“Non queremos seguir mendigando axudas e xa chegou o momento en que non é suficiente con que veñades aquí, o que se necesita é compromiso e financiamento para este proxecto”.
“Cando o BNG e o PSOE estabades na oposición da Deputación propuxestes, e aprobouse, que este organismo entrase na Fundación, algo que agora non se fai efectivo e nin sequera se nos concede unha entrevista”.
Estas foron as duras palabras coas que os representantes das comunidades de montes de San Tomé e San Xulián (Marín) e de San Martiño e Santa Cristina (Vilaboa) recibiron o diputado provincial de Cultura, Xosé Leal, do BNG, que visitaba por primeira vez o Lago de Castiñeiras dende que asumira o cargo. Acompañárono as concelleiras nacionalistas Pilar Blanco, por Marín, e Ornela Fernández, por Vilaboa.
O resultado do encontro foi “decepcionante”, tal e como o calificou o presidente dos comuneiros de San Xulián, Manuel Estévez. Tal vez porque os promotores da Fundación do Lago de Castiñeiras agardaban unha mención explícita de Xosé Leal sobre o compromiso que adquirira a Deputación de Pontevedra durante o anterior mandato provincial -co voto a favor de todos os grupos- para apostar polo desenvolvemento da Fundación levando adiante os seus obxectivos de mellora urxente deste espazo natural e de posta en marcha do proxecto de creación dun xardín botánico.
Sen embargo, Xosé Leal levaba outra idea e esquivou as reivindicacións dos comuneiros. Na nota informativa da Deputación de Pontevedra apréciase que os comuneiros e o deputado do BNG falaban ‘distintos idiomas’: os primeiros preguntaban claramente pola xestión da Fundación, mentres que o segundo tan só lles falaba de de axudas á recuperación do patrimonio arqueolóxico:
“Queremos promover que a xente valore os elementos patrimoniais, pero se non os coñecen non os poden valorar”, así argumentou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, a necesidade de investir en sinalización e actuacións no patrimonio histórico e artístico nunha visita que realizou esta mañá (martes 19 de xaneiro) ao lago de Castiñeiras, en Marín. Nunha superficie forestal de 80 hectáreas na que se atopan 8 mámoas, que son propiedade das comunidades de montes de Marín e Vilaboa, Leal asegurou que a visita está encamiñada “a coñecer de primeira man e sobre o terreo as necesidades dos propietarios desta comunidade, a vosa visión, porque sodes os que mellor coñecedes a situación, para poder contemplar as vosas impresións e inquedanzas nas liñas de subvencións que estamos elaborando“.
Pola súa banda, os representantes das comunidades de montes fixeron especial fincapé na necesidade de que as administracións públicas asuman a xestión deste espazo natural para que actúe como recurso turístico e como centro educativo para xeracións vindeiras. Neste sentido, Xosé Leal avogou pola posta en valor dos elementos patrimoniais situados neste espazo e sempre encaixando estas actuacións nas competencias que corresponden ao seu departamento.
Para isto lembrou que desde a área de Cultura da Deputación de Pontevedra se incluíu unha partida orzamentaria de 600.000 euros para axudas ao patrimonio histórico artístico, dos cales 200.000 euros se destinarán á sinalización de elementos patrimoniais e 400.000 euros a actuacións no patrimonio. Estas axudas, tal e como lles explicou o deputado de Cultura aos representantes das comunidades de montes, serán canalizadas a través dos concellos, que deberán ser os solicitantes destas.
Xosé Leal tamén aproveitou a súa visita para anunciarlles que está previsto que se habiliten outras liñas de axuda máis específicas en materia de montes e medio ambiente.
Como referente de elemento patrimonial Xosé Leal tamén visitou a mámoa do Rei, ante a que insistiu na necesidade de promover o seu coñecemento e o seu valor etnográfico tanto entre a cidadanía do Morrazo coma no resto da provincia.
As hemerotecas dan conta de que a Deputación de Pontevedra -a instancias dunha moción do PSOE representado polo secretario provincial do partido, Santos Héctor, á que se adheriron BNG e PP- asumira outra ‘folla de ruta’ que agora o novo goberno está pasando por alto.
…En realidade, aquela entrada do organismo provincial na Fundación do Lago de Castiñeiras foi ‘en falso’, en tanto o PSOE aceptou a petición da alcaldesa de Marín, María Ramallo, de retirar a parte da moción referida á asignación orzamentaria. Xa se sabe que, en política, os proxectos que non van acompañados dunha partida económica quedan en mera literatura e palabras que leva o vento. Como así está sendo…
Difícil papeleta a da concelleira Pilar Blanco, por moita moción que anuncie que vaia presentar no pleno de Marín en contra da decisión da Xunta de desmantelar o Centro de Recuperación de Fauna que había en Castiñeiras para trasladalo a Cotobade. O disimulo, a memoria selectiva e a esquiveza do deputado Xosé Leal ante uns comuneiros que apelaban ao acordo plenario de abril 2015, non son doados de xustificar.
Así as cousas, os promotores da Fundación Lago de Castiñeiras veñen de reunirse co voceiro de AGE no Parlamento galego, Antón Sánchez, con representantes de Anova-Terra (Poio) e da Irmandade da Illa de Tambo, que lles transmitiron o seu apoio. O deputado presentará unha pregunta parlamentaria para que o Goberno galego dea explicacións sobre a súa negativa a integrarse na Fundación e a decisión da Consellería de Medio Ambiente de trasladar a Cotobade o centro de recuperación de fauna silvestre.
Mentres os políticos miran para outro lado, segue o silencioso declive do Lago de Castiñeiras. Ou, o que é peor, observan como languidece, impasibles e cruzados de brazos.
[…] das lerias políticas promovidas polo Bloque de Marín e das que tampouco o Psoe -tarde, mal e a rastro- se abstrae, porque neste ‘río revolto’ todos […]
By: ACTIVIDADES DE ALMUINHA SOBRE O LAGO DE CASTIÑEIRAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 09/03/2016
at 15:26