Publicado por: MontePituco | 21/11/2011

MENTIRA E CALUMNIA EN FACEBOOK

Queremos o poligono (falta o til no “i”) do pituco (a letra P sería maiúscula) que non afecta a montes nin a casas e queremos traballar para pode-lo facer ainda (falta o til no “i”) que hay (escríbese con “i” latino) tres persoas que o imposibilizan (dise “imposibilitan”) mentindo e poñendo en evidencia o lugar, para iso estamos aqui (falta o til no “i”) os de marín (o M ten que ir en maiúscula) que conocemola (falta o til no “e” e dise “coñecémo-la” ou “coñecemos a”) zona e sabemos como é e non se lle da (falta o til no “a”) uso. Esta alexado (dise “alonxado”) das casas e non hay (escríbese con “i” latino) que estropeala (escríbese “estropear a” ou con segunda forma do artigo “estropea-la”) natureza cortando ninguna arbore (falta o til no “a”), polo que necesitamos o teu a apoyo (dise “apoio”) para que nos axudes publicando e compartindonos (dise “compartindo”) con todos os vosos amig@s, esperamos que nos axudedes a traballar.

Á parte de que quen escribe este texto dálle unha chea de dolorosas patadas ao diccionario da Real Academia Galega e ten un nivel máis que deplorable de ortografía e de sintaxe, o contido é unha completa e absoluta FALACIA. Unha máis das moitas que ten exposto a Comunidade de Montes de San Xulián, ben directamente ou, como neste caso, a través dunha persoa anónima que colgou este PÉSIMO texto en Facebook.

Que queren o polígono no Pituco? Pero non quedamos en que agora queríano nos Sete Camiños? Pituco ou Sete Camiños, que clase de esquizofrenia sofren?

…Ai, “non afecta a montes”, non. O Pituco non é un monte, os Sete Camiños non é un monte, a parroquia de San Xulián non ten monte. Pois será que ten dunas de area, ou oasis con palmeiras, pero o que é monte, cos seus piñeiros, cos seus toxos, cos seus fentos, coas súas pedras, cos seus eucaliptos (por suposto)… diso non ten! Quen escribiu este DELIRIO debeu pasar unha moi mala noite ou atoparse baixo os efectos dalgunha sustancia psicotrópica que lle alterou o sentido da realidade.

…A casas non afecta, non. Porque se ameazara algunha vivenda, arestora non seriamos “tres” rexeitando a ubicación do polígono, senón tres, máis os habitantes desas casas, as súas familias, os veciños da aldea, e unha parte importante da parroquia, cando non a parroquia enteira. Pero non, seica somos “tres” os que defendemos a natureza, o patrimonio rupestre, e o legado dos nosos antergos grazas aos cales hoxe estamos aquí. Uns antergos que gañaron a vida traballando no monte e sacándolle o produto necesario para que os seus fillos e netos e os que viñeron detrás puideran hoxe CUSPIR na memoria e nos sacrificios deses devanceiros vendendo ao mellor postor o sustento ao que lle deben pouco menos que a vida. Fato de desagradecidos.

Mente precisamente quen ousa acusarnos de mentireiros, porque TODOS os argumentos que DEFENDE O MONTE PITUCO manexa para loitar a prol da conservación do monte, son CONTRASTABLES: máis do 90% do terreo afectado ten unha pendente superior ao 15%, como demostra o informe topográfico da zona; o monte afectado está nun Espazo Natural Protexido legalmente polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento; por toda a zona atópanse numerosos gravados rupestres catalogados como Bens de Interese Cultural sobre os que pesa o maior rango de protección… Que por favor deixen de utilizar tan á lixeira a palabra mentir, porque se arriscan a ter que demostrar ante un xuíz as acusacións falsas que verten contra DEFENDE O MONTE PITUCO.

Arróganse moito iso de coñecer a zona, como se os veciños do Pornedo e dos Sete Camiños non foramos tan de Marín coma eles. Pois non a deben coñecer tanto porque non se lles ve o pelo polo monte. Quen denunciou o verquido contaminante dos restos da limpeza dunha caldeira? Quen alertou da aparición dun cabalo morto dun escopetazo? Quen loitou para que se erradicara o circuito de motorismo ilegal? Quen notifica a existencia de verquidos de cascallos en distintos recunchos do monte? Eles acaso, acomodados na barra da taberna que teñen na Casa de Montes? Vai ser que non…

Por riba, quen subscribe ese texto tan mal redactado e tan mal escrito, ten o inmenso “morro” de dicir que á zona non se lle dá ningún uso. Semellante comentario vén confirmar o DESINTERESE manifesto da Comunidade de Montes de San Xulián polo monte da parroquia e, en particular, pola superficie afectada polo hipotético polígono, na que non se inviste nin un só céntimo dende tempo inmemorial. Cero euros en repoboación de árbores, cero euros en limpeza das canalizacións de auga, cero euros en mantemento das pistas e dos camiños, cero euros en prevención contra incendios… Esta OMISIÓN flagrante da comunidade de montes nas súas obrigas non fai máis que poñer en evidencia a INCOMPETENCIA dos seus directivos, que prefiren gastar os recursos da Comunidade nun partido de fútbol entre solteiros e casados, por poñer un exemplo das chilindradas que organizan.

Que non hai que cortar ningunha árbore? Esta frase só a pode dicir un extraterrestre que descoñeza o significado desa palabra. Na superficie de case 400.000 metros cadrados que abarca o proxecto do polígono non hai unha árbore, hai milleiros delas. Iso si, mal ordenadas, sen ningún tipo de tratamento de optimización da madeira, sen ningún criterio de xestión, porque a directiva da comunidade de montes -insistimos- non cumpre co seu cometido de traballar a prol do monte de toda a parroquia, só da parte que lle interesa.

A Comunidade de Montes de San Xulián -e os seus adeptos- NON PENSA COA CABEZA.

PENSA COA CARTEIRA.

Non apoies semellante despropósito.

Súmate á defensa do Monte Pornedo!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: