Publicado por: MontePituco | 17/10/2011

ANDAINA POLO ESPAZO SETE CAMIÑOS

Unha vintena de persoas de colectivos como Almuinha, Revira, Luita Verde e Defende o Monte Pituco participaron este pasado fin de semana nunha andaina que, dende O Pornedo, percorreu diversos puntos do ámbito xeográfico incluido no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxicos dos Sete Camiños.

A área recreativa do Pornedo é un espazo que agora mesmo está inzado de herbas da Pampa, unha das especies invasoras máis extentidas e resistentes, por culpa dos recheos realizados con terra de dubidosa procedencia que a Comunidade de Montes de San Xulián autorizou verquer aí, sepultando así un petroglifo que non deu tempo de catalogar. Se o Espazo Sete Camiños fora adiante, esta área recreativa sería a recepción dos visitantes e tería unha función da que agora carece, máis alá de satisfacer o instinto vandálico das persoas que se dedican a destrozar os bancos e as mesas de pedra, e derrapar cos seus vehículos na pista, entre outras actividades ilícitas.

A partir de aquí, o roteiro pasou polos petroglifos de Sete Camiños, que destacan pola representación de cérvidos; unha figura que non abunda no catálogo arqueolóxico marinense, de aí a importancia de poñer en valor estes gravados cunha intervención arqueolóxica adecuada.

A andaina polo monte é de dificultade media, apta para persoas de todas as idades. Arte rupestre e natureza son o binomio que caracteriza o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, onde tamén atopamos elementos de interese etnográfico, como fontes, miradoiros naturais, fauna autóctona, vestixios do pasado histórico, como as vellas canteiras que surtían de pedra para a construcción de vivendas e valados, e patrimonio inmaterial de importante valor, como microtoponimia e lendas asociadas aos enclaves senlleiros.

(PREME A CONTINUACIÓN “LER MÁIS” PARA CONTINUAR O RELATO DA ANDAINA E PARA SEGUIR VENDO AS IMAXES TOMADAS DURANTE O ROTEIRO)

Pasando a Fonte da Plata, na parroquia pontevedresa de Salcedo, atopamos un bosque de acacias que a comunidade de montes está erradicando con dificultade, debido ao rápido ciclo de crecemento desta planta invasiva.

Outro lugar de interese que tamén forma parte do itinerario son os petroglifos de Regato dos Buracos, aínda que a visita a estes gravados pode verse interrumpida pola irrupción dunha patrulla da Brilat que, como aconteceu nesta ocasión, nos pediu amablemente que sairamos da zona militar. Os petroglifos que antano estaban abandonados e se desgastaban pola acción das manobras de adestramento das brigadas, actualmente están sendo recuperadas ante a insistencia da comunidade de montes de Salcedo e a boa disposición dos mandos do acuartelamento, coa supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio. Grazas a esta intervención, queda garantida a conservación de elementos como a Pedra do Fundamento, da que a lenda di que está asociada a unha moura, segundo os testemuños recollidos polo investigador Rafa Quintía.

Logo de atravesar a simulación da aldea afgá construida pola Brilat, que provocou a destrucción da mámoa de Louredo, chegamos ao petroglifo de Cachada do Vello. Trátase dunha inscrición gravada nunha pedra que foi aproveitada como marco dun mato, motivo polo cal permaneceu ilocalizable durante anos, ata que en 2009 Rafa Quintía reparou na súa ubicación.

O itinerario lévanos monte arriba e monte abaixo ata o miradoiro do Monte Catadoiro, en Lourizán, dende onde puidemos contemplar impotentes o drama dos incendios forestais, que neste seco mes de outubro leva calcinadas máis de 4.000 hectáreas en toda Galicia. Nesta ocasión, o concello de Poio foi pasto das lapas provocadas polos pirómanos criminais. O hidroavión e o helicóptero do servizo de extinción afaráronse en extinguir o lume, que deixou unha estela de fume irrespirable. Tanta destrucción, para nada. Por que!

O roteiro rematou no miradoiro do Pornedo, preto do complexo rupestre do mesmo nome, que de todos é o mellor conservado e o máis espectacular, especialmente se temos a oportunidade de observalo a primeira hora da mañá ou a última hora da tarde, cando os raios do sol non inciden directamente sobre a o terreo. Admirando estes vestixios do pasado, resulta incrible e inconcebible comprender a actitude da directiva da comunidade de montes de San Xulián, que presiona para que se instale nesta zona un polígono industrial nun espazo que, polo seu rango de protección ambiental legal, e pola inclinación natural do terreo, é absolutamente inviable.

Pola conservación do Monte Pornedo, pola posta en valor da súa riqueza patrimonial, pola creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. POLÍGONO NON!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: