Publicado por: MontePituco | 23/11/2011

ADEGA SOBRE O ANTEPROXECTO DA LEI DE MONTES

Continuando cun documento tan importante como a Lei de Montes de Galicia, que entrará en vigor o ano próximo, e que se atopa en fase de desenvolvemento político e técnico, a continuación reproducimos o posicionamento da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que tamén incide no rexeitamento do borrador da lei por parte de grupos ecoloxistas, comunidades de montes e sindicatos agrarios.

As organizacións ecoloxistas representadas no Consello Forestal, a ORGACCMM e o SLG rexeitamos o borrador da Lei de Montes aprobado na última reunión deste organismo. Trátase dunha norma que nace con moito menos apoio e diálogo que a do bipartito, e que debuxa un panorama de desregulación, especulación e excesivo “madeirismo” para os nosos montes.

O borrador da Xunta non é unha lei de carácter integral ao faltar a conexión cos aspectos agrarios, sociais e ambientais. Esquece a participación pública, a custodia do territorio ou a multifundionalidade. Tampouco trata cuestións fundamentais que deberían incorporarse á xestión do monte como a conservación dos hábitats e especies protexidas, a paisaxe, a etnografía, a restauración de terreos queimados, a prevención de pragas e doenzas, etc. En definitiva: menos monte público, máis monocultivos, menos protección contra o lume e iso sí, máis madeira!

ADEGA e a ORGACCMM fixemos 105 achegas ao borrador da lei de montes de Galiza (entre modificacións, eliminacións e novos artigos), no ánimo de mellorar o documento final e que a perspectiva ambiental se tivera en conta nunha norma de vital importancia para o noso rural e en definitiva para toda a sociedade. A través do traballo de sensibilización e de mellora do documento inicial desenvolvido coas Comunidades de Montes, CIG e FRUGA acadouse a admisión e inclusión de 30 achegas (23 completas e 7 de forma parcial). Mais quedaron importantes cuestións sen modificar, polo que, ante esta situación ADEGA pronúnciase en contra do borrador da lei de montes aprobado no consello forestal do pasado 9 de novembro.

Principais eivas no actual borrador da lei de montes

Un dos problemas de maior importancia aos que o sector do monte se enfronta é a do abandono (da terra, do manexo…). Para resolver esta cuestión, é fundamental que os elementos normativos doten á administración de maior poder de intervención no territorio. A opción escollida polo goberno do PP é precisamente a oposta; rebaixar a capacidade de intervención da administración e deixar nos mercados e na opción individual a especulación da xestión da terra. Esta situación tan só favorece as grandes empresas e as grandes propietarias da terra, ao ter mellor posición nunha situación de pouca transparencia e baixa intervención administrativa.

O borrador presentado pola Xunta de Galiza non é unha lei de carácter integral, a pesar da importancia do monte na vertebración social e territorial do noso país, ao faltar a súa conexión con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Non introduce aspectos novidosos na xestión do territorio como son a participación pública, a custodia do territorio, a multifundionalidade, a educación ambiental ou a compra responsable de produtos e servizos do monte. Non aparecen cuestións fundamentais e que deben incorporarse na xestión do monte como son: a cultura, a etnografía, a restauración de terreos queimados, a paisaxe, os vieiros ecolóxicos, os hábitats prioritairos, as especies prioritarias, a prevención de pragas e doenzas…

É unha lei que reduce a intervención pública, deixando en mans privadas e do mercado o cumprimento dos obxectivos principais (desenvolvemento rural, a fixación da poboación no medio rural, a conservación e a xestión forestal sostible) e non define uns obxectivos claros para a xestión pública. Arestora os montes en xestión pública supoñen algo máis do 12% de todo o país, concentrándose maioritariamente nos lugares máis desfavorecidos. Polo tanto, a nova xestión pública pode ser unha ferramenta para loitar conta o abandono do rural e acadar os obxectivos dunha xestión integral do territorio que serva de base para facer unha conservación real e dinámica dos espazos integrados na Rede Natura 2000.

Abre as portas á rebaixa legal dos Montes Veciñais en Man Común ao minimizar a tutela xurídica da administración (que chegaba a equiparalos en outras normas a montes de utilidade pública), e polo tanto darlle máis peso a súa posición de montes privados (permite a compra de terreos por parte das comunidades de montes, o deslinde xa non se asemella aos montes de utilidade pública).

