Este grupo de xente non pertence a ningunha xente. Non cobran por asistir á xuntanza. Non son estudantes, nin sindicalistas, nin funcionarios que reciban créditos de libre configuración nin puntos para o ascenso de promoción interna, nin opositores colleitando méritos para o curriculum. Están aí escoitando e achegando ideas porque os une un interés común: a protección e a posta en valor do patrimonio da súa parroquia.
Esta imaxe non foi tomada en San Xulián. Xa nos gustaría. Máis aínda, entre o público hai responsables da comunidade de montes e da asociación de veciños do mesmo núcleo de poboación. Algo impensable, por desgraza, se nos estiveramos a referir á Comunidade de Montes e á Asociación de Veciños de San Xulián, pola falta de entendemento e de colaboración entre ámbalas entidades. Ogallá nesta parroquia imperara a cohesión social, a coincidencia de intereses e as ganas de traballar polo ben común que comparten en Salcedo, que é o lugar ao que corresponden as fotografías.
O pasado fin de semana celebraron unhas xornadas sobre patrimonio: falouse dun traballo sobre patrimonio material e inmaterial realizado na parroquia de Lérez polo colectivo Cedofeita, sobre un proxecto de investigación sobre o patrimonio etnográfico de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes, sobre a iniciativa da Comunidade de Montes de O Salgueiral-Bora para a creación dunha aula de interpretación da natureza no río Almofrei… e o historiador Xosé Lois Vilar xunto con Xilberte Manso, ámbolos dous do Instituto de Estudos Miñoranos, explicaron o amplo abano de actividades que desenvolve esta entidade: a protección da Serra do Galiñeiro fronte ao parque eólico que ameaza con instalarse na zona, investigación do patrimonio arqueolóxico, organización de charlas e roteiros guiados, edición de libros…
A xornada completouse cun percorrido por diversos muíños que rehabilitaron os propios veciños de Salcedo no lugar de Cancela a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Grazas a ese traballo é posible conservar un patrimonio que forma parte da historia da parroquia e da memoria dos seus habitantes, para que as xeracións máis novas non perdan nunca ese referente vital. Houbo que reconstruírlles pezas como a moega, pero outras como o rodicio son orixinais.
…Paga ou non paga a pena sumar esforzos? DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) aposta polas sinerxias, por xuntar a capacidade de colectivos que, cada un no seu ámbito, pode contribuir a unha acción conxunta: dende a cultura, a historia, as novas tecnoloxías, o medio ambiente, a actividade social… sen ánimos de protagonismo e con mentalidade aberta, toda a veciñanza gaña e progresa colectivamente.
Tórnase misión imposible, sen embargo, cando priman intereses escuros, cando se manipula a cidadanía, cando non se asumen responsabilidades e as normas se interpretan segundo conveña, cando non se respecta a opinión dos demais, cando se desvirtúan os obxectivos da entidade, cando non se defende a destrucción da paisaxe, do medio ambiente, da cultura e da historia. A bo entendedor, poucas palabras bastan.
[…] Máis información no artigo: RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO EN SALCEDO […]
By: XORNADAS EN PONTEVEDRA, MUIÑADA EN SALCEDO, ANDAINA POLO SEIXO « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 06/07/2012
at 19:43