Nota informativa da comisión técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños:
O IV CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN APOIA A CREACIÓN DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS
Os promotores desta iniciativa alertan contra a instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo e a ampliación da franxa de seguridade do acuartelamento militar
O IV Congreso Galego de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que vén de celebrarse no Carballiño, deulle o seu apoio ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños nunha área que comprende os montes de Pontevedra, Marín e Vilaboa. Un representante da Comunidade de Montes de Lourizán e membro da comisión técnica desta iniciativa, que respaldan unha vintena de colectivos sociais dos tres concellos, deulle lectura a un manifesto que contou co respaldo unánime dos asistentes e da nova xunta rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
A declaración aprobada no IV Congreso Galego de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común -ao que asistiron unhas 150 persoas en representación de 62 comunidades- recoñece que o obxectivo do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños pretende “recuperar e pór en valor o importante e valioso patrimonio” histórico e ambiental situado no Monte Pornedo e Sete Camiños, no que destacan mámoas, petroglifos, formacións xeolóxicas significativas e outros elementos de interese. Os promotores desta proposta amosaron o seu compromiso coa xestión do monte “baseada na explotación racional dos recursos propios”.
Así, a comisión técnica de Sete Camiños incide no “papel protagonista” que poderían ter os numerosos xacementos existentes nunha nova dinámica baseada en “optimizar o aproveitamento dos nosos montes e devolverlles o seu uso social”. Non obstante, alertan da existencia de “grandes ameazas que poñen en perigo” a posta en marcha deste proxecto.
Por unha banda, a ampliación da franxa de seguridade do acuartelamento militar da Brilat por parte do Ministerio de Defensa conta co rexeitamento das comunidades de montes da zona afectada. Ademais, advirten que a pretensión do Concello de Marín e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de construir no Monte Pituco-Pornedo un polígono industrial ou área loxística “arruinaría de xeito irreversible a riqueza cultural e natural do lugar”, que está catalogado como espazo protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento e polas Directrices de Ordeación do Territorio.
“Por iso é máis que nunca necesario”, conclúe o manifesto aprobado, “o impulso a este Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, argumentando que “só a súa posta en marcha pode garantir a protección e a conservación dos elementos patrimoniais existentes, para legarlles ás xeracións vindeiras un conxunto de bens de gran valor”.
Con esta nova adhesión, o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños afortálase de xeito importante de cara a súa posible posta en marcha. Unha iniciativa que xa apoian as comunidades de montes de Lourizán, Salcedo e Vilaboa, as asociacións de veciños Estriceres, San Andrés de Estribela, Heroes do Campo da Porta de Salcedo, San Xulián de Marín, a asociación de veciños de Postemirón/A Graña de Vilaboa, a Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres, a Asociación Defende o Monte Pituco/Pornedo, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, Vaipolorío, as asociacións culturais Almuinha, A Pedra Floxam, Ronsel, Os Chichisos e o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca.
Dende DEFENDE O MONTE PITUCO-PORNEDO, o noso agradecemento á directiva da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común pola sensibilidade, a solidariedade e o apoio á nosa causa e á iniciativa a prol da recuperación ambiental e patrimonial do monte.
Deixar unha resposta