Publicado por: MontePituco | 03/11/2011

100 ANOS DE LOITA POLO MONTE DE SALCEDO

A Comunidade de Montes de Salcedo presenta este sábado ás 17:30 horas, no colexio de San Martiño, un documental titulado “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo”. Trátase dun traballo escrito e dirixido por Rafa Quintía, artífice do blog Á Sombra de Bouza Panda, e realizado por João Vieites; ámbolos dous camaradas no grupo de traballo a prol da creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) produce este documento audiovisual, cuxa estrea se enmarca na celebración das II Xornadas de Monte Comunal que organiza a propia Comunidade de Montes de Salcedo.

Dá gusto atoparse con Comunidades de Montes comprometidas na defensa do seu territorio e na conservación dos bens que se atopan no seu ámbito. A de Salcedo vén reclamando dende hai tempo a titularidade duns terreos dos que, dende principios do século XX, foi privada por decisións políticas, e a Xustiza vén de darlle a razón en primeira instancia. Ante a decisión do Concello de Pontevedra de recorrer a sentenza ante o temor a ter que afrontar posibles indemnización, a Comunidade de Montes segue defendendo os intereses da veciñanza para recuperar un monte que, dende tempo inmemorial lles proporcionou o sustento. Partidarios da convivencia cívica coa Brilat, a actual directiva aspira a preservar o resto do monte nas mellores condicións, aplicando criterios de xestión forestal sostible, potenciando o crecemento de especies autóctonas, e poñendo en valor os elementos patrimoniais, dende os petroglifos ata as fontes.

A diferenza dunha Comunidade de Montes que apoia a recuperación da historia de da memoria colectiva colaborando na elaboración dun documental, que actúa ante as administracións autonómicas para mellorar o estado dos seus recursos arqueolóxicos, e que inculca na veciñanza un sentimento de querencia e de protección polo monte, está a outra cara da moeda: unha comunidade de montes como a de San Xulián que despreza o seu valioso patrimonio prehistórico, posto que nada fai para mantelo en boas condicións e mesmo consinte a súa ocultación baixo toneladas de pedra e terra como as que sepultaron un petroglifo no Pornedo; que porfía ante o Concello e a Xunta para que arrasen 400.000 mil metros cadrados de extensión coa instalación dun polígono industrial ilegal dende o punto de vista ambiental e aberrante dende o punto de vista urbanístico; que organiza verbenas e partidos de fútbol en vez de sumarse a outros colectivos que ven no monte unha oportunidade para xerar emprego e riqueza para a parroquia explotando os seus valores naturais, paisaxísticos, ambientais e forestais.

(Pancarta que portaba a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián nunha manifestación contra a franxa de seguridade da Brilat realizada polos montes de Salcedo o 28 de xuño de 2009).

…Unha comunidade de montes de “fachada” que enarbola a bandeira da “defensa do seu monte” para saír na foto, pero que a renglón seguido cae na máis esperpéntica contradición ao defender un polígono industrial que DESTRÚE O SEU MONTE. Que demostra, por tanto, que os seus directivos só se guían por escuros intereses especulativos e económicos, acaso políticos.

Ante este panorama desolador, DEFENDE O MONTE PITUCO aplaude a iniciativa da Comunidade de Montes de Salcedo, que ademais apoia incondicionalmente a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Recomendamos encarecidamente a visita ao colexio de San Martiño para asistir á presentación de “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo”, que tamén é parte da nosa propia historia.

“Comuneiros” repasa un século de traballo dos habitantes desta parroquia na defensa do seu monte comunal fronte a agresións de tipo político e administrativo. Interveñen no documental varios veciños que relatan os usos agrícolas e sociais que facían do monte: pastoreo do gando, recolleita de esquilme para fertilizar as terras, tala de madeira e recollida de leña, extracción de pedra, uso dos mananciais naturais para consumo doméstico e regadío das fincas…

Tamén destaca a existencia de elementos patrimoniais, como petróglifos e outros vestixios arqueolóxicos, así como exemplos da riqueza inmaterial do lugar, en forma de contos e lendas. Pero, sobre todo, o documental incide no devir histórico da parroquia de Salcedo e do seu monte comunal, dende o seu rexistro no Catastro del Marqués de la Ensenada en 1752, moito antes da existencia do Concello de Pontevedra, ata a actualidade.

Así, aborda momentos históricos trascendentes, como a creación do Patrimonio Forestal do Estado e as leis Hipotecaria e de Réxime Local nos anos 40, que facilitaron a municipalización da propiedade colectiva. E en especial, trata a relación da Comunidade de Montes de Salcedo co Ministerio de Defensa, a raíz da primeira ocupación de 32,5 hectáreas de terreo en 1905 para a construción do “Cuartel Defensivo de Figueirido” tras unha cesión do Concello de Pontevedra, á que lle seguiu unha segunda parcela de 140 hectáreas en 1966 que, entre as dúas, suman o 20% do monte comunal da parroquia.

Ao longo do século pasado, os comuneiros de Salcedo protagonizaron numerosos episodios de reivindicación da propiedade e do uso do monte, que se mantiveron ata hoxe, con protestas en 2003 e 2008 contra a instalación de alambrada no monte e contra a franxa de seguridade, ata o proceso xudicial aberto en 2011 para reclamar a titularidade dos terreos. “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo” recoñece pois, o dereito da veciñanza a defender o seu monte comunal como un referente identitario e un recurso social e economicamente rendible.

 (Nota informativa da Sociedade Antropolóxica Galega).

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: