Publicado por: MontePituco | 28/08/2017

NOITE EUROPEA DOS MORCEGOS

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

Vai de morcegos!

Se hai unhas semanas coñeciamos a existencia de morcegos de ferradura no soto do mosteiro de Caaveiro, no corazón das Fragas do Eume; e se a comarca do Morrazo é coñecida entre os expertos nestes abraiantes mamíferos voadores por ter a única colonia reprodutora de Myotis bechsteinii coñecida en Galicia; agora mesmo celebramos a Noite Europea dos Morcegos, organizada na beira do Gafos polo colectivo ecoloxista Vaipolorío, no marco da programación de Ponteverán, en colaboración coa Asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural.

Trátase dun colectivo de especialistas espallados por Galicia -mesmo algúns traballando no estranxeiro en distintos proxectos de investigación- que, dende As Pontes, actúan a prol da divulgación e sensibilización sobre os quirópteros.

Hai catalogadas ata 24 especies de morcegos na nosa terra, dos cales preto dunha ducia son especies vulnerables ou ven ameazada a súa existencia como consecuencia dos perigos aos que están expostos os espazos nos que habitan.

Grazas á actividade organizada por Vaipolorío e por Drosera foi posible que unha vintena de persoas, cativos e adultos, se achegaran a estas criaturas; nalgúns casos para desmitificar falsas crenzas, cando en realidade trátase de animais moi beneficiosos para o medio ambiente

Roberto Hermida, de Drosera, facilitounos uns receptores especiais que captan os agudos sinais acústicos -imperceptibles para o oído humano- que emiten os morcegos para orientarse mentres voan e van á captura das presas coas que alimentarse.

Logo de tender unha rede tocou armarse de paciencia ata que por fin -non sen antes empregar unha pequena argucia coa que enganarban os avispados e veloces exemplares que cruzaban a ponte baixo a avenida de Vigo- un pequeno morcego caeu na trampa, da que foi inmediatamente liberado e depositado nunha bolsa de tea.

Os rapaces foron quen máis se emocionaron ante esta ansiada captura. Chegaba o momento de identificar a que especie pertencía, canto medían as súas ás e cal era o seu peso.

Resultou ser un Pipistrellus, da familia Vespertilionidae. Trátase dos máis cativos que se atopan na fauna dos quirópteros galegos, con orellas redondeadas e curtas.

Un pouco de estrés para o sorprendido animal foi de utilidade para que os asistentes a esta Noite dos Morcegos puideramos apreciar de cerca a súa curiosa fisonomía e apreciar a función que cumpren. Durante a espera, Roberto Hermida ilustrounos con cantidade de información e curiosidades sobre as especies oriundas de Galicia e outras máis exóticas, ademais de atender un feixe de preguntas que foron xurdindo entre o público.

Dende a Asociación Monte Pituco animámosvos a bucear na web desta organización, Morcegos de Galicia, onde explican o seu labor en materia de custodia desta especie, dan consellos sobre como actuar se aparecen morcegos na casa, imparten cursos e charlas didácticas, ou facilitan materiais expositivos, ademais de contribuír á actualización permanente do Atlas dos Morcegos de Galicia.

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

 

Receptores para detectar os sinais acústicos emitidos polos morcegos

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

Instalación da rede para a captura de morcegos, baixo a ponte da Avenida de Vigo

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

 

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

Toma de datos para a catalogación do exemplar capturado: tamaño das ás e peso

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

Noite Europea dos Morcegos, con Vaipolorío e Drosera no río Gafos

Tras amosarllo ao público, o exemplar de Pipistrellus foi liberado


Respostas

  1. -son apaisoado de estes animais voadores…dende rapaz..

    • A verdade e que son sorprendentes e apaixoantes. Graciñas por visitar o blogue e por participar nel. Saúdos!


Deixar un comentario

Categorías