Publicado por: MontePituco | 31/01/2016

UNHA VEZ MÁIS, NO CASTRO DA SUBIDÁ

Charla do historiador Aarón Franco no Castro da Subidá.

Visitamos unha vez máis ao Castro da Subidá. A Asociación Cultural Almuinha organizou unha andaina que remataba no antigo poboado castrexo, habitado entre o século IX a.C. e o século II da nosa era. O historiador marinense Aarón Franco, que participou na excavación, encargouse de remontarnos uns cantos séculos atrás para falarnos da vida dos antigos poboadores da vila.

Só se chegou a excavar un exiguo 1% da superficie que abrangue o castro, cunha extensión que podería chegar ás 2 ou 3 hectáreas. A chegada do PP ao goberno local cortou a financiación, impedindo que afloraran máis estruturas habitacionais e outros posibles almacéns dos que daquela saíron á luz, e freando tamén a posibilidade de descubrir os muros defensivos.

…Tarefas pendentes que seguirán agardando tempos mellores nos que outros responsables políticos con máis sensibilidade pola cultura e con máis visión de futuro sobre o potencial dun turismo sostible, destine, unha dotación económica suficiente para ampliar a excavación, xestionar adecuadamente os achados e divulgar os resultados dos traballos arqueolóxicos.

 

Charla do historiador Aarón Franco no Castro da Subidá.

Visitar o castro da Subidá é tamén unha magnífica oportunidade para contemplar, de fronte, o Monte Pituco -Pornedo, pola súa denominación tradicional-. Nesta ocasión non foi posible polo orballo e pola néboa que cubría os cumios da vila. Pasando os minutos a vista iríase despexando…

Vista do Monte Pituco (Pornedo) dende o Castro da Subidá.

Visitar o castro da Subidá nunca deixa indiferente. Algúns dos participantes na andaina organizada por Almuinha non coñecían a existencia de petróglifos, nin da vella canteira situada no ‘torreón’ onde Pepito Meijón deixou tamén a súa peculiar pegada nas pedras.

…Non sabemos se foi Meijón quen cincelou estas letras nunha laxe a carón das estruturas das cabanas. Só que a natureza colonizou os seus trazos para que hoxe poidamos (case) ler os seus pensamentos.

Pedra con brións a carón das estruturas descubertas do castro.

Vista do Monte Pituco (Pornedo) dende o Castro da Subidá.

Publicado por: MontePituco | 30/01/2016

MANIFESTACIÓN ‘ENCE FÓRA’: MANIFESTO

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

Manifesto lido ao remate da manifestación “Ence fóra da ría para sempre’, lido polo presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, Juan Loureiro, en representación dos colectivos promotores da protesta, que convocou a unhas 20.000 persoas, segundo a organización.

Aquí estamos, nenas e nenos, pais e nais, amigas e amigos. Amantes da terra, do aire, dos ríos e océanos, da choiva e os bosques.

Aquí estamos as veciñas e veciños de Pontevedra, os que a queremos por enriba de todo, por enriba incluso de nós mesmos, decindo máis unha vez Non ao tumor de Lourizán.

Chegamos de Marcón, de Verducido, de Sanxenxo, de Marín, de Combarro, de Bueu, de Poio, de Ponte Caldelas, do Candán, de Barro, de Arcade, de Toda a ría, de todos os recunchos e vales do interior, de toda a Pontevedra capital e as Terras de Pontevedra, que forman parte do noso ser e da nosa vida.

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

Somos galegas e os galegos que queremos un país rico, produtivo, frondoso, diverso e no que pague moito a pena vivir reconciliados co planeta e coa marabillosa natureza que nos arrodea. 

Somos xentes aquecidas pola indignación, pola raiba de ver cómo o diñeiro, a avaricia e a corrupción á que tanto ulen as cloacas do Estado, regalou a uns cuantos ricachóns amigos do Partido Popular, unha parte irrenunciable da nosa alma.

Fixeronlles unha lei á medida, favorecendo o interese dunha empresa contaminante, contra a opinión da inmensa maioría do pobo.

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

Permítenlles seguir espoliando os recursos do país dun xeito miserable, dedicando a ría a producir capital para uns poucos impedindo o seu despegue marisqueiro, pesqueiro e turístico. 

Mantendo esa lousa negra sobre o rexurdir de Pontevedra, coa súa imaxe sempre baixo a sombra deste noxo.

Son días tristes para Pontevedra, especialmente cando un veciño desta cidade, Mariano Rajoy, impulsa esta aldraxe de 60 anos máis soportando semellante porquería ás portas do mar, en plena ría.

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

Un clarísimo exemplo de corruptelas e inmundicias. Moi semellante ao aspecto que ofrece a fábrica, unha morea de tubos fumegantes e conexións entre pozos de veneno.

Estamos convencidos de que tras esta escura decisión, opaca, sen luz nen taquígrafos, hai enormes cantidades de capital repartido entre xentes envilecidas polo diñeiro. 

Como vemos cada día nos telexornais, son auténticos especialistas en mercar vontades e practicar a inmoralidade e a corrupción, só ás veces detectada polo sistema xudicial.

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

Iso é o que pensamos as veciñas e veciños de Pontevedra da enorme hipoteca sobre a nosa paisaxe, sobre a nosa ría, sobre as nosas vidas, contra a inmensa maioría da Corporación, sen que nós poidamos decidir nada porque Fraga, roubounos hai anos ese dereito. 

Pero nós non imos parar. Queremos recuperar a nosa paisaxe, a nosa cidade, a nosa ría.

Temos folgos de sobra para seguir, e seguiremos reclamando o que é xusto, proporcionado e acaído co medio natural e o Planeta.

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

Seguiremos en pé por uns bosques diversos e ricos, sen abafantes monocultivos ruína da paisaxe.

Seguiremos esta loita diaria, viva e incansábel contra os delincuentes ecolóxicos, contra a soberbia do poder, contra o a intervención das grandes empresas na política, contra o trágao que Pontevedra xa leva medio século aguantando desde que Ence chegou á nosa ría protexida polos fusís do franquismo.

Seguiremos firmes ata que Pontevedra deixe de cheirar a Celulosas, ata que ese cheiro a ovos podres e esa paisaxe de fumes e ferros deixe de definir á nosa cidade ante todo o que pasa pola autoestrada.

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

Daremos novas leccións ao mundo, como as que nos están situando como exemplo do que deben ser as cidades sustentables, ecolóxicas, reconciliadas coa natureza, comprometidas co Planeta.

Coa mesma enerxía, tranquilos pero decididos, sacaremos Ence de Lourizán e demostraremos que hai outra maneira de vivir da ría, de desenvolver o noso territorio en harmonía co medio e con miras aos amplos horizontes, non ás estreitas aspiracións dos corruptos e os ladróns de guante branco.

Seremos quen de revertir esta vil maneira de facer política cheirenta, agochada da luz, lonxe da intelixencia e sinónimo de vileza e cobardía.

Ence, fóra da ría para sempre!

Manifestación Ence Fóra da Ría: 29 xaneiro 2016.

 

Publicado por: MontePituco | 29/01/2016

RUTA POR PENIZAS

10636588_178724725816509_3151462170794904763_o (2)

A ruta, organizada pola Asociación Almuinha e guiada polo historiador marinense Aarón Franco, partirá ás 10:30 horas dende a Igrexa de San Tomé de Piñeiro e rematará no centro de Marín arredor das 13:30 horas tras percorrer unha distancia duns 7 quilómetros.

Ademais da beleza do espazo, a andaina destaca polo interese cultural, arqueolóxico, etnográfico, paisaxístico e natural dos lugares que se visitarán. Entre eles figuran as igrexas románicas de San Tomé de Piñeiro e Santa María do Campo, os muíños do río Loira, o menhir de Currás, as vistas da ría dende o Monte Penizas e o Castro da Subidá.

[Nota para as persoas interesadas que non saiban chegar á igrexa de San Tomé: punto de encontro, ás 10:00 horas na entrada do Porto de Marín, ao carón da Escola Naval]

Publicado por: MontePituco | 29/01/2016

POLA RECUPERACIÓN DA RÍA

Manifestación pola recuperación da ría

Publicado por: MontePituco | 28/01/2016

O LIBRO DA FLORA DO RÍO GAFOS

Libro da Flora do río Gafos

Publicado por: MontePituco | 27/01/2016

O PORNEDO, NA ‘TOPONIMIA DE MARÍN’ DE ELIXIO RIVAS

Elixio Rivas

Esta semana no Museo Manuel Torres celebrouse o acto de doazón ao Concello da tese de doutoramento sobre “Toponimia de Marín” realizada por Elixio Rivas Quintas. O propio autor, aos seus 90 anos, achegouse ata Marín dende Baños de Molgas -onde reside actualmente na congregación dos Padres Paúles, orde relixiosa á que pertence- para participar, ademais, na celebración do aniversario do Colexio San Narciso, que cumpría outros 90 anos. Elixio Rivas chegou ao San Narciso en 1961, procedente de La Habana, de onde foi expulsado logo da Revolución Cubana; previamente estivera destinado na vila inglesa de Dunstable.

Durante a súa estadía en Marín cursou a licenciatura en Filoloxía pola Universidade de Santiago. Son numerosos os artigos que elaborou sobre a illa de Tambo, o Gremio de Mareantes, as tradicións vencelladas a San Miguel… e tal foi o seu interese polo coñecemento, recuperación e difusión da toponimia local que lle dedicou a súa tesiña de licenciatura, ampliada posteriormente e presentada en 1978 como tese de doutoramento.

Dous tomos de considerable grosor recollen o seu labor inxente, do que se publicou un pequeno ‘resume’ de 409 páxinas en formato libro, editado en 1982 pola Universidade de Santiago, como anexo da revista Verba.

O profesor do Colexio San Narciso e membro da Real Academia Galega, Héctor Silveiro, foi quen impulsou a recuperación da “Toponimia de Marín” para poñer a disposición da cidadanía e dos investigadores este valioso traballo que, como lembrou, foi o modelo polo que se guiaron posteriores traballos nesa materia. Velaí o carácter pioneiro de Elixio Rivas, que dende 1978 pertence á Comisión de Toponimia de Galicia, unha sección do Consello da Cultura Galega.

O Ateneo Santa Cecilia recolleu a proposta de Héctor Silveiro e trasladoulla ao Concello de Marín, que aceptou o reto de custodiar a tese, dixitalizala e publicala nun formato acorde aos avances tecnolóxicos para favorecer a súa consulta e a súa divulgación.

Héctor Silveiro falou do carácter débil, fráxil e perecedeiro da palabra oral; do esforzo de Elixio Rivas para recoller por escrito ese patrimonio inmaterial de maneira “meticulosa, case á luz do candil”. O resultado foi un traballo “erudito” que nos permite situar a Elixio Rivas á altura do Padre Sarmiento, como figuras “complementarias” que son entre si.

Escoitar a Elixio Rivas -Premio Otero Pedrayo (1980) e Medalla Castelao (2000)- é un privilexio. Poucas veces temos a oportunidade de estar diante dun erudito dos de antano. Cunha vitalidade envexable, cunha locuacidade xovial e incontible, Elixio Rivas foi debullando recordos das súas andainas con Carlos Paratcha polos montes non só de Marín, senón tamén de Bueu, de Moaña, de Pontecaldelas… Foi contando anécdotas dos seus encontros cos veciños de cada lugar, que lle contaban os nomes cos que se coñecía cada recuncho da contorna, os porqués desas palabras…

Dende a orixe euroafricana de Bouza, que equivale a balsa ou lugar con auga; ata Veiga e Veiguiña, que teñen a mesma procedencia.

Dende Neibó, o nome do río que nace no Gagán, de raíz indoeuropea e que ten que ver con Nabea e Nabia, referidos a un lugar con auga nunha montaña.

Ata Lama e Lameiriña, de carácter céltico. Ou Cidrás, que significa cítrico. Ou Pornedo, de piorno, xesta, que ben lembra Elixio Rivas que queda “subindo ao Lago de Castiñeiras, á esquerda”.

Toponimia de Marín, de Elixio Rivas

[Referencia a O Pornedo no libro “Toponima de Marín”, publicado pola Universidade de Santiago en 1982]

Elixio Rivas contaríanos ao final da presentación que anos atrás subira con Carlos Paratcha ata o Pornedo. Emprazándonos a visitalo na súa residencia de Baños de Molgas para contarnos a historia da “silla do Pornedo” e amosarnos o seu museo etnográfico, despedímonos deste home sabio e encantador, activo e xeneroso. Tomámoslle a palabra!

O Pornedo na "Toponimia de Marín" de Elixio Rivas.

[Vista dos montes de Marín, debuxada por Elixio Rivas, dende Penizas]

Toponimia de Marín, de Elixio Rivas

O Pornedo na "Toponimia de Marín" de Elixio Rivas.

Publicado por: MontePituco | 27/01/2016

CHARLA SOBRE A SITUACIÓN DO LAGO DE CASTIÑEIRAS

Charla sobre a situación do Lago de Castiñeiras

Publicado por: MontePituco | 26/01/2016

ACTUALIDADE OBRIGA: MOVILIZACIÓN CONTRA A PRÓRROGA A ENCE

Asemblea na Federación Castelao en Pontevedra

A actualidade imponse nestes días. 24 horas despois de coñecerse que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente decidiu prorrogar por 60 anos máis a concesión dos terreos que ocupa a fábrica de Ence en Lourizán. Os colectivos que conforman a Plataforma Ence Fóra da Ría para Sempre, reunidos no local da Federación de Asociacións de Veciños Castelao -que quedou pequeno- en Pontevedra, acordaron convocar unha concentración cidadá con veciñanza de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, Bueu… mañá mércores ás 19:00 horas diante da sede provincial do PP para protestar contra esa resolución, adoptada polo Goberno Central en funcións.

12644882_1176076629087347_1583434806260408694_n (2)

[Concentración espontánea diante da sede provincial do PP de Pontevedra dos representantes dos colectivos participantes na asemblea celebrada na Federación Castelao, tralo remate da xuntanza. Foto: Antonio Costa]

A seguinte mobilización de rexeitamento á consolidación de Ence en Lourizán será este vindeiro venres 29, coa convocatoria dunha manifestación que partirá ás 20:30 horas dende a Praza da Ferrería, e que rematará ás portas da Subdelegación do Goberno.

Durante a asemblea de representantes dos colectivos sociais e veciñais, ecoloxistas (APDR, Adega, Greenpeace Pontevedra, Vaipolorío) e políticos (Anova, Bng, Psoe, Podemos), ademais de persoas que acudiron a título particular, escoitáronse palabras de ánimo fronte ao abatemento inicial que, non por menos sorprendente era menos agardado. “Unha labazada máis que nos dán o PP e Ence, que son a mesma cousa”, afirmou o presidente da APDR, Antón Masa. “Isto para nada é unha derrota”, insistía ao comezo da xuntanza.

A concelleira de Urbanismo de Pontevedra, Carme da Silva, criticaba “o uso do aparato do Estado en beneficio dunha empresa privada” e apelaba a plantarlle cara á prórroga dando “unha resposta social clara e contundente” na rúa, complementaria aos recursos que se interporán pola vía administrativa e xudicial.

Outras medidas das que se falou nesta reunión e que irán tomando forma en próximos días son unha recollida de sinaturas, tanto en formato físico e impreso como a través das plataformas dixitais na rede pedindo a anulación da prórroga.

Durante o Entroido tamén se levarán a cabo accións de tipo lúdico en forma de pasarrúas, cantares de cego e no propio desfile do enterro do Ravachol.

E despois do Entroido, a Plataforma Anti-Ence volverá reunirse para dárlle forma a unha gran manifestación que se celebrará en Pontevedra, con chamamento á asistencia por parte de colectivos e persoas procedentes de toda Galicia

Na recta final da xuntanza, escoitouse o testemuño dunha veciña de Lourizán que se dedicara ao marisqueo. Contou que a súa casa estaba a 100 metros de Ence e Elnosa e que tivera que marchar de alí e instalarse en Pontevedra porque non aturaba a situación, especialmente a raíz dun escape de cloro que acontecera recentemente e que non tivera trascendencia nos medios de comunicación.

Ademais, entre os asistentes lanzouse a petición de “empapelar” os balcóns, as fiestras das vivendas e os vehículos coas bandeiras e cos cartaces da APDR e da Plataforma Ence Fóra para darlle visibilidade e dimensión simbólica ao malestar da veciñanza contra a prórroga e a favor da recuperación da ría, retomando o ambiente das Marchas contra Celulosas que se organizan polo verán.

…Por compromiso co medio ambiente, coa saúde, coa paisaxe, co Estado de Dereito, coa recuperación da ría, co aproveitamento sostible dos seus recursos pesqueiros e marisqueiros, co desenvolvemento turístico, coa explotación racional do sector forestal alternativa ao monocultivo do eucalipto. Hai moitas razóns…

Marcha contra Celulosas, este sábado 11 de xuño con saída ás 19:30 horas dende as alamedas de Marín e Pontevedra.

 

 

Publicado por: MontePituco | 25/01/2016

A ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE MONTES, NO FARO

Faro, 25 xaneiro 2016

San Xulián aprueba un convenio con la Xunta que impulsa el jardín botánico de Castiñeiras

El centro de recuperación animal continuará un año más antes de su traslado a Cotobade

Publicado por: MontePituco | 22/01/2016

RUTA POR OUTEIRO DE CAMPOLONGO E MONTE CERNELLO

12486036_964183990334434_7131413444301500199_o (2)

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza este domingo, 24 de xaneiro, unha ruta para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do espazo natural de Outeiro de Campolongo e Monte Cernello, entre as parroquias marinenses de Piñeiro e Ardán.

Esta primeira andaina do inverno será circular, con saída ás 11:oo horas do Igrexario de Santo Tomé, para chegar ás 14:00 horas ao mesmo punto.

O percorrido discorrerá por vías rurais, pista forestal, corredoiras e camiños de pé ao longo dos lugares de Monte Cernello, Outeiro de Campolongo e Montes de Allariz, bordeando as concas de nacemento do rego das Gorgadas e do rego de Maceiras, que son afluentes do río Loira.

Publicado por: MontePituco | 21/01/2016

O DEPUTADO PROVINCIAL DE CULTURA, NO LAGO DE CASTIÑEIRAS

DiarioDePontevedra

Diario, 20 xaneiro 2016

“Non queremos seguir mendigando axudas e xa chegou o momento en que non é suficiente con que veñades aquí, o que se necesita é compromiso e financiamento para este proxecto”.

Cando o BNG e o PSOE estabades na oposición da Deputación propuxestes, e aprobouse, que este organismo entrase na Fundación, algo que agora non se fai efectivo e nin sequera se nos concede unha entrevista”.

Estas foron as duras palabras coas que os representantes das comunidades de montes de San Tomé e San Xulián (Marín) e de San Martiño e Santa Cristina (Vilaboa) recibiron o diputado provincial de Cultura, Xosé Leal, do BNG, que visitaba por primeira vez o Lago de Castiñeiras dende que asumira o cargo. Acompañárono as concelleiras nacionalistas Pilar Blanco, por Marín, e Ornela Fernández, por Vilaboa.

O resultado do encontro foi “decepcionante”, tal e como o calificou o presidente dos comuneiros de San Xulián, Manuel Estévez. Tal vez porque os promotores da Fundación do Lago de Castiñeiras agardaban unha mención explícita de Xosé Leal sobre o compromiso que adquirira a Deputación de Pontevedra durante o anterior mandato provincial -co voto a favor de todos os grupos- para apostar polo desenvolvemento da Fundación levando adiante os seus obxectivos de mellora urxente deste espazo natural e de posta en marcha do proxecto de creación dun xardín botánico.

Sen embargo, Xosé Leal levaba outra idea e esquivou as reivindicacións dos comuneiros. Na nota informativa da Deputación de Pontevedra apréciase que os comuneiros e o deputado do BNG falaban ‘distintos idiomas’: os primeiros preguntaban claramente pola xestión da Fundación, mentres que o segundo tan só lles falaba de de axudas á recuperación do patrimonio arqueolóxico:

Foto: Deputación de Pontevedra

“Queremos promover que a xente valore os elementos patrimoniais, pero se non os coñecen non os poden valorar”, así argumentou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, a necesidade de investir en sinalización e actuacións no patrimonio histórico e artístico nunha visita que realizou esta mañá (martes 19 de xaneiro) ao lago de Castiñeiras, en Marín. Nunha superficie forestal de 80 hectáreas na que se atopan 8 mámoas, que son propiedade das comunidades de montes de Marín e Vilaboa, Leal asegurou que a visita está encamiñada “a coñecer de primeira man e sobre o terreo as necesidades dos propietarios desta comunidade, a vosa visión, porque sodes os que mellor coñecedes a situación, para poder contemplar as vosas impresións e inquedanzas nas liñas de subvencións que estamos elaborando“.

Pola súa banda, os representantes das comunidades de montes fixeron especial fincapé na necesidade de que as administracións públicas asuman a xestión deste espazo natural para que actúe como recurso turístico e como centro educativo para xeracións vindeiras. Neste sentido, Xosé Leal avogou pola posta en valor dos elementos patrimoniais situados neste espazo e sempre encaixando estas actuacións nas competencias que corresponden ao seu departamento.

Para isto lembrou que desde a área de Cultura da Deputación de Pontevedra se  incluíu unha partida orzamentaria de 600.000 euros para axudas ao patrimonio histórico artístico, dos cales 200.000 euros se destinarán á sinalización de elementos patrimoniais e 400.000 euros a actuacións no patrimonio. Estas axudas, tal e como lles explicou o deputado de Cultura aos representantes das comunidades de montes, serán canalizadas a través dos concellos, que deberán ser os solicitantes destas.

Xosé Leal tamén aproveitou a súa visita para anunciarlles que está previsto que se habiliten outras liñas de axuda máis específicas en materia de montes e medio ambiente.

Como referente de elemento patrimonial Xosé Leal tamén visitou a mámoa do Rei, ante a que insistiu na necesidade de promover o seu coñecemento e o seu valor etnográfico tanto entre a cidadanía do Morrazo coma no resto da provincia.

As hemerotecas dan conta de que a Deputación de Pontevedra -a instancias dunha moción do PSOE representado polo secretario provincial do partido, Santos Héctor, á que se adheriron BNG e PP- asumira outra ‘folla de ruta’ que agora o novo goberno está pasando por alto.

…En realidade, aquela entrada do organismo provincial na Fundación do Lago de Castiñeiras foi ‘en falso’, en tanto o PSOE aceptou a petición da alcaldesa de Marín, María Ramallo, de retirar a parte da moción referida á asignación orzamentaria. Xa se sabe que, en política, os proxectos que non van acompañados dunha partida económica quedan en mera literatura e palabras que leva o vento. Como así está sendo…

Faro de Vigo, 25 abril 2015

Difícil papeleta a da concelleira Pilar Blanco, por moita moción que anuncie que vaia presentar no pleno de Marín en contra da decisión da Xunta de desmantelar o Centro de Recuperación de Fauna que había en Castiñeiras para trasladalo a Cotobade. O disimulo, a memoria selectiva e a esquiveza do deputado Xosé Leal ante uns comuneiros que apelaban ao acordo plenario de abril 2015, non son doados de xustificar.

Así as cousas, os promotores da Fundación Lago de Castiñeiras veñen de reunirse co voceiro de AGE no Parlamento galego, Antón Sánchez, con representantes de Anova-Terra (Poio) e da Irmandade da Illa de Tambo, que lles transmitiron o seu apoio. O deputado presentará unha pregunta parlamentaria para que o Goberno galego dea explicacións sobre a súa negativa a integrarse na Fundación e a decisión da Consellería de Medio Ambiente de trasladar a Cotobade o centro de recuperación de fauna silvestre. 

Mentres os políticos miran para outro lado, segue o silencioso declive do Lago de Castiñeiras. Ou, o que é peor, observan como languidece, impasibles e cruzados de brazos.

Publicado por: MontePituco | 21/01/2016

…CLARO QUE ‘NON’ AFECTOU!

 

DiarioDePontevedra

Diario, 21 xaneiro 2016

“…Varios bares de San Xulián corroboraron que no notaron la falta de agua. Uno de ellos explicó que al disponer de una TRAÍDA PARTICULAR apenas se conecta a la municipal”.

 

Publicado por: MontePituco | 20/01/2016

ESTE DOMINGO, ASEMBLEA NA COMUNIDADE DE MONTES

Novo aviso da Comunidade de Montes de San Xulián convocando para este domingo 24 ás 18:00 horas, a a asemblea que se aprazara a semana pasada debido ao falecemento, en accidente, dun familiar do secretario da directiva.

Aviso Asamblea ComMontes_xan16

Publicado por: MontePituco | 19/01/2016

CORTE DE AUGA POLAS OBRAS DE ACUAES

No marco das obras de Acuaes, a instalación dun caudalímetro automatizado na saída do depósito de Cadrelo vai provocar un corte no subministro municipal de auga que se producirá mañá mércores dende as 8 da mañá ata as 2 da tarde. As zonas afectadas, segundo o Concello de Marín, serán A Moreira, Castro, Cidrás, Sete Espadas, Mogor, Igrexario, A Brea, Marín de Arriba, A Pena, Casal, San Xulián, Viñas Blancas, Pituco e O Marco.

Cando o concello se refire a “Marín e Arriba” e “Pituco” non sabemos moi ben a que se refire, tendo en conta que o que comunmente se coñece como Marín de Arriba engloba a parroquia de San Xulián. Tampouco Pituco é un núcleo habitado, polo que acaso o goberno local aluda aos lugares de A Pena e O Caeiro, que son os máis próximos ao monte.

De todos modos, cómpre matizar este anuncio do Concello, polo menos na parte máis rural e ‘agreste’ das zonas afectadas polo corte, porque moitas das vivendas situadas neses puntos abastécense de mananciais propios e non dependen da traída municipal. É o caso dos habitantes de Caeiro, da Laxe ou do Casal, que contan con depósitos que se nutren de captacións de auga natural situadas no Monte Pituco.

Onde tampouco haberá auga será na piscina municipal, no colexio do Carballal, no campo de fútbol de San Pedro e no pabellón da Raña.

Faro de Vigo

17ene16_Faro_obras acuaes.jpg

“En la actualidad restan por ejecutar unos 300 metros de conducciones y se encuentramuy avanzada la ejecución de la estructura del depósito de Pardavila. La finalización de estas obras está prevista para marzo de 2016”.

DiarioDePontevedra

19ene16_Diario_obras Acuaes

Publicado por: MontePituco | 18/01/2016

RESUME DA XORNADA SOBRE ‘USOS E ABUSOS DO MONTE’

Foro UsosAbusosMonte_ene16

O presidente da asociación de ciclistas Pedaladas, Manuel Torres; o presidente da Federación de Caza de Pontevedra, Francisco Couselo; o sarxento do Seprona José Luis de la Fuente; a xefa de Montes, Amalia Pazos; o avogado Calixto Escariz; e o presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Carlos Morgade. Foron os seis compoñentes da mesa redonda titulada “Usos e abusos do monte veciñal”, organizada pola Mancomunidade para abordar a problemática xerada a raíz da aparición de perigosas trampas nos montes. Trampas como a que provocou a morte dun ciclista en Cantabria, a lesión medular que padece outro afeccionado por un grave percance no monte Alba de Vigo e os sustos -coas súas respectivas denuncias- que levan numerosos deportistas percorrendo os montes da contorna de Pontevedra.

Manuel Torres comezou culpando a prensa da polémica xurdida entre os comuneiros e os ciclistas. Para o presidente de Pedaladas, algúns medios actuaron con “amarillismo” e “sensacionalismo” porque os xornalistas “quixeron buscar culpables”, o que acabou derivando en “roces” e “enfrontamentos” coas comunidades de montes que se deron por aludidas coas “insinuacións” verquidas nas páxinas dos xornais.

Torres deu explicacións sobre o manifesto co que rematou a concentración celebrada o pasado mes de novembro na Praza de España en Pontevedra -ao final da mesa redonda incidiría neste tema o secretario de Pedaladas, como autor do texto- para aclarar que “houbo xente que non entendeu ben por un monte ‘libre’ de trampas”; unha expresión coa que non se trataba de enaxenar a propiedade veciñal dos terreos. “Un monte libre de trampas é un monte libre de trampas”, precisou Manuel Torres apelando ao significado estrictamente literal da frase, e recoñecendo que “o erro foi non ter invitado ás comunidades de montes e aos cazadores” a ese acto de protesta. “Aprenderemos dese erro”, engadiu, en ton conciliador.

Manuel Torres apelou a “buscar a estes asasinos” que colocan pedras, cordas, cables e outros sinistros artiluxios, aclarando que son “persoas concretas” que, aínda formando parte dun colectivo, non o representan, polo que a primeira medida consistiría en “sinalalos” publicamente. Aproveitou a súa intervención para amosar un video gravado por un ciclista o día anterior no monte da Fracha, onde se amosaba un pastor eléctrico debaixo dun tendido eléctrico e sen sinalizar. “Non é unha trampa, pero tiña que estar sinalizado”, insistiu o presidente de Pedaladas, tratando de apelar á autocrítica por parte dos comuneiros.

Torres, que agradeceu a louvou a “valentía” da Mancomunidade de Montes de Pontevedra organizando esta xornada, rematou a súa intervencións facendo un chamamento a que se non se desaproveite o “enorme potencial” turístico dos montes galegos, polo seu patrimonio histórico, as súas posibilidades a nivel deportivo e o amplo abano de aproveitamentos que ofrece: “Ter xente nos montes axuda a que non se produzan usos indebidos”.

Francisco Couselo comezou falando de cifras: dos 46.000 cazadores que hai rexistrados en toda Galicia, a Federación Provincial de Pontevedra representa a 6.000. En canto á aparición das trampas denunciadas polos ciclistas, o presidente deste colectivo quixo “condenar todo acto que incite á violencia e que ataque a integridade física das persoas”. Ademais, apostou por “un monte ordenado e o cumprimento estricto do regulamento”.

Sobre a experiencia dos cazadores no monte, Couselo asegurou que as batidas que se realizan están marcadas con carteles que, lamentablemente, “desaparecen”, co risco que iso conleva. E deu un aviso aos usuarios do monte citando o caso concreto dos recolledores de cogomelos para que, se cadran con cazadores no monte, non se agochen no chan, senón que fagan todo o contrario, “que se manifesten e sinalicen onde están” para que a súa presenza non sexa confundida coa dunha presa e se poida evitar así calquera problema.

O sarxento do Seprona centrou a súa intervención nas facultades que lles confire a lei para actuaren. Entre os “malos usos” que os axentes detectan referiuse ao uso do lume “sen autorización”, os aproveitamentos forestais (coller leña) “sen autorización”, o pastoreo en terreos queimados por incendios que están prohibidos para esa práctica, a circulación de vehículos a motor “monte a través” por vías que non son pistas senón sendas ou camiños, e os verquidos de residuos. Sobre todo no que respecta aos verquidos e aos lumes, José Luis de la Fuente pediu “a colaboración de todos”. Unha colaboración que “falta” neste momento, “por medo” a acusar ou a sinalar un veciño ou “por non darlle importancia” ao sucedido. “Que a xente perda o medo a denunciar”, insistiu o sarxento porque “nin temos 20.000 ollos” nin persoal abondo par cubrir todo o territorio de maneira permanente. Sen a colaboración veciñal “estamos cegos”, remarcou.

Cinguíndose ao caso concreto das trampas das que poden ser vítimas os ciclistas, os comuneiros ou calquera usuario do monte, José Luis de la Funte calificouno como “feitos delictivos”, co agravante de que os tablóns con puntas “ocúltanse baixo a follaxe” do solo ou que os cables póñense “á altura do pescozo” co propósito de “causar dano”. Ante a aparición destes obxectos, o Seprona notifícalle a incidencia á Xunta que, á súa vez, avisa a comunidade de montes na que se localiza. No caso de ter identificado o autor ou autores é cando os axentes tramitan as dilixencias ao xulgado correspondente. E isto é canto poden facer.

Un pouco máis técnica foi tamén a intervención de Amalia Pazos citando os artigos da Lei de Montes que regulan os aproveitamentos e os servizos do monte, así como o acceso dos vehículos a motor. En canto aos aproveitamentos, teñen que estar recollidos no plan de xestión da comunidade de montes en cuestión, ou contar co seu permiso. En canto á circulación motorizada, ao tratarse de pistas que non son de titularidade pública, “está na man” das comunidades autorizala.

Durante a celebración da mesa redonda, mentres os ponentes interviñan, resultaba curioso observar como Carlos Morgade e Manuel Torres parecían entablar por momentos un diálogo paralelo -motivado polo primeiro- entre eles dous, que estaban sentados un a carón do outro. Parecía, e seguramente era así, que o presidente da Mancomunidade de Montes aproveitaba para explicarlle, aclararlle e levar ao seu terreo as palabras dos outros interlocutores, sobre todo en materia de lexislación…

A xefa de Montes da Xunta en Pontevedra continuou referíndose ás dificultades para que os promotores de actividades deportivas poidan contactar cos presidentes das comunidades para pedir os permisos necesarios porque os seus teléfonos están amparados pola Lei de Protección de Datos. E puxo sobre a mesa unha reflexión: que as comunidades de montes que teñan terreos improdutivos dispoñan esas parcelas para a práctica de deportes como o motocross ou o bicicross. Para iso cómpre un “acto de disposición” previa aprobación da proposta na asemblea de comuneiros, a elaboración dun proxecto e o cumprimento duns trámites burocráticos.

“Cando as cousas se fan, ben hai sitio para todos”, lembrou Amalia Pazos. “A Xunta está para dar o visto bo”, insistindo na necesidade de “facilitar canles” para que os promotores de eventos deportivos e as comunidades poidan comunicarse, marcar “por aquí si ou por aquí non” e sinalizar os itinerarios permitidos.

Carlos Morgade fixo a intervención máis extensa de todas. Referiuse en primeiro lugar a un manifesto elaborado en novembro de 2014 polas tres mancomunidades de montes de Pontevedra, do Castrove e do Morrazo “por un uso seguro e sustentable do monte veciñal” no que, xa daquela, se rexeitaba a existencia das trampas e se pedía que caera “todo o peso da lei” sobre os seus autores. Naquel documento tamén invitaban a cidadanía a acudir ao monte; un monte “aberto, cunha clara vocación social” no que se puideran levar a cabo actividades que non causaran “deterioro nin uso agresivo” do territorio.

Aproveitou tamén para aclarar o comunicado de réplica ao manifesto dos colectivos de ciclistas trala súa concentración do pasado mes de novembro. Ante todo, Morgade insistiu na “condena” das comunidades de montes diante deses actos que calificou como unha “bestialidade” e recalcou que as comunidades poranse “á fronte na loita e na denuncia” en contra desas prácticas. Ata o extremo de amosarse partidario de que os representantes dos colectivos ciclistas dispoñan dos teléfonos de contacto dos presidentes das comunidades para que os primeiros poidan dar aviso da existencia de trampas.

Apoiándose nun amplo álbum de fotos, Carlos Morgade expuxo a cantidade de carteles e avisos que, dun tempo a esta parte, se veñen instalando no monte para recordar as normas básicas a seguir, para advertir sobre a presenza de irregularidades no terreo, mesmo para “sinalizar o evidente”, como os marcos parroquiais. Carteles e máis carteles enchen o monte, lamentou -máis que criticou- o presidente da Mancomunidade de Pontevedra, consciente de que eses sinais non están dirixidos tanto aos comuneiros e comuneiras que coñecen o monte, que saben moverse nel, que saben o que se pode e o que non se pode -ou debe- facer, senón máis ben para previr e informar os usuarios foráneos.

Entre os “abusos” que ten detectado e que salientou na súa exposición, figuran os dos propios comuneiros que cortan máis que toxo, os dos cazadores que se aproximan excesivamente ás vivendas, os ciclistas que se desprazan a unha velocidade excesiva e que cando van en grupos numerosos provocan moita erosión porque as rodas pasan todas polo mesmo surco, ou os madeireiros que estragan as pistas polas que transitan cando recollen cortas e non as deixan en bo estado tal e como estarían obrigados… Queixouse tamén das reticencias por parte dos usuarios do monte cando o propio Morgade toma fotografías da súa presenza neles, ou do malestar deses usuarios cando os aborda para preguntarlles polo motivo da súa estancia: “Parece que vas agredilos”, explicou o presidente da Mancomunidade de Pontevedra cando, en realidade, do que se trata é de informalos, aconsellalos, orientalos, explicarlles, corrixirlles malas prácticas…

Insistiu Morgade en que “cun sábado de bo tempo” como o que lucía o mesmo día da mesa redonda, son “centos” os ciclistas que se botan ao monte, o que acarrea “unha presión forte” sobre o territorio.

Por iso insistiu en que queda aínda “moito que dialogar para atopar unha solución ás incompatibilidades”. E pediu a implicación da Xunta, dos concellos -entre o público estaba o concelleiro delegado do Rural en Pontevedra, Demetrio Gómez-, de todas as partes implicadas para “denunciar e aillar os que fan un mal uso do monte”. Que haxa que mellorar a sinalización? Pode ser, pero “non a costa de encher o monte de sinais”, recalcou Morgade. “Todo se pode falar e hai monte para todos”, concluíu.

A última quenda foi para o avogado Calixto Escariz, que foi moi rotundo ao afirmar que “quen dolosamente coloca algo para causar dano” no monte a quen pase por aí, teña autorización para pasar ou non, “non ten disculpa”. Dito isto, quixo que quedara claro que “a titularidade dos montes comunais correspóndelle ás comunidades de montes” e que “ninguén pode arrogarse o dereito a poder disfrutar dalgo que a lei non lle confire”.

Por outra parte, expuxo tamén que “a vocación do monte ten que ser aberta” e que todo o que non pase por aí “é un retroceso”. Por iso apelou á sociedade para que sexa “consciente” de que as actividades que se leven a cabo no monte teñen que estar “reguladas ou autorizadas”.

Diante dos riscos aos que se expón unha comunidade de montes como responsable dos danos a nivel civil e económico, en caso de acontecer algunha incidencia, Escariz advertiu que “é imprescindible cubrir ese risco cun seguro”.

Expostos os puntos de vista iniciais, comezou un intenso e interesante intercambio de opinións, pareceres e interpelacións por parte dos asistentes, entre os que se atopaban representantes de comunidades de montes e moitos usuarios.

O primeiro en pronunciarse foi o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, que en primeiro lugar destacou que “o monte veciñal en Galicia é un perfecto descoñecido”, empezando por cuestións tan básicas como que “as pistas forestais tamén son monte”. Aproveitou tamén para advertir que a polémica “falsa” xurdida entre comuneiros e usuarios beneficiaba e mesmo estaba mediatizada dende sectores económicos e intereses urbanísticos que queren “privatizar os montes, amparados pola Xunta”. “Os ciclistas teñen que ser aliados nosos”, afirmou Pereira cun ton firme e contundente que o caracteriza.

Outra das intervencións estivo protagonizada por un ciclista que, dun xeito un tanto inxenuo nas súas afirmacións, aínda que sen mala intención no seu pronunciamento, insistía en que el “como galego”, tiña dereito a gozar dos “montes galegos”, apelando a unha especie de patriotismo que na teoría non existe e, por tanto, na práctica, non deixa de ser unha crenza artificial.

O avogado Calixto Escariz intentou aclararlle o seu equívoco do xeito máis claro posible, ante a resistencia deste usuario a ‘apearse’ -nunca mellor dito, en termos ciclistas- dunha idea errónea que moitas persoas teñen fortemente arraigada na súa mentalidade: “Non tes dereito a ir ao monte coa bici, igual que eu non teño dereito a ir á túa casa, abrir o frigorífico e prepararme uns ovos fritidos para comer”, explicoulle Escariz empregando un símil doméstico. “A clave está en que se faga ese proceso de entendemento”, insistía o avogado, que puxo otro exemplo: “O monte de Mourente non é público”, en alusión á comunidade que preside Morgade.

O ciclista seguía sen dar creto á ‘realidade’ e interpelaba a Amalia Pazos: “Estasme dicindo que non teño dereito a ir en bici polos montes galegos e si polos de Burgos? Non pode ser! Pero, a Xunta está de acordo con iso?”. A xefa de Montes non sabía xa como explicarlle que non había máis volta de folla…

No ano e medio que levaba no cargo, Amalia Pazos apuntou que “non chegan a 10” as solicitudes para que se regulen actividades deportivas que discorren por monte veciñal. O dato era ben significativo da manga ancha coa que se actúa.

Pola súa parte, Calixto Escariz falaba de “usos inocuos” ou usos “comúns” que son perfectamente “compatibles” coa conservación do monte e que en absoluto resultan perxudiciais, por contraposición aos usos que cómpre regular para evitar conflictos. “As comunidades non tiñan isto previsto”, explicou o letrado sobre unha actividade -a práctica do ciclismo nos montes- que antano era “residual” e que ultimamente se puxo moi de moda.

O voceiro de Anova, David Carballal, propuxo sinalizar os accesos e as entradas ao monte veciñal con carteles que fagan constar unhas mínimas normas de actuación, así como un convenio da Xunta coas aseguradoras. A este respecto, a xefa de montes amosouse partidaria de “axudar a pagar só ás comunidades que non teñan ingresos”.

Carlos Morgade recuncaba sobre as ideas preconcebidas e erróneas por parte dos usuarios do monte alleos ás comunidades: “Esta actitude dos ciclistas que cren que o acceso é libre, é frecuente, así como tamén se dá por sentado que as castañas que caen ao chan ou os cogomelos, non son de ninguén”. Pero así como alertaba do “descoñecemento” por parte dos usuario sobre “o que se pode e non se pode facer no monte”, ese tamén era un mal común nos propios comuneiros: “Hai que formar e informar sobre o que se pode facer, non é certo que a xente ‘ten dereito a’ coller ou a facer o que queira”.

Unha das intervencións máis clarificadoras, positivas e mesmo aplaudidas foi a do presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez, que incidiu no “descoñecemento” para o 90% dos comuneiros sobre o seu propio monte. Ademais, realizou un oportuno exercicio de regresión histórica: “A ditadura franquista fixo unha expropiación legal, que non lexítima, dos montes e a xente desvencellouse deles. Ao rematar a ditadura colléronse os montes e devolvéronselle ás comunidades, sen que teñamos idea deles”, explicou Domínguez, en alusión a que a polémica actual “non acontecería hai cen anos” porque daquela os veciños de cada parroquia sabían ata onde chegaba o seu monte e non ían meterse nos montes dos outros veciños. “Estamos condeados a entendernos”, concluíu o presidente dos comuneiros de Campañó pero “hoxe empeza o bo, con todos aquí reunidos”, engadiu cun ánimo esperanzador.

Seguiulle o presidente da Comunidade de SanTomé, de Marín, Daniel Rosales, que defendeu a faceta do monte como “pulmón da sociedade”. No caso do Morrazo, por exemplo, insistiu en que se trata dun “monte periurbán” nunha bisbarra cunha poboación de 80.000 persoas, polo que cumpría dotalo dun uso “turístico, ambiental educacional”. Rosales amosouse partidario de facer del “un monte social”: “Eduquemos a xente!”, arengou na súa intervención, asegurando que hai “vontade” por parte das comunidades para negociar, chegar a acordos e asinar autorizacións para a práctica de certas actividades.

Canda el, unha intervención que puido ter levantado bochas pero que foi correcta a pesar do nerviosismo, e aparentemente non xerou ningunha contestación negativa: a de Gregorio Álvarez, actual presidente da Comunidade de Montes de Valadares, en Vigo, onde se produciu o percance que deixou nunha cadeira de rodas ao ciclista Diego González. Insistiu en que non sinalaba a ninguén, chamando a atención sobre as ameazas -mesmo co emprego de armas- recibidas nas redes sociais a raíz dese incidente. Actualmente hai catro persoas imputadas -tres traballadores e o anterior presidente- e confiou en que saian absoltas por falta de probas. En todo caso, a maior parte da súa intervención foi para poñer o acento sobre a colaboración dende hai anos, da comunidade de Valadares con diversas accións deportivas que discorren por ese monte veciñal.

Contestoulle Manuel Torres para expoñer que se había unha causa contra os procesados de Valadares fora porque o xuíz observara motivos. O presidente de Pedaladas incidiu ademais no seu rexeitamento ás alteracións que se producen no monte -coa instalación de rampas ou saltos-, ao igual que o depósito de verquidos ilegais, que supoñan poñer elementos alleos ao propio espazo natural.

Tamén foi interesante descubrir entre o público a presenza dun representante da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo. Esta entidade tampouco debería ser allea a este proceso de diálogo porque, efectivamente, hai moita superficie de monte de titularidade privada que, por riba, está sen xestionar.

O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, fixo outra achega valiosa ao incidir en que, así como antano ir en moto ou en bici polo monte era unha actividade “aillada”, “agora masificouse”. Pintos abogou por “xerar unha cultura diferente”, empezando polas propias comunidades, para que impulsen o carácter “multifuncional” do monte.

Outro representante da Organización Galega de Comunidades de Montes, Claudio Quintillán, comentou que ata agora a Xunta non se “metera” a regular outros usos que non foran os “clásicos”, por iso era importante que a Administración organizara foros de participación coa achega das asociacións “para dar coa fórmula para que se regulen estas actividades e se chegue a unha convivencia de todos os usos, que son compatibles”.

Logo de tres horas e media de intervencións, diálogo e debate, pechou a mesa redonda Carlos Morgade, concluíndo que os comuneiros teñen que aceptar que a estas alturas haxa “máis xente de fóra no monte”.

… É unha realidade. Como ogallá que sexa unha realidade a continuación deste encontro. Que non quede como unha mera declaración de intencións e que continúe o diálogo, a ser posible de forma aberta, coa participación do maior número posible de comunidades de montes, de colectivos vencellados ao monte, á práctica deportiva, á micoloxía, ao sendeirismo, ao patrimonio cultural, ás asociacións veciñais, ao público interesado.

Ficamos pendentes e moi interesados en próximas citas. Non chegará a solución da noite para a mañá, será un percorrido longo, sobre todo polo cambio de mentalidades que cómpre facer. Todo será que estas bases sexan sólidas para seguir avanzando na concienciación, na tolerancia e na responsabilidade en todas as frontes.

Faro. 17 xanero 2016

La Voz, 17 xaneiro 2016

Publicado por: MontePituco | 17/01/2016

SUSPENDIDA A ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE MONTES DE SAN XULIÁN

– SUSPENDIDA –

 

Debido ao pasamento -nun tráxico accidente- dun familiar do secretario da Comunidade de Montes de San Xulián, queda SUSPENDIDA a asemblea ordinaria da Comunidade de Montes de San Xulián prevista para esta tarde. A xuntanza aprázase ata o próximo domingo, 24 de xaneiro, á mesma hora.

Dende a Asociación Monte Pituco transmitímoslle o noso pésame ao secretario da Comunidade de Montes e á familia do falecido.

Convocatoria Asemblea ComMontes_xan16

 

Publicado por: MontePituco | 15/01/2016

MESA REDONDA: USOS E ABUSOS DO MONTE VECIÑAL

usoseabusosdomonte

Comunicado da Mancomunidade de Montes de Pontevedra:

A aparición de obxectos e barreiras que parecen querer obstaculizar o paso polo monte ten saído nos últimos meses na prensa. Os ciclistas séntense directamente ameazados e os cualifican de “trampas” que poden causar danos persoais. Celebraron una concentración e fixeron público un manifesto reclamando o seu dereito a circular polo monte sen atrancos, acusando a comuneiros e cazadores de querer impedilo. Algúns mesmo chegaron a cuestionar o dereito das comunidades sobre o monte veciñal. Ante a confusión creada, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra, na súa última Asemblea, acordou celebrar una mesa redonda sobre os usos do monte e os abusos que se producen, buscando o xeito de compatibilizar os primeiros e evitar os segundos.

Lugar: Salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Data: Sábado 16 de xaneiro, de 10,30 a 13 h.

Participantes:

– Manuel Torres, presidente da Asociación Ciclista “Pedaladas”.

– Francisco Couselo, presidente da Federación de Caza de Pontevedra.

– José Luís de la Fuente, sarxento da Garda Civil -Seprona.

– Amalia Pazos, xefa Servizo de Montes, Consellería Medio Rural – Pontevedra.

– Xosé Carlos Morgade, secretario da Mancomunidade de Montes de Pontevedra.

– Calixto Escaríz, xurista experto en monte veciñal.

Moderador: Óscar Vieitez, xornalista.

O propósito da Mancomunidade de Montes de Pontevedra é propiciar un diálogo construtivo que sirva de base a un entendemento e que, evitando os abusos e os posibles danos, poida establecer un uso compatible de todos os interesados dentro do cumprimento da lexislación vixente.

Publicado por: MontePituco | 14/01/2016

O CENTRO DE RECUPERACIÓN DE FAUNA MARCHA DE SAN XULIÁN

La Voz de Pontevedra

2016-01-14 17.23.30

Medio Ambiente dejará Marín y llevará el centro de fauna silvestre a Cotobade

Quiere centralizar en Carballedo todo el programa de recuperación de animales salvajes en la provincia

“…La Xunta zanja la polémica que mantuvo en los últimos meses con los comuneros de San Xulián, que llegaron a amenazar a la consellería con el desahucio si no aclaraba su actitud sobre el lago de Castiñeiras, entorno natural donde está ubicado Cotorredondo y que la consellería utiliza sin convenio desde hace dos años.

La Xunta deja Marín, pero no quiere hacerlo de malas formas. En las últimas semanas ha mantenido negociaciones con los comuneros de San Xulián, que el próximo domingo explicarán la situación a los vecinos en una asamblea ordinaria. La consellería seguirá utilizando, bajo unas condiciones que se detallarán en la cita dominical, hasta que estén listas para entrar en servicio las nuevas dependencias de Cotobade, en un plazo máximo de dos años. Mientras este período no se agota, la Xunta hará varias contraprestaciones en Castiñeiras”.

DiarioDePontevedra

2016-01-14 17.22.47

Medio Ambiente reubicará el centro de recuperación de Cotorredondo en Cotobade

La conselleira anunció el traslado durante la visita al centro ictiogénico de Carballedo. Ambas instalaciones funcionarán como una integrada

 

Publicado por: MontePituco | 12/01/2016

BENS DE INTERESE CULTURAL (BIC) DA ÁREA DE PONTEVEDRA

Faro de Vigo

Bics Pontevedra

Pontevedra y su comarca atesoran la quinta parte de los Bienes de Interés Cultural (BIC) de Galicia. El gobierno gallego tiene catalogados un total de 654 monumentos, edificios, parajes singulares y espacios declarados como BIC, de los que casi 130 se encuentran en la comarca pontevedresa. El municipio más prolífico en esta materia es Campo Lameiro, con un total de 28 elementos catalogados, seguido de Cotobade con 26. La capital tiene un total de 21 Bienes de Interés Cultural y Marín, 16. Otro municipio destacado en este ranking es Poio, con un total de 12 elementos BIC.

