A sección local de La Voz de Galicia publicaba onte unha información sobre o cabalo morto que apareceu no Alto do Pornedo e especulaba sobre os motivos polos cales lle “arrancaran” as orellas ao corpo do animal. Lonxe de atribuirlle esta acción ao suposto dono do equino, nun intento por tratar de evitar a identificación da res e esquivar así as posibles responsabilidades que se lle puideran reclamar pola retirada do cadáver dende o lugar onde apareceu, en DEFENDE O MONTE PITUCO pensamos que, neste caso, trátase dunha hipótese errada. Iso non quita que verdadeiramente suceda así, que haxa propietarios absolutamente crueis e descerebrados, como se ten demostrado que existen, que cometan semellantes barbaridades.
(Artigo na edición dixital do xornal: “Arrancan las orejas a un caballo muerto“).
Xa relatamos anteriormente, nun artigo titulado “OUTRO CABALO MORTO NO MONTE” cales foron as circunstancias deste desagradable achado. O cabalo parece ter orellas cando foi atopado o domingo día 6 por unha veciña da zona, que tomou fotografías do animal para trasladarllas ao Seprona e aos responsables municipais. Ao día seguinte, luns 7, o cabalo permanecía no mesmo lugar, pero o seu estado xa sufrira un deterioro maior, provocado pola acción das alimañas durante a noite: xa era evidente que non só lle faltaban as orellas, senón que tampouco tiña globos oculares nin fuciño, posto que o dentame estaba ao aire, e mesmo se apreciaba xa a presenza de moscas.
Precisamente por iso, esa mesma tarde urxíuselle ao concelleiro de Rural que se fixeran as xestións necesarias para proceder o antes posible ao traslado do corpo a un depósito autorizado para ese tipo de restos.
Posto que se trata dun tema escabroso e visualmente ingrato, as persoas que queiran comprobar as explicacións expostas poden premer en “Ler máis” para ver as imaxes do cabalo tomadas con 24 horas de diferenza: na tardiña do domingo e a media tarde do luns.
Imaxe do domingo 6 de novembro á tardiña: a cabeza do cabalo está practicamente intacta.
Imaxe do luns 7 a media tarde: a cabeza do cabalo xa presenta un deterioro importante, provocado, posiblemente, pola acción das alimañas e o propio proceso de descomposición do corpo.
Deixar unha resposta