Tampouco hai aposta pola participación pública na planificación (cando é unha obriga legal recollida na lei estatal 27/2006). Neste borrador os PORF (Planos de Ordeamento dos Recursos Forestais), elementos básicos da planificación forestal, non contan con procesos de participación pública.

Un dos aspectos máis graves é que modifica pola porta de atrás a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais aprobada no 2007, sen unha base técnica xustificada e baleirándoa de contido na ordenación do territorio (elemento clave para a loita contra o abandono): diminúe as distancias de salvagarda da vexetación sobre vivendas, instalacións e labradío; reduce os anos nos que se limita o aproveitamento nun terreo queimado; elimina o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 50 hectáreas continuas; abre de novo a posibilidade de forestar terras agrarias; desvía cara os concellos parte das responsabilidades de control… Cun total de 43 modificacións, máis que pequenos “retoques” semella que se pretende variar substancialmente unha lei xa aprobada.

Finalmente este novo borrador normativo, aposta en exclusivo polas SOFOR para a agrupación da xestión forestal, non deixando alternativas legais a outras opcións. Este feito imposibilita a viabilidade para os montes privados do interior do noso país e polo tanto a súa solución no futuro.

ADEGA, a prol dun monte sustentábel

Desde ADEGA, ao contrario que o expresado polo conselleiro Juárez (“o medio mural está condeado a desaparecer”) apostamos polo futuro dos nosos montes, que pasa por unha xestión sustentable, integral, activa e participativa. No pasado mes de xuño, ADEFA celebrou conxuntamente coa ORGACCMM unha xornada sobre o monte como oportunidade sustentábel fronte a crise na que chegamos as seguintes conclusións:

-O monte foi, é e será unha fonte de xeración de emprego que fixa poboación no rural e favorece a economía local.

-O monte sustentábel preséntase como oportunidade ante a crise especulativa actual ao fundamentarse no traballo da terra.

-A multifuncionalidade e a diversidade do monte son alternativas reais fronte ao abandono.

-Contamos cun monte activo, vertebrador territorial e social, que contén os elementos necesarios para dar estrutura ao territorio e ao capital humano do noso rural.

-Numerosos proxectos de montes se teñen posto en marcha nos últimos anos, o que nos indica que un monte baseado na terra e contando coa xente é posible.

Polo tanto existe monte vivo e con futuro no noso país!

Fonte: ADEGA.


Responses

  1. A pancarta da foto é moi acertada.
    SEN MONTE NON TEMOS FUTURO
    Este debería ser o lema de todas as Comunidades de Montes, que para iso están: para protexer o monte.
    Os veciños de San Xulian terían que darse conta de que malvender Montepituco non é futuro nin para os nosos fillos nin para ninguén.
    Eu rógolle á directiva da Comunidade de Montes que o pense, que medite, e sobre todo: que faga contas. Xa verá que non compensa.

    • Unha pancarta moi parecida a esa de Adega lucírona os directivos da comunidade de des-montes de San Xulián nunha manifestación que xa se ten comentado neste blog.

      https://montepituco.wordpress.com/2011/11/03/100-anos-de-loita-polo-monte-de-salcedo/

      https://montepituco.wordpress.com/2010/02/03/a-coherencia-ese-concepto/

      O lema pomposo que portaban os hipócritas e falsos desta parroquia dicía: “San Xulián, EN DEFENSA dos nosos montes”. Sei perfectamente que lles repatea que se mencione este simpático detalle que os deixa quedar, máis se cabe aínda, en evidencia. Na reunión informativa que, a petición de Defende o Monte Pituco, se organizou hai dous anos da Casa de Montes para expoñer os motivos polos cales o polígono non era viable nesta zona, e na que os partidarios do polígono se dedicaron a ouvear, previamente aleccionados, acabouse sacando esa chamativa fotografía na que os directivos de antano, algún dos cales recuncou na directiva actual, vai -lona en ristre- proclamando aos catro ventos a súa defensa numantina do monte comunal.
      …Xa se ve, xa. Defendendo os seus INTERESES (económicos).


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: