Publicado por: MontePituco | 26/11/2011

PRESENTACIÓN DA ‘GUÍA DE PETRÓGLIFOS DE GALICIA’

Este luns 28 de novembro, a partir das 20:00 horas, presentarase no Café Moderno de Pontevedra (Praza de San Xosé) o libro “Guía de petróglifos de Galicia”, que vén de publicar Edicións do Cumio. Os seus autores son o historiador e antropólogo Buenaventura Aparicio e o arqueólogo Antonio de la Peña, que van ser presentados por Fernando Javier Costas, especialista en arte rupestre e un dos fundadores do Instituto de Estudos Vigueses.

Recomendamos a asistencia a este acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, a todas as persoas que, especialmente na parroquia de San Xulián, opinan que “AS PEDRAS NON DAN DE COMER”.

Os petróglifos galegos constitúen un dos sinais identitarios con máis carga simbólica do país, chamados a se converter -en canto se PROMOCIONEN axeitadamente- nun dos grandes ATRACTIVOS CULTURAIS de Galicia. Esta guía permite achegarse doadamente á nosa arte rupestre, proporcionando toda a información necesaria para o coñecemento e o disfrute dos xacementos máis senlleiros. A obra tamén recolle o discurso ricaz e imaxinativo que a sociedade rural artellou arredor desta manifestación cultural.

Buenaventura Aparicio é doutor en Historia pola UNED. Foi profesor de Xeografía e Historia no IES “Chan do Monte” de Marín, e profesor titor na UNED de Pontevedra ata a súa xubilación. Membro e, posteriormente, presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”, fundou e coordina na actualidade o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena”. Articulista e conferenciante, ten participado en numerosos congresos. É autor de 130 traballos.

Antonio de la Peña é arqueólogo e traballa como conservador de fondos arqueolóxicos no Museo Provincial de Pontevedra. Foi profesor da UNED e presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”. Ten participado en máis dun centenar do congresos e dirixiu numerosas campañas de escavacións arqueolóxicas. Localizou, catologou e levantou calcos de medio milleiro de complexos de arte rupestre. É autor de 22 libros e de numerosos artigos de temática arqueolóxica.

Publicado por: MontePituco | 25/11/2011

25 DE NOVEMBRO: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Pobre Ofelia

cristalizada estás no sangue da loucura

e gardas baixo as unllas a ca do covarde,

como un berro atroz que nos convoca.

Os teus ósos,

espadas de cristal

contra a fame caníval

de posuírnos,

de beber a nosa alma,

zugarnos a vontade,

dobregarnos ao río do delirio.

Ofelia,

pequena Ofelia

non se sacia a sede do covarde.

Marta Dacosta na obra “Polifonías: voces contra a violencia de xénero”.

O Colectivo Nacionalista de Marín vén de posicionarse claramente a prol da conservación do Monte Pornedo fronte ao interese político e/ou económico dos partidos e dos colectivos que apostan pola instalación dun polígono industrial nesta zona:

Durante a última lexislatura municipal, co PSOE e BNG á frente do goberno existíu, entre outros problemas, unha grande polémica arredor da ubicación dos distintos polígonos industriais proxectados no PXOM aprobado no concello por todos os grupos políticos.

Se ben xa durante a pasada lexislatura e debido á oposición veciñal se desbotaron dúas posíbeis ubicacións, a Brea e Macenlle, a mudanza de goberno non aclarou moito o futuro das outras propostas. Aínda que o PP amose as súas preferencias cara o polígono na Pastoriza, co cal o Colectivo Nacionalista tampouco está dacordo, non acaba de desbotar o proxecto do polígono no Pornedo, xogando á ambigüidade coa veciñanza.

No pleno de outubro o PSOE, que xunto co BNG durante a pasada lexislatura apostaron e seguen apostando polo polígono do Pornedo, presentou unha moción, co apoio do propio BNG, para esixir que se faga todo o necesario para levar adiante dito polígono.

A esta último intento por parte do PSOE e BNG vénselle sumar a xunta directiva da Comunidade de Montes de San Xulián que nas últimas semanas está a facer unha pequena campaña de desinformación para apoiar a instalación do polígono en terreos da propia comunidade. Esta actitude, ben curiosa, reflicte a incompetencia, ineptitude, preguiza e falta de vontade para traballar desta directiva que prefire vender uns terreos, aínda que sexa a baixo prezo, e repartirse os beneficios que cumprir co seu verdadeiro cometido e defender, coidar, xestionar, valorizar e dar a coñecer a riqueza do monte veciñal para o beneficio non só dos comuneiros senón tamén de toda a sociedade.

Alén da enorme riqueza natural, paisaxística, etnográfica, inmaterial e sobre todo arqueolóxica o espazo onde se quere instalar este polígono presenta numerosos inconvenientes tanto técnicos, existen grandes pendentes e desniveis que suporían facer moitos desmontes, como legais xa que o Pornedo e Sete Camiños están protexidos polas normas subsidiarias provinciais ao estar incluídos dentro do espazo Montes do Morrazo.

Frente a esta actitude irrespectuosa co medio e o noso patrimonio, tanto dos grupos presentes na corporación coma da CCMM, existe un grupo moi numeroso de colectivos e asociacións, máis de 20, ao cal o Colectivo Nacionalista apoia e se quere sumar, que aposta pola creación dun espazo

natural e arqueolóxico, o dos Sete Camiños, que abranguería ademais do concello de Marín tamén o de Pontevedra, convertindo esta zona nunha área de esparcemento e lecer para toda a cidadanía da contorna que se podería converter nunha fonte de recursos económicos e turísticos como xa o son por exemplo Campo Lameiro, Ponte Caldelas ou Cotobade.

Nos últimos anos, antes da crise, construíronse na Galiza moitos polígonos industriais que calquera pode comprobar agora como están baleiros ou semibaleiros. Algúns destes polígonos están nas nosas proximidades podendo acoller ás empresas marinenses que desexasen trasladarse. Cómpre pois termos maior responsabilidade e deixar atrás localismos estériles como o da directiva da CCMM de San Xulián e dos partidos presentes no concello que pretenden gastar os cartos públicos, nun momento de grandes recortes sociais e laborais, en facer un novo polígono cando aínda hai moitos espazos baleiros nos xa construídos.

Publicado por: MontePituco | 23/11/2011

ADEGA SOBRE O ANTEPROXECTO DA LEI DE MONTES

Continuando cun documento tan importante como a Lei de Montes de Galicia, que entrará en vigor o ano próximo, e que se atopa en fase de desenvolvemento político e técnico, a continuación reproducimos o posicionamento da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que tamén incide no rexeitamento do borrador da lei por parte de grupos ecoloxistas, comunidades de montes e sindicatos agrarios.

As organizacións ecoloxistas representadas no Consello Forestal, a ORGACCMM e o SLG rexeitamos o borrador da Lei de Montes aprobado na última reunión deste organismo. Trátase dunha norma que nace con moito menos apoio e diálogo que a do bipartito, e que debuxa un panorama de desregulación, especulación e excesivo “madeirismo” para os nosos montes.

O borrador da Xunta non é unha lei de carácter integral ao faltar a conexión cos aspectos agrarios, sociais e ambientais. Esquece a participación pública, a custodia do territorio ou a multifundionalidade. Tampouco trata cuestións fundamentais que deberían incorporarse á xestión do monte como a conservación dos hábitats e especies protexidas, a paisaxe, a etnografía, a restauración de terreos queimados, a prevención de pragas e doenzas, etc. En definitiva: menos monte público, máis monocultivos, menos protección contra o lume e iso sí, máis madeira!

ADEGA e a ORGACCMM fixemos 105 achegas ao borrador da lei de montes de Galiza (entre modificacións, eliminacións e novos artigos), no ánimo de mellorar o documento final e que a perspectiva ambiental se tivera en conta nunha norma de vital importancia para o noso rural e en definitiva para toda a sociedade. A través do traballo de sensibilización e de mellora do documento inicial desenvolvido coas Comunidades de Montes, CIG e FRUGA acadouse a admisión e inclusión de 30 achegas (23 completas e 7 de forma parcial). Mais quedaron importantes cuestións sen modificar, polo que, ante esta situación ADEGA pronúnciase en contra do borrador da lei de montes aprobado no consello forestal do pasado 9 de novembro.

Principais eivas no actual borrador da lei de montes

Un dos problemas de maior importancia aos que o sector do monte se enfronta é a do abandono (da terra, do manexo…). Para resolver esta cuestión, é fundamental que os elementos normativos doten á administración de maior poder de intervención no territorio. A opción escollida polo goberno do PP é precisamente a oposta; rebaixar a capacidade de intervención da administración e deixar nos mercados e na opción individual a especulación da xestión da terra. Esta situación tan só favorece as grandes empresas e as grandes propietarias da terra, ao ter mellor posición nunha situación de pouca transparencia e baixa intervención administrativa.

O borrador presentado pola Xunta de Galiza non é unha lei de carácter integral, a pesar da importancia do monte na vertebración social e territorial do noso país, ao faltar a súa conexión con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Non introduce aspectos novidosos na xestión do territorio como son a participación pública, a custodia do territorio, a multifundionalidade, a educación ambiental ou a compra responsable de produtos e servizos do monte. Non aparecen cuestións fundamentais e que deben incorporarse na xestión do monte como son: a cultura, a etnografía, a restauración de terreos queimados, a paisaxe, os vieiros ecolóxicos, os hábitats prioritairos, as especies prioritarias, a prevención de pragas e doenzas…

É unha lei que reduce a intervención pública, deixando en mans privadas e do mercado o cumprimento dos obxectivos principais (desenvolvemento rural, a fixación da poboación no medio rural, a conservación e a xestión forestal sostible) e non define uns obxectivos claros para a xestión pública. Arestora os montes en xestión pública supoñen algo máis do 12% de todo o país, concentrándose maioritariamente nos lugares máis desfavorecidos. Polo tanto, a nova xestión pública pode ser unha ferramenta para loitar conta o abandono do rural e acadar os obxectivos dunha xestión integral do territorio que serva de base para facer unha conservación real e dinámica dos espazos integrados na Rede Natura 2000.

Abre as portas á rebaixa legal dos Montes Veciñais en Man Común ao minimizar a tutela xurídica da administración (que chegaba a equiparalos en outras normas a montes de utilidade pública), e polo tanto darlle máis peso a súa posición de montes privados (permite a compra de terreos por parte das comunidades de montes, o deslinde xa non se asemella aos montes de utilidade pública).

Tampouco hai aposta pola participación pública na planificación (cando é unha obriga legal recollida na lei estatal 27/2006). Neste borrador os PORF (Planos de Ordeamento dos Recursos Forestais), elementos básicos da planificación forestal, non contan con procesos de participación pública.

Un dos aspectos máis graves é que modifica pola porta de atrás a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no 2007, sen unha base técnica xustificada e baleirándoa de contido na ordenación do territorio (elemento clave para a loita contra o abandono): diminúe as distancias de salvagarda da vexetación sobre vivendas, instalacións e labradío; reduce os anos nos que se limita o aproveitamento nun terreo queimado; elimina o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 50 hectáreas continuas; abre de novo a posibilidade de forestar terras agrarias; desvía cara os concellos parte das responsabilidades de control… Cun total de 43 modificacións, máis que pequenos “retoques” semella que se pretende variar substancialmente unha lei xa aprobada.

Finalmente este novo borrador normativo, aposta en exclusivo polas SOFOR para a agrupación da xestión forestal, non deixando alternativas legais a outras opcións. Este feito imposibilita a viabilidade para os montes privados do interior do noso país e polo tanto a súa solución no futuro.

ADEGA, a prol dun monte sustentábel

Desde ADEGA, ao contrario que o expresado polo conselleiro Juárez (“o medio mural está condeado a desaparecer”) apostamos polo futuro dos nosos montes, que pasa por unha xestión sustentable, integral, activa e participativa. No pasado mes de xuño, ADEFA celebrou conxuntamente coa ORGACCMM unha xornada sobre o monte como oportunidade sustentábel fronte a crise na que chegamos as seguintes conclusións:

-O monte foi, é e será unha fonte de xeración de emprego que fixa poboación no rural e favorece a economía local.

-O monte sustentábel preséntase como oportunidade ante a crise especulativa actual ao fundamentarse no traballo da terra.

-A multifuncionalidade e a diversidade do monte son alternativas reais fronte ao abandono.

-Contamos cun monte activo, vertebrador territorial e social, que contén os elementos necesarios para dar estrutura ao territorio e ao capital humano do noso rural.

-Numerosos proxectos de montes se teñen posto en marcha nos últimos anos, o que nos indica que un monte baseado na terra e contando coa xente é posible.

Polo tanto existe monte vivo e con futuro no noso país!

Fonte: ADEGA.

Publicado por: MontePituco | 22/11/2011

RESPECTO PARA PEPITO MEIJÓN

Pepito Meijón (foto da páxina Pequena Historia de Marín, en Facebook)

Inexplicablemente, a figura de Pepito Meijón e a súa peculiar “obra” vén sendo motivo, ultimamente, de comentarios despectivos e cheos de ignorancia por parte de quen os verque. Ao remate do pleno municipal dese mes de novembro, na mesma sala de sesións, unha directiva da comunidade de (des)montes de San Xulián espetounos, sen vir a conto ningún, sen xeito nin dereito, que “non sabía que as pedras de Pepito Meijón foran de antes de Cristo”. Unha parvada parecida esbardallouna tamén estes días un/unha tal “Marín e Futuro” que asomou o nariz por Facebook para reclamar a construcción dun polígono no Monte Pituco, cun argumento tan ridículo e delirante como o que segue (copiamos e pegamos literalmente, moi a pesar das garrafais faltas de ortografía):

“…Te refires a pedra que pico un home fay 60 anos e converteuse nunha novidade,e como vos sabredes perfectamente cada un e libre de decir o que queira uns sodes vos enganando a xente e poriso estamos aqui para plantar cara o que tedes e medo por non saber quen somos,pero non che vou da-lo pracer de decircho e solo decirche que non e esa comunidade de montes que xa tendra bastante con aguantarbos mentres enganades a 4 mozos co conto dos pretoliferos que non son reais de antes de cristo…porfavor,vos rogaria amistosamente que atendades o voso e a vosa paxina e non veñades a gonbernar noutras que por certo non e vosa”.

DEFENDE O MONTE PITUCO non compara o valor dos petrofligos realizados hai 3.000 anos polos primitivos habitantes do que hoxe é Marín, coas marcas que realizou Pepito Meijón durante o pasado século XX en diversos puntos da vila, dende as praias, ata o monte, pasando polo casco urbán. Dicir que todos os petroglifos que hai no Pornedo e nos seus arredores son gravados de Pepito Meijón, non só é unha completa barbaridade, senón que demostra o profundo descoñecemento, por non dicir a mala fe e o imperdoable ánimo de desinformar, por parte de quen subscribe esas palabras.

Outra cousa moi diferente é que, no marco do proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, os expertos que participaron no deseño desta iniciativa consideraron que o “legado” de Pepito Meijón, pola súa singularidade, polas especiais circunstancias históricas e personais que rodearon a vida deste personaxe, merecen un tratamento especial. Por que non poñelos en valor tamén, diferenciándoos dos “verdadeiros” petroglifos realizados na Idade do Bronce? Por que non complementar a existencia dos gravados prehistóricos con estoutros modernos, que tamén forman parte da “Pequena Historia de Marín”, parafraseando o título do libro de José Torres Martínez? Por que non recoñecer que o traballo de Pepito Meijón singulariza os recunchos polos que pasou? Non o di DEFENDE O MONTE PITUCO. Dino os arqueólogos titulados que avalan o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

As persoas que tanto se molestan en despreciar a Pepito Meijón deberían reflexionar sobre as súas palabras, recoñecer que unha cousa son os conxuntos rupestres catalogados pola Xunta como Bens de Interese Cultural (Pornedo, Sete Camiños, Piñeiral de Caeiro, Carrasca…) e outra ben diferente son os gravados de Pepito Meijón. Xa está ben de malmeter, de manipular, e de atacar sen motivos (porque non os teñen) os argumentos certeiros e contrastados de DEFENDE O MONTE PITUCO a prol da conservación deste espazo. Que cando a directiva da comunidade de (des)montes de San Xulián vaia ao Concello para ornear a coro o seu rosario de despropósitos, que a señora alcaldesa e os demais membros do seu goberno local teñan a ben sacalos do seu incomensurable erro. Que para iso subiron ao monte e viron os petroglifos. Non coma outros, que só ven os petroglifos dende a barra da taberna ou dende o sofá da súa casa.

Máis educación e máis respecto pola memoria de Pepito Meijón.

CANTO HAI QUE NON TE VIN PEPITO MEIJÓN DE MARÍN

Pepito Meijón xa non era xoven

cando o conocín,

pois que naceu no ano de mil

oitocentos e noventa e nove

e finou oitenta e un anos despois

no Nadal, o vintedóus.

Fillo de Mestre Canteiro

espertou seu arte

en “Artes e oficios” primeiro.

E chegoulle a hora de ir matar mouros,

mais seguro dos mouros ser morto,

e fireulle os miolos a teima;

desde entón escomeza a ser “tolo”.

Pepito Meijón tivo dous nemigos:

Os ollos dos Santos e a Electricidade,

esta porque o fireu de verdade,

os ollos dos Santos…

Os mortiños acochan os ollos

e non e doado mirarllos.

Para ser perfeuto.

Tamén tiña o seu vicio “malo”,

pesia que decía

que as pedras gastáranlle o falo:

debaixo da ponte da rúa Calzada,

onde tiña a meirande anada,

asaltáballe as chuchas ás mozas

cal nos mitos do antergo Centauro.

As xentes sinxelas do Pobo

decían tamén que Pepito era tolo

E non era certo:

Soio foi de natura esquecido.

Poema de Luis Almazán

Publicado por: MontePituco | 21/11/2011

MENTIRA E CALUMNIA EN FACEBOOK

Queremos o poligono (falta o til no “i”) do pituco (a letra P sería maiúscula) que non afecta a montes nin a casas e queremos traballar para pode-lo facer ainda (falta o til no “i”) que hay (escríbese con “i” latino) tres persoas que o imposibilizan (dise “imposibilitan”) mentindo e poñendo en evidencia o lugar, para iso estamos aqui (falta o til no “i”) os de marín (o M ten que ir en maiúscula) que conocemola (falta o til no “e” e dise “coñecémo-la” ou “coñecemos a”) zona e sabemos como é e non se lle da (falta o til no “a”) uso. Esta alexado (dise “alonxado”) das casas e non hay (escríbese con “i” latino) que estropeala (escríbese “estropear a” ou con segunda forma do artigo “estropea-la”) natureza cortando ninguna arbore (falta o til no “a”), polo que necesitamos o teu a apoyo (dise “apoio”) para que nos axudes publicando e compartindonos (dise “compartindo”) con todos os vosos amig@s, esperamos que nos axudedes a traballar.

Á parte de que quen escribe este texto dálle unha chea de dolorosas patadas ao diccionario da Real Academia Galega e ten un nivel máis que deplorable de ortografía e de sintaxe, o contido é unha completa e absoluta FALACIA. Unha máis das moitas que ten exposto a Comunidade de Montes de San Xulián, ben directamente ou, como neste caso, a través dunha persoa anónima que colgou este PÉSIMO texto en Facebook.

Que queren o polígono no Pituco? Pero non quedamos en que agora queríano nos Sete Camiños? Pituco ou Sete Camiños, que clase de esquizofrenia sofren?

…Ai, “non afecta a montes”, non. O Pituco non é un monte, os Sete Camiños non é un monte, a parroquia de San Xulián non ten monte. Pois será que ten dunas de area, ou oasis con palmeiras, pero o que é monte, cos seus piñeiros, cos seus toxos, cos seus fentos, coas súas pedras, cos seus eucaliptos (por suposto)… diso non ten! Quen escribiu este DELIRIO debeu pasar unha moi mala noite ou atoparse baixo os efectos dalgunha sustancia psicotrópica que lle alterou o sentido da realidade.

…A casas non afecta, non. Porque se ameazara algunha vivenda, arestora non seriamos “tres” rexeitando a ubicación do polígono, senón tres, máis os habitantes desas casas, as súas familias, os veciños da aldea, e unha parte importante da parroquia, cando non a parroquia enteira. Pero non, seica somos “tres” os que defendemos a natureza, o patrimonio rupestre, e o legado dos nosos antergos grazas aos cales hoxe estamos aquí. Uns antergos que gañaron a vida traballando no monte e sacándolle o produto necesario para que os seus fillos e netos e os que viñeron detrás puideran hoxe CUSPIR na memoria e nos sacrificios deses devanceiros vendendo ao mellor postor o sustento ao que lle deben pouco menos que a vida. Fato de desagradecidos.

Mente precisamente quen ousa acusarnos de mentireiros, porque TODOS os argumentos que DEFENDE O MONTE PITUCO manexa para loitar a prol da conservación do monte, son CONTRASTABLES: máis do 90% do terreo afectado ten unha pendente superior ao 15%, como demostra o informe topográfico da zona; o monte afectado está nun Espazo Natural Protexido legalmente polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento; por toda a zona atópanse numerosos gravados rupestres catalogados como Bens de Interese Cultural sobre os que pesa o maior rango de protección… Que por favor deixen de utilizar tan á lixeira a palabra mentir, porque se arriscan a ter que demostrar ante un xuíz as acusacións falsas que verten contra DEFENDE O MONTE PITUCO.

Arróganse moito iso de coñecer a zona, como se os veciños do Pornedo e dos Sete Camiños non foramos tan de Marín coma eles. Pois non a deben coñecer tanto porque non se lles ve o pelo polo monte. Quen denunciou o verquido contaminante dos restos da limpeza dunha caldeira? Quen alertou da aparición dun cabalo morto dun escopetazo? Quen loitou para que se erradicara o circuito de motorismo ilegal? Quen notifica a existencia de verquidos de cascallos en distintos recunchos do monte? Eles acaso, acomodados na barra da taberna que teñen na Casa de Montes? Vai ser que non…

Por riba, quen subscribe ese texto tan mal redactado e tan mal escrito, ten o inmenso “morro” de dicir que á zona non se lle dá ningún uso. Semellante comentario vén confirmar o DESINTERESE manifesto da Comunidade de Montes de San Xulián polo monte da parroquia e, en particular, pola superficie afectada polo hipotético polígono, na que non se inviste nin un só céntimo dende tempo inmemorial. Cero euros en repoboación de árbores, cero euros en limpeza das canalizacións de auga, cero euros en mantemento das pistas e dos camiños, cero euros en prevención contra incendios… Esta OMISIÓN flagrante da comunidade de montes nas súas obrigas non fai máis que poñer en evidencia a INCOMPETENCIA dos seus directivos, que prefiren gastar os recursos da Comunidade nun partido de fútbol entre solteiros e casados, por poñer un exemplo das chilindradas que organizan.

Que non hai que cortar ningunha árbore? Esta frase só a pode dicir un extraterrestre que descoñeza o significado desa palabra. Na superficie de case 400.000 metros cadrados que abarca o proxecto do polígono non hai unha árbore, hai milleiros delas. Iso si, mal ordenadas, sen ningún tipo de tratamento de optimización da madeira, sen ningún criterio de xestión, porque a directiva da comunidade de montes -insistimos- non cumpre co seu cometido de traballar a prol do monte de toda a parroquia, só da parte que lle interesa.

A Comunidade de Montes de San Xulián -e os seus adeptos- NON PENSA COA CABEZA.

PENSA COA CARTEIRA.

Non apoies semellante despropósito.

Súmate á defensa do Monte Pornedo!

Publicado por: MontePituco | 18/11/2011

‘SETE CAMIÑOS’, NO DIARIO

Fotograma do documental “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: encrucillada do tempo”, que se estreará en xaneiro. O plano amosa o impacto do hipotético polígono industrial sobre a vila de Marín e sobre a ría.

Comunicado da comisión técnica do proxecto para a creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS sobre a postura da Comunidade de Montes de San Xulián en col do polígono industrial.

O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é un proxecto ideado para valorizar unha área que abrangue os concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa onde, ademais do importante valor natural, paisaxístico e etnográfico da zona, existen numerosos xacementos arqueolóxicos.

En resposta ao artigo publicado no Diario de Pontevedra co titular “La Comunidad de Montes de San Xulián demanda el polígono”, a Comisión Técnica do proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que representa a unha vintena de entidades veciñais, sociais e culturais de Marín, Pontevedra e Vilaboa, quere responder publicamente as declaracións da xunta directiva desta comunidade de montes, por considerar que estas están baseadas na falacia ou, cando menos, na desinformación.

O proxecto do “polígono do Pituco”, que se inclúe no PXOM de Marín e que aínda non está aprobado, abarca unha superficie de 375.000 metros cadrados, englobando dende o contorno do Monte Pornedo ata os Sete Camiños, e a área de Chan de Lagoa. Isto quere dicir que non hai un polígono industrial na zona de Sete Camiños polo que aposten eles, e outro no Pornedo que desboten, senón un só e mesmo polígono, chámeselle Pituco, Pornedo ou Sete Camiños. Están pois, confundindo a opinión pública.

O máis preocupante, e polo que está a traballar a comisión técnica do proxecto, é por protexer, valorizar e dar a coñecer a enorme riqueza natural, paisaxística, etnográfica e arqueolóxica dunha zona que se podería converter nunha área de esparcemento e de lecer para os veciños e veciñas de toda a contorna. Este proxecto, polo tanto, sería totalmente incompatible coa construción dun polígono na mesma zona, ou en parte dela.

Cando a directiva da Comunidade de Montes afirma que “non hai impedimentos para que se faga a obra”, está faltando á verdade, xa que son innumerables os impedimentos que, a todo nivel, a obra ten. Citemos só algún deles: dende o punto de vista medioambiental, por estar nunha área incluida nos Montes do Morrazo, e protexida polas normas subsidiarias provinciais; dende o punto de vista patrimonial, pola presenza de numerosos xacementos arqueolóxicos; dende o punto de vista paisaxístico, por ser un dos puntos máis visibles e sensibles da contorna, condeando Marín a ficar encaixado entre o porto e unha mancha de cemento no medio do monte; dende o punto de vista hídrico, por ser o nacemento de numerosos mananciais dos que se serven os veciños; dende o punto de vista técnico, por presentar uns desniveis excesivos para este tipo de infraestruturas.

Polo tanto, cando din que “o impacto visual e paisaxístico sería pequeño”, hai que ter en conta que estamos falando do lugar de Sete Camiños, un espazo natural situado por enriba do Pornedo. Precisamente por estar por enriba do Pornedo, a maior altitude, é aínda un lugar máis destacado na paisaxe. Lembremos que o Pornedo e Os Sete Camiños forman un balcón natural sobre a vila de Marín, polo que o impacto paisaxístico sobre a zona é o mesmo, ou maior, que o do proxecto inicial do polígono.

Volven faltar á verdade, ou seguen desinformados, cando afirman que esta zona “es practicamente plana”. Arredor da zona dos Sete Camiños o terreo non só non é plano, senón que supera considerablemente a pendente máxima recomendada polos técnicos para os polígonos industriais, polo que requeriría grandes desmontes, en contra do que eles afirman. Existen informes topográficos que así o indican, non só o presentado polo colectivo Defende o Monte Pituco, senón tamén o estudo realizado no ano 2000 pola Autoridade Portuaria de Marín, que xa daquela desbotara esta zona como posible alternativa para a ubicación das súas empresas debido ao desnivel.

E por último, cando aseguran que “nós entendemos que o polígono industrial só traería beneficios para a parroquia e para Marín” están obviando, primeiro, que todo polígono industrial conleva unha serie de prexuizos e incomodidades para os veciños (alteración de acuíferos, contaminación, ruídos, tráfico pesado…) e, segundo, que Sete Camiños é unha zona fronteiriza e compartida entre o concello de Pontevedra e o de Marín, polo que parroquias como Salcedo e Lourizán poderían verse seriamente afectadas por estas instalacións sen ter a cambio ningunha das “vantaxes” que, segundo se di, traería este polígono.

A Comunidade de Montes de San Xulián, a diferenza das Comunidades de Montes de Lourizán, Salcedo e Vilaboa, non apoia o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Un proxecto que dinamizaría, recuperaría e poría en valor todo o patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico da zona, podendo chegar a converterse nunha importante fonte de recursos económicos e turísticos, e nun referente galego de desenvolvemento sostible.

Pola contra, semella que a Comunidade de Montes de San Xulián prefire un polígono industrial nos seus terreos -outro máis a sumar aos que hai baleiros polo país-, o cal implica unha clara contradición e violación do que se supón que debe ser o traballo dunha comunidad de montes, isto é: defender o monte veciñal, poñelo en valor, explotalo racionalmente e salvagardar a herdanza dos nosos devanceiros para que a reciban os nosos descendentes. O sorprendente de todo isto é que, mentres moitas comunidades de montes do país loitan por recuperar os seus montes usurpados e o seu dereito a explotalos e a gozar deles, a xunta rectora da comunidade de San Xulián é a primeira interesada en que lles expropien o monte comunal dos veciños, e mesmo van presionar o Concello para que así sexa.

Así que non sabemos que será máis grave, se que as declaracións da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián se deban ao descoñecemento do monte que xestionan e de cal debería ser o seu traballo, ou á mala fe. En todo caso, sempre haberá xente que mire polos cartos a costa de todo e de todos, e quen mire polo futuro e o beneficio da sociedade e das xeracións que virán.

Cada un elixe onde quere estar, e como quere que o recorden.

Publicado por: MontePituco | 16/11/2011

A COMUNIDADE DE (DES)MONTES, NO DÍA DO PATRIMONIO

Neste 16 de novembro, cando se conmemora por primeira vez en España o Día do Patrimonio Mundial, que non só comprende o patrimonio histórico, senón tamén o medio ambiente natural, a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián vén de pronunciarse -moi desafortunadamente na data e nas formas- a favor da instalación dun polígono industrial no monte comunal da parroquia. Xa non mencionan o Monte Pornedo, que é a zona abandeirada deste colectivo veciñal na súa loita contra ese proxecto urbanístico que consideramos inviable. A Comunidade de Montes de San Xulián dirixe agora o seu ataque contra o lugar de Sete Camiños, pretendendo quizais, fuxir da confrontación directa con DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), que leva dous anos sumando argumentos técnicos e ambientais que desaconsellan esa actuación.

As consideracións da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián están totalmente fóra de lugar, pretendendo asumir unhas competencias urbanísticas que non lle corresponden, e que están en mans do Concello de Marín e da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, que actualmente está estudando as condicións de dúas zonas: Pornedo e Pastoriza.

Comentarios como “esta infraestrutura non lle fai dano a ninguén”, ou “non vemos impedimento para que se faga a obra”, ou aínda peor que “o impacto visual e paisaxístico sería pequeno”, ou -o colmo da ignorancia- afirmar que a zona é case plana, demostran a falta de base e o descoñecemento da Comunidade de Montes de San Xulián sobre o terreo que, en teoría, teñen que xestionar. Estes directivos pasan por alto que o Monte Pornedo, os Sete Camiños, ou como lle queiran chamar, está inscrito nos Montes do Morrazo, sobre os que existe unha figura legal que os cataloga como Espazo Natural Protexido. Menospreciar esa condición é un insulto á cidadanía que respecta e acata a lexislación, e debería estar sancionado administrativamente, tendo en conta que os representantes dun colectivo social, como é o caso dunha Comunidade de Montes, deberían ser os primeiros en dar exemplo cos seus actos e coas súas palabras.

Especialmente cando, a título persoal, o presidente da Comunidade de Montes de San Xulián se ten pronunciado -‘en petit comité’– en contra de instalar o polígono industrial na ubicación que agora se está a defender dende a directiva que el mesmo encabeza. A súa actitude non pode ser máis contraditoria e inexplicable.

Un simple estudo da orografía da zona afectada polo polígono industrial ronda os 400-500 euros; unha cantidade que DEFENDE O MONTE PITUCO invertiu grazas a unha doación económica particular (cousa que tiña que ter saído da Comunidade de Montes, polo menos para falar arestora con coñecemento de causa), para saber cales eran as posibilidades do terreo. E os planos, coas súas curvas de nivel, están ben claros: nos 400.000 metros cadrados proxectados como chan industrial na parroquia de San Xulián é totalmente desaconsellable a construcción dun polígono empresarial. Hai unicamente dúas zonas nas que a pendente está por debaixo do 15%, que é o máximo desnivel recomendado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, na súa “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”: esas dúas zonas son o Alto do Pornedo, que na súa contra ten a alta intervisibilidade da zona, en plena fachada marítima da vila, co cal o impacto ambiental e paisaxístico sería moi notable; e os Sete Camiños, que na súa contra ten tamén que está rodeado por curvas de nivel por riba do 25% e do 35%, que vén sendo máis do dobre do desnivel máximo recomendado.

Por tanto, a Comunidade de Montes de San Xulián MENTE, e se non mente, MANIPULA, que é moito peor. As súas afirmacións sobre a suposta “planicie” da zona lémbrannos as lamentables declaracións do ex-concelleiro de Parques e Xardíns da anterior lexislatura, Pazos Lamoso, que tivera a ousadía de proclamar que a zona do Pituco era “o lugar máis chan de todo Marín”. Afortunadamente, velaí está o informe topográfico para desmentir toda a DESINFORMACIÓN que queren verquer a Comunidade de Montes de San Xulián, COMPINCHADA inequivocamente con dous dos grupos da oposición, o PSOE sobre todo, e o BNG por extensión. Non así MAR-IN, que se ten pronunciado en numerosas ocasións en contra de escoller o monte comunal da parroquia de San Xulián para instalar o polígono, tendo en conta que a extensión que abarca esta zona non satisfaría as necesidades de solo industrial que require Marín.

A Comunidade de Montes de San Xulián, facéndolle o xogo dun xeito tan burdo ao grupo municipal socialista (a cuxo voceiro, o ex-alcalde Francisco Veiga, se arriman sospeitosamente dende hai dous meses ao remate das sesións plenarias), pretende arruinar unha parcela de monte para crear un micropolígono ao estilo dos que o anterior bipartito aspiraba a construir na Brea e Vista Alegre. Un micropolígono á altura da microintelixencia dos simpatizantes desta microidea.

A exposición da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián (directiva cuxa designación foi impugnada debido ás irregularidades detectadas nas eleccións) non está refrendada en ningunha asemblea de comuneiros. Para facer público este posicionamento, os representantes da Comunidade de Montes baséanse nunha reunión informativa realizada hai dous anos a petición de DEFENDE O MONTE PITUCO, cando este colectivo non dispoñía do informe topográfico tan revelador que evidencia as enormes dificultades técnicas existentes, ás que se suman os inconvintes legais desde o punto de vista ambiental. Aquela reunión foi unha auténtica encerrona debido a que unha ampla maioría dos asistentes ían predispostos e aleccionados; non para discrepar sanamente, senón para encirrar e mesmo insultar.

DEFENDE O MONTE PITUCO non organiza partidos de fútbol entre solteiros e casados, non organiza guateques, nin verbenas, nin magostos; que son as armas da Comunidade de Montes para darlle pan e circo aos habitantes da parroquia. DEFENDE O MONTE PITUCO organiza andainas polo monte para divulgar a súa descoñecida riqueza arqueolóxica, tristemente despreciada polos comuneiros que sosteñen que “as pedras non dan de comer”. Que llo digan aos comeiros de Campo Lameiro, que teñen un dos mellores centros de arte rupestre de Europa que atrae milleiros de visitantes; aos comuneiros de Ponte Caldelas, que cada ano reciben a centos de persoas na Festa da Arte Rupestre que lles organiza o Concello; aos comuneiros de Cotobade, que organizan charlas e roteiros cun gran éxito de existencia; o mesmo que os comuneiros de Salcedo, que están recuperando os petroglifos situados no ámbito do acuartelamento da Brilat para garantir a súa conservación…

Vergoña lle debería dar á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián ser A ÚNICA que non apoia o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que conta co respaldo dunha vintena de organizacións sociais e culturais, entre elas as Comunidades de Montes de Lourizán, de Salcedo e de Vilaboa, algúns de cuxos directivos foron entrevistados nun documental audiovisual realizado para potenciar os recursos históricos, culturais e ambientais de toda esa contorna, e que se vai estrear o próximo mes de xaneiro.

O único que pode explicar o interese da Comunidade de Montes de San Xulián con este auténtico brinde ao sol -moi lexítimo, por outra parte, vivindo, como tanto reivindican os seus directivos, nunha democracia- é o seu desmedido interese económico e especulativo. As ansias por engordar o patrimonio pecuniario que non son capaces de facer medrar co que lles corresponde facer: xestionar o monte comunal. Hai comunidades de montes do Baixo Miño que apostan con excelentes resultados pola produción de mel, outras que destinan unha parte da súa superficie á plantación de especies autóctonos para a produción de castañas ou cereixas, outras que apostan por micorrizar parcelas para beneficiarse coa produción de cogomelos, outras que obteñen importantes recursos coa explotación de madeiras de calidade… A única comunidade de montes que aspira a lucrarse a costa de prescindir do seu monte, a costa de convertelo nun ermo de formigón, a costa de reventalo con novas estradas e detonacións de dinamita, a costa de perder os mananciais que surten de auga para consumo doméstico e de regadío aos seus veciños, é a Comunidade de Montes de San Xulián de Marín. Que ten gañado a pulso o título de COMUNIDADE DE DES-MONTES.

Que a alcaldesa de Marín e todo o goberno municipal en pleno os reciban. Que os reciban, si! E a ver que andrómena lles contan os directivos da Comunidade de Montes de San Xulián. Que os reciba María Ramallo canto antes, e que pordeusbendito non lles faga como o seu novo amigo Francisco Veiga lle fixo a DEFENDE O MONTE PITUCO: que durante máis dun ano nos negou unha simple entrevista, un simple intercambio de ideas, que nos condenou a sermos atendidos por teléfono e nas escaleiras do Concello.

Publicado por: MontePituco | 15/11/2011

AS COMUNIDADES DE MONTES SOBRE O ANTEPROXECTO DA LEI DE MONTES

Este pasado fin de semana varios representantes das comunidades de montes integradas na Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común reuníronse en Pontevedra para avaliar o anteproxecto da Lei de Montes de Galicia, que se vai debater entre marzo e abril de 2012 no Parlamento galego. A conclusión da xuntanza foi que, malia aplaudiren as melloras que se lle introduciron ao documento na súa fase de elaboración, aínda segue habendo aspectos moi mellorables, polo que nin a Organización Galega de Comunidades de Montes, nin Adega, nin o Sindicato Labrego Galego, nin a Federación Rural Galega, que tamén asistiron á asemblea, apoiarán a Lei de Montes mentres non se acometan no seu articulado outras reformas que propoñen.

Entre os participantes estaban os voceiros das Mancomunidades de Montes do Morrazo e de Pontevedra. A Comunidade de Montes de San Xulián, como vai -erradamente- por libre (ou en caída libre) e non comparte ningún criterio de sustentabilidade, nin defende a multifuncionalidade do monte, nin nada de nada do que representa esta Organización, brillaba (e seguirá brillando mentres non chegue outra directiva máis preparada e profesionalizada) pola súa ausencia. A continuación, a crónica desta asemblea xeral extraordinaria.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común expresou a súa satisfacción ante as enmendas practicadas, a propuesta deste colectivo, no borrador da Lei de Montes de Galicia. “Fomos quen de avanzar en temas importantes e puxéronse trabas para unha posible privatización” do monte veciñal, destacou o seu presidente, Xosé Alfredo Pereira.

O anteproxecto da Lei de Montes de Galicia, aprobado o pasado 9 de novembro, podería someterse a debate parlamentario a partir do vindeiro mes de marzo de 2012. Mentres tanto, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais pretende reunirse cos responsables dos distintos grupos políticos para seguir perfilando o documento, explicou Pereira.

Xosé Alfredo Pereira indicou que o “intento” de privatizar os montes remóntase xa ao ano 1995 e que “ata hoxe, porque existe un grupo de comunidades organizadas e unidas, puidemos evitalo”. Aínda que o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes considera que existen aspectos negativos, cualifica de “importantes” os avances e prevé que “se a lei saíra tal e como está, xa complicamos moito a privatización dos montes”.

PROPIEDADE XERMÁNICA

Entre as enmendas introducidas, Pereira sinalou que “aceptaron a definición da propiedade xermánica do monte veciñal”, así como a negativa a que as comunidades de montes teñan personalidade xurídica “senón capacidade plena para os seus actos”. En cambio, criticou que “non avanzamos nada” en aspectos como a protección do monte e as “obrigas” da Xunta ante o monte veciñal, do que xa non efectuará deslindes.

Pereira advertiu dun “perigo importante” en relación á xestión dos montes veciñais situadas no interior de Galicia, onde hai pouca poboación e envellecida: “Deixaron a porta aberta a unha posible apropiación polas empresas de cultivos enerxéticos”, asegurou o presidente da Organización Galega de Comunidades, que calcula que pode haber unhas 400.000 hectáreas de terreo nesa situación.

INCENDIOS

Ademais, considera “bastante negativo” que no anteproxecto se elimine a prohibición de forestar 50 hectáreas de monte continuadas tal e como contempla a lei actual de prevención e defensa contra incendios, o que dá pé, alertou Pereira, “a que todo o monte galego se convirta nunha base de cultivos enerxéticos”.

Tamén “empeora moito” a aplicación do concepto forestal ao monte, fronte ao que a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais considera só “un aspecto”, ao que se engaden outros, como a produción de mel, cogumelos, castañas e outros productos que, en conxunto, constitúen a dimensión “multifuncional” destes terreos.

Precisamente, Xosé Alfredo Pereira amósase partidario de “camiñar cara a un monte sustentable, cousa que comezaramos a facer durante o anterior goberno bipartito”. Trátase dunha das causas polas que, segundo Pereira, se producen incendios forestais, que non atribúe unicamente á comisión de accións delictivas.

“A política da Xunta sobre incendios é negativa e xa se avanzou cara atrás”, criticou o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, que lamentou que “esta política axuda a que haxa incendios, e cada vez máis”. Como exemplo, referiuse a que as subvencións concedidas polo bipartito facilitaban a creación de seis postos de traballo por hectárea, mentres que “este ano como máximo creouse un posto por comunidade” debido á anulación das axudas polo actual goberno.

Fonte: Europa Press Galicia.

O anteproxecto da Lei de Montes de Galicia pódese consultar na web da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

Publicado por: MontePituco | 14/11/2011

QUE NON SE VOLVA REPETIR

Nos últimos días adicámoslle varios artigos á egua que apareceu morta no Alto do Pornedo por causas que, lonxe de ser descoñecidas, véñense de confirmar. Non só pola imaxe dramática que ilustra estas liñas, senón polo testemuño directo de veciños que estiveron a caron do corpo do animal e tiveron arrestos abondo para ver de cerca os danos letais que lle provocara o cartucho disparado pola persoa desalmada que acabou coa súa vida a sangue frío. Os (inxustificables) motivos? Represalias contra os propietarios de gando mostrenco, rencillas entre veciños por disputas internas ou, simplemente, maldade…

A tempada de caza e uns perdigóns desafortunados non están detrás da morte desta egua indefensa. Foi unha acción cobarde feita a mantenta que merece a máxima repulsa e o maior rexeitamento por parte da veciñanza. A Comunidade de Montes de San Xulián, sendo en terreo comunal onde se produciu este desafortunado episodio, debería condenar esta práctica perversa que nos sitúa, como sociedade, á altura do mesmísimo betún, na máis absoluta irracionalidade, e no colmo do maltrato cruel contra os animais. Que o Seprona investigue este caso, que por desgraza non é único na contorna, para que non quede impune e se castigue o seu autor ou autores.

Puidémoslle agradecer á titular da Concellería de Medio Ambiente as súas xestións para a retirada dos restos da egua no menor tempo posible, que foron tres días dende a súa localización. Agradecémoslle tamén o ofrecemento do departamento que dirixe para afrontar outras posibles incidencias que se poidan producir no futuro, que agardemos que non sexan moitas nin desagradables. E seguimos agardando resposta por parte da concelleira de Cultura para recibir a comisión do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que lle quere propoñer ao Concello de Marín algunhas ideas para mellorar a situación dos elementos patrimoniais e dos enclaves naturais máis senlleiros do Monte Pornedo e dos Sete Camiños. Hai moito que facer a prol do monte en xeral e do Pornedo en particular, mais, nada parecido a chantarlle un polígono industrial.

Publicado por: MontePituco | 11/11/2011

A COMUNIDADE DE (DES)MONTES DE SAN XULIÁN

Asistiron ao pleno municipal de outubro cos seus ridículos cartaces reclamando a construcción do polígono industrial no Monte Pornedo. E no de novembro que se celebrou esta tarde-noite, volveron estar. En realidade, “suavizaron” a súa demanda, porque onde pretenden instalar o parque empresarial é dende Sete Camiños en diante. Eis unha mostra flagrante da súa torpeza, “maquillando” a demanda que formulan e tirando pedras contra os paupérrimos argumentos dos grupos políticos -Bng e Psoe- partidarios de converter o Pornedo nunha chaira de formigón e naves, posto que a partir de Sete Camiños as dimensións dese hipotético polígono redúcense considerablemente.

Pero que “orneen” ao seu xeito mentres DEFENDE O MONTE PITUCO segue sostendo que a instalación do polígono industrial no Pornedo é totalmente inviable: por tratarse dun espazo natural protexido, pola pendente superior ao 35% en case o 60% do terreo afectado, polo impacto paisaxístico irreversible nunha zona de alta intervisibilidade (segundo o Informe de Sostibilidade Ambiental do propio proxecto de PXOM), pola conservación obrigatoria dos Bens de Interese Cultural existentes na zona…

Nós temos os ARGUMENTOS mentres que eles o único que teñen é que son “máis”. Máis a repartir os supostos beneficios económicos que lles reportaría o monte comunal arramplado para a instalación dun polígono industrial que NON lles vai dar traballo aos veciños e veciñas da parroquia. DEFENDE O MONTE PITUCO non compra vontades con tazas de viño de balde no bar (un bar que, con razón, dá perdas) da Casa de Montes, nin con favores, nin con fumes nin promesas baleiras.

DEFENDE O MONTE PITUCO é para grandes minorías, para persoas con sentido común e cun mínimo de dous dedos de fronte. Para persoas que non cuestionan o incuestionable por mero capricho, que non retorcen a realidade en base aos seus intereses personais e económicos. Para persoas que respectan o medio ambiente e a cultura, persoas razoables que non necesariamente han ter un nivel académico nin intelectual concreto, senón capaces de entender que no Monte Pornedo “non hai máis cera que a que arde”, porque o lugar simplemente non reúne as condicións mínimas para construir un polígono industrial, polo que cómpre abogar pola localización doutra parcela con mellores perspectivas urbanísticas e con menos inconvintes ambientais.

A Comunidade de Montes de San Xulián recolle sinaturas entre a veciñanza intentando presionar o Concello de Marín para que avance na tramitación dun proxecto para o cal non ten capacidade financeira. Un proxecto que non vai depender das tropecentas firmas “compradas” que reúna a directiva da Comunidade de Montes e os seus vasallos, senón da viabilidade das obras, que está máis que en entredito por cuestións técnicas e económicas.

Uns representantes da Comunidade de Montes -lembremos que foron “elixidos” nunha asemblea irregular que foi impugnada- levan dous meses presentándose no pleno da Corporación Municipal “pancarta en ristre”. Esperemos que estean pagadas, agardamos, do propio bolsillo das persoas que as sosteñen; non ao cargo da Comunidade de Montes. Habería que velo. Apelan á democracia para xustificar a súa presenza nos plenos e anuncian que van seguir asistindo. Pois vale. DEFENDE O MONTE PITUCO leva dous anos exercendo ese dereito e nunca antes lle viu a pelambrera a estes directivos tan estirados e impertinentes, que ousan dirixirse aos veciños de DEFENDE O MONTE PITUCO en actitude provocadora e asoballante.

Son xente que tanto lle ri as grazas á esquerda como á dereita, que o mesmo lles dá branco que negro, que antano acorralaban a María Ramallo cando estaba na oposición para dourarlle a píldora, e hogano a quen gaban é a Fran Veiga tras perder a alcaldía: “Ays, m’encantó lo que dijiste del polígono en el Pornedo!”, espetáronlle ao ex-alcalde á saída do pleno, mentres el esbozaba un sorriso de orella a orella e se deixaba sobar o traxe, añorando a época feliz cando sentaba no sillón principal. Agora é “do montón” e a butaca resúltalle máis incómoda, por iso se consola aceptando as loubanzas artificiais da Comunidade de Montes de San Xulián, presidida por un ex-concelleiro popular. Todo queda entre “ex-algo”.

E si, cabalgamos con paso firme mentres eles esbardallan. E a foto do noso humilde chirico non lles fai xustiza ningunha porque non os retrata. Calquera burro ten unha intelixencia e unha capacidade de traballo infinitamente superior á súa, que van de espléndidos corceis e non pasan de ser uns simples “ponis” de feira.

…Porque claro, estarricados comodamente na barra da taberna non se enteran de que no monte están matando cabalos a balazo limpo, coma no salvaxe Oeste. Non se enteran da política porque só se dedican a mollar a palleta e aos seus turbios negocios mentres DEFENDE O MONTE PITUCO se ten que preocupar de que o Seprona e o Concello retiren o corpo dun pobre animal que apareceu morto no Alto do Pornedo a semana pasada, comesto polas alimañas. Así calquera dirixe unha comunidade de montes. Ogallá os comuneiros non tarden en decatarse da fauna silvestre que os representa.

Publicado por: MontePituco | 10/11/2011

A NOTICIA DO CABALO, NA VOZ

A sección local de La Voz de Galicia publicaba onte unha información sobre o cabalo morto que apareceu no Alto do Pornedo e especulaba sobre os motivos polos cales lle “arrancaran” as orellas ao corpo do animal. Lonxe de atribuirlle esta acción ao suposto dono do equino, nun intento por tratar de evitar a identificación da res e esquivar así as posibles responsabilidades que se lle puideran reclamar pola retirada do cadáver dende o lugar onde apareceu, en DEFENDE O MONTE PITUCO pensamos que, neste caso, trátase dunha hipótese errada. Iso non quita que verdadeiramente suceda así, que haxa propietarios absolutamente crueis e descerebrados, como se ten demostrado que existen, que cometan semellantes barbaridades.

(Artigo na edición dixital do xornal: “Arrancan las orejas a un caballo muerto“).

Xa relatamos anteriormente, nun artigo titulado “OUTRO CABALO MORTO NO MONTE” cales foron as circunstancias deste desagradable achado. O cabalo parece ter orellas cando foi atopado o domingo día 6 por unha veciña da zona, que tomou fotografías do animal para trasladarllas ao Seprona e aos responsables municipais. Ao día seguinte, luns 7, o cabalo permanecía no mesmo lugar, pero o seu estado xa sufrira un deterioro maior, provocado pola acción das alimañas durante a noite: xa era evidente que non só lle faltaban as orellas, senón que tampouco tiña globos oculares nin fuciño, posto que o dentame estaba ao aire, e mesmo se apreciaba xa a presenza de moscas.

Precisamente por iso, esa mesma tarde urxíuselle ao concelleiro de Rural que se fixeran as xestións necesarias para proceder o antes posible ao traslado do corpo a un depósito autorizado para ese tipo de restos.

Posto que se trata dun tema escabroso e visualmente ingrato, as persoas que queiran comprobar as explicacións expostas poden premer en “Ler máis” para ver as imaxes do cabalo tomadas con 24 horas de diferenza: na tardiña do domingo e a media tarde do luns.

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 09/11/2011

LEVARON O CABALO

Atopamos o cabalo -egua, para máis señas- morto o pasado domingo. Comunicóuselle o achado ao Seprona e tamén, persoalmente, ao concelleiro de Rural este mesmo luns. Ao día seguinte retirouse do Alto do Pornedo o cadáver deste infausto equino e trasladouse ao pé da pista. Hoxe xa levaron o corpo. En tres días resolveuse esta lamentable incidencia; un tempo razoable, tratándose dunha Administración, e tendo en conta que houbo que mobilizar servizos municipais e recorrer a unha entidade autorizada para o tratamento deste tipo de restos. Agradecidos, pois, ao Concello pola súa dilixencia. E ogallá que agromara a sensibilidade nos propietarios de gando, para que miren polos animais.

Como é probable que ao seu dono lexítimo non lle apene nin sequera un chisco a perda, van estes versos -por que non, cun toque de humor- para que arestora estea “no ceo dos cabalos”.

Calquer lugar é bom para morrer.

Nom se distingue o home da mulher.

A morte é neutra —das Tod— em alemám.

Género e sexo nom sempre vam da mam.

Pois umha cousa é a anatomia

e outra a gramática —falaz dicotomia.

Nom vejo a morte feminista ser.

Calquer lugar é bom para morrer.

Donas do tempo passado ou do actual,

a morte a todas trata-vos igual

que aos cavaleiros. Violenta, a história o di.

Muitas mulheres morrerom assi.

Em Rouen foi Joana d’Arco queimada;

Antoinette em Paris guilhotinada;

Em Chappaquiddick, Jo foi perecer.

Calquer lugar é bom para morrer.

Eis umha flor para o lume e o mar,

a praça, o paço ou calquer lugar

onde a mulher tenha o seu passamento.

Erga-se a rosa sobre o moimento.

Nesta matéria nom é discriminada.

Inês ferida, Mariana agarrotada,

Mary Jo sulagada, Jeanne a arder.

Calquer lugar é bom para morrer.

“CALQUER LUGAR É BOM PARA MORRER”, de Ricardo Carvalho Calero

E recuperada xa a “normalidade”, benvidos sexan de novo, a partir de agora, veciños e paseantes ao Monte Pornedo.

Publicado por: MontePituco | 08/11/2011

O TRASLADO DO CABALO MORTO

(Imaxe do martes 8 de novembro ás 20:00 horas)

O corpo do cabalo que apareceu morto este fin de semana no Alto do Pornedo permanece dende primeira hora da mañá no principio da pista, a carón do cruce da estrada de Figueirido co Regueiriño. Suponse que o traslado dende o lugar onde foi localizado, na aba do monte, ata esa ubicación, responde á necesidade de facilitarlle o traballo ao persoal da empresa especializada que se vai facer cargo da súa retirada e posterior traslado a un depósito axeitado de restos animais. Tería sido un “detalle” -acaso meramente estético- que os traballadores municipais tiveran tapado o cadáver cunha lona. Mais non todo o mundo ten a mesma sensibilidade e agradecidos hai que estar pola pronta actuación do Concello nesta desagradable e triste incidencia. Agardamos que as xestións da concellería de Rural sexan efectivas e poidamos recuperar a “normalidade” á maior brevidade posible. Mentres tanto, por precaución, mantemos a recomendación aos veciños e paseantes, de no frecuentar ese espazo con cans ou mascotas domésticas. Desculpas unha vez máis polas molestias e reiteramos o agradecemento pola comprensión.

Publicado por: MontePituco | 07/11/2011

OUTRO CABALO MORTO NO MONTE

ACTUALIZACIÓN

08 novembro 2011, 08:30h. O Concello xa interviu para facilitar a retirada do animal. Dende primeira hora desta mañá a egua foi trasladada dende o Alto do Pornedo ata o lugar onde comeza a pista que sobe ao monte, no cruce da estrada de Figueirido co Regueiriño. Supoñemos que para evitar que o persoal da empresa especializada tivera que desprazarse ata o punto onde se localizaba o corpo e axilizar así a actuación. Non estaba de máis que os traballadores municipais tiveran tapado o cadáver cun plástico ou similar, para evitarlle o “susto” aos conductores que circulaban cedo de mañá pola zona. Grazas pola celeridade no tratamento desta desagradable incidencia.

Debe levar no monte dende o mércores ou o xoves desta semana, pois o martes festivo non estaba. Mentres non consigamos que o Concello faga as xestións oportunas para que unha empresa especializada retire os restos deste pobre animal (parece unha egua), recomendámoslles aos paseantes (esta tarde atopamos varios pola zona) que non se acheguen polo Alto do Pornedo cos seus cans. Non sabemos as causas da morte deste equino: non ten restos de pexas nas patas e tampouco presenta, na parte visible do lombo, marcas aparentes que permitan atribuirlle a súa propiedade a alguén.

O Seprona foi xa informado da presenza deste cadáver para que faga a inspección oportuna, se procede. Tamén foi informado persoalmente o concelleiro de parroquias, Ramiro Gestido, que se comprometeu a adoptar mañá mesmo as medidas necesarias, tendo en conta o apremiante que é actuar coa maior celeridade para que o deterioro progresivo do corpo non complique a súa retirada. Grazas ao edil pola súa receptividade a este novo problema que lle afecta ao Monte Pornedo, especialmente porque neste contorno hai acuíferos que surten de auga para consumo doméstico aos veciños dos lugares de Caeiro e da Pena.

ADVERTENCIA: As imaxes que seguen poden ferir a sensibilidade dos lectores.

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 04/11/2011

‘POST’ REBOTADO NO DIARIO

A sección de Marín no Diario de Pontevedra recolle nunha das súas páxinas o artigo deste blog titulado “NO PORNEDO NON É VIABLE“.

Que toda a cidadanía coñeza dunha vez cales son os datos reais relacionados coa orografía da zona, na que un 57% do espazo afectado polo hipotético polígono ten unha pendente superior ao 35%, é dicir, máis da metade do terreo ten máis do dobre do desnivel recomendado pola Xunta para a execución dese tipo de infraestruturas. Quen paga semellante despropósito, sen obviar o impacto visual e paisaxístico brutal que suporían os desmontes e os taludes?

Máis información nos seguintes artigos:

SERÁ POR CURVAS… DE NIVEL!

INFORME TOPOGRÁFICO

Publicado por: MontePituco | 03/11/2011

100 ANOS DE LOITA POLO MONTE DE SALCEDO

A Comunidade de Montes de Salcedo presenta este sábado ás 17:30 horas, no colexio de San Martiño, un documental titulado “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo”. Trátase dun traballo escrito e dirixido por Rafa Quintía, artífice do blog Á Sombra de Bouza Panda, e realizado por João Vieites; ámbolos dous camaradas no grupo de traballo a prol da creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) produce este documento audiovisual, cuxa estrea se enmarca na celebración das II Xornadas de Monte Comunal que organiza a propia Comunidade de Montes de Salcedo.

Dá gusto atoparse con Comunidades de Montes comprometidas na defensa do seu territorio e na conservación dos bens que se atopan no seu ámbito. A de Salcedo vén reclamando dende hai tempo a titularidade duns terreos dos que, dende principios do século XX, foi privada por decisións políticas, e a Xustiza vén de darlle a razón en primeira instancia. Ante a decisión do Concello de Pontevedra de recorrer a sentenza ante o temor a ter que afrontar posibles indemnización, a Comunidade de Montes segue defendendo os intereses da veciñanza para recuperar un monte que, dende tempo inmemorial lles proporcionou o sustento. Partidarios da convivencia cívica coa Brilat, a actual directiva aspira a preservar o resto do monte nas mellores condicións, aplicando criterios de xestión forestal sostible, potenciando o crecemento de especies autóctonas, e poñendo en valor os elementos patrimoniais, dende os petroglifos ata as fontes.

A diferenza dunha Comunidade de Montes que apoia a recuperación da historia de da memoria colectiva colaborando na elaboración dun documental, que actúa ante as administracións autonómicas para mellorar o estado dos seus recursos arqueolóxicos, e que inculca na veciñanza un sentimento de querencia e de protección polo monte, está a outra cara da moeda: unha comunidade de montes como a de San Xulián que despreza o seu valioso patrimonio prehistórico, posto que nada fai para mantelo en boas condicións e mesmo consinte a súa ocultación baixo toneladas de pedra e terra como as que sepultaron un petroglifo no Pornedo; que porfía ante o Concello e a Xunta para que arrasen 400.000 mil metros cadrados de extensión coa instalación dun polígono industrial ilegal dende o punto de vista ambiental e aberrante dende o punto de vista urbanístico; que organiza verbenas e partidos de fútbol en vez de sumarse a outros colectivos que ven no monte unha oportunidade para xerar emprego e riqueza para a parroquia explotando os seus valores naturais, paisaxísticos, ambientais e forestais.

(Pancarta que portaba a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián nunha manifestación contra a franxa de seguridade da Brilat realizada polos montes de Salcedo o 28 de xuño de 2009).

…Unha comunidade de montes de “fachada” que enarbola a bandeira da “defensa do seu monte” para saír na foto, pero que a renglón seguido cae na máis esperpéntica contradición ao defender un polígono industrial que DESTRÚE O SEU MONTE. Que demostra, por tanto, que os seus directivos só se guían por escuros intereses especulativos e económicos, acaso políticos.

Ante este panorama desolador, DEFENDE O MONTE PITUCO aplaude a iniciativa da Comunidade de Montes de Salcedo, que ademais apoia incondicionalmente a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Recomendamos encarecidamente a visita ao colexio de San Martiño para asistir á presentación de “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo”, que tamén é parte da nosa propia historia.

“Comuneiros” repasa un século de traballo dos habitantes desta parroquia na defensa do seu monte comunal fronte a agresións de tipo político e administrativo. Interveñen no documental varios veciños que relatan os usos agrícolas e sociais que facían do monte: pastoreo do gando, recolleita de esquilme para fertilizar as terras, tala de madeira e recollida de leña, extracción de pedra, uso dos mananciais naturais para consumo doméstico e regadío das fincas…

Tamén destaca a existencia de elementos patrimoniais, como petróglifos e outros vestixios arqueolóxicos, así como exemplos da riqueza inmaterial do lugar, en forma de contos e lendas. Pero, sobre todo, o documental incide no devir histórico da parroquia de Salcedo e do seu monte comunal, dende o seu rexistro no Catastro del Marqués de la Ensenada en 1752, moito antes da existencia do Concello de Pontevedra, ata a actualidade.

Así, aborda momentos históricos trascendentes, como a creación do Patrimonio Forestal do Estado e as leis Hipotecaria e de Réxime Local nos anos 40, que facilitaron a municipalización da propiedade colectiva. E en especial, trata a relación da Comunidade de Montes de Salcedo co Ministerio de Defensa, a raíz da primeira ocupación de 32,5 hectáreas de terreo en 1905 para a construción do “Cuartel Defensivo de Figueirido” tras unha cesión do Concello de Pontevedra, á que lle seguiu unha segunda parcela de 140 hectáreas en 1966 que, entre as dúas, suman o 20% do monte comunal da parroquia.

Ao longo do século pasado, os comuneiros de Salcedo protagonizaron numerosos episodios de reivindicación da propiedade e do uso do monte, que se mantiveron ata hoxe, con protestas en 2003 e 2008 contra a instalación de alambrada no monte e contra a franxa de seguridade, ata o proceso xudicial aberto en 2011 para reclamar a titularidade dos terreos. “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo” recoñece pois, o dereito da veciñanza a defender o seu monte comunal como un referente identitario e un recurso social e economicamente rendible.

 (Nota informativa da Sociedade Antropolóxica Galega).

 

Publicado por: MontePituco | 02/11/2011

DESDRAMATIZAR A MORTE

…Desdramatizar a morte. Porque, simplemente, somos pó. Para que entón, sendo efémeras aves de paso, apegarse tanto ao material; por que -no patético afán que algúns teñen por trascender, por figurar, por ser protagonistas- empeñarse en desafiar as pedras, a auga e o vento que chegaron moito antes ca nós e aí seguirán impertérritos trala nosa marcha.

No día dos defuntos, unha lectura: “La muerte en el impreso mexicano”, de Mercurio López Casillas, impreso en 2008 pola editorial RM de México; un país no que, como Galicia, a morte -La Parca- ten un fondo valor simbólico, unha veneración e un sublime respecto pola memoria dos falecidos.

Dende o Monte Pornedo, a carón dos seus petroglifos, dos seus miradoiros, contemplando o solpor no horizonte da ría, velaquí a nosa doce e humilde ofrenda adicada a quen nos deixou: Xan, Paco… que partiron fisicamente, pero que habitan no noso corazón e nas mesmas raíces deste particular paraíso natural e histórico.

CANÇÃO PÓSTUMA

Fiz uma canção para dar-te;

porém tu já estavas morrendo.

A Morte é um poderoso vento.

E é um suspiro tão tímido, a Arte…

É um suspiro tímido e breve

como o da respiração diária.

Choro de pomba. E a Morte é uma águia

cujo grito ninguém descreve.

Vim cantar-te a canção do mundo,

mas estás de ouvidos fechados

para os meus lábios inexatos,

— atento a um canto mais profundo.

E estou como alguém que chegasse

ao centro do mar, comparando

aquele universo de pranto

com a lágrima da sua face.

E agora fecho grandes portas

sobre a canção que chegou tarde.

E sofro sem saber de que Arte

se ocupam as pessoas mortas.

Por isso é tão desesperada

a pequena, humana cantiga.

Talvez dure mais do que a vida.

Mas à Morte não diz mais nada.

Cecília Meireles (1901-1964), poeta brasileira, na obra ‘Retrato Natural’.

(Lembramos tamén o artigo ESPÍRITO E MEMORIA VIVA, do 2 de novembro de 2010).

Publicado por: MontePituco | 31/10/2011

SAMAÍN (POÉTICO E REIVINDICATIVO)

O SAMAÍN

Calacú,

cu-cu,

calacú,

cu-cu,

¿por que ris

tan feliz

co fanado que estás?

Calacú,

cu-cu,

calacú,

cu-cu,

¿por que miras

pra min

con brillante mirar?

Calacú,

cu-cu,

calacú,

cu-cu,

¿por que andas

tan oco

e cheo de luz?

Porque eu era tan só un calacú

aburrido na veiga

e trouxéronme aquí

nesta noite tan meiga

a unha festa festeira,

xenial, feiticeira,

que lle din

SAMAÍN.

(Miguel Anxo Mouriño)

Publicado por: MontePituco | 30/10/2011

NO PORNEDO NON É VIABLE!

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, protagoniza unha ampla entrevista no Diario de Pontevedra. Álvaro Agulla pregúntalle contra o final do cuestionario pola dotación de chan industrial a partir do ano próximo:

“Existe un plan hasta 2015 en el que Marín estaba incluido para la realización de sendos estudios de viabilidad para crear suelo industrial en O Pituco-Pornedo y Pastoriza. La intención es analizar en profundidad si es técnicamente viable en las dos, en una o en ninguna de estas ubicaciones…”.

Ao longo de xa case dous anos, DEFENDE O MONTE PITUCO vén reiterando os argumentos que, dende distintos puntos de vista, xustifican a conservación desta zona ameazada: o aspecto topográfico, principalmente, pola forte pendente do terreo cun 92% da superficie afectada por riba do 15% de desnivel; o argumento urbanístico, pola clasificación que fai deste espazo o Informe de Sostibilidade Ambiental do PXOM ao catalogalo como “solo rústico especialmente protexido e con protección de interese paisaxístico” e tamén as Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais e de Planeamento, segundo as cales, os Montes do Morrazo aos que pertence o Monte Pituco, ou Pornedo, son un espazo protexido; por conseguinte, está o motivo ambiental, co seu irreversible impacto urbanístico en plena fachada da ría; ao que cómpre engadir tamén a necesidade de garantir os valores culturais e históricos do monte, coa posta en valor dos seus recursos patrimoniais e arqueolóxicos.

O anterior goberno municipal sacou dun caixón un proxecto vello e rancio para a creación dun polígono industrial sen ter antes avaliado seriamente as posibilidades técnicas e as consecuencias económicas desa decisión. Os seus plans para a creación de chan empresarial eran outros, pero por razóns máis que obvias viráronlle as tornas, e acabou retomando á desesperada e por razóns electorais, un proxecto irracional, insuficiente e inxustificable. Agardamos que a Xunta valore como corresponde todos os argumentos de DEFENDE O MONTE PITUCO e que o actual goberno municipal non redunde no mesmo erro dos seus predecesores.

Publicado por: MontePituco | 29/10/2011

…NUNCA SERÁS UNHA CARGA

Non quere ser unha carga, pero tampouco o sería. Ten familia, amigos e veciños dispostos a botarlle unha man no que poidan ou no que faga falta. Nin querendo podería ser unha carga alguén que sempre ten un sorriso, unha palabra amable de saúdo, unha ollada alegre e transparente cos seus fermosos ollos azuis.

Que importa se Julio fose partidario da instalación do polígono industrial no Pornedo. Non se trata neste intre de valorar a opinión de ninguén, senón de eloxiar a actitude dun veciño para quen, abofé, a vida vale máis, moito máis, que un puñado de cartos.

(Reportaxe de Cristina Barral en La Voz de Galicia).

Publicado por: MontePituco | 25/10/2011

RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO EN SALCEDO

Este grupo de xente non pertence a ningunha xente. Non cobran por asistir á xuntanza. Non son estudantes, nin sindicalistas, nin funcionarios que reciban créditos de libre configuración nin puntos para o ascenso de promoción interna, nin opositores colleitando méritos para o curriculum. Están aí escoitando e achegando ideas porque os une un interés común: a protección e a posta en valor do patrimonio da súa parroquia.

Esta imaxe non foi tomada en San Xulián. Xa nos gustaría. Máis aínda, entre o público hai responsables da comunidade de montes e da asociación de veciños do mesmo núcleo de poboación. Algo impensable, por desgraza, se nos estiveramos a referir á Comunidade de Montes e á Asociación de Veciños de San Xulián, pola falta de entendemento e de colaboración entre ámbalas entidades. Ogallá nesta parroquia imperara a cohesión social, a coincidencia de intereses e as ganas de traballar polo ben común que comparten en Salcedo, que é o lugar ao que corresponden as fotografías.

O pasado fin de semana celebraron unhas xornadas sobre patrimonio: falouse dun traballo sobre patrimonio material e inmaterial realizado na parroquia de Lérez polo colectivo Cedofeita, sobre un proxecto de investigación sobre o patrimonio etnográfico de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes, sobre a iniciativa da Comunidade de Montes de O Salgueiral-Bora para a creación dunha aula de interpretación da natureza no río Almofrei… e o historiador Xosé Lois Vilar xunto con Xilberte Manso, ámbolos dous do Instituto de Estudos Miñoranos, explicaron o amplo abano de actividades que desenvolve esta entidade: a protección da Serra do Galiñeiro fronte ao parque eólico que ameaza con instalarse na zona, investigación do patrimonio arqueolóxico, organización de charlas e roteiros guiados, edición de libros…

A xornada completouse cun percorrido por diversos muíños que rehabilitaron os propios veciños de Salcedo no lugar de Cancela a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Grazas a ese traballo é posible conservar un patrimonio que forma parte da historia da parroquia e da memoria dos seus habitantes, para que as xeracións máis novas non perdan nunca ese referente vital. Houbo que reconstruírlles pezas como a moega, pero outras como o rodicio son orixinais.

…Paga ou non paga a pena sumar esforzos? DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) aposta polas sinerxias, por xuntar a capacidade de colectivos que, cada un no seu ámbito, pode contribuir a unha acción conxunta: dende a cultura, a historia, as novas tecnoloxías, o medio ambiente, a actividade social… sen ánimos de protagonismo e con mentalidade aberta, toda a veciñanza gaña e progresa colectivamente.

Tórnase misión imposible, sen embargo, cando priman intereses escuros, cando se manipula a cidadanía, cando non se asumen responsabilidades e as normas se interpretan segundo conveña, cando non se respecta a opinión dos demais, cando se desvirtúan os obxectivos da entidade, cando non se defende a destrucción da paisaxe, do medio ambiente, da cultura e da historia. A bo entendedor, poucas palabras bastan.

 

Publicado por: MontePituco | 23/10/2011

CHOVE!

¿Quen pousou, sobre as cousas, aquel vago

rumor de transparencias fuxidías,

cando todo era un soño, aqueles días,

de demora de espello e luz de lago?

Ata os paxaros, cando o outono aciago

trocou as súas claras melodías

por sombras persistentes e estantías,

cesaron o seu canto e o seu afago.

Chegou, daquela, lenemente, un pouso

de vagarosa e azul melancolía

como un vago tremor de follas mortas.

Todo se deu ao sono e ao repouso.

Un naufraxio sen rumbo foi o día.

Tremeron, no limiar, as lentas portas.

Xavier Seoane: “A visita do outono” (2002)

Publicado por: MontePituco | 21/10/2011

O AVANCE DAS OBRAS DAS BEIRARRÚAS

Publicado por: MontePituco | 20/10/2011

ESTA TARDE EN MOAÑA, CHARLA SOBRE O PARQUE EÓLICO

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, integrada por colectivos que se opoñen á instalación dun parque eólico no lugar de Pedras Negras, celebran esta tarde, a partir das 20:00 horas no 1º andar da Praza de Abastos de Moaña, unha charla informativa sobre este proxecto que afecta aos concellos de Marín, Vilaboa e Moaña. Intervirán Cándido Martínez en representación do colectivo ecoloxista Luita Verde, e Damián Copena, profesor da Universidade de Vigo.

A continuación, o comunicado da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, explicando a necesidade de paralizar o proceso de creación deste parque eólico. Dende DEFENDE O MONTE PITUCO apostamos pola protección integral dos Montes do Morrazo.

O parque eólico de Pedras Negras está promovido pola empresa transnacional italiana Enel Green Power España, empresa que ten agredido o medio ambiente coa construción de parques eólicos noutras zonas mesmo do Estado español tendo sido así mesmo sentenciada a nivel xudicial por delito ecolóxico.

A instalación deste parque eólico suporía a instalación de 14 aeroxeneradores de grandes dimensións (119 metros de altura de buxe e 112 metros de diámetro de rotor), a ocupación dunha explanada de 17×17 metros de superficie por cada aeroxenerador, a apertura de novas vías e ampliación en ancho de pistas forestais existentes, que en total suman 17.302 metros lineais de vías entre os de acceso e interiores, 15.702 metros de gabias para instalación de cable eléctrico e de comunicacións e unha subestación eléctrica.

Impacta severamente na paisaxe dunha área que está entre os 500 e os 600 metros de altitude e que pasan por ser as mais altas do Morrazo e con amplas vistas cara ás Rías Baixas, as serras entre Pontevedra e Ourense mais as do Sur de Pontevedra cara a Portugal.

Os habitantes do Morrazo temos que saber o que pretenden instalar nun monte protexido polas normas subsidiarias provinciais, e non enfrontarnos a unha política de feitos consumados. Desde a Plataforma pola defensa dos Montes do Morrazo pretendemos dar a coñecer este proxecto e facelo público, cousa que debería facer a administración responsábel (a Xunta) e non fai.

Rexeitamos a instalación dun parque eólico en Pedras Negras polo seu impacto negativo e facemos un chamamento para que os veciños de Moaña, e do Morrazo, asistan a este acto informativo para coñecer as repercusións do proxecto.

Publicado por: MontePituco | 19/10/2011

A RUTA POLO ESPAZO SETE CAMIÑOS, NO FARO

Publicado por: MontePituco | 18/10/2011

NO DÍA DA PROTECCIÓN DA NATUREZA

18 de outubro: Día da protección da Natureza

FLORBELA

Ó abeiro da casa

gabean a hedra

e a herba salgueira.

E plantas de ornato

criadas por ela

con meigo desvelo.

Na terra calcada

o cardo ten aínda

algunha flor seca.

Aquí e alí dispersos

abondan a silva,

o toxo e a xesta;

o fiúncho illado

de longo pecíolo

e a cana de lesta

de flor amarela

saíndo da espiga:

o sol de Florbela.

Francisco Domínguez Romero (1939 – 2005)

“24 poemas” (2002)

Publicado por: MontePituco | 17/10/2011

ANDAINA POLO ESPAZO SETE CAMIÑOS

Unha vintena de persoas de colectivos como Almuinha, Revira, Luita Verde e Defende o Monte Pituco participaron este pasado fin de semana nunha andaina que, dende O Pornedo, percorreu diversos puntos do ámbito xeográfico incluido no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxicos dos Sete Camiños.

A área recreativa do Pornedo é un espazo que agora mesmo está inzado de herbas da Pampa, unha das especies invasoras máis extentidas e resistentes, por culpa dos recheos realizados con terra de dubidosa procedencia que a Comunidade de Montes de San Xulián autorizou verquer aí, sepultando así un petroglifo que non deu tempo de catalogar. Se o Espazo Sete Camiños fora adiante, esta área recreativa sería a recepción dos visitantes e tería unha función da que agora carece, máis alá de satisfacer o instinto vandálico das persoas que se dedican a destrozar os bancos e as mesas de pedra, e derrapar cos seus vehículos na pista, entre outras actividades ilícitas.

A partir de aquí, o roteiro pasou polos petroglifos de Sete Camiños, que destacan pola representación de cérvidos; unha figura que non abunda no catálogo arqueolóxico marinense, de aí a importancia de poñer en valor estes gravados cunha intervención arqueolóxica adecuada.

A andaina polo monte é de dificultade media, apta para persoas de todas as idades. Arte rupestre e natureza son o binomio que caracteriza o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, onde tamén atopamos elementos de interese etnográfico, como fontes, miradoiros naturais, fauna autóctona, vestixios do pasado histórico, como as vellas canteiras que surtían de pedra para a construcción de vivendas e valados, e patrimonio inmaterial de importante valor, como microtoponimia e lendas asociadas aos enclaves senlleiros.

(PREME A CONTINUACIÓN “LER MÁIS” PARA CONTINUAR O RELATO DA ANDAINA E PARA SEGUIR VENDO AS IMAXES TOMADAS DURANTE O ROTEIRO)

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 16/10/2011

O ROTEIRO POR SETE CAMIÑOS, NO DIARIO

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías