Publicado por: MontePituco | 14/06/2010

O MONTE PERIURBÁN E OUTRAS REFLEXIÓNS

Deberían ser unhas xornadas de obrigada asistencia para os comuneiros de Pontevedra, pero extensible e mesmo recomendable tamén para as comunidades de montes lindantes e, como non, para a cidadanía en xeral. As I Xornadas de Montes Veciñais nacen con vocación de continuar, e deberan ser un foro de intercambio de experiencias e coñecemento para aplicar no monte as mellores técnicas de xestión. Certo que un monte non presenta necesariamente as mesmas problemáticas que o monte veciño, ou si; se non iguais, semellantes. Por que non practicar a sinerxia?

Falouse do concepto de monte periurbano: aquel que rodea un contorno urbano. Salta á vista que Marín tamén ten monte periurbano. Que tratamento lle dá o noso concello a este extenso territorio que actúa como pulmón da vila? Diríase que ningún, á vista da falta de iniciativas concretas. Mais, para ser xustos, citemos dúas: a creación do ecoparque na finca de Cadro, co polémico sistema de contratación que salpica o goberno local, mais trátase dunha iniciativa con ánimo de lucro, posto que a empresa concesionaria cobra unha nada desprezable tarifa que vai dende os 8,20 ata os 17,50 euros, segundo sexa individual ou colectiva, para nenos ou para maiores de 15 anos.

A outra iniciativa aínda non se levou a cabo, pero é o que esperan conseguir: arrasar o Monte Pituco para instalar un polígono industrial. Aplaudan. Velaí a marabillosa aportación do Concello de Marín ao seu monte periurbano, ao seu inmediato balcón sobre a ría. Esa é a estampa coa que queren recibir aos visitantes: con Ence a carón da ría e, tirando contra o fondo á dereita, onde soe situarse o excusado, unha mole de naves.

E cando se lle conta a maniobra aos responsables das comunidades de montes de Pontevedra, de Poio, de Ponte Caldelas… parécelles inconcebible e disparatado. Nuns concellos apostando pola recuperación do monte ata onde as competencias municipais lles permiten, posto que os montes comunais réxense con normativas de rango autonómico, e no de Marín, actuando no sentido totalmente contrario… e para rizar máis o rizo, coa potencial adhesión da comunidade de montes de San Xulián. Nas xuntas rectoras con dous dedos de fronte alucinan con este dato, non dan creto. Así de crúa é a realidade.

Intereses políticos e económicos mesturados son os inimigos do monte periurbano. Por iso os promotores destas barbaridades deberían escoitar a persoas que, como o naturalista Joaquín Araújo, participou nas I Xornadas de Montes Veciñais:

“No hay ninguna posibilidad de salir del atolladero en canto ao demantelamento do mundo que estamos presenciando, sen as árbores, sen o incriblemente prolixo catálogo de servizos, funcións e agasallos que as árbores están sempre dispostas a dar a quen se poña ao seu carón”.

“Se hai un territorio onde todo ten un vínculo ancestral, activo, fascinante, coa gran produción da historia da vida, que é a árbore, Galicia figura entre os máis destacados. Tamén se hai un territorio absolutamente mortificado de maneira demoledora polo número de incendios forestais, de “sustitucións”…de súpeto chega unha forza extraordinariamente dilapidadora de todo o que lle precede. O eualipto é unha metáfora da sociedade suxa, da suciedade social, da sociedade do despilfarro, do todo vale”.

“La más genial ocurrencia de la historia de la vida, que se llama árbol, así de claro lo tengo. Detrás vamos nosotros, pero bajamos de los árboles para cortarlos y quemarlos”.

“O grao de autoengano, de hipocresía flagrante que locen tantos e tantos responsables, sobre todo no campo económico, porque está bastante claro que por lado se fala, se presume, se coloca como apelido de infinitos proxectos e actuacións a palabra “verde”, “ecoloxía”, “sostible”, e na maior parte dos casos continúase cunha actividade esquilmante do mundo no que estamos. (…) Quédanos moi poucas oportunidades para dicir: ah, temos que reducir a contaminación atmosférica, ah, temos que reducir o urbanismo salvaxe, ah, temos que reducir que se nos queime a arboreda. É que queda pouco tempo para seguir enganando”.

“A famosa sostibilidade, á parte de que é unha palabra que hai que erradicar canto antes, que non significa absolutamente nada, e dío un dos que a inventou, pero roubáronma, como me roubaron case todo. (…) Cando a palabra “sostibilidade” non fai máis que mentir, estamos atrapados nesa contradicción. Impórtame que empecemos por desenmascarar os que están utilizando a linguaxe para defender os seus propios intereses”.

Pero non só do monte periurbano se falou. Tamén da problemática do gando ceibe que campa sen control polas zonas repobladas, da falta de recursos económicos que padecen as comunidades, da caída no nivel de emprego e da facturación asociados ao monte. Tamén se introduciron cuestións novidosas, como o concepto de custodia do territorio que impulsan organizacións como a Fundación Biodiversidad e que representan un xeito eficaz e esperanzador de recuperar o monte e darlle un uso productivo e social. Por todo isto e máis, ogallá os comuneiros e os responsables políticos de Marín foran máis sensibles e receptivos con DEFENDE O MONTE PITUCO.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: