Ruxían os motores. Dende o alto do monte, sentiamos como aceleraban insistentemente, subindo e baixando costaneiras. É sairen unhas raiolas de sol logo duns días chuviosos, e velaí están, moendo na lama, trillando na terra, facendo sucos cada vez máis fondos coas rodas das súas motos e dos seus quads. Non deben sentir os laios da terra. Pero a nós o monte dóenos.
Non temos nada en contra da xente que practique esa afección, pero pedímoslle que o fagan nun circuito regulado. Os comuneiros de Salcedo, de Marcón e doutras parroquias xa lles prohibiron circular nas súas parcelas, xa vetaron a súa presenza a lomos das súas máquinas; non en van, a dinámica constante destes vehículos no monte altera a paisaxe, arrasa coas prantacións de árbores e deixa sen vexetación os espazos polos que rodan, unha e outra vez. Os neumáticos fan o mesmo efecto que o de Atila: non crece a herba ao seu paso.
Provocan contaminación acústica, espantan a fauna que habita na zona. Arriscan a súa seguridade os temerarios que entrenan sen nengún tipo de seguro que, en caso de accidente, provoca que a responsabilidade civil recaia na Comunidade de Montes, incapaz de asumir semellante gasto. E os máis irresponsables non dubidan en convertir o monte non só nun mapa caótico de rodadas, senón tamén nun basureiro de latas.
A comunidade de montes de San Xulián está polo labor de ceder un espazo para os afeccionados a esta práctica deportiva. Que os interesados contacten coa xunta rectora e se informen da ubicación deste ou doutros posibles circuitos autorizados. Pero no Monte Pituco, dende logo, non está permitida esta actividade: hai xacementos arqueolóxicos que poden sufrir danos irreparables, é un espazo do que gozar a pé ou en bicicleta, en contacto coa natureza e, por tanto, non admite o impacto nen o nivel de agresión que causan eses vehículos.
Sentímolo polos pilotos que viñeron este fin de semana, dende Pontevedra, Marín, Ponte Caldelas e a saber de onde máis sitios virán. Pero a próxima vez, en vez de apuntar ao chan, o obxectivo da cámara apuntará directamente a eles e ás súas bruscas manobras. E as imaxes acabarán no Seprona.
[…] Máis información sobre esta problemática, no artigo titulado “MOTORES FÓRA“. […]
By: ISTO NON É DEPORTE « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 21/07/2010
at 17:38
[…] Motores fóra (xuño […]
By: CONSOLÍDASE A ACTIVIDADE AGROPECUARIA NO MONTE PITUCO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 10/02/2015
at 21:06