Publicado por: MontePituco | 07/08/2017

NAS FRAGAS DO EUME

Fragas do Eume

Achegámonos ata territorio ártabro, en plena bisbarra do Eume para visitar o que está considerado como o bosque atlántico caducifolio e costeiro mellor conservado de Europa -con permiso do progresivo e preocupante avance do eucalipto- entre os concellos de Cabanas, A Capela, As Pontes, Monfero e Pontedeume. Declarado Parque Natural en agosto de 1997 -van por tanto, 20 anos!-, abrangue 9.125 hectáreas de terreo no que destaca a presenza de carballos, castiñeiros, bidueiros, freixos e abeleiras. Canda as árbores, tamén arbustos ou especies de gran porte como acivros, espiños, loureiros, estripeiros… mais o que enchoupa a vista é a abundancia de brións de intenso verde cubrindo o chan, as pedras, a madeira. Cogomelos, carrascos e flores acompañan a andaina dos camiñantes, tanto a pé como en bicicleta; cando non dos visitantes máis cómodos que optan polo transporte en autobús entre o centro de recepción de turistas e as inmediacións do Mosteiro de Caaveiro, onde durante determinados meses do ano se restrinxe o paso de turismos.

O río Eume guía os pasos dos sendeiristas polas dúas ribeiras: unha agreste e outra cimentada. Varias pontes colgantes comunican ambas marxes, nas que se agolpa a vexetación. Algún que outro pescador aproveita as pedras sobresaíntes para botar o anzol.

Fragas do Eume

Fragas do Eume

Fragas do Eume

Un dos moitos puntos de interese patrimonial das Fragas do Eume é o Mosteiro de Caaveiro, fundado por San Rosendo no ano 936, segundo a tradición. Ergueito sobre as rochas -de aí o seu topónimo orixinal: calavario- no medio do val e aillado entre dous ríos, o Eume e o Sesín, seica foi precisamente polo seu carácter aillado que os monxes benedictinos ou bieitos elixiron este pequeno e frondoso enclave como retiro espiritual, en plena natureza. Posteriormente, os novos ocupantes pasaron a ser cóengos de Santo Agostiño. Precisamente, polo seu reducido tamaño, o mosteiro carece de claustro e os inquilinos que falecían recibían sepultura no propio recinto.

San Rosendo primeiro e as familias Traba e Andrade despois, fixeron importantes doazóns ao mosteiro. Os privilexios reais que se lle concederon ampliaron o seu ámbito de xurisdicción por toda a contorna, ata chegar a ser Real Colexiata.

“Conta a lenda que unha chuviosa mañá de inverno en Caaveiro, San Rosendo ergueuse e saíu da súa cela e vendo o mal día que facía, queixouse contrariado. Nese momento deuse conta do seu pecado xa que o tempo era unicamente  vontade de Deus. Decidiu tirar ao Río Eume o seu anel episcopal como penitencia e pensou que cando o seu pecado lle fora perdoado este anel lle sería devolto. Sete anos despois, estando o cociñeiro de Caaveiro  preparando o xantar para o resto dos monxes,  abriu un salmón, e grande  foi a  sopresa deste cando dentro dos intestinos do peixe atopou o anel de San Rosendo. Rapidamente foi correndo xunta o bispo, que estaba alí retirado, que dando grazas a Deus deuse conta de que o seu pecado fora redimido”.

Mosteiro de Caaveiro

Mosteiro de Caaveiro

Mosteiro de Caaveiro

Mosteiro de Caaveiro

No século XVIII os monxes abandonaron o mosteiro, que foi secularizado. Trala desamortización de Mendizábal no XIX as terras foron adquiridas por Pío García Espinosa. Actualmente o mosteiro pertence á Deputación da Coruña, que realizou nel unha intervención arquitectónica para a súa rehabilitación.

O único elemento románico que se conserva é a ábside. A torre das campás data do XVIII. Ante o contraste entre os elementos de pedra e o cemento que cobre o chan, máis a elección de complementos modernos como lámpadas ou peldaños metálicos, o guía que informa os visitantes explica que este tratamento obedece ao criterio dos arquitectos por marcar a diferenza entre a construcción orixinal e a parte reconstruída. Hai opinións a favor e en contra do resultado.

De todo o recinto, que se complementa coa sacristía, a casa dos cóengos e as cociñas, a parte exenta ás visitas son os sotos do mosteiro, onde aniña unha especie protexida de morcego para evitarlles molestias e permitirlles morar tranquilamente, realizando a súa importante función ecolóxica.

 

Mosteiro de Caaveiro

Fragas do Eume

Fontes:

http://parquesnaturais.xunta.gal/gl/fragas-do-eume

http://www.eumeturismo.org/mosteiro%20de%20caaveiro.html


Respostas

  1. […] coñeciamos a existencia de morcegos de ferradura no soto do mosteiro de Caaveiro, no corazón das Fragas do Eume; e se a comarca do Morrazo é coñecida entre os expertos nestes abraiantes mamíferos voadores por […]

  2. […] chega a Neda e atravesa tamén os municipios de A Capela e Fene. Vencellado xeograficamente ás Fragas do Eume, o escarpado terreo desta contorna propicia que o curso fluvial se precipite dende unha altura duns […]


Deixar un comentario

Categorías