copiar” propostas que non lles pegan nen con cola e que son a antítese da actitude pro-cemento que viñan amosando na contra de DEFENDE O MONTE PITUCO. Pero son lobos con pel de año, depredadores de euros disfrazados de honrados e inofensivos veciños. Para eles haberá outro episodio á parte, que ben o merece o seu incomensurable cinismo.

O caso é que, este vindeiro Día do Medio Ambiente, dous colectivos do noso contorno van protagonizar senllas accións reivindicativas: a APDR coa súa Marcha contra Celulosas que sairá ás 19:30 horas das Alamedas de Marín e Pontevedra de forma simultánea; e Verdegaia coa celebración na Praza da Ferrería de Pontevedra do I Festival Galego de Cultura Mediambiental ‘Naturaliza’, en defensa dos bosques galegos e da súa fauna, e durante o cal se entregarán o Premio Cemento e o Premio Semente á peor e á mellor acción, respectivamente, sobre o noso contorno.

A APDR vén de presentar unha revista na que colaboran persoeiros do ámbito social e cultural: entre os marinenses, o pintor Antón Sobral e o deportista Manuel Rosales (co que o BNG pechou a súa candidatura electoral nas pasadas eleccións municipais, dito sea con ánimo meramente informativo). Antón Sobral titula o seu artigo cun verso de Manuel María e di: “Se temos algo que ofrecer como país ao mundo é a nosa cultura, e dentro da nosa cultura a paisaxe ocupa un lugar privilexiado. Eu só podo berrar co noso poeta: A paisaxe é fermosa”.

Aínda que en castelán, o artigo de Manuel Rosales comeza comparando a traxectoria da APDR cunha carreira de fondo: “Muchas veces pensamos y también opinamos con los amigos, diciendo ya están otra vez esos maniáticos cuando vemos manifestaciones de los ecologistas; y yo me pregunto, serán verdaderamente unos maniáticos o será gente con una visión de futuro superior del que consideramos ciudadano normal, pues yo opinaría que por las noticias de los medios de comunicación, reconoceremos que no están equivocados, lo que pasaba es que los ciudadanos normales éramos lo que se dice unos pasotas…”.

A lista de colaboradores desta revista inclúe, entre outros a escritora Susana Fortes cun fermoso artigo titulado “Los paraísos perdidos”, a actriz Mabel Rivera reivindicando que “As rías non se venden” ou o catedrático de Ecoloxía Adolfo Cordero que, no seu “Ás veces as árbores non deixan ver o bosque” fai unha interesante reflexión sobre a xestión dos recursos forestais.

…En fin. Participar nunha manifestación ou en actividades cun fin concreto é unha decisión individual sobre a que non cabe máis chamamento que o da propia conciencia.

Publicado por: MontePituco | 31/05/2010

ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común vén de distribuír esta nota informativa que complementa o comunicado no que a comisión técnica do Espazo Sete Camiños xa adiantaba o resultado do IV Congreso Anual deste colectivo, que apoiou de xeito unánime a posta en marcha deste proxecto para a creación dun Espazo Natural e Arqueolóxico nos montes comunais de Marín, Pontevedra e Vilaboa. Con este novo comunicado, DEFENDE O MONTE PITUCO conta xa co respaldo explícito da Xunta Rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, á que pertencen centos de comuneiros de toda Galicia, que xa coñecen os terribles plans do Concello de Marín e da Xunta. E que xa saben tamén da avidez coa que a Comunidade de Montes de San Xulián agarda esas posibles e cuantiosas compensacións económicas pola permuta dos terreos. Uns terreos inviables dende o punto de vista ambiental e patrimonial, legal e topográfico. Non nos cansaremos de repetilo e de espallar aos catro ventos esta inxustiza. Grazas e beizóns á Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común por darnos este valioso pulo.

A Xunta Rectora da OGCMVMC, reunida trala celebración do IV Congreso Galego de Comunidades de Montes os pasados días 22 e 23 de Maio no Carballiño-Ourense, emite o seguinte COMUNICADO DE PRENSA:

O carácter multifuncional do monte veciñal en man común como base das actuacións co obxectivo de conquerir un medio rural vivo, foi a conclusión unitaria dos asistentes a dito Congreso, facendo referencia ao propio lema do mesmo.

Por outra banda, quedaron patentes os graves problemas polos que atravesa esta figura, e as constantes loitas que comuneiros e comuneiras teñen que levar adiante contra intereses de todo tipo: económicos, especulativos, de degradación, usurpación…

Cuestiónase a desidia do goberno autonómico, non desenvolvendo as medidas tanto xurídicas como administrativas que recolle a lexislación vixente en materia de tutela, axuda á xestión, asesoramento, deslindes, desenvolvemento rural, etc. que deberían impulsarse dende os Distritos Forestais.

Tratouse da inxustiza que se está a cometer cunha aplicación de medidas fiscais dentro do réxime de imposto de sociedades, que equipara as comunidades de montes con empresas, cando os ingresos reverten integramente en beneficios sociais, moitas veces suplindo aos concellos.

Noutra orde, fíxose un recoñecemento ás Comunidades de Cabral e Teis (ámbalas dúas de Vigo) pola loita contra todo tipo de adminstracións e que dálles un saldo favorable nos xuízos tanto polos terreos do aeroporto de Peinador como polos ocupados polo zoolóxico da Madroa.

Asemade, para a Xestora pro-recuperación dos montes de Aldán (Cangas), coñecidos como do Conde de Aldán, nas reividicacións dos mesmos fronte os intentos especulativos existentes. Tamén, para o proxecto arqueolóxico Sete Camiños ligado a reivindicación pro-Monte Pituco do Concello de Marín, pola defensa dos terreos que se queren incluír dentro dun novo polígono industrial na Parroquia de San Xulián, manifestándose o apoio a dito grupo de veciños e veciñas .

A participación no acto de clausura do Fiscal Xeral do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, D. Carlos Varela, amosou a preocupación que se dá dentro de persoas con relevancia no mundo xurídico, pola situación que atravesan os montes veciñais, reclamando un marco legal que defenda a propiedade xermánica, coas características de indivisible, inembargable, imprescriptible e inalienable, fomentado a xestión comunitaria. Asemade, que dentro da nova Lei de Montes de Galicia, se contemplen os seguintes tipos de propiedade: pública, particular e veciñal.

Publicado por: MontePituco | 29/05/2010

APOIO DO IV CONGRESO DE COMUNIDADES DE MONTES

Nota informativa da comisión técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños:

O IV CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN APOIA A CREACIÓN DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS

Os promotores desta iniciativa alertan contra a instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo e a ampliación da franxa de seguridade do acuartelamento militar

O IV Congreso Galego de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que vén de celebrarse no Carballiño, deulle o seu apoio ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños nunha área que comprende os montes de Pontevedra, Marín e Vilaboa. Un representante da Comunidade de Montes de Lourizán e membro da comisión técnica desta iniciativa, que respaldan unha vintena de colectivos sociais dos tres concellos, deulle lectura a un manifesto que contou co respaldo unánime dos asistentes e da nova xunta rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

A declaración aprobada no IV Congreso Galego de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común -ao que asistiron unhas 150 persoas en representación de 62 comunidades- recoñece que o obxectivo do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños pretende “recuperar e pór en valor o importante e valioso patrimonio” histórico e ambiental situado no Monte Pornedo e Sete Camiños, no que destacan mámoas, petroglifos, formacións xeolóxicas significativas e outros elementos de interese. Os promotores desta proposta amosaron o seu compromiso coa xestión do monte “baseada na explotación racional dos recursos propios”.

Así, a comisión técnica de Sete Camiños incide no “papel protagonista” que poderían ter os numerosos xacementos existentes nunha nova dinámica baseada en “optimizar o aproveitamento dos nosos montes e devolverlles o seu uso social”. Non obstante, alertan da existencia de “grandes ameazas que poñen en perigo” a posta en marcha deste proxecto.

Por unha banda, a ampliación da franxa de seguridade do acuartelamento militar da Brilat por parte do Ministerio de Defensa conta co rexeitamento das comunidades de montes da zona afectada. Ademais, advirten que a pretensión do Concello de Marín e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de construir no Monte Pituco-Pornedo un polígono industrial ou área loxística “arruinaría de xeito irreversible a riqueza cultural e natural do lugar”, que está catalogado como espazo protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento e polas Directrices de Ordeación do Territorio.

“Por iso é máis que nunca necesario”, conclúe o manifesto aprobado, “o impulso a este Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, argumentando que “só a súa posta en marcha pode garantir a protección e a conservación dos elementos patrimoniais existentes, para legarlles ás xeracións vindeiras un conxunto de bens de gran valor”.

Con esta nova adhesión, o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños afortálase de xeito importante de cara a súa posible posta en marcha. Unha iniciativa que xa apoian as comunidades de montes de Lourizán, Salcedo e Vilaboa, as asociacións de veciños Estriceres, San Andrés de Estribela, Heroes do Campo da Porta de Salcedo, San Xulián de Marín, a asociación de veciños de Postemirón/A Graña de Vilaboa, a Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres, a Asociación Defende o Monte Pituco/Pornedo, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, Vaipolorío, as asociacións culturais Almuinha, A Pedra Floxam, Ronsel, Os Chichisos e o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO-PORNEDO, o noso agradecemento á directiva da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común pola sensibilidade, a solidariedade e o apoio á nosa causa e á iniciativa a prol da recuperación ambiental e patrimonial do monte.

Publicado por: MontePituco | 28/05/2010

CRÓNICA DUNHA CAUSA PERDIDA

Cando vimos este cartel, lembramos que hai un grupo en Facebook que se denomina «“Haber se quedamos…” A ver se aprendes a escribir». Pero imos deixar á marxe a horripilante falta de ortografía, a torpeza redactando anuncios e a confusión á que induce o citado “conflicto” no Monte Pituco, que nada ten que ver co proxecto de polígono industrial. O caso é que a Comunidade de Montes de San Xulián ten un litixio co propietario dunha parcela privada. Este particular, supostamente, incrementou a superficie da súa finca cun anaco de terreo comunal que a Xunta de Montes lle reclama.

Na última xuntanza da Comunidade de Montes, hai case medio ano, o presidente intentou explicar que a causa xudicial non marchaba ben, que a parte contraria non sei que, que o tribunal non sei canto… O caso era non recoñecer ante os veciños que a sentencia en primera instancia lles foi desfavorable. E como non van perder: cando o presidente tiña que distinguir sobre un plano a superficie que abarca o monte veciñal, este respondeu que non recoñecía o mapa e logo atribuiu esa reacción a que a súa avogada lle fixera “un sinal” para contestar así. E como non van perder, cando admiten na asemblea que hai documentos importantes de titularidade que non están en poder da Comunidade, senón perdidos ou en posesión de persoas alleas á Xunta de Montes. E como non van perder, se derrochan recursos económicos en asesoramento legal, en fontanería e obras varias, nisto e no de máis alá, ata o punto de que os comuneiros non lles aproban a contabilidade… e non pasa nada!

Pois a ver que relato surrealista e esperpéntico idean desta vez para xustificar que volveron perder en segunda instancia. Seica vai asistir á xuntanza alguén do bufete que representa a Comunidade de Montes. De azuzar os veciños xa se encargan estes directivos, así que os ánimos están caldeados. A seguinte viñeta pode ilustrar un pronóstico de como transcorrerá a sesión.

Publicado por: MontePituco | 27/05/2010

NO LUGAR E NO MOMENTO INOPORTUNO

 

…Pois volviamos tranquilamente de retratar o estado da Variante de Marín no Monte Pituco e, enfiando o camiño de volta, escoitamos un ruido de cascotes ciscándose. Efectivamente: atopamos ao lonxe un home baleirando unhas gabetas que levaba no portaequipaxes dun coche aparcado no mesmo sendeiro. Nen cortos nen perezosos. Tras. Foto. E xusto ao seu carón. Re-tras. Re-foto. A cara de susto e de abraio pola tremenda cachada coas mans na masa non lla quitaba nin deus. Por cafre e por bandolero. 

 

O vehículo, ben metido no camiño: unha de dúas, non fora levantar sospeitas ao mesmo pé da estrada ou ben non se fora herniar transportando os capachos, que aínda eran uns cantos e ben cargados de restos de obra. Marchamos do lugar cando o suxeito intenta articular unha xustificación pacata e fulera: “…E logo quen botou o que xa estaba?” 

 

Mira, ‘amigo’: e que máis dá quen botara os cascallos antes ca ti. O que estás facendo non só é de mal gusto, senón tamén ilegal. Pero non che imos dar leccións de dereito civil; con que pases un rato de vergoña pola túa actitude, con que tatexes unha excusa vaga e quedes xurando un rato en arameo, é abondo. 

 
Probablemente sexas un mandado e bastante teñas con librarte do escombro despois de partir o lombo durante un día enteiro. Probablemente sexas o tipo de persoa que polo monte non sente nen frío nen calor, que tanto che dá se arde, se non arde, se proliferan os verquidos incontrolados, se o levan por diante unha columna de pás excavadoras, se arrasan con petroglifos e mámoas, se prantan nel eucaliptos ou centellas. Probablemente, e con algo de sorte, non volvas repetir esta falcatruada no Monte Pituco. 

 

Publicado por: MontePituco | 26/05/2010

QUEIXAS CONTRA A VARIANTE DE MARÍN

Que a Variante de Marín é un vial inseguro, mal deseñado e ineficaz, é evidente. Inseguro, mal trazado e ineficaz polo seu trazado cheo de curvas, polos seus impresionantes desniveis, polo perigo que supoñen os animais salvaxes que acceden á estrada por lugares carentes dunha rede protectora, polo impacto brutal ao territorio e a ausencia de barreiras vexetais que minimicen a bofetada visual e sonora que provoca.

Cando hai dúas lexislaturas o actual presidente do Goberno galego era conselleiro de Política Territorial e veu visitar as obras, pediuselle que non remataran os traballos sen instalar algún tipo de medida paliativa para estes inconvintes. Aínda estamos agardando, nin el nin os seus sucesores na Xunta se preocuparon un ápice deste adefesio que empeza -ou remata, segundo de onde se veña- no medio do monte, nun lugar mal sinalizado e mal iluminado. Os veciños da Pena e do Caeiro compadecemos aos moitos condutores que se desorientan porque pasan o acceso de longo e temos que reconducilos, coa advertencia de que estean ben atentos, que esta variante é só para xente avispada e un tanto temeraria.

Tralo cambio de cor política na Xunta, as máquinas volven traballar na Variante de Marín para rematar o seu trazado ata Pontevedra. Pretenden enlazala coa autoestrada nun nó xusto a carón de Ence e practicamente enriba da ría, pasando cun viaducto sobre unha decena de casas cuxos habitantes vivían tan tranquilos sen meterse con ninguén ata que algún lumbrera dende algún despacho confortable decidiu pintar por onde menos debía. E a clase política, como reacciona? Pois que as obras tiren para adiante a fume de carozo, que non se pode agardar máis. Os populares de Marín e Pontevedra fixeron algunha xestión para corrixir o trazado pero, malia que o conselleiro de Infraestruturas discrepa tamén coa solución actual adoptada polo Goberno Central, permite que se cometa ese “erro histórico” que tanto critica.

Máis de botar de comer á parte é a actitude do alcalde de Marín que, non só aplaude que as obras sigan polo civil ou polo criminal, senón que xa reclama o desdobramento do vial, alertado quizais pola proliferación de graves accidentes no veciño Corredor do Morrazo. É un xeito de recoñecer a súa perigosidade? Por que o Concello de Marín non reclamou dende o principio un vial de dobre trazado? Cando volverán dinamitar o Monte Pituco-Pornedo para anchear a Variante? A continuación, a Asociación de Veciños de San Xulián expón as súas queixas contra esta infraestrutura:

A AA.VV. de San Xulián, ante a eterna execución e inacabada Variante de Marín, critica a nova actuación chapuceira de rematar a mesma no nudo da autovía. Esta AA.VV. non comprende como os concellos de Marín e de Pontevedra asumen e permiten a consolidación dunha mole destas características ao lado da ría, non facendo nada para que a Administración do Estado asuma o remate da Variante de Marín máis arriba, de xeito que non hipoteque a recuperación das beiras da ría coa consolidación deste novo mamotreto.

Sendo contradictorio cos plantexamentos dos Concellos de Marín e de Pontevedra para a recuperación dese espazo, ante a caducidade da licencia do complexo Ence-Elnosano no 2018, preguntámonos: A que xogan o BNG e o PSOE? Lamentamos a pasividade e o silenzo dos colectivos sociais ante a consolidacion deste nudo de enlance da Variante de Marín.

Tamén denunciamos o deficiente acabado do tramo Ardán-Estrada Marín-Figueirido, no cal se malgastou e se xustificaron investimentos que para nada subsanaron as deficientes e nulas reposicións. A non canalización das augas fai que sigan anegando os bens e as propidades dos veciños da parroquia, sendo moi perxudicados os das zonas dos Bravos e Velafins. A saída no lugar da Pena é unha zona totalmente abandonada e sen ningún tipo de alumeado.

Por tal motivo, señres da Xunta de Galicia, do Concello de Marín, do Concello de Pontevedra e da Deputacion Provincial, empecen a ter en conta este tipo de demandas e consideracións para que as cousas se fagan medianamente ben, pois os tempos non están para tirar os cartos públicos como fan en numerosas obras públicas.

Reclamamos da Xunta de Galicia que se poña as pilas a tempo, completando esta 2º fase coa mellora e actualización aos novos tempos da Estrada Marín-Figueirido, pois hoxe en día este infraestrutura é un exemplo de inseguridade vial, de ineptitude e de sinvergüencería por parte do Goberno local de Marín e da Deputación de Pontevedra. Non se lles pode facer caso porque non son xente de palabra.

No seu momento, a AA.VV. San Xulián considerou o tramo executado da Variante de Marín como un carreiro, demandando para o tramo desde o Pituco ata Mollabao as medidas necesarias para facer un vial amplo e seguro, evitando desta maneira os problemas e o derroche de cartos como no corredor do Morrazo.

Publicado por: MontePituco | 25/05/2010

RESPOSTA ÁS ALEGACIÓNS: ALGUÉN TEN A 448?

Que un fallo o pode ter calquera, pois claro, errare humanum est. Pero pasaron dous anos dende a presentación das últimas alegacións ao proxecto de PXOM e agora, a fume de carozo para acalar as reiteradas críticas pola desmesurada demora na contestación, o Concello non dá abasto imprimindo e grapando papelorios. A crítica non vai dirixida ao persoal municipal en xeral, senón aos seus mandatarios, apurando o que debera terse feito co esmero e a atención apropiada para un feito tan relevante. E así non é de estranar que o encabezamento no que o alcalde dá conta da contestación acordada na comisión de seguemento do PXOM faga referencia a unha alegación presentada co número 448, mentres que a xustificación do equipo redactor ten o número 447. Afortunadamente, o erro non está neste último documento porque, de ser así, estariamos valorando a alegación de calquera outro veciño ou veciña que podía non ter nada que ver co proxecto de polígono no Monte Pituco-Pornedo. Afortunadamente, o que non corresponde é o escrito do alcalde; pero ese tanto nos ten, como tanto lle temos nós a él. Tanto agardar para ao final recibir desparexados os escritos… En calquera caso, se a persoa que presentou a alegación rexistrada co número 448 quere que ter a xogo os seus papeis e dispoñer do encabezamento que lle corresponde, que saiba que aquí a ten.

Indo ao cerne da cuestión: para esta viaxe non facían falta tantas alforxas. Polo escueta e ambigua resposta do equipo redactor -que debeu cobrar unha auténtica pasta (alguén sabe a cuantía?)- por esta encomenda, dá a impresión que os administrativos do Concello deberon tardar máis en pregar e ensobrar os folios que os técnicos en romper a cabeza argumentando o porqué si ou porqué non das alegacións en xeral e desta en particular.

Reordenaranse algúns dos solos municipais.

Resposta-tipo, como a de moitas outras alegacións contestadas na mesma liña. Intrigante e imprecisa. Cales solos se van reordenar? Por que non se molestan en precisar como queda o terreo motivo da alegación? Que garantías ten o cidadán de que o seu esforzo interesándose pola ordeación dos seus bens non vai ser en balde? Percibimos unha enorme falta de respecto e consideración hacia o contribuinte por esta falta de concreción.

…O ámbito de protección dos xacementos se inclúe na documentación gráfica, polo que será necesario un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu desenvolvemento, tal e como se indica na normativa urbanística, garantíndose…

Que documentación gráfica? Acaso dan xa por feito que a Xunta lles vai conceder un informe favorable? Quen é o Concello de Marín para garantir a protección dun ben patrimonial ante unha posible obra que sería de competencia autonómica, non local? Acaso os responsables municipais de Urbanismo, Cultura e Medio Ambiente poderían dar o visto bo a un proxecto de urbanización nun monte repleto de xacementos protexidos, para que acabe acontecendo unha aberración semellante á cometida na serra da Groba en Oia?

Pois xa dirán estes lumbreras onde pretenden encaixar un polígono industrial entre semellante campo de xacementos. Insistimos: Bens de Interese Cultural coa máxima protección en si mesmos e tamén no seu perímetro. Ou igual a idea surrealista do Goberno local é facer un sucedáneo do ecoparque, sobre cemento e entre naves, para probar a pericia dos aventureiros sorteando petroglifos. Pero de ir adiante tal despropósito, polo seu ben deberan “cortarse” un pouco máis nos métodos de contratación para non “cubrirse de gloria” como están a facer no “escándalo” de Cadro (ver blog de BreaSeixo).

En calquera caso, o que o concelleiro nacionalista de Urbanismo anunciaba hai dous meses como desestimado, na contestación oficial aparece como PARCIALMENTE PROCEDENTE. As alegacións contra o polígono do Monte Pituco-Pornedo cuxa existencia o alcalde socialista de Marín negaba airadamente, son PARCIALMENTE PROCEDENTES. Cabería preguntarse se tanto Xosé María Vilaboa como Francisco Veiga son parcial-mente mentireiros ou se a súa mente-parcial simple-mente manipula o concepto ‘procedente’.

Publicado por: MontePituco | 24/05/2010

INSTRUCCIÓNS PARA FACER UN HERBARIO

Nunca é tarde para descubrir os espazos naturais que nos rodean. Mentres estean aí, estaremos a tempo de deixar de darlles as costas. Estránase o que se perde, por iso canto mellor é non prescindir daquelo que nos fai a vida máis agradable, que nos dá apertas de osíxeno e de cor verde, que nos enriquece con historia e cultura. O Monte Pituco-Pornedo ten moitos motivos para sorprendernos e, dende logo, o polígono industrial co que o Concello de Marín pretende arruinalo a perpetuidade vai en contra dos propio marinenses, dos habitantes da bisbarra e dos numerosos visitantes potenciais que estean dispostos a coñecelo.

Non hai máis que ver ao redor para percibir o aprezo que nos concellos do contorno teñen polas súas paraxes. Acudimos á Serra da Fracha cun grupo de entusiastas da natureza para participar nunha xornada de iniciación á botánica, organizada pola Concellaría de Medio Ambiente Natural de Pontevedra co apoio de varios expertos. Unha mágoa que Marín careza dunha actividade coma esta, tan detallada na forma e tan proveitosa no fondo (e tan gratuita, nos tempos que corren): un autobús despraza ata o monte aos asistentes, provistos de carpetas, cadernos de campo e o demais material necesario que lles facilitan os guías.

A Fracha recíbenos cun sol espléndido para deixarse curiosear entre as súas matogueiras, peliscando herbiñas de moitas especies que imos depositando coidadosamente entre papel de xornal. Camiñamos, observamos unha ampla paisaxe na que non faltan os Montes do Morrazo, as Rías Baixas dende Vigo ata case Arousa de non ser pola bruma, respiramos aire puro e imos descubrindo o que o chan nos depara: flores nas que nunca teriamos reparado, excrementos de toupas e de coellos, rastros de animais que habitan na zona, manadas de cabalos que pastan ao lonxe, repoboacións de diversas especies forestais…

…Mais tamén reparamos na acción reprobable dos desaprensivos que deixaron no monte a súa lata de refresco, a cabicha do seu cigarrillo, o envoltorio do seu chicle, o plástico da bolsa na que levaron a merenda. Depositamos todo o lixo que atopamos nun recipiente improvisado que acabará no contenedor máis próximo. Porque o monte non merece ningún desprezo, nen o máis insignificante papel nen o máis aberrante proxecto de urbanización empresarial. Dende o alto da Fracha, precisamente, observamos o polígono industrial do Campiño, cunha amplísima superficie dispoñible que inxustifica a creación de máis explanadas inertes por mero interese localista.

E chegamos á turbeira: un marabilloso espazo encharcado de auga en pleno cume do monte. Habitat de cabaliños do demo e arácnidos, de tritóns e ras pasmadas da espectación que levantan, de prantas asombrosas como a carnívora Drossera que atrapa co seu pegamento os insectos que se pousan nos seus filamentos de atraínte cor vermella. E admirando a beleza deste espazo alleo, pensamos na cantidade de valores e alicientes que posúe o Monte Pituco-Pornedo para captar a atención de biólogos, historiadores, arqueólogos, exploradores e turistas da natureza que percorran os seus sendeiros longos, que descubran a súa vexetación frondosa, que afonden na cultura castrexa a través dos seus valiosos petroglifos.

Unha ollada ao que nos rodea máis lonxe serve para apreciar máis aínda o propio, mentres incomprensiblemente no Concello de Marín están dando pasos de xigante para destruir o patrimonio natural e arqueolóxico do Pituco-Pornedo. A resposta a esta actitude irresponsable está no binomio descoñecemento-partidismo (ou no seu sinónimo ignorancia galopante-politiqueo barato, valorando a situación non sen certo exceso verbal).

E xa na recta final de tan recomendable visita, unha posta en común de todos os participantes nesta experiencia enriquecedora: nos libros de botánica autóctona e nas guías especializadas do biólogo que encabeza a expedición atopamos a resposta á identidade das prantas que colleitamos, os seus nomes científico e común, e mesmo as súas propiedades medicinais e alimentarias. Non faltaron o carrasco (Erica umbellata), a verónica (Veronica officinalis), o xunco (Juncus sp.), o gamón (Asphodelus albus) ou a herba das doas (Lithodora postrata).

2010, Ano Internacional da Biodiversidade Biolóxica. Marchamos moi satisfeitos da Serra da Fracha, con ganas de trasladar esta actividade ao noso contorno máis próximo, para que saia á luz todo o valor que posúe e que outros se empeñan en agochar, dende os responsables municipais ata a directiva da comunidade de montes. Quen queira sumarse a esta interesante laboura, saiba que para colleitar prantas silvestres cómpre solicitar permiso ao Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

Publicado por: MontePituco | 22/05/2010

22 DE MAIO, DÍA DA BIODIVERSIDADE

Este simpático lagarto pode ir contando as horas para deixar de gozar desa pedra na que toma o sol tan pancho. Ou paramos o proxecto de construcción dun polígono industrial no Monte Pituco-Pornedo, ou as pedras, as árbores, a terra e a auga, quedarán baixo metros e metros cúbicos de formigón. Un monte urbanizado. Esta é a incomensurable desfeita que pretende acometer o Concello de Marín pedíndolle á Xunta de Galicia que arruine un espazo natural protexido pertencente aos Montes do Morrazo. Amigo lagarto, amigo raposo, amigo miñato, amigo piñeiro, amigo carballo, mesmo digo amigo eucalipto… No Día Mundial da Biodiverdidade, DEFENDE O MONTE PITUCO-PORNEDO reivindica unha vez máis a plena conservación deste lugar.

Escoitamos declaracións nos medios de comunicación por parte de responsables das Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente, moi preocupados pola precaria situación da biodiversidade no noso territorio. E acudimos ás respectivas páxinas web de ambos departamento para saber que máis din ao respecto, pero non aparece nen a máis mínima mención a este día conmemorativo. As palabras lévaas o vento. Por iso visitamos as páxinas web dos colectivos ecoloxistas galegos, que si reflexionan sobre as ameazas que rondan o noso territorio e piden medidas correctoras para frear o deterioro dos espazos protexidos.

Un fragmento da declaración da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA:

“…Fronte ao discurso interesado de que o progreso (sobre todo o de algúns) está enfrontado á protección ambiental, a conservación da biodiversidade pode e debe ser motor do desenvolvemento sustentábel, comezando polos propios habitantes dos lugares protexidos. En Galiza, o territorio cunha das meirandes biodiversidades de Europa, as administracións non souberon estar á altura: ridícula superficie protexida, ausenza de planos de xestión de espazos e especies, proxectos agresivos en espazos de alto valor natural…

Mentres, o número de especies en perigo e de hábitats ameazados continúa a medrar malia á cada vez máis ampla lexislación proteccionista. A conservación da diversidade natural fica sempre ao cabo das prioridades reais e dos compromisos orzamentarios das administracións. Galiza segue tendo a menor superficie en Rede Natura 2000 de todas as autonomías (o 12%) moi por baixo da media estatal (25%), e a prometida ampliación presentada pola Xunta en 2008 non acaba de chegar.

Por outra banda, os instrumentos de xestión dos espazos protexidos, chave para garantir a conservación e o uso sustentábel seguen ausentes: o retraso na redacción e aprobación dos PORN (Planos de Ordenamento dos Recursos Naturais) e PRUX (Planos Reitores de Uso e Xestión) é escandaloso, por no falar dos Planos de Conservación e Recuperación das especies ameazadas, práticamente inexistentes, e do feble compromiso na loita contra as especies invasoras.

Estes documentos, que debería redactar a Xunta nun prazo de dous anos após da declaración de espazo protexido, son vencellantes para todas as administracións con competencias (hidráulicas, de costas, enerxéticas, etc.). A día de hoxe, practicamente ningún espazo da Rede Natura conta con PRUX e mesmo no Parque Nacional das Illas Atlánticas (2002), ou os parques naturais das Fragas do Eume (1997) e Corrubedo (1992) están logo de moitos anos aínda en redacción.

“Non vimos a prohibir, senón a ordenar” proclamaron Feijóo e Hernández a respeito do litoral. Mais a realidade dos espazos protexidos é que por non estaren ordeados, só están protexidos no papel, polo que nosa biodiversidade e o noso patrimonio natural fican ao abeiro dos intereses económicos…”.

Un fragmento da declaración de VERDEGAIA, que denuncia o “pouco interese” da Xunta de Galicia “na conservación da valiosa biodiversidade galega”.

“…Solicitamos unha profunda revisión por parte dos entes políticos e de toda administración autonómica de todas as ameazas que afectan ó noso patrimonio natural co fin de cumplir os obxetivos establecidos a nivel mundial ao longo do ano 2010 para frenar a actual pérdida de biodiversidade”.

Un fragmendo da declaración da Federación Ecoloxista Galega, FEGA:

“…No Ano Internacional da Biodiversidade, o Patrimonio Natural Galego fica no abandono absoluto. A FEG discrepa do diagnóstico do Conselleiro do Medio Rural sobre o bom estado do Patrimonio Natural galego. (…) Así, a biodiversidade galega atópase á deriva e orfa de instrumentos eficaces de protección, pois na práctica non existe unha xestión efectiva da conservación do patrimonio natural. Ante a falla de aplicación das normas e dos instrumentos de protección e conservación do patrimonio natural vixentes, a FEG esixe a asunción de responsabilidades xurídicas e políticas.

…A dotación económica para os Parques Naturais é pírrica; por exemplo o Goberno de Asturias vén de anunciar que este ano destinará 9,8 millóns de euros para o Parque Natural de Somiedo, cifra que duplica o que se investirá en conxunto nos 6 Parques Naturais Galegos.

…Somos, despois de Ceuta e Melilla, a última Autonomía do estado en contribución de superficie protexida da Rede Natura 2000, e do expediente administrativo iniciado para ampliación da Rede Natura 2000 nada se sabe. Para este ano a Xunta en convenio co Ministerio de Medio Ambiente gastará 1,5 millóns de euros na Rede Natura 2000, unha cifra que supón menos de 5 euros por hectárea…”.

Un fragmento da declaración de AMIGOS DA TERRA:

“Galicia conta cunha grande abundancia de hábitats naturais e seminaturais (esteiros, dunas, fondos mariños, lagoas, ríos, bosques, hábitats de montaña, campiñas, matogueiras, etc). Non obstante, o cambio climático e a acción do home está a afectar moito aos diferentes ecosistemas galegos, polo que é moi probable que se non actuamos urxentemente, nos próximos anos perdamos pezas clave da biodiversidade galega, tanto no referente a especies coma en hábitats.

Para Amigos da Terra é necesario que tanto o Goberno de España coma a Xunta de Galicia asuman plenamente a súa responsabilidade sobre a biodiversidade, integrando criterios para a súa conservación e fomentando os instrumentos axeitados para frear a perda de biodiversidade.

Galicia necesita a posta en marcha de plans axeitados de recuperación para tódalas especies de fauna e flora que están en perigo de extinción. Así como a elaboración de plans para erradicar ás especies foráneas máis invasoras, o que permitiría conservar a nosa biodiversidade autóctona. Así mesmo, consideramos fundamental que se protexan, como é debido, os espazos incluídos en Rede Natura 2000, obxecto frecuente de especulación, novos encoros, estradas, canteiras, etc., así como a aprobación dun Plan forestal, que aposte pola recuperación do bosque atlántico e as árbores autóctonas”.

 

Publicado por: MontePituco | 20/05/2010

MARÍN-CEA

De Marín a Cea hai 126 kilómetros. Unha distancia física que hoxe en día é facilmente superable coa tecnoloxía e coas redes de información. Grazas a Ángel, os veciños e veciñas desta localidade ourensá xa coñecen un pouco mellor a relación entre as dúas vilas, a través do Mosteiro de Oseira. E asemade, os marinenses podemos refrescar esa parte do noso pasado. Mais tamén poden ser partícipes os ceenses das preocupacións que temos ultimamente unha parte dos seus parentes, se nos podemos considerar tal.

No apartado de Ceenses polo Mundo da páxina web do Concello de Cea, Ángel describe a riqueza natural e arqueolóxica do Monte Pituco-Pornedo e amosa imaxes do seu patrimonio, facendo énfase no desexo de que non se leve a cabo o polígono industrial que acabaría con toda a beleza deste espazo e cos seus valiosos recursos forestais, ambientais e históricos. O texto pódese ler en castelán, pero a continuación figura unha tradución ao galego.

Amigo ourensano-marinense: dende os outeiros deste balcón sobre a ría, graciñas pola difusión desta causa, por levar o noso eco mesmo ata o interior de Galicia. Viva o Pan de Cea e  viva o Monte Pituco!

“Marín é un municipio situado na beira meridional da Ría de Pontevedra na bisbarra do Morrazo. Conta cunha poboación de máis de 26.000 habitantes e cunha extensión de 35,9 kilómetros cadrados, formando un rectángulo case perfecto. A pesca é a súa actividade económica principal e en Marín atópase a Escola Naval Militar, que é o centro de formación dos futuros Oficiais da Armada.

O que seguramente moitos dos ceenses descoñecen é que hai case 900 anos, concretamente no 1112, a vila de Marín é doada pola raíña Dona Urraca de Castela ao cabaleiro Diego de Arias de Dezay e á súa dona Sabina Díaz, como premio aos seus destacados servizos. Asimesmo, engadíase xurisdicción sobre practicamente toda a zona costeira da Ría de Pontevedra, zona do Morrazo ata Marín e dende Sanxenxo ata as Tranzoeiras de Aguiño.

Morta sen sucesión Sabina Díaz, o seu home tomou o hábito no Mosteiro de Santa María de Oseira en 1151. En tal circunstancia, doa a vila de de Marín e o seu Couto marítimo-terrestre ao mosteiro, ao cal queda ligada en calidade de priorato por un período de sete séculos. Hoxe en día, ámbalas localidades conservan nos seus respectivos escudos os dous osos rampantes enfrentados aos lados dunha árbore.

Pero non só da vila de Marín quero falarvos, senón tamén dun dos seus montes, o monte Pituco ou Pornedo. Situado nun espazo pertencente aos Montes do Morrazo e catalogado como Espazo Protexido polas Directrices de Ordeación do Territorio. É unha área de enorme interés pola abundancia de petroglifos, pola que discurre o proxecto de creación da ruta arqueolóxica dos Sete Camiños, que constitúe dende antigo un nexo de unión entre o home e a natureza. Un lugar privilexiado que dende tempos inmemoriais conxugou de forma harmónica e racional a explotación do monte co presenza de elementos patrimoniais.

Seguramente non é o monte nen máis grande, nen máis verde, nen máis bonito de Galicia pero a diferenza doutros montes, nas súas pedras podemos observar as pegadas case indelebles deixadas polos nosos antergos que, xunto coa natureza que as rodean, atópanse ameazados pola posible construcción dun polígono industrial. Ogallá que nunca se leve a cabo e poidamos seguir conservando este espazo natural e os seus restos arqueolóxicos para as xeneracións vindeiras”.

Publicado por: MontePituco | 19/05/2010

IV CONGRESO DAS COMUNIDADES DE MONTES

“UN MONTE VECIÑAL MULTIFUNCIONAL NUN MEDIO RURAL VIVO, GARANTÍA DE FUTURO”

Este é o lema do IV Congreso Galego de Comunidades de Montes que se celebra este fin de semana no Carballiño; unha mensaxe que compartimos plenamente, porque aposta pola recuperación do uso social do monte, por potenciar os recursos propios do bosque autóctono: a súa explotación forestal racional e sostible, e a posta en marcha de iniciativas enfocadas ao turismo natural, que atopan no turismo cultural a súa prolongación complementaria.

Nesa liña van enfocados os tres relatorios programados: “Monte veciñal multifuncional e vivo: defensa da terra e xeración de emprego”, “Alianzas para lograr ese monte veciñal nun medio rural vivo” e “Consolidación da titularidade veciñal”. Porque se nalgo quere pór o acento a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común é no “intento que teñen certos sectores económicos, urbanísticos e especulativos, amparados pola administración galega, de eliminar o monte veciñal en man común, ese sinal de identidade do noso país”.

Xa o explicaba o secretario da Organización Galega, Claudio Quintillán, nunha recente entrevista, cando lle preguntaban que podía pasar se o monte se privatizara:

“…Todo o mundo cando observa hacia os montes ve un inmenso territorio que non está edificado, que está a bosque, e onde se pode pasear e hai elementos patrimoniais e culturais. En caso de privatización, todo eso poderíase vender e parcelar, edificar e especular. O que salvou o noso territorio de que poidamos contar con esa inmensa riqueza é a lexislación que viñamos aplicando e que queremos conservar porque é ancestral. Nós vencellamos o monte veciñal a tres aspectos: o social, o ecolóxico e o produtivo, tres elementos que deben ir combinados. Para determinados intereses sobra o social e sobra o ecolóxico, entón solo se ve a parte económica de rendibilidade pura e dura. Nós opoñémonos totalmente a ese modelo. A función da Organización Galega é velar por esta figura do monte veciñal en man común como algo patrimonial, porque consideramos que xuntando eses tres elementos de antes, Galicia pode adquirir uns recursos e un potencial tremendo que aínda está por desenvolver. Vanse vendo pinceladas e xa hai moita xente que vén de fóra e di que se pode gozar duns miradoiros e dun patrimonio recuperado… Eso débese a que mantemos esta figura e neste congreso queremos seguir defendéndoa”.

Tamén criticaba Quintillán a “situación de deixadez total e absoluta” na que se atopa o monte veciñal en man común, en parte propiciada pola Administración, que non cumpre a súa obriga legal de “apoiar e asesorar as comunidades de montes”. Lonxe diso, hai comunidades de montes cun tecido social feble, arraigadas nunha mentalidade atrasada e ancladas nuns intereses que están nas antípodas desas facetas social, ecolóxica e produtiva polas que aboga a Organización Galega. Comunidades de montes que, por suposto, non pertencen a este colectivo de visión moderna que procura horizontes amplos para os montes veciñais galegos, trazando liñas de colaboración entre as comunidades máis comprometidas.

Hai comunidades que miden o monte en termos de euro/metro cadrado, dispostas a sacrificar baixo as palas excavadoras e o formigón o futuro do seu territorio a cambio dun beneficio inmediato pero efímero. Comunidades de montes que valoran a súa masa social en termos electorais e políticos, que xestionan e planifican as súas actuacións en función de estratexias partidistas opacas. Comunidades de montes cuxos directivos desprezan opinións alternativas porque son claramente contrarias aos seus intereses particulares. Que desgraza que a comunidade de montes de San Xulián pertenza a este grupo que representa a antítese do progreso en termos sustentables.

Por sorte, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños vai ter a oportunidade de darse a coñecer neste foro e de dar conta das agresións ás que se enfronta no futuro inmediato a parte do Monte Pituco-Pornedo que forma parte deste ambicioso proxecto: por unha banda, a ampliación da franxa de seguridade da Brilat e, peor aínda, polos seus efectos devastadores e irreversibles, a construcción dun polígono industrial ou área loxística, malia tratarse dun espazo natural protexido que, dende o punto de vista da orografía, resulta totalmente inadecuado para semellante infraestrutura. Agardamos atopar nas comunidades de montes adscritas á Organización Galega a sensibilidade, a solidariedade e a comprensión que nos negaron na propia Casa de Montes.

Publicado por: MontePituco | 18/05/2010

UN MUSEO AO AIRE LIBRE

Somos teimudos, porque cremos no que pensamos e no que facemos. Somos constantes porque pasiño a paso imos abrindo fendas de esperanza. Somos activos porque estamos comprometidos nunha causa que, contra prognóstico, está dando un pequeno combate que promete asaltos apaixoantes, coa forza da razón, da información contrastada, do esforzo e do traballo en equipo.

No Día Internacional dos Museos, reivindicamos a posta en valor do Monte Pornedo-Pituco e de todo o seu contorno. Un espazo natural e arqueolóxico que constitúe un museo ao aire libre que asombra coa súa riqueza ambiental e patrimonial a cantos se achegan ata el, pero que para moitas persoas é unha asignatura pendente de descubrir. Unha “encrucillada no tempo” a través de mámoas, petroglifos e miradoiros. Unha lección de Historia e de Cultura ameazada polos intereses políticos e económicos.

Por iso, imos suar esta camiseta: pelexando en cantas frontes se poñan diante para que esta alternativa prospere.

POLÍGONO INDUSTRIAL NO PITUCO-PORNEDO NON. POLA CREACIÓN DO ESPAZO SETE CAMIÑOS.

Publicado por: MontePituco | 16/05/2010

O MONTE FALA

Digo bolboreta.

Digo piñeiro.

Digo penedo, digo buraco.

Digo toxo, digo carrasco.

DIGO ESTALOTE, DIGO TROQUE.

Digo todo esto e moito máis grazas a quen me inculcou aprezo e coñecemento pola lingua e pola cultura nosa. Todo isto e moito máis malia a diglosia, malia unha educación primaria na que prevalecía o castelán de xeito aplastante.

E síntome máis preto agora da xeración analfabeta á que pertencía a miña adorada avoa: muller irrepetible da que aprendín a facer estralar estas flores de maio, muller loitadora á que lle debo este profundo respecto pola terra, muller sensible que descubro en cada bolboreta, en cada piñeiro, en cada penedo, en cada carrasco, en cada estalote.

Para ela, este poema de Uxío Novoneyra musicado por Na Virada.

Feliz Día das Letras Galegas a todos e todas. Todo o ano.

 

Publicado por: MontePituco | 15/05/2010

O PLENO DE MAIO

…Que aburrimento. Sempre a mesma cantinela nos plenos do Concello de Marín. Varían os temas, pero a dinámica vense repetindo mes tres mes. Hai tres cuestións que xa se converteron en tópicos crónicos:

-Debates que se eternizan porque os concelleiros fanse alusións persoais, profesionais ou familiares entre eles, que xeneran réplicas e contrarréplicas que, aínda que relativamente entretidas, son absurdas e carentes de interese práctico para o sufrido público que asistimos ás sesións e que pasamos olimpicamente de cotilleos baratos.

-Temas que o equipo de goberno introduce na orde do día pola vía de urxencia ou que tramita sen pasar previamente pola comisión oportuna ou pola xunta de portavoces, e que carecen de informes técnicos ou de Intervención. Este ‘modus operandi’ xenera a conseguinte protesta por parte da oposición, que non dubida en devolverlle a pelota presentando mocións tamén pola vía de urxencia que, á súa vez, motivan que o grupo de goberno se queixe de que non sigan os cauces establecidos. En definitiva, un bucle sen fin: uns protestan polas formas dos outros, que tamén protestan polas formas dos primeiros, e volta empezar, e así sucesivamente.

-O papel moderador do alcalde, que evidencia a súa falta de profesionalidade. Algún día non moi lonxano intentaremos analizar a figura de Francisco Veiga dende o punto de vista político: porque chama a atención a súa aparente cordialidade, coa falta de talante dialogador, e mesmo os seus excesos verbais ante os medios de comunicación. Pretende quedar como un rexedor contundente pero a falta de experiencia lévalle a non medir o alcance e o calibre das súas palabras. O resultado soen ser declaracións máis propias dun matón afeccionado que dun representante público. E para exemplo, o seu recado aos directivos de Factoría Naval, instándoos a “medir as súas palabras”. Vale que a empresa está nunha situación financeira delicada, que a Xunta pídelle aos accionistas un compromiso económico maior, que hai moitas familias cuxo sustento depende da viabilidade desta empresa. Pero dende logo, mensaxes de certo ton ameazador como as do alcalde non contribúen en absoluto a unir vontades, senón a botarlle máis leña ao lume e a xerar cabreo nos empresarios dos que depende reflotar o astaleiro. Mal camiño, alcalde, así non se xoga.

Pois este inciso serve para criticar que Francisco Veiga non está moralmente lexitimado para cuestionar a educación do concelleiro Miguel Suárez Briones, de Mar-In, cada vez que este abre a boca. Certo que Suárez Briones pode resultar desafiante e mesmo provocador nas súas intervencións. E que? Desafío e provocación non son incompatibles coa educación. Por iso as chamadas de atención do alcalde son inxustificadas e están fóra de lugar; son un intento malo de manipulación e de terxiversación, unha sobreactuación ante os xornalistas que se ocupan da cobertura informativa do pleno e ante os veciños que asistimos pasmados a esta falsa lección de urbanidade. No pleno de xuño comprobaremos se o concelleiro de Mar-In cumpre o reto: amenizar as súas intervencións coa lectura de pasaxes da asignatura de Educación para a Cidadanía.

Sobre os temas tratados, debatidos e aprobados ou rexeitados no pleno, o blog de BreaSeixo seguro que introduce en breve un capítulo amplamente detallado. A nosa é a Cara B, unha ollada alternativa aos rifi-rafes parvularios da Corporación. Un desexo final: ogallá, de corazón, se poñan de acordo para rebaixarse o soldo. A edil independente Isabel Martínez Epifanio xa anunciou a súa disposición a renunciar á asignación por asistencia a plenos e comisións. Non é que non a mereza. Probablemente a mereza tanto ou máis que outros/as que só están para levantar -ou non- o brazo na votación de turno, para ocupar un cargo no que plasman a súa inoperancia, para tomar medidas tendenciosas e para sacar rédito electoralista.

Publicado por: MontePituco | 13/05/2010

O SILENCIO, ESE INIMIGO

A Asociación Cultural Almuinha e o Grupo Cultural Ronsel organizan mañá venres, a partir das 20:30 horas no salón de actos da Biblioteca Pública de Marín, a proxección do documental “O salario do silencio”. Van participar o director e a produtora deste traballo audiovisual, Enrique Banet e Mabel Rivera, e Alexandre Carrodeaguas, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

A instalación da pranta regasificadora de Reganosa na parroquia de Mehá, en Mugardos, é un exemplo de cómo as administracións políticas e os intereses económicos se unen para levar a cabo proxectos empresariais e/ou urbanísticos que afectan de xeito irreparable e absolutista aos cidadáns. Neste caso, como en moitas actuacións xa consumadas e outras que estean por vir, como a ameaza do polígono industrial no Monte Pituco-Pornedo, atentan contra a calidade de vida das persoas, afectan brutalmente ao contorno natural e mesmo chegan a poñer en risco a saúde e a seguridade da poboación.

“O salario do silencio”, ademais, denuncia a manipulación informativa, é unha ferramenta de expresión libre dos colectivos que se implicaron nesta causa: asociacións veciñais, organizacións profesionais, xente do ámbito da cultura, persoal sanitario… Este mosaico de vontades deu orixe ao Comité Cidadán de Emerxencia. Fronte a esta plataforma que alertaba dos riscos que conlevaría a instalación gaseira e reclamaba transparencia, situábanse os directivos da pranta, alcaldes e concelleiros das localidades da ría, altos cargos das Administracións superiores. Enrique Banet e os promotores deste documental só recibiron silencio e indiferencia por parte dos responsables desta actuación.

A historia é teimuda, habendo intereses políticos e económicos por medio. Perigoso binomio. Porque o patrón de conducta é semellante, tamén en Marín:

-peticións de entrevista ignoradas polo alcalde, máximo responsable de que este proxecto de polígono inviable e irracional siga para adiante, camiñe ou revente

-negación das queixas existentes e do rexeitamento veciñal que alerta dos riscos que terá esta hipotética infraestrutura como se acometan taludes de semellante envergadura

-desprezo imperdoable ao territorio do Concello por consentir a execución, no sentido criminal da palabra, dun monte protexido no que abundan recursos naturais e arqueolóxicos que merecen a súa conservación e posta en valor

Basten estas tres acusacións, que non son as únicas imputables ao goberno local e por extensión á Administración autonómica por non corrixir as pretensións dos responsables municipais, para amosar os paralelismos. Grazas a Ronsel e a Almuinha por traer a Marín a estes tres persoeiros -Banet, Rivera e Carrodaguas- que nos van enriquecer coa súa experiencia, e aos que teremos a oportunidade de expoñer a problemática á que se enfronta DEFENDE O MONTE PITUCO. Ao igual que reaccionaron os veciños da Ría de Ferrol, tamén aquí queremos exercer o noso dereito a gozar da ría de Pontevedra dende os seus miradoiros naturais, libres de contaminación e formigón.

Ademais deste acto aberto ao público, na Biblioteca Pública de Marín, as actividades de lecer continúan o sábado. Almuinha anticípase ao Día das Letras Galegas coa celebración da III Festa da Lingua: a partir das 11:00 na Alameda, haberá contacontos, xogos malabares, obradoiros de globoflexia, música e baile tradicional, un recital de poesía colectivo e unha solta de libros viaxeiros.

Compromiso social e compromiso lingüístico. Uxío Novoneyra, o poeta do Courel, é a figura homenaxeada este ano pola Real Academia Galega. Velaquí a súa “Letanía de Galicia”, todo un exemplo de reivindicación da identidade e de rebeldía fronte ás adversidades impostas.

Publicado por: MontePituco | 11/05/2010

MAL-VIDOS

Por norma xeral, todos os visitantes que desexen percorrer o Monte Pituco-Pornedo e adentrarse no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños son “ben-vidos”: veciños e labregos da contorna na procura de estrume ou madeira, paseantes que descobren aquí un lugar de esparcemento relaxante e pracenteiro, admiradores do medio ambiente que atopan fauna e flora silvestre en estado puro, aventureiros e deportistas practicando exercicio físico ao aire libre… Sen embargo, o monte non ten cancelas, non se reserva o dereito de admisión, desgrazadamente nalgúns casos.

…E sofre. Cada vez que algún intruso ousa verter impunemente lixo, restos de obra, materiais contaminantes que lle estorban. Cada vez que os vándalos se reúnen na área recreativa para destrozar o mobiliario desta instalación, para consumir alcohol de máis e traficar con estupefacientes. Cada vez que os pilotos de vehículos motorizados cabalgan aloucadamente sobre pedras de valor incalculable, e alteran a fisonomía do espazo coas rodas das súas máquinas, que unha e outra vez trillan a terra, reducíndoa a pó seco que coa chuvia provoca lameiras que impermeabilizan perigosamente o solo. Cada vez que xente insensible e molesta se comporta no monte dun xeito que non faría na súa propia casa.

Sodes MAL-VIDOS. Porque ademais de crear un dano innecesario e inxustificable, reaccionades de xeito impropio, insultades e menosprezades a quen vos chama a atención de xeito educado e cordial. Sodes MAL-VIDOS. Porque a vosa actitude destrutiva é a antítese dun grande esforzo colectivo por revalorizar o monte e loitar contra a súa destrución. Sodes MAL-VIDOS mentres na vosa cabeza non haxa lugar para o civismo, a cultura e a conciencia social. Ogallá o aire do Monte Pituco-Pornedo, a auga e a paisaxe, vos abran os ollos e as neuronas a un xeito máis racional de entender a relación dos seres humáns coa natureza.

Publicado por: MontePituco | 09/05/2010

REPORTAXE NO DIARIO DE PONTEVEDRA

O dominical do Diario de Pontevedra publica unha reportaxe a dobre páxina sobre o proxecto de creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS, impulsado por unha vintena de colectivos de Pontevedra, Vilaboa e Marín, entre os que se atopa DEFENDE O MONTE PITUCO-PORNEDO. Moitas grazas á coordinadora do suplemento, María Varela, á redactora da reportaxe, María Argibay, e ao autor das fotografías, David Freire, polo seu interese nesta iniciativa e por contribuir á súa difusión.

Pódese ler neste enlace: VIAXE NO TEMPO POLOS SETE CAMIÑOS (unha reportaxe de María Argibay e David Freire)

 

Publicado por: MontePituco | 07/05/2010

ARTIGO DE OPINIÓN DE CARME ADÁN

O artigo de Carme Adán, tamén na edición dixital de Xornal de Galicia. Algunhas das súas reflexións…

«…Tal vez sexan xa demasiadas décadas pensando que o patrimonio arqueolóxico, paisaxístico, natural, lingüístico, cultural, non ten valor e non xera valor… ».

«…O grave é que quen ten a responsabilidade de coidar, difundir e valorar o patrimonio afirma aos medios: “O único que pode paralizar as obras é o alcalde e non o fixen porque Oia ten que mirar ao futuro, non ao pasado, e unhas pedras non poden ser un obstáculo para que se poida producir ou non”».

…son perfectamente aplicables ao que acontecería en Marín se chega a construirse o polígono industrial que afectará a unha zona importante do Monte Pornedo-Pituco, incluida no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que proxectamos unha vintena de colectivos sociais e veciñais.

Que a opinión dunha deputada nacionalista estea nas antípodas da xestión dunha concellaría de urbanismo do mesmo signo político é a demostración de que na política non se actúa por principios, senón por intereses, nen tan sequera por estratexia, acaso por capricho e, en todo caso, sen criterio. É unha reflexión de perogrullo, pero convén tela presente no día a día: o Concello é un taboleiro de axedrez no que psoe e bng moven as pezas ao seu antollo, comentendo falcatruadas, mesturadas con algunha que outra iniciativa aproveitable coa que ir lavando a súa imaxe.

Que se pode esperar duns gobernantes dispostos a pedir a desafección do Monte Pituco-Pornedo do ámbito de protección que posúe no marco dos Montes do Morrazo. Como se pode consentir semellante xesto de desprezo por un anaco desta vila, nin menos nin máis importante que o resto. Para nós, está claro que este alcalde non coñece Marín nin lle interesa coñecer aquelo que lle estorba para os seus plans.

E temos a impresión, por non dicir a case certeza, de que o principal grupo da oposición desenvolve o seu propio xogo que, por suposto, tamén vai contra a recuperación e posta en valor do patrimonio natural e arqueolóxico desta zona protexida: o seu papel consiste en criticar, pór en evidencia e desgastar o bi-grupo de bi-goberno pero, no suposto caso de teren o bastón de mando, van aplicar a mesma política de arrasar e cementar este monte. Porque por un lado recoñecen a protección ambiental e admiten os inconvintes orográficos do terreo; pero polo outro, teñen os votos dos adeptos, os comuneiros convintemente aleccionados e ansiosos por facer caixa a costa do monte. Eis o truco do almendruco.

E por iso deixamos constancia desta crúa percepción da realidade. Podemos ser peóns no taboleiro da política, fichas no dominó partidista. Pero peóns e fichas rebeldes. Con causa.

Publicado por: MontePituco | 06/05/2010

O POSTE DE PISA

Desafiar a lei da gravidade é algo reservado unicamente a astronautas rulando arredor da Terra e ao persoal da NASA nos seus sofisticadísimos trebellos. Por tanto, toda persoa, animal ou obxecto (agás os capacitados para voar) que, desafíando a verticalidade, carezan dun soporte seguro ao que manterse agarrados, acabarán estomballados no chan. É o que lle pode acontecer a un poste de telefonía que leva virado medio ano, se non máis. Atópase no camiño que, baixando do igrexario de San Xulián, chega ata o colexio do Carballal. Calquera día acabaralle caendo na cabeza a alguén, impactando contra algún vehículo que circule en mal momento pola zona, ou provocando calquera outro dano persoal ou material.

Foi xa nun dos últimos plenos do pasado ano 2009 -novembro ou decembro- cando a oposición lle formulou un requerimento ao Goberno local para que se arranxara esta perigosa deficiencia. A Asociación de Veciños presentou varias denuncias pero o Concello non conseguiu aínda -e mira que xa choveu!- poñer remedio a este risco que ameaza a seguranza dos veciños e para evitar futuras avarías na liña. O caso é que, segundo a Asociación de Veciños, o propietario do terreo no que está chantado este poste, farto de que a situación se prolongue “sine die”, presentou unha denuncia ante Consumo. O colectivo veciñal vai apoiar esta reclamación notificándolle a situación á mesmísima Policía Autonómica.

Porque, en mans do Goberno local, este problema semella ir para longo. O poste túmbase cada vez máis enriba do tendido eléctrico e os seus cables están cada vez máis frouxos. A Asociación de Veciños critica que o Concello non é consciente abondo do perigo que supón para a cidadanía, tratándose por riba dunha ruta escolar, e seguirá insistindo para que os responsables municipais actúen como lles corresponde ante Telefónica e Fenosa …Ou ben, facemos do problema unha virtude, e convertémolo, por obra e graza de tanto pasotismo, no Poste (Marinense) de Pisa. Avante, veciños!

Publicado por: MontePituco | 05/05/2010

DENUNCIAS VECIÑAIS

Con esta información que se publicaba o fin de semana pasado no Faro de Vigo podemos dar por inaugurada unha nova sección do blogue DEFENDE O MONTE PITUCO-PORNEDO. Ímoslle chamar “denuncias” e con ela poremos de manifesto as deficiencias que, en materia de servizos, comunicacións e dotacións, presenta Marín. Por suposto, admítense as achegas dos veciños e veciñas que queiran aportar calquera queixa.

A protesta prantexada pola Asociación de Veciños de San Xulián a respecto do estado que presenta o cruce da estrada Marín-Figueirido padécena milleiros de veciños e veciñas que a diario circulan por este vial. Pero a cousa estivo aínda peor do que quedou, porque na imaxe non se aprecia un burato que hai no asfalto. Nese oco, durante un moi breve espazo de tempo, estivo chantado -sen nengún tipo de base nin elevación que o resaltara- un sinal de tráfico que representaba un verdadeiro perigo para os conductores, especialmente os motoristas. Antes de que alguén o levara por diante e deixara nel algo máis que a pel, acaso a vida, foi retirado. Nembargantes, non se repuxo o firme e aí quedou o bache, para seguir crecendo en diámetro. Un cruce que dá pena velo, da cantidade de remendos que ten enriba, de marcas horizontais que se entrecruzan, de sinais de ceda o paso e stop que se foron sucedendo no tempo, ata que por último deron en pintar un redondel indicando a manobra de xiro… En fin, un ‘poema’ de tramo viario que ben daría para uns cantos rollos de historia.

…E que insista a Asociación de Veciños de San Xulián nos seus escritos formais ao Goberno municipal. Igual que insistirá DEFENDE O MONTE PITUCO. Este mes toca renovar a solicitude, porque isto vai camiño de converterse nunha especie de culto votivo (de promesa, non de papeleta electoral, porque desta última non merecen ningunha). Iso si, en papel reciclado de agora en diante. Que o Concello non respecte os veciños non quere dicir que os veciños perdamos a consideración que merece o medio ambiente.

Publicado por: MontePituco | 04/05/2010

5 DE XUÑO, MARCHA DA APDR

“…Nós seguimos entendendo que a presenza dunha fábrica como a de Celulosas nalgún outro sitio da Galiza, supón optar por un modelo de desenvolvemento forestal baseado no eucalipto; non é modelo económico polo que apostamos. Por todo esto, chamamos ás poboacións da bisbarra a mobilizarse unha vez máis o día 5 de xuño nesta nova Marcha contra Celulosas para demostrar que segue habendo un clamor popular esixindo a todas as forzas políticas da bisbarra. Nese sentido, temos solicitado en todos os concellos da Ría de Pontevedra que haxa unha resolución plenaria ao respecto do apoio á Marcha contra Celulosas e agardamos das forzas políticas que din, todas elas, estar en contra da presenza de Celulosas-Elnosa na nosa ría, que apoien de maneira unánime esta Marcha”. Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra

O próximo 5 de xuño, a partir das 19:30 horas, sairá -dende as alamedas de Pontevedra e Marín- a Marcha contra Celulosas, que rematará diante da fábrica para reclamar o seu desmantelamento. Ence é un exemplo próximo de como foron cambiando as sensibilidades a nivel social, xudicial e político no que respecta ao medio ambiente e o concepto de economía sostible.

Antano as posicións estaban moi polarizadas: dunha banda, un fato de ecoloxistas, dito por algúns no sentido “máis pexorativo da palabra”; no outro extremo, formando un bloque monolítico de aparencia inamobible e facendo unha fronte común arredor da empresa, os sectores económicos, os sindicais e as forzas políticas maioritarias. Ence semellaba un xigante invencible ata que, facendo mella de xeito continuo e certeiro, a APDR conseguiu que a pasteira fora condeada por delicto ecolóxico continuado.

Antes ou despois dese punto de inflexión, o certo é que foi callando na sociedade un enfoque máis receptivo ás problemáticas ambientais; un cambio de tendencia ao que os dirixentes políticos non tiveron máis remedio que irse amoldando e mudando aquel vello discurso que falaba da defensa a ultranza dos intereses empresariais. Unha de dúas: ou as noticias que foron trascendendo dun tempo a esta parte sobre as negociacións para un posible traslado son unicamente unha pose sen efecto práctico no futuro inmediato, ou o poder económico está cedendo vantaxe, a regañadentes, na súa batalla por perpetuarse.

Que a APDR procure o apoio dos concellos á Marcha, como ten procurado en anteriores edicións, parécenos estupendo. Que se sume o de Marín, que a apoie. Estaremos encantados de compartir o itinerario da mobilización co alcalde Francisco Veiga ou calquera concelleiro do equipo de goberno, socialista ou nacionalista. Sería paradóxico que gastaran a sola do zapato camiñando pola defensa do medio ambiente, da explotación sustentable dos recursos e a prol da calidade de vida dos veciños cando están dispostos a todo o contrario:

-a destruir a fachada litoral de Marín cun polígono industrial no Monte Pornedo-Pituco, unha zona de altísima intervisibilidade, nun espazo protexido para o que están dispostos a reclamar a súa desafectación.

-a sustituir un modelo de xestión racional dos abundantes recursos forestais, naturais e patrimoniais -mesmo dende o punto de vista turístico- existentes no Monte Pornedo-Pituco, por unha chaira improdutiva de formigón, dunha máis que dubidosa rendibilidade económica.

-a perxudicar de xeito irreversible a un amplo número de veciños e veciñas do Monte Pornedo-Pituco, que durante xeracións e xeracións apostaron por un estilo de vida asentado no rural, aproveitando os seus abundantes acuíferos -que se verían abocados á desaparición- para uso doméstico.

…E non seguimos, porque nos sobran os motivos para deixar en evidencia a estes políticos que hai, que son os que son, “no sentido máis pexorativo da palabra”.

Publicado por: MontePituco | 04/05/2010

Á MIÑA NAI

Velaí as súas mans, de muller currante,

que tanto bordan un pano como fan dun simple retallo

o máis proveitoso dos agasallos,

que non dá puntada sen fío, muller de dedal en ristre.

Mans que falan, que poñen orde no caos,

que orientan, aconsellan e consolan;

nai forte e directa, antítese das medias tintas,

educadora e falangueira, piar da familia.

Fonte da que beben as miñas raíces,

espello no que me miro cada día

e prolongación da memoria dos antergos,

que fixeron do Caeiro o noso paraíso.

Mans que adoran a terra, o sol, o verde, a auga,

que converte a horta nunha sorte de universo

onde medran verduras, soños, bágoas, cancións

e pensamentos que transforma en leccións de vida.

Todo está a salvo: as palabras, a identidade,

a certeza de sermos fieis a uns principios;

porque de tal pau tal astela, tal reflexo

da luz que se proxecta dende o alén.

Mans de boa muller, de boa nai,

Grazas por ti, polas túas mans.

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías