Queridos Reis Magos
Un ano máis, velaquí a nosa modesta ristra de peticións dende o Monte Pituco. Imos comezar polos desexos incumpridos, antes que formular novas arelas. Tal vez por reiteración, persistencia e teimosía cheguemos, máis pronto que tarde, a ver cumpridos os nosos soños.
O máis importante deses degoiros é a sentenza do TSXG que se está demorando longamente. Se en xaneiro de 2015 antepoñiamos a petición dun fallo favorable aos defensores do Monte Pituco fronte os pro-polígono, 12 meses despois seguimos agardando que o xuíz se pronuncie. A tarefa non é doada, pode que o caso resulte complexo; máis aínda trala demoledora anulación do PXOM de Vigo por parte do Tribunal Supremo pola ausencia dunha avaliación de impacto ambiental estratéxico previa á aprobación do planeamento urbanístico vigués en 2008. O caso é que un dos principais argumentos da demanda de DEFENDE O MONTE PITUCO contra o PXOM de Marín pola clasificación do Monte Pituco como solo industrial é a falta de xustificación e as obxeccións ambientais que presenta o terreo.
Non pediremos paciencia para seguir agardando polo dictame porque desa virtude xa estamos ben servidos. En todo caso, pediremos celeridade á autoridade xudicial e, pola parte que nos toca á veciñanza, moita forza para afrontar o recurso correspondente se pinchamos.
Rematamos 2015 descubrindo un novo verquido ilegal -o enésimo- de restos de obra na pista forestal do Pituco. E malia que foi retirado polos servizos municipais aos poucos días, non deixa de causar indignación o comportamento cobarde e irresponsable dos autores destas falcatruadas que acaba repercutindo no peto dos contribuíntes e, por extensión, dos propios (ir)responsables desas agresións ambientais… É que por riba non se pode ser máis parvo!
Por iso a nosa seguinte petición é inspiración para os responsables da Administración e dos titulares dos montes afectados por esta lacra, para que discurran algunha medida coa que evitar os verquidos, disuadir ou descubrir os cafres que van ciscando residuos onde non deben.
En todo caso, temos razóns para estarmos agradecidos aos Reis Magos porque durante o 2015 materializouse a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que permitiu a limpeza e a sinalización dos xacementos prehistóricos e do miradoiro do Monte Pituco grazas á implicación no proxecto da Comunidade de Montes de San Xulián.
Agora só falta que o Concello de Marín -que non participou nesa acción- se implique na promoción e difusión do roteiro, incluíndoo na súa oferta cultural, educativa e turística. Así que sumamos estoutra petición á carta.
Outra antiga aspiración conseguida foi a mellora da pista forestal do Pituco, aínda que este logro foi a costa de sacrificar outro dos desexos incumpridos que se formularon o ano pasado: a admisión das alegacións ao proxecto de instalación da nova rede de abastecemento de auga de ACUAES, para que as tubarías non atravesaran directamente polo Monte Pituco.
Como era de esperar, ACUAES fixo caso omiso da reclamación e as máquinas furaron a pista e a zona do antigo outeiro da Pena. Como contraprestación, a empresa adxudicataria das obras non só repuxo o firme deteriorado, senón que continuou parcheando en dirección ascendente polo sendeiro coa terra e cos áridos procedentes das excavacións realizadas noutros puntos do trazado dos traballos. A ver se coas chuvias do inverno non se estraga a reparación realizada…
E por non resultar demasiado pedichóns, imos rematar esta carta en positivo, solicitando que sigan medrando as adhesións a prol da conservación do Monte Pituco; que continúe en aumento o volume de xente que vén ao ‘balcón da ría’ para coñecer o seu patrimonio arqueolóxico, descubrir a súa biodiversidade e gozar das súas paisaxes; que vaia callando na veciñanza de Marín e da contorna a sensibilidade pola natureza e pola cultura fronte a ignorancia dos pro-polígono que só ven pedras onde hai petroglifos e mámoas, que só procuran a especulación e o lucro persoal disfrazándoo de prosperidade económica e laboral.
Deixar unha resposta