Advertimos un erro na localización que fai esta reportaxe do Faro de Vigo sobre o patrimonio arqueolóxico marinense: o conxunto rupestre de Pornedo non pertence a Cantodarea, senón á parroquia marinense de San Xulián.

Bics marin

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Publicado por: MontePituco | 12/01/2016

PLENO DE APROBACIÓN DO PLAN MARÍN2020

Marin2020 PPafavor_xan16

[Votos a favor de PP, Psoe e Bng]

A Corporación Municipal de Marín celebrou un pleno extraordinario cun único punto na orde do día ddedicado ao debate e aprobación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado Marín 2020, que opta ao Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020. Saíu refrendado cos votos a favor do PP, PSOE e BNG, mentres que os tres edís da Marea Veciñal de Marín abstivéronse.

Marin2020 MareaAbstencion_xan16

[Tres abstencións dos concelleiros da Marea Veciñal de Marín]

A sesión contou coas únicas intervencións de María Ramallo e dos tres voceiros da oposición: Luz Santiago (Psoe), Pilar Blanco (Bng) e Sandra Pesqueira (Marea). Abriu a quenda de discursos a alcaldesa, quen afirmou que esta Estratexia Marín2020 é “un impulso importantísimo para o Concello” que permitiría levar a cabo “proxectos realistas que poidan ser posibles”: mobilidade sostible, seguridade vial, conexión entre as barriadas e as parroquias, novas tecnoloxías, mellora enerxética ou fomento do deporte foron algúns epígrafes que recollería este paquete de medidas para o “futuro de Marín”.

María Ramallo tamén se referíu ás xuntanzas mantidas coa Xunta e coa Autoridade Portuaria con vistas a expoñer os proxectos susceptibles de materializarse. E aínda que os grupos da oposición discreparon da súa eficacia, a rexedora tamén aludíu aos encontros cos demais grupos municipais da Corporación e con representantes das asociacións. Con estes últimos celebráronse DÚAS! (2) “mesas de participación”.

Poñemos a expresión “mesas de participación” entre aspas porque -como asistentes en ambas convocatorias- a participación que se producíu limitouse a escoitar os ponentes da empresa consultora, preguntarlles dúbidas, atender as respostas ás preguntas que nas máis das veces non foron precisamente aclaratorias, ceibar algunha idea peregrina sen máis fundamento que a improvisación e a espontaneidade do momento, e máis nada…

Con todo, o Concello de Marín aspira a recibir un investimento por valor de 6 millóns de euros, dos cales a financiación europea cubriría o 80% do total.

Luz Santiago queixouse de que a oposición recibira o documento no mesmo día da convocatoria do pleno con pouco tempo para estudalo a fondo, e criticoulle aos responsables do Goberno local que “no supieron llegar a la calle” argumentando que houbera “muy pocas cartas de apoyo” al proyecto.

…Cabe destacar que as cartas de apoio as repartiu unha traballadora do Goberno local o día da segunda xuntanza cos colectivos sociais e veciñais. E que no mesmo día no que se celebraba o Pleno, a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO recibíu por correo electrónico dous modelos de adhesión… que esta entidade non subscribíu por razóns que se rematarán de expoñer ao final deste artigo.

Aínda que a voceira do Psoe anunciou que o seu partido votaría a favor, reprochoulle ao Goberno local que os proxectos máis importantes da Estratexia Marín2020 estean en consonancia co programa electoral do PP de Marín: a construcción dun auditorio en terreo portuario e a remodelación da Avenida de Ourense. Dos dous salientou a súa “poca concreción”.

Pola súa parte, Pilar Blanco comezou protestando porque o debate deste asunto viña a pleno “sen dictaminar” e sen pasar por comisión informativa previa. A voceira do Bng amosou as súas “dúbidas” sobre os proxectos de reforma da Avenida de Ourense e a súa integración coa Alameda, o equipamento sociocultural previsto no porto e o plan de mobilidade urbana incluídos na Estratexia Marín2020.

Sobre o primeiro, lembrou que en 2011 o PP “botou abaixo” o convenio para soterrar a Avenida de Ourense e preguntouse “en que vai quedar” o asunto logo de que tempo despois o Goberno local presentara unha moción para remodelar os terreos cedidos polo porto coa construcción dun aparcadoiro subterráneo aparellado dun centro sociocultural.

“Aplican nestes proxectos o seu programa electoral pero non teñen en conta o que lles propoñen as asociacións nin o Bng”, cuestionou Pilar Blanco, en alusión ás iniciativas do seu partido de “abrir Marín ao mar”, crear un porto deportivo e unha nave de deportes náuticos. Para a voceira nacionalista, a xestión da Estratexia Marín2020 por parte do Goberno local “nada ten que ver cunha participación real”.

Tamén puxo en dúbida a viabilidade dun plan de mobilidade urbana “sen afondar no desenvolvemento do PXOM nin abrir novas rúas”.

En canto ao equipamento cultural, comentou a proposta do Ateneo Santa Cecilia -ao que se referiu como “o principal colectivo cultural de Marín”- de ceder un terreo céntrico, o que permitiría “a rehabilitación dunha zona degradada” da vila, en alusión á mazá entre o Colexio Inmaculada e a rúa Méndez Núñez. 

Por riba, Pilar Blanco alertou que o groso dos proxectos levaríase a cabo no “ano electoral” 2018.

Con todo, o Bng apoiaría a Estratexia Marín2020 malia que” está todo no aire”, concluíu Pilar Blanco.

Por último, Sandra Pesqueira tomou a palabra para amosar o “estupor” da Marea Veciñal de Marín pola “maneira” na que o Goberno local lle presentou un documento que “choca frontalmente cos obxectivos que persegue”, en tanto os grupos da oposición recibiron unha copia impresa en vez dun arquivo dixital, co que conleva de gasto en papel e contradición cos principios de sostibilidade que en principio abandeira esta estratexia; e ademais, denunciou a “falta de previsión” do Concello por non ter o documento traducido ao galego, incumprindo así os acordos en materia de normalización lingüística aprobados nun pleno anterior. 

A voceira da Marea tamén cuestionou o sentido da aparencia de participación, coa convocatoria de “dúas xuntanzas de trámite” cos colectivos marinenses, que foron “só informativas”. Colectivos que “non teñen copia deste documento”, polo que Sandra Pesqueira instou o Goberno local a “colgar” o documento da Estratexia Marín2020 na web, para que estea accesible ao público interesado.

Sobre os seus contidos, a representante da Marea chamou a atención sobre o feito de que “non se coñece quen presenta” as propostas recollidas na web de Marín2020. Propostas e xuntanzas abertas que “foron ben rendibilizadas na prensa” por parte do Goberno local.

Sandra Pesqueira sumouse á queixa de que boa parte das accións programadas encaixábanse “en ano electoral” e insistiu en que “no caso de que nos deran a subvención, xa estaría todo o peixe vendido” no sentido en que a capacidade de influencia, opinión e participación por parte da veciñanza é fictcia. “É positivo recibir calquera tipo de subvención pero ficamos vixiantes sobre como se materialice”, avisou a voceira da Marea.

Na súa réplica, María Ramallo foi moi clara: “Vou quedar co último que dixeron, que van apoiar o asunto”. Pódese dicir máis alto pero non máis claro: pataleen, critiquen, despotriquen, que tanto ten a verborrea cando van votar a favor, veu dicir a alcaldesa. Sandra Pesqueira matizaría logo esta afirmación avisando: “Dixemos que non nos iamos opoñer, non que fósemos apoiar”. 

Rematou María Ramallo aclarando que este era un documento “moi técnico” e que “dentro de seis meses poderemos estar no momento de elixir” proxectos, polo que lles recomendou ás adversarias políticias “non adiantar debates” sobre proxectos que “haberá que concretar se nos dán a subvención”.

No seu segundo turno a achega de Luz Santiago foi de absoluta sumisión aos postulados do PP cando expuxo: “La empresa es seria porque es la misma con la que se consiguieron los fondos del Arela”. Gran mostra de ‘coherencia’ da voceira socialista, intentando que non se cuestione o traballo da empresa consultora, non vaia ser que se reabra o debate sobre as eivas do plan de investimentos europeos conseguidos durante o bipartito do que ela formou parte… 

Se non fose porque Luz Santiago amosouse crítica co feito de que o documento elaborado “habla de la prórroga de Ence como algo bueno para Marín”, parecería que a edil socialista non lera o documento, xustificando a súa suposta ‘fe’ no labor da consultora que redactou o informe da Estratexia Marín2020.

Pilar Blanco insistiu no argumento exposto anteriormente pola Marea sobre a inexistencia dunha copia en galego á que “temos dereito” porque “a orde do Ministerio di que se podía presentar en galego”, polo que solicitou a tradución do documento, así como “unha copia dixital para amosarlla á cidadanía”.

A voceira do Bng definíu esta Estretexia Marín2020 como “palla” e un “corta-pega” do texto do PXOM adaptado ás necesidades desta convocatoria.  Tamén equiparou a situación dos terreos do Ateneo cos terreos do porto, en tanto uns e outros tiñan que ser obxecto dunha cesión, coa diferenza de que a proposta do Ateneo para dotar Marín dun auditorio era “para xa”; só que “vostede decidiu que tiña que ser no porto”, espetoulle Pilar Blanco á alcaldesa. 

“Este pleno é para cumprir”, sentenciou Pilar Blanco, quen advertiu non obstante que “o debate máis importante ía ser coa sociedade”.

“Orientaron o proxecto aos seus intereses, non á opinión da cidadanía”, recalcou Sandra Pesqueira na súa derradeira intervención. A concelleira da Marea tamén calificou de “escandaloso” que se introducira “no apartado de oportunidade” a situación de Ence ante a solicitude de prórroga e as melloras prometidas pola empresa se conseguía perpetuarse en Lourizán. “Onde está esa oportunidade aquí!”, ironizou Sandra Pesqueira, quen rematou criticando a “utilización partidaria” por parte do PP da Estratexia Marín2020.

Marin2020_3

“La empresa Ence, fuerte barrera física para la continuidad espacial con Pontevedra y que actualmente ha solicitado la prórroga de su concesión, ha presentado varios proyectos de mejora de su imagen”.

“Só faltaba que en vez de plasmar o noso programa electoral plasmáramos o programa de outros”, replicoulle María Ramallo. Foi a frase que toda a oposición agardaba que pronunciara e a alcaldesa serviulla en bandexa ao final do pleno, recoñecendo que a Estratexia Marín2020 estaba feita á medida dos intereses do seu partido en materia electoral. A súa reacción motivou certo rebumbio entre o escaso público que asistía ao pleno, especialmente entre os catro simpatizantes do Bng, encabezados polo ex-edil Xosé María Vilaboa.

María Ramallo aínda tiña máis que dicir sobre as críticas da oposición a respecto da participación cidadá no Marín2020; por iso cando afirmou que na tramitación inicial do Plan Arela non houbera contactos cos colectivos sociais e veciñais, Vilaboa explotou dende as cadeiras do público: “Mentirosa!” , repetiu en varias ocasións. A súa acusación tivo eco entre o escaso público que, ao outro lado do pasillo, apoiaba o PP, que lle berrou a Vilaboa para que calara e deixara falar a alcaldesa. “Mono! Idiota!”, exclamou Vilaboa contra o presidente dos veciños de Seixo, con quen ao parecer xa antes do Pleno tivera un rifi-rafe persoal.

María Ramallo zanxou a polémica mandando calar ao ex-concelleiro do Bng e pedindo “respecto” para o traballo da empresa consultora. “A empresa cobra”, terciou Pilar Blanco. “Tamén cobrou con vostedes, no faga demagoxia”, retrucoulle a alcaldesa á voceira do Bng. 

…E tanto que cobra a empresa: 20.000 euros por un traballo que non está paxinado e que, por riba, presenta varios erros que a alcaldesa calificou de “ortográficos”: Mestre Dandín en vez de Mestre Landín, Molete (ou algo así) en vez de Moledo… e grallas varias que María Ramallo excusou ‘alegremente’, obviando a realidade: a PREMURA, as PRÉSAS e a FALTA DE REVISIÓN dun traballo que, para o que custa, tiña que ser impecable.

Por riba, a alcaldesa instou os concelleiros e concelleiras da oposición a colaborar avisando doutros erros que puideran detectar pola súa conta na lectura do documento…

Mais chama sorprendentemente a atención que nos escasos minutos que a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO tivo para botarlle unha ollada ‘de prestado’ ao documento, nada máis ler o polémico apartado dedicado ao “Plan Sectorial de Suelo Empresarial de Galicia”, atopemos a seguinte BARBARIDADE:

“En el ámbito de estudio se plantea el polígono empresarial de Marín-Moaña situado en monte comunal de Lourizán“.

Quen -con dous dedos de fronte- pode pasar por alto semellante METEDURA DE PATA! …Mesturando o concello de Pontevedra co concello de Moaña! …Situando na parroquia pontevedresa de Lourizán un polígono industrial que en realidade está proxectado no Monte Pituco (Pornedo) marinense, pero ao mesmo tempo referíndose a ese mesmo polígono lindante con outra localidade que está na bisbarra do Morrazo!

…E por isto se pagan 20.000 euros?

Marin2020_1

Seguinte despropósito, unha auténtica FALTA DE RESPECTO ao patrimonio arqueolóxico da parroquia de San Xulián, un DESPREZO ao esforzo da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO e doutras entidades na loita pola visibilización, o recoñecemento e a posta en valor de xacementos únicos, moi senlleiros do noso Concello.

Nunha relación de xacementos, o documento cita A Carrasca e Champás, o petroglifo da Moreira, os petroglifos de Mogor, o da Godalleira, da Laxe da Eira dos Mouros… e obvia os conxuntos rupestres do PORNEDO, PINAL DE CAEIRO e SETE CAMIÑOS, que por riba acaban de integrarse no recén estreado Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. 

Marin2020_2

Despois destes agravios clamorosos, o Concello de Marín non pode esperar que a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO lle asine ningunha carta de apoio á Estratexia Marín2020. Nin sequera coa excusa de que este colectivo teña presentado unha proposta de creación dunha Ruta polas Antigas Canteiras do Monte Pornedo; unha achega que vai quedar unilateralmente nun caixón, porque nada hai contemplado para o rural marinense nesta Estratexia Marín2020, discriminatoria e excluínte cunha parte fundamental da xeografía física, social, cultural e económica desta vila. 

pleno marin2020

Publicado por: MontePituco | 11/01/2016

MARIN 2020: PROXECTO DE RUTA POLAS CANTEIRAS DO PORNEDO

pituco1956

[Imaxe aérea do Monte Pornedo en 1956, achegada por J.C. Epifanio. As manchas brancas corresponderían a posibles afloramentos graníticos con actividade de canteiría]

No Monte Pornedo -tamén coñecido como Monte Pituco- e nos núcleos de poboación rural máis próximos son numerosos os sinais da importancia da pedra e do correspondente paso dos canteiros por eses lugares: A Pena, O Caeiro, A Laxe, Arealonga, As Pedreiras… son topónimos que xa reflicten a existencia, no pasado, desa actividade baseada na extracción de granito dos outeiros e das ladeiras onde abundaba, e aínda abunda, este tipo de rocha.

Proba da composición granítica do Monte Pornedo son as incidencias nas obras de infraestruturas que se realizaron nos últimos anos e nas actuacións que aínda na actualidade seguen furando nestes terreos. Destacan a construcción da Variante de Marín, que requeriu a utilización reiterada e continuada de cargas explosivas no trazado do vial; e máis recentemente, a instalación da nova rede de abastecemento de auga promovida por Acuaes, ralentizada na súa evolución pola aparición De sustrato rochoso tanto ao paso das tubarías polo Monte Pornedo e polas demais áreas montañosas da parroquia de San Xulián, como no lugar elixido para erguer un novo depósito en Pardavila.

Obras da variante de Marín: as pás excavadoras furan no Monte Pornedo, á altura da Pena e do Caeiro. Corría o ano 2003 e as casas abaneaban a causa das detonacións.

[Obras na 1ª fase da Variante]

Obras de ACUAES na pista de servizo da Variante.

[Obras de Acuaes]

Na ASOCIACIÓN MONTE PITUCO levamos tempo fixándonos nas antigas canteiras, atraídos polo seu valor etnográfico, histórico e cultural. Son capítulos dun tempo pasado, escenarios dun traballo gremial cunha idiosincrasia moi particular e mesmo cunha fala propia: o latín dos canteiros, o verbo dos arginas.

"Monte do Seixo", Calros Solla. "O verbo dos arginas de Avedra", Feliciano Trigo Díaz. "Sostenibilidad, valores y cultura ambiental", Ricardo García e Pedro Vega. "Andando a terra", Manuel Hortas.

A abundancia de lugares nos que se practicou este oficio lévanos a considerar o seu estudo, coñecemento e posta en valor como un traballo a medio prazo que incluiría: entrevistas a canteiros xubilados ou descendentes de familias dedicadas a esta profesión artesanal; busca nos arquivos municipais e provinciais de información sobre a repercusión económica e laboral desta actividade; catalogación de monumentos -vivendas, hórreos, pontes, cruceiros, muros…- nos que se utilizara pedra procedente destas canteiras; estudo dos arquivos históricos da Escola Naval Militar e da Autoridade Portuaria de Marín sobre as súas respectivas obras de construcción, nas que se empregaron materiais das canteiras marinenses; recollida de ferramentas e utensilios empregados polos canteiros no seu traballo; pescuda da microtoponimia da zona na que se localizaban as canteiras…

CanteiraDaLaxeAnos40

[Canteira da Laxe, da que se extraeu pedra para o recheo da zona portuaria]

O obxectivo final do proxecto de creación dunha Ruta das Antigas Canteiras do Pornedo é ter un coñecemento máis fondo do monte, difundir esa información entre a veciñanza e artellar unha rede de intereses que conflúan na creación dun centro de interpretación ao aire libre, coa pedra como fío condutor: petroglifos da Idade do Bronce, mámoas no Neolítico, gravados modernos de José Meijón (Marín, 1899-1980) e antigas canteiras.

ruta canteiras paulo

[Plano elaborado por P. Troitiño]

Esta proposta súmase ao proxecto xa materializado do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que comprende, entre os seus dominios, o Monte Pornedo na parroquia marinense de San Xulián. Inaugurado no verán de 2015, o Espazo Sete Camiños recibe visitas espontáneas por parte de veciños e veciñas da zona, de persoas de diversa procedencia interesadas na natureza e no patrimonio cultural, e de grupos organizados de estudantes ou integrantes de colectivos sociais que son guiados por voluntarios da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO.

A carón da Pedra do Sapo, falando sobre as canteiras.

[Parada nunha antiga canteira durante unha visita ao Espazo Sete Camiños]

Actualmente o reto do Espazo Sete Camiños sería integrarse na oferta turística e cultural do Concello de Marín (e do Concello de Pontevedra, na parte que corresponde aos terreos pertencentes ás comunidades de montes e Salcedo e de Lourizán). Para o futuro tamén se contempla conectar os conxuntos rupestres de Champás e da Carrasca, situados no monte veciñal de San Xulián, co Lago de Castiñeiras e co futuro parque forestal que se prevé crear a instancias da Fundación Lago Castiñeiras-Cotorredondo, impulsada polas comunidades de montes de San Xulián e de Santomé de Piñeiro (Marín), de San Martiño e de Santa Cristina (Vilaboa).

Roteiro pola protección do Monte Pituco (Pornedo).

[Marcas de canteiría no Monte Pornedo]

No marco da estratexia de Desenvolvemento Urbán Sostible Marín 2020, a proposta de creación dun roteiro que enlace as antigas canteiras do Pornedo encaixa na Liña de Actuación 6, destinada a artellar un Plan de Valorización do Patrimonio Histórico, Arqueolóxico e Etnográfico de Marín. Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO entendemos que esta achega contribúe a acadar parte dos obxectivos propostos, na liña de acadar “un concello que valora o seu patrimonio ambiental, paisaxístico e etnográfico, e que o adecúa para a súa conservación e disfrute por parte da cidadanía e dos visitantes”.

[Texto de presentación da proposta presentada á Estratexia Marín 2020]

Os "dentes" que deixaron marcadas na pedra as cuñas cravadas nunha pedra que foi traballada polos canteiros de antano.

Publicado por: MontePituco | 08/01/2016

NO CONCELLO DE MARÍN, PENDENTES TAMÉN DA SENTENZA DO TSXG

La Voz de Pontevedra

8ene16_LaVoz_EsperaSentenciaPXOM

Una sentencia deja en el aire una calle pendiente de abrir desde 1978

“La alcaldesa explicó que el Ayuntamiento ganó todos los demás recursos de particulares. Queda aún uno más por decidir por el Tribunal Superior de Xustiza, el de la plataforma Defende o Monte Pituco, que pide la anulación del PXOM y la retirada de la previsión de suelo empresarial en este espacio de la parroquia de San Xulián.

Ramallo indicó que el equipo de gobierno esperará a que se falle este último recurso, que no debiera tardar mucho más, antes de que dar más pasos. La intención del gobierno local es modificar el PXOM, siempre y cuando la Justicia no lo anule en su totalidad, y aplicar en un solo trámite las modificaciones de la ordenanza de telecomunicaciones, los cambios de la manzana de A Roda y A Estrada y lo que se determine sobre el monte Pituco, en caso de que fuese contraria a las pretensiones del Concello sobre el suelo industrial”.

Convocatoria Asemblea ComMontes_xan16

Hoxe chegou unha carta da directiva da Comunidade de Montes de San Xulián emprazando á celebración da Asemblea Ordinaria Anual, o vindeiro domingo 17 de xaneiro ás 16:00 horas en primeira convocatoria e ás 18:00 horas en segunda convocatoria.

Agradécese o emprego da lingua galega nas comunicacións aos comuneiros e comuneiras.

Publicado por: MontePituco | 06/01/2016

NA VOZ, SOBRE A RETIRADA DO VERQUIDO

La Voz de Pontevedra

6ene16_LaVoz_VertidoRetirado

Publicado por: MontePituco | 05/01/2016

PETICIÓNS PARA OS REIS MAGOS

100_1335

Queridos Reis Magos

Un ano máis, velaquí a nosa modesta ristra de peticións dende o Monte Pituco. Imos comezar polos desexos incumpridos, antes que formular novas arelas. Tal vez por reiteración, persistencia e teimosía cheguemos, máis pronto que tarde, a ver cumpridos os nosos soños.

O máis importante deses degoiros é a sentenza do TSXG que se está demorando longamente. Se en xaneiro de 2015 antepoñiamos a petición dun fallo favorable aos defensores do Monte Pituco fronte os pro-polígono, 12 meses despois seguimos agardando que o xuíz se pronuncie. A tarefa non é doada, pode que o caso resulte complexo; máis aínda trala demoledora anulación do PXOM de Vigo por parte do Tribunal Supremo pola ausencia dunha avaliación de impacto ambiental estratéxico previa á aprobación do planeamento urbanístico vigués en 2008. O caso é que un dos principais argumentos da demanda de DEFENDE O MONTE PITUCO contra o PXOM de Marín pola clasificación do Monte Pituco como solo industrial é a falta de xustificación e as obxeccións ambientais que presenta o terreo. 

Non pediremos paciencia para seguir agardando polo dictame porque desa virtude xa estamos ben servidos. En todo caso, pediremos celeridade á autoridade xudicial e, pola parte que nos toca á veciñanza, moita forza para afrontar o recurso correspondente se pinchamos.

Rematamos 2015 descubrindo un novo verquido ilegal -o enésimo- de restos de obra na pista forestal do Pituco. E malia que foi retirado polos servizos municipais aos poucos días, non deixa de causar indignación o comportamento cobarde e irresponsable dos autores destas falcatruadas que acaba repercutindo no peto dos contribuíntes e, por extensión, dos propios (ir)responsables desas agresións ambientais… É que por riba non se pode ser máis parvo!

Por iso a nosa seguinte petición é inspiración para os responsables da Administración e dos titulares dos montes afectados por esta lacra, para que discurran algunha medida coa que evitar os verquidos, disuadir ou descubrir os cafres que van ciscando residuos onde non deben.

En todo caso, temos razóns para estarmos agradecidos aos Reis Magos porque durante o 2015 materializouse a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que permitiu a limpeza e a sinalización dos xacementos prehistóricos e do miradoiro do Monte Pituco grazas á implicación no proxecto da Comunidade de Montes de San Xulián.

Agora só falta que o Concello de Marín -que non participou nesa acción- se implique na promoción e difusión do roteiro, incluíndoo na súa oferta cultural, educativa e turística. Así que sumamos estoutra petición á carta.

Outra antiga aspiración conseguida foi a mellora da pista forestal do Pituco, aínda que este logro foi a costa de sacrificar outro dos desexos incumpridos que se formularon o ano pasado: a admisión das alegacións ao proxecto de instalación da nova rede de abastecemento de auga de ACUAES, para que as tubarías non atravesaran directamente polo Monte Pituco. 

Como era de esperar, ACUAES fixo caso omiso da reclamación e as máquinas furaron a pista e a zona do antigo outeiro da Pena. Como contraprestación, a empresa adxudicataria das obras non só repuxo o firme deteriorado, senón que continuou parcheando en dirección ascendente polo sendeiro coa terra e cos áridos procedentes das excavacións realizadas noutros puntos do trazado dos traballos. A ver se coas chuvias do inverno non se estraga a reparación realizada…

E por non resultar demasiado pedichóns, imos rematar esta carta en positivo, solicitando que sigan medrando as adhesións a prol da conservación do Monte Pituco; que continúe en aumento o volume de xente que vén ao ‘balcón da ría’ para coñecer o seu patrimonio arqueolóxico, descubrir a súa biodiversidade e gozar das súas paisaxes; que vaia callando na veciñanza de Marín e da contorna a sensibilidade pola natureza e pola cultura fronte a ignorancia dos pro-polígono que só ven pedras onde hai petroglifos e mámoas, que só procuran a especulación e o lucro persoal disfrazándoo de prosperidade económica e laboral.

Publicado por: MontePituco | 04/01/2016

CHEQUEO ÁS OBRAS DE ACUAES NO PITUCO

20151212_173759

Son as obras de nunca acabar. Xa en novembro seguiamos a súa evolución con evidente intriga por saber como continuarían: “AS OBRAS DE ACUAES, FURANDO NO PITUCO“.

E a primeira pregunta que cabe facerse é precisamente: esta actuación non tiña que ter rematado en 2015 segundo o prazo establecido pola Unión Europea, que achegaba unha parte dos fondos económicos?

En prazo ou non, o caso é que o depósito de auga que se está construíndo na Pardavila está a medio facer, e no Monte Pituco as obras están atascadas -nunca mellor dito- no túnel baixo a Variante, no punto intermedio entre A Pena e O Caeiro. 

A empresa zamorana Perfhora está realizando unha perforación horizontal baixo o paso subterráneo da Variante; o que vén sendo un túnel debaixo do propio túnel. Non queremos imaxinar o custe desta actuación nin o tempo que vai demorar aínda o remate dos traballos; en calquera caso, son cifras e datos que -se nos fiamos deles- deben figurar nos orzamentos do proxecto.

Pero botando a vista non moi atrás podemos concluir que máis valía a opción que propuxera DEFENDE O MONTE PITUCO nas alegacións presentadas, propoñendo que as tubarías se canalizaran seguindo o trazado da estrada provincial, cruzando uns metros de viaducto sobre a Variante -coas suxeccións axeitadas- e continuaran pola pista que sube na curva d’A Pena ata enlazar coa vía de servizo pola que xa se soterraron os tubos. Máis barato, máis rápido, máis eficiente. Cae de caixón sen necesidade de ser titulado da NASA…

20151227_161505

20151227_161538.jpg

20151227_161517.jpg

20151227_161532.jpg

Publicado por: MontePituco | 01/01/2016

NO DIARIO, BALANCE DA INFORMACIÓN MARINENSE EN 2015

DiarioDePontevedra

31dec15_Diario_balance2015Marín

A segunda victoria consecutiva por maioría absoluta do PP nas eleccións municipais de maio, o comezo das obras de construcción do novo centro de saúde, e a adquisición do astaleiro Factoría Naval por parte de Nodosa, foron as novas destacadas polo Diario de Pontevedra ao longo do pasado ano 2015.

Publicado por: MontePituco | 31/12/2015

PROPAGANDA SOBRE A ZONA FRANCA DE VIGO

DiarioDePontevedra

31dic15_Diario_ZonaFrancaVigo

“2015 ha sido un año importante para la Zona Franca de Vigo, con la puesta en marcha de varios proyectos que contribuyen a dinamizar la industria de Pontevedra. Entre ellos está el de la Plataforma Logística e Industrial de Salvaterra do Miño-As Neves (Plisan), un proyecto promovido conjuntamente por el Consorcio, la Autoridad Portuaria de Vigo y la Xunta de Galicia. A finales de octubre se puso en marcha la ejecución de los servicios generales del polígono y a principios de 2016 se convocará el concurso de venta de las parcelas. Teresa Pedrosa adelantó a mediados de este mes que el Consorcio hará la obra de la primera fase, 200.000 metros cuadrados“. 

Publicado por: MontePituco | 31/12/2015

DENDE O ‘BALCÓN DA RÍA’, FELIZ 2016

feliz2016pituco

Publicado por: MontePituco | 30/12/2015

RETIRADO O VERQUIDO ILEGAL NA PISTA DO PITUCO

Agora

vertido limpo1

Antes

20151220_134611

O Nadal non comezara precisamente ben no Monte Pituco debido ao incivismo, a irresponsabilidade e a falta de escrúpulos do autor/es dun verquido ilegal composto principalmente por restos de obra, entre plaquetas, cemento, pranchas de madeira e material laminado.

Afortunadamente, o Concello de Marín puido actuar con prontitude e aos poucos días da localización dos refugallos na pista forestal do Monte Pituco e do aviso correspondente, unha brigada municipal afanouse na retirada dos entullos. O resultado foi satisfactorio, xa que o terreo quedou limpo e sen rastro dos residuos contaminantes.

Dende a Asociación Monte Pituco, agradecemos a colaboración da Administración local na limpeza da zona afectada e a eficacia dos operarios do servizo que a deixaron no mellor estado posible.

Ogallá non houbera que lamentar máis agresións deste tipo, que contaminan e degradan o monte. Sería un bo desexo para o 2016 que comeza.

Agora

vertido limpo2

Antes

20151220_134526

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías