Publicado por: MontePituco | 16/11/2011

A COMUNIDADE DE (DES)MONTES, NO DÍA DO PATRIMONIO

Neste 16 de novembro, cando se conmemora por primeira vez en España o Día do Patrimonio Mundial, que non só comprende o patrimonio histórico, senón tamén o medio ambiente natural, a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián vén de pronunciarse -moi desafortunadamente na data e nas formas- a favor da instalación dun polígono industrial no monte comunal da parroquia. Xa non mencionan o Monte Pornedo, que é a zona abandeirada deste colectivo veciñal na súa loita contra ese proxecto urbanístico que consideramos inviable. A Comunidade de Montes de San Xulián dirixe agora o seu ataque contra o lugar de Sete Camiños, pretendendo quizais, fuxir da confrontación directa con DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), que leva dous anos sumando argumentos técnicos e ambientais que desaconsellan esa actuación.

As consideracións da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián están totalmente fóra de lugar, pretendendo asumir unhas competencias urbanísticas que non lle corresponden, e que están en mans do Concello de Marín e da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, que actualmente está estudando as condicións de dúas zonas: Pornedo e Pastoriza.

Comentarios como “esta infraestrutura non lle fai dano a ninguén”, ou “non vemos impedimento para que se faga a obra”, ou aínda peor que “o impacto visual e paisaxístico sería pequeno”, ou -o colmo da ignorancia- afirmar que a zona é case plana, demostran a falta de base e o descoñecemento da Comunidade de Montes de San Xulián sobre o terreo que, en teoría, teñen que xestionar. Estes directivos pasan por alto que o Monte Pornedo, os Sete Camiños, ou como lle queiran chamar, está inscrito nos Montes do Morrazo, sobre os que existe unha figura legal que os cataloga como Espazo Natural Protexido. Menospreciar esa condición é un insulto á cidadanía que respecta e acata a lexislación, e debería estar sancionado administrativamente, tendo en conta que os representantes dun colectivo social, como é o caso dunha Comunidade de Montes, deberían ser os primeiros en dar exemplo cos seus actos e coas súas palabras.

Especialmente cando, a título persoal, o presidente da Comunidade de Montes de San Xulián se ten pronunciado -‘en petit comité’– en contra de instalar o polígono industrial na ubicación que agora se está a defender dende a directiva que el mesmo encabeza. A súa actitude non pode ser máis contraditoria e inexplicable.

Un simple estudo da orografía da zona afectada polo polígono industrial ronda os 400-500 euros; unha cantidade que DEFENDE O MONTE PITUCO invertiu grazas a unha doación económica particular (cousa que tiña que ter saído da Comunidade de Montes, polo menos para falar arestora con coñecemento de causa), para saber cales eran as posibilidades do terreo. E os planos, coas súas curvas de nivel, están ben claros: nos 400.000 metros cadrados proxectados como chan industrial na parroquia de San Xulián é totalmente desaconsellable a construcción dun polígono empresarial. Hai unicamente dúas zonas nas que a pendente está por debaixo do 15%, que é o máximo desnivel recomendado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, na súa “Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia”: esas dúas zonas son o Alto do Pornedo, que na súa contra ten a alta intervisibilidade da zona, en plena fachada marítima da vila, co cal o impacto ambiental e paisaxístico sería moi notable; e os Sete Camiños, que na súa contra ten tamén que está rodeado por curvas de nivel por riba do 25% e do 35%, que vén sendo máis do dobre do desnivel máximo recomendado.

Por tanto, a Comunidade de Montes de San Xulián MENTE, e se non mente, MANIPULA, que é moito peor. As súas afirmacións sobre a suposta “planicie” da zona lémbrannos as lamentables declaracións do ex-concelleiro de Parques e Xardíns da anterior lexislatura, Pazos Lamoso, que tivera a ousadía de proclamar que a zona do Pituco era “o lugar máis chan de todo Marín”. Afortunadamente, velaí está o informe topográfico para desmentir toda a DESINFORMACIÓN que queren verquer a Comunidade de Montes de San Xulián, COMPINCHADA inequivocamente con dous dos grupos da oposición, o PSOE sobre todo, e o BNG por extensión. Non así MAR-IN, que se ten pronunciado en numerosas ocasións en contra de escoller o monte comunal da parroquia de San Xulián para instalar o polígono, tendo en conta que a extensión que abarca esta zona non satisfaría as necesidades de solo industrial que require Marín.

A Comunidade de Montes de San Xulián, facéndolle o xogo dun xeito tan burdo ao grupo municipal socialista (a cuxo voceiro, o ex-alcalde Francisco Veiga, se arriman sospeitosamente dende hai dous meses ao remate das sesións plenarias), pretende arruinar unha parcela de monte para crear un micropolígono ao estilo dos que o anterior bipartito aspiraba a construir na Brea e Vista Alegre. Un micropolígono á altura da microintelixencia dos simpatizantes desta microidea.

A exposición da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián (directiva cuxa designación foi impugnada debido ás irregularidades detectadas nas eleccións) non está refrendada en ningunha asemblea de comuneiros. Para facer público este posicionamento, os representantes da Comunidade de Montes baséanse nunha reunión informativa realizada hai dous anos a petición de DEFENDE O MONTE PITUCO, cando este colectivo non dispoñía do informe topográfico tan revelador que evidencia as enormes dificultades técnicas existentes, ás que se suman os inconvintes legais desde o punto de vista ambiental. Aquela reunión foi unha auténtica encerrona debido a que unha ampla maioría dos asistentes ían predispostos e aleccionados; non para discrepar sanamente, senón para encirrar e mesmo insultar.

DEFENDE O MONTE PITUCO non organiza partidos de fútbol entre solteiros e casados, non organiza guateques, nin verbenas, nin magostos; que son as armas da Comunidade de Montes para darlle pan e circo aos habitantes da parroquia. DEFENDE O MONTE PITUCO organiza andainas polo monte para divulgar a súa descoñecida riqueza arqueolóxica, tristemente despreciada polos comuneiros que sosteñen que “as pedras non dan de comer”. Que llo digan aos comeiros de Campo Lameiro, que teñen un dos mellores centros de arte rupestre de Europa que atrae milleiros de visitantes; aos comuneiros de Ponte Caldelas, que cada ano reciben a centos de persoas na Festa da Arte Rupestre que lles organiza o Concello; aos comuneiros de Cotobade, que organizan charlas e roteiros cun gran éxito de existencia; o mesmo que os comuneiros de Salcedo, que están recuperando os petroglifos situados no ámbito do acuartelamento da Brilat para garantir a súa conservación…

Vergoña lle debería dar á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián ser A ÚNICA que non apoia o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que conta co respaldo dunha vintena de organizacións sociais e culturais, entre elas as Comunidades de Montes de Lourizán, de Salcedo e de Vilaboa, algúns de cuxos directivos foron entrevistados nun documental audiovisual realizado para potenciar os recursos históricos, culturais e ambientais de toda esa contorna, e que se vai estrear o próximo mes de xaneiro.

O único que pode explicar o interese da Comunidade de Montes de San Xulián con este auténtico brinde ao sol -moi lexítimo, por outra parte, vivindo, como tanto reivindican os seus directivos, nunha democracia- é o seu desmedido interese económico e especulativo. As ansias por engordar o patrimonio pecuniario que non son capaces de facer medrar co que lles corresponde facer: xestionar o monte comunal. Hai comunidades de montes do Baixo Miño que apostan con excelentes resultados pola produción de mel, outras que destinan unha parte da súa superficie á plantación de especies autóctonos para a produción de castañas ou cereixas, outras que apostan por micorrizar parcelas para beneficiarse coa produción de cogomelos, outras que obteñen importantes recursos coa explotación de madeiras de calidade… A única comunidade de montes que aspira a lucrarse a costa de prescindir do seu monte, a costa de convertelo nun ermo de formigón, a costa de reventalo con novas estradas e detonacións de dinamita, a costa de perder os mananciais que surten de auga para consumo doméstico e de regadío aos seus veciños, é a Comunidade de Montes de San Xulián de Marín. Que ten gañado a pulso o título de COMUNIDADE DE DES-MONTES.

Que a alcaldesa de Marín e todo o goberno municipal en pleno os reciban. Que os reciban, si! E a ver que andrómena lles contan os directivos da Comunidade de Montes de San Xulián. Que os reciba María Ramallo canto antes, e que pordeusbendito non lles faga como o seu novo amigo Francisco Veiga lle fixo a DEFENDE O MONTE PITUCO: que durante máis dun ano nos negou unha simple entrevista, un simple intercambio de ideas, que nos condenou a sermos atendidos por teléfono e nas escaleiras do Concello.


Responses

  1. Sería un inmenso error económico poner un parque industrial en esa zona. De sobra conoceis mis opiniones al respecto. El único sitio que veo viable es Pastoriza, sobre todo pensando en el futuro de Marín. No veo otra forma para lograr una economía de escalas. Así es que sigo apoyando vuestras reivindicaciones hasta que de una vez por todas quede denegada la ubicación en el monte Pornedo y en sus alrededores.

    • Agardamos que o Concello non teña oídos para as burradas da Comunidade de Montes, e que a Xunta faga prevalecer os criterios económicos e ambientais para protexer o Monte Pornedo. Moitas grazas polo teu valioso e reiterado apoio a Defende o Monte Pituco e ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

  2. Os direcitvos da Comunidade de Montes de San Xulián están a cometer o erro mais grande da súa vida.
    Espero que o concello faga un estudio exhaustivo e se dea conta de que este polígono é inviable dende todos os puntos de vista.
    Espero que a Xunta de Galicia poña as cousas no seu sitio e diga NON a este polígono.

  3. A Comunidade de Montes de San Xulián NON PENSA COA CABEZA.
    A Comunidade de Montes de San Xulián PENSA COA CARTEIRA.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: