Publicado por: MontePituco | 04/09/2018

MÁIS RECUNCHOS ÁRTABROS: FERVENZA DO RÍO BELELLE

Pazo de Isabel II, Neda

Unha paraxe que paga a pena visitar na bisbarra de Ferrolterra é a fervenza do río Belelle, no concello de Neda. Natureza, historia e arquitectura tanto civil como industrial son unha boa combinación de razóns para quen goza camiñando, observando e aprendendo.

O primeiro elemento que chama a atención nada máis chegar ás proximidades deste treito do Belelle é o Pazo de Isabel II. Permaneceu aberto ata hai uns anos, segundo nos contou unha veciña de O Roxal. Dende o pasamento do mordomo que atendía o recinto, de titularidade privada, a edificación atópase actualmente en estado de abandono, e nun galopante proceso de deterioro

Un muro rodea o inmoble e o seu circundado, construído polos irmáns Veiga en 1841 para instalar unha fábrica de tecidos que se abastecía da auga do río para a produción de panos. A web municipal detalla que no seu interior hai un vestíbulo dende o cal se accedía a un xardín a través dun paseo de magnolios; que ademais do edificio principal -con planta en forma de L- tamén destacaban unha fonte de ferro e mais un hórreo; que na fonte, de estilo clásico, había representado “un neno tocado por unha póla de oliveira, símbolo da vitoria, sentado sobre unha vieira que sostén un monstro marino”, mentres que o hórreo tiña forma de “cabana de grandes dimensións, con cámara rectangular estreita”.

A ruta conta con sinalización para orientar os visitantes. Ademais da famosa fervenza do Belelle, na parroquia de Viladonelle tamén hai un castro catalogado, datado na Idade do Ferro. A web municipal non ofrece información deste antigo poboado castrexo, que non foi excavado. Estaría situado preto da igrexa de San Andrés de Viladonelle e do vial que comunica a parroquia coa estrada xeral.

Unha estreita estrada asfaltada conduce os visitantes ata a Central Hidroeléctrica de Fervenza. Se ben ata hai uns anos era posible acceder en vehículo ata este punto, dende o pasado mes de abril un sinal prohibe a circulación rodada, polo que cómpre estacionar nun aparcadoiro excavado a carón do pazo para continuar o traxecto a pé.

Outro dos elementos arquitectónicos nos que cómpre deterse é o muíño da Barcia, rehabilitado en 2001 co auspicio da Agrupación Micolóxica Viriato. Neste punto, o río comeza a ofrecer fermosos recunchos aos que abeirarse, entre a vexetación de ribeira, de intensos verdes: moitas variedades de fentos e arborado tipicamente fluvial deparan un oasis autóctono para combater a intensa calor dunha xornada estival.

Muíño da Barcia, río Belelle, Neda

Río Belelle, Neda

Ruta do Río Belelle, Neda

Deixando atrás o muíño, que evoca un pasado vencellado á elaboración tradicional do pan que tanta sona lle deu a Neda, cun produto que actualmente conta con rexistro de Marca de Calidade, a historia do río tamén está vencellado a outros usos, como o lavado das velas dos barcos. Mais sobre todo, a potencia hidráulica do Belelle fixo posible que a cidade de ferrol se dotara de luz eléctrica a principios do pasado século XX.

Central hidroeléctrica de Fervenza, Neda

Central hidroeléctrica de Fervenza, Neda

Río Belelle, Neda

O Belelle, que nace no barranco da Cernada, en As Pontes, chega a Neda e atravesa tamén os municipios de A Capela e Fene. Vencellado xeograficamente ás Fragas do Eume, o escarpado terreo desta contorna propicia que o curso fluvial se precipite dende unha altura duns 45 metros, ofrecendo un salto de auga que nas estacións de outono e inverno ofrece espectaculares estampas polo abundante caudal. A fervenza do río Toxa, en Silleda, supera en 15 metros estoutra do Belelle.

Neste verán, de todos modos, o nivel deste río permitiu que os bañistas aproveitaran as pozas naturais, mentres a auga vaporizada refrescaba o ambiente para o resto dos visitantes que contemplaban a fervenza na distancia.

Fervenza do río Belelle, Neda

“Nas súas beiras tivo lugar a evolución da sociedade da vila e as súas primeiras industrias forxáronse grazas ás súas augas. Aínda hoxe perviven os muíños que abasteceron as industrias panadeiras, tanto os dos pequenos negocios familiares como as denominadas “Casas Reais” ou “Fábricas de Biscoito”, propiedade da Casa dos Austrias, que fornecen o pan e as galletas consumidos polos mariñeiros nas travesías. Na zona da Fervenza aínda se pode gozar da vexetación típica dos bosques oceánicos, polo que podemos afirmar que algo nos queda daqueles bosques de Neda, famosos e apreciados nos séculos pasados grazas á boa e abundante madeira que ofrecían. Grazas a esta riqueza madereira funcionaron os asteleiros na desembocadura do Belelle, á vez que se abastecía as vilas veciñas”.

[Historia de Neda: www.neda.es]

Entre a Central Hidroeléctrica e a fervenza accédese a un longo sendeiro que, ascendendo en zig-zag polo Monte Marraxón, permite chegar ata a canle de auga construída para dotar a instalación eléctrica da caída suficiente para producir enerxía.

 

Fervenza do río Belelle, Neda

Que bo sería regresar a esta fervenza e seguir apreciando a esencia do bosque autóctono galego. Por desgraza, como puidemos comprobar, a presenza do eucalipto nesta zona é unha ameaza presente e crecente. A presión desta especie -que malia ser foránea, invasora e pirófita conta cun deliberado, cuestionable e reprobable impulso por parte da Xunta para a súa plantación e explotación en beneficio das empresas madeireiras e da pasteira Ence- está causando un preocupante retroceso da vexetación do país no parque natural das Fragas do Eume, segundo o estudo “Áreas protexidas: unha análise da consolidación do eucalipto nas Fragas do Eume”, do investigador Diego Cidrás; unha merma que tamén se fai notar no habitat próximo ao Belelle.

Ogallá dentro duns anos non haxa que recorrer a fotos históricas ou bitácoras como a do Monte Pituco para recordar como lucía nesta paraxe o verdor do carballo e do castiñeiro, do brión e do ameneiro, da hedra e do loureiro.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: