¿Quen pousou, sobre as cousas, aquel vago
rumor de transparencias fuxidías,
cando todo era un soño, aqueles días,
de demora de espello e luz de lago?
Ata os paxaros, cando o outono aciago
trocou as súas claras melodías
por sombras persistentes e estantías,
cesaron o seu canto e o seu afago.
Chegou, daquela, lenemente, un pouso
de vagarosa e azul melancolía
como un vago tremor de follas mortas.
Todo se deu ao sono e ao repouso.
Un naufraxio sen rumbo foi o día.
Tremeron, no limiar, as lentas portas.
Xavier Seoane: “A visita do outono” (2002)
Publicado por: MontePituco | 23/10/2011
Precioso o outono
Aqui vai o meu pequeno obsequio
By: pasaba por aquí on 24/10/2011
at 08:56