A Asociación Cultural Almuinha e o Grupo Cultural Ronsel organizan mañá venres, a partir das 20:30 horas no salón de actos da Biblioteca Pública de Marín, a proxección do documental “O salario do silencio”. Van participar o director e a produtora deste traballo audiovisual, Enrique Banet e Mabel Rivera, e Alexandre Carrodeaguas, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
A instalación da pranta regasificadora de Reganosa na parroquia de Mehá, en Mugardos, é un exemplo de cómo as administracións políticas e os intereses económicos se unen para levar a cabo proxectos empresariais e/ou urbanísticos que afectan de xeito irreparable e absolutista aos cidadáns. Neste caso, como en moitas actuacións xa consumadas e outras que estean por vir, como a ameaza do polígono industrial no Monte Pituco-Pornedo, atentan contra a calidade de vida das persoas, afectan brutalmente ao contorno natural e mesmo chegan a poñer en risco a saúde e a seguridade da poboación.
“O salario do silencio”, ademais, denuncia a manipulación informativa, é unha ferramenta de expresión libre dos colectivos que se implicaron nesta causa: asociacións veciñais, organizacións profesionais, xente do ámbito da cultura, persoal sanitario… Este mosaico de vontades deu orixe ao Comité Cidadán de Emerxencia. Fronte a esta plataforma que alertaba dos riscos que conlevaría a instalación gaseira e reclamaba transparencia, situábanse os directivos da pranta, alcaldes e concelleiros das localidades da ría, altos cargos das Administracións superiores. Enrique Banet e os promotores deste documental só recibiron silencio e indiferencia por parte dos responsables desta actuación.
A historia é teimuda, habendo intereses políticos e económicos por medio. Perigoso binomio. Porque o patrón de conducta é semellante, tamén en Marín:
-peticións de entrevista ignoradas polo alcalde, máximo responsable de que este proxecto de polígono inviable e irracional siga para adiante, camiñe ou revente
-negación das queixas existentes e do rexeitamento veciñal que alerta dos riscos que terá esta hipotética infraestrutura como se acometan taludes de semellante envergadura
-desprezo imperdoable ao territorio do Concello por consentir a execución, no sentido criminal da palabra, dun monte protexido no que abundan recursos naturais e arqueolóxicos que merecen a súa conservación e posta en valor
Basten estas tres acusacións, que non son as únicas imputables ao goberno local e por extensión á Administración autonómica por non corrixir as pretensións dos responsables municipais, para amosar os paralelismos. Grazas a Ronsel e a Almuinha por traer a Marín a estes tres persoeiros -Banet, Rivera e Carrodaguas- que nos van enriquecer coa súa experiencia, e aos que teremos a oportunidade de expoñer a problemática á que se enfronta DEFENDE O MONTE PITUCO. Ao igual que reaccionaron os veciños da Ría de Ferrol, tamén aquí queremos exercer o noso dereito a gozar da ría de Pontevedra dende os seus miradoiros naturais, libres de contaminación e formigón.
Ademais deste acto aberto ao público, na Biblioteca Pública de Marín, as actividades de lecer continúan o sábado. Almuinha anticípase ao Día das Letras Galegas coa celebración da III Festa da Lingua: a partir das 11:00 na Alameda, haberá contacontos, xogos malabares, obradoiros de globoflexia, música e baile tradicional, un recital de poesía colectivo e unha solta de libros viaxeiros.
Compromiso social e compromiso lingüístico. Uxío Novoneyra, o poeta do Courel, é a figura homenaxeada este ano pola Real Academia Galega. Velaquí a súa “Letanía de Galicia”, todo un exemplo de reivindicación da identidade e de rebeldía fronte ás adversidades impostas.
Deixar unha resposta