Publicado por: MontePituco | 26/11/2011

PRESENTACIÓN DA ‘GUÍA DE PETRÓGLIFOS DE GALICIA’

Este luns 28 de novembro, a partir das 20:00 horas, presentarase no Café Moderno de Pontevedra (Praza de San Xosé) o libro “Guía de petróglifos de Galicia”, que vén de publicar Edicións do Cumio. Os seus autores son o historiador e antropólogo Buenaventura Aparicio e o arqueólogo Antonio de la Peña, que van ser presentados por Fernando Javier Costas, especialista en arte rupestre e un dos fundadores do Instituto de Estudos Vigueses.

Recomendamos a asistencia a este acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, a todas as persoas que, especialmente na parroquia de San Xulián, opinan que “AS PEDRAS NON DAN DE COMER”.

Os petróglifos galegos constitúen un dos sinais identitarios con máis carga simbólica do país, chamados a se converter -en canto se PROMOCIONEN axeitadamente- nun dos grandes ATRACTIVOS CULTURAIS de Galicia. Esta guía permite achegarse doadamente á nosa arte rupestre, proporcionando toda a información necesaria para o coñecemento e o disfrute dos xacementos máis senlleiros. A obra tamén recolle o discurso ricaz e imaxinativo que a sociedade rural artellou arredor desta manifestación cultural.

Buenaventura Aparicio é doutor en Historia pola UNED. Foi profesor de Xeografía e Historia no IES “Chan do Monte” de Marín, e profesor titor na UNED de Pontevedra ata a súa xubilación. Membro e, posteriormente, presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”, fundou e coordina na actualidade o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena”. Articulista e conferenciante, ten participado en numerosos congresos. É autor de 130 traballos.

Antonio de la Peña é arqueólogo e traballa como conservador de fondos arqueolóxicos no Museo Provincial de Pontevedra. Foi profesor da UNED e presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”. Ten participado en máis dun centenar do congresos e dirixiu numerosas campañas de escavacións arqueolóxicas. Localizou, catologou e levantou calcos de medio milleiro de complexos de arte rupestre. É autor de 22 libros e de numerosos artigos de temática arqueolóxica.


Responses

  1. Buenaventura Aparicio dou clases de Historia no IES Chan do Monte e deixou recordos imborrables nos seus alumnos.
    Ademais de escribir de marabilla é un orador excelente. Un dos poucos profesores capaces de acaparar a atención dos alumnos (cousa moi difícil hoxe en día).
    Grazas a el e ó daquela director, José Luis Ameijeiras, levaronse a cabo, durante dez anos, as famosas Xornadas de Historia de Galicia (Antropoloxía cultural de Galicia), ás que podíamos asistir pais e nais dos alumnos.
    Era unha ledicia escoitalo falar de mámoas, mouras, petroglifos etc

    • Nótase ben que as súas clases e as súas charlas deixaron unha boa semente que agroma en verbas tan sentidas coma estas que lle adicas. Mágoa que o seu discurso non chegara lonxe abondo como para “sensibilizar”, cando menos, a unha parte, por pequena que fora, da mocidade de San Xulián. É unha auténtica mágoa escoitar e ler por aí a veciños partidarios do polígono que me acusan de “desprestixiar” a parroquia por botar de menos un pouco máis de “cultura” entre a veciñanza, especialmente entre aqueles que se supón que teñen que dar “exemplo” coas súas palabras e coas súas obras. Pretenden construir un parque empresarial nunha zona que, por riba de non reunir as condicións técnicas mínimas, conta ademais cun valor patrimonial, a nivel arqueolóxico e natural, nada desdeñable. Acaso cren que poden “convivir” as naves de formigón cos gravados rupestres que, por lei, están obrigados a conservar. Igual aspiran a facer como hai anos no Campiño, onde quedaron aillados os restos dun asentamento primitivo que nos últimos tempos se estaba intentando poñer en valor. Ou o que é o mesmo, poñer os bois despois do carro, cando xa non ten moito sentido valorizar un xacemento que ao seu redor foi pasto do cemento e do asfalto. Pero por recuperar que non quede.
      …Mais aquí temos a oportunidade de “escoller” entre dous modelos de tratar o monte, ou mesmo de entender o futuro: optar por unha xestión respectuosa coa contorna, cos petróglifos, cos elementos etnográficos e coa superficie forestal, ou especular co terreo en beneficio non da comunidade, senón dos de sempre.
      Estamos practicamente seguros de que Buenaventura Aparicio apoiaría esta causa. Igual por iso estes siareiros do polígono tamén o poderían acusar, como xa nos acontece a nós, de tachar de “analfabetos” os habitantes de San Xulián. Que nada máis lonxe da realidade. Caer no “victimismo” e na demagoxia é o único recurso que lles queda cando carecen doutros argumentos máis sólidos para defender o practicamente indefendible.
      Graciñas pola visita e por participar co teu comentario.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: