O presidente da asociación de ciclistas Pedaladas, Manuel Torres; o presidente da Federación de Caza de Pontevedra, Francisco Couselo; o sarxento do Seprona José Luis de la Fuente; a xefa de Montes, Amalia Pazos; o avogado Calixto Escariz; e o presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Carlos Morgade. Foron os seis compoñentes da mesa redonda titulada “Usos e abusos do monte veciñal”, organizada pola Mancomunidade para abordar a problemática xerada a raíz da aparición de perigosas trampas nos montes. Trampas como a que provocou a morte dun ciclista en Cantabria, a lesión medular que padece outro afeccionado por un grave percance no monte Alba de Vigo e os sustos -coas súas respectivas denuncias- que levan numerosos deportistas percorrendo os montes da contorna de Pontevedra.
Manuel Torres comezou culpando a prensa da polémica xurdida entre os comuneiros e os ciclistas. Para o presidente de Pedaladas, algúns medios actuaron con “amarillismo” e “sensacionalismo” porque os xornalistas “quixeron buscar culpables”, o que acabou derivando en “roces” e “enfrontamentos” coas comunidades de montes que se deron por aludidas coas “insinuacións” verquidas nas páxinas dos xornais.
Torres deu explicacións sobre o manifesto co que rematou a concentración celebrada o pasado mes de novembro na Praza de España en Pontevedra -ao final da mesa redonda incidiría neste tema o secretario de Pedaladas, como autor do texto- para aclarar que “houbo xente que non entendeu ben por un monte ‘libre’ de trampas”; unha expresión coa que non se trataba de enaxenar a propiedade veciñal dos terreos. “Un monte libre de trampas é un monte libre de trampas”, precisou Manuel Torres apelando ao significado estrictamente literal da frase, e recoñecendo que “o erro foi non ter invitado ás comunidades de montes e aos cazadores” a ese acto de protesta. “Aprenderemos dese erro”, engadiu, en ton conciliador.
Manuel Torres apelou a “buscar a estes asasinos” que colocan pedras, cordas, cables e outros sinistros artiluxios, aclarando que son “persoas concretas” que, aínda formando parte dun colectivo, non o representan, polo que a primeira medida consistiría en “sinalalos” publicamente. Aproveitou a súa intervención para amosar un video gravado por un ciclista o día anterior no monte da Fracha, onde se amosaba un pastor eléctrico debaixo dun tendido eléctrico e sen sinalizar. “Non é unha trampa, pero tiña que estar sinalizado”, insistiu o presidente de Pedaladas, tratando de apelar á autocrítica por parte dos comuneiros.
Torres, que agradeceu a louvou a “valentía” da Mancomunidade de Montes de Pontevedra organizando esta xornada, rematou a súa intervencións facendo un chamamento a que se non se desaproveite o “enorme potencial” turístico dos montes galegos, polo seu patrimonio histórico, as súas posibilidades a nivel deportivo e o amplo abano de aproveitamentos que ofrece: “Ter xente nos montes axuda a que non se produzan usos indebidos”.
Francisco Couselo comezou falando de cifras: dos 46.000 cazadores que hai rexistrados en toda Galicia, a Federación Provincial de Pontevedra representa a 6.000. En canto á aparición das trampas denunciadas polos ciclistas, o presidente deste colectivo quixo “condenar todo acto que incite á violencia e que ataque a integridade física das persoas”. Ademais, apostou por “un monte ordenado e o cumprimento estricto do regulamento”.
Sobre a experiencia dos cazadores no monte, Couselo asegurou que as batidas que se realizan están marcadas con carteles que, lamentablemente, “desaparecen”, co risco que iso conleva. E deu un aviso aos usuarios do monte citando o caso concreto dos recolledores de cogomelos para que, se cadran con cazadores no monte, non se agochen no chan, senón que fagan todo o contrario, “que se manifesten e sinalicen onde están” para que a súa presenza non sexa confundida coa dunha presa e se poida evitar así calquera problema.
O sarxento do Seprona centrou a súa intervención nas facultades que lles confire a lei para actuaren. Entre os “malos usos” que os axentes detectan referiuse ao uso do lume “sen autorización”, os aproveitamentos forestais (coller leña) “sen autorización”, o pastoreo en terreos queimados por incendios que están prohibidos para esa práctica, a circulación de vehículos a motor “monte a través” por vías que non son pistas senón sendas ou camiños, e os verquidos de residuos. Sobre todo no que respecta aos verquidos e aos lumes, José Luis de la Fuente pediu “a colaboración de todos”. Unha colaboración que “falta” neste momento, “por medo” a acusar ou a sinalar un veciño ou “por non darlle importancia” ao sucedido. “Que a xente perda o medo a denunciar”, insistiu o sarxento porque “nin temos 20.000 ollos” nin persoal abondo par cubrir todo o territorio de maneira permanente. Sen a colaboración veciñal “estamos cegos”, remarcou.
Cinguíndose ao caso concreto das trampas das que poden ser vítimas os ciclistas, os comuneiros ou calquera usuario do monte, José Luis de la Funte calificouno como “feitos delictivos”, co agravante de que os tablóns con puntas “ocúltanse baixo a follaxe” do solo ou que os cables póñense “á altura do pescozo” co propósito de “causar dano”. Ante a aparición destes obxectos, o Seprona notifícalle a incidencia á Xunta que, á súa vez, avisa a comunidade de montes na que se localiza. No caso de ter identificado o autor ou autores é cando os axentes tramitan as dilixencias ao xulgado correspondente. E isto é canto poden facer.
Un pouco máis técnica foi tamén a intervención de Amalia Pazos citando os artigos da Lei de Montes que regulan os aproveitamentos e os servizos do monte, así como o acceso dos vehículos a motor. En canto aos aproveitamentos, teñen que estar recollidos no plan de xestión da comunidade de montes en cuestión, ou contar co seu permiso. En canto á circulación motorizada, ao tratarse de pistas que non son de titularidade pública, “está na man” das comunidades autorizala.
Durante a celebración da mesa redonda, mentres os ponentes interviñan, resultaba curioso observar como Carlos Morgade e Manuel Torres parecían entablar por momentos un diálogo paralelo -motivado polo primeiro- entre eles dous, que estaban sentados un a carón do outro. Parecía, e seguramente era así, que o presidente da Mancomunidade de Montes aproveitaba para explicarlle, aclararlle e levar ao seu terreo as palabras dos outros interlocutores, sobre todo en materia de lexislación…
A xefa de Montes da Xunta en Pontevedra continuou referíndose ás dificultades para que os promotores de actividades deportivas poidan contactar cos presidentes das comunidades para pedir os permisos necesarios porque os seus teléfonos están amparados pola Lei de Protección de Datos. E puxo sobre a mesa unha reflexión: que as comunidades de montes que teñan terreos improdutivos dispoñan esas parcelas para a práctica de deportes como o motocross ou o bicicross. Para iso cómpre un “acto de disposición” previa aprobación da proposta na asemblea de comuneiros, a elaboración dun proxecto e o cumprimento duns trámites burocráticos.
“Cando as cousas se fan, ben hai sitio para todos”, lembrou Amalia Pazos. “A Xunta está para dar o visto bo”, insistindo na necesidade de “facilitar canles” para que os promotores de eventos deportivos e as comunidades poidan comunicarse, marcar “por aquí si ou por aquí non” e sinalizar os itinerarios permitidos.
Carlos Morgade fixo a intervención máis extensa de todas. Referiuse en primeiro lugar a un manifesto elaborado en novembro de 2014 polas tres mancomunidades de montes de Pontevedra, do Castrove e do Morrazo “por un uso seguro e sustentable do monte veciñal” no que, xa daquela, se rexeitaba a existencia das trampas e se pedía que caera “todo o peso da lei” sobre os seus autores. Naquel documento tamén invitaban a cidadanía a acudir ao monte; un monte “aberto, cunha clara vocación social” no que se puideran levar a cabo actividades que non causaran “deterioro nin uso agresivo” do territorio.
Aproveitou tamén para aclarar o comunicado de réplica ao manifesto dos colectivos de ciclistas trala súa concentración do pasado mes de novembro. Ante todo, Morgade insistiu na “condena” das comunidades de montes diante deses actos que calificou como unha “bestialidade” e recalcou que as comunidades poranse “á fronte na loita e na denuncia” en contra desas prácticas. Ata o extremo de amosarse partidario de que os representantes dos colectivos ciclistas dispoñan dos teléfonos de contacto dos presidentes das comunidades para que os primeiros poidan dar aviso da existencia de trampas.
Apoiándose nun amplo álbum de fotos, Carlos Morgade expuxo a cantidade de carteles e avisos que, dun tempo a esta parte, se veñen instalando no monte para recordar as normas básicas a seguir, para advertir sobre a presenza de irregularidades no terreo, mesmo para “sinalizar o evidente”, como os marcos parroquiais. Carteles e máis carteles enchen o monte, lamentou -máis que criticou- o presidente da Mancomunidade de Pontevedra, consciente de que eses sinais non están dirixidos tanto aos comuneiros e comuneiras que coñecen o monte, que saben moverse nel, que saben o que se pode e o que non se pode -ou debe- facer, senón máis ben para previr e informar os usuarios foráneos.
Entre os “abusos” que ten detectado e que salientou na súa exposición, figuran os dos propios comuneiros que cortan máis que toxo, os dos cazadores que se aproximan excesivamente ás vivendas, os ciclistas que se desprazan a unha velocidade excesiva e que cando van en grupos numerosos provocan moita erosión porque as rodas pasan todas polo mesmo surco, ou os madeireiros que estragan as pistas polas que transitan cando recollen cortas e non as deixan en bo estado tal e como estarían obrigados… Queixouse tamén das reticencias por parte dos usuarios do monte cando o propio Morgade toma fotografías da súa presenza neles, ou do malestar deses usuarios cando os aborda para preguntarlles polo motivo da súa estancia: “Parece que vas agredilos”, explicou o presidente da Mancomunidade de Pontevedra cando, en realidade, do que se trata é de informalos, aconsellalos, orientalos, explicarlles, corrixirlles malas prácticas…
Insistiu Morgade en que “cun sábado de bo tempo” como o que lucía o mesmo día da mesa redonda, son “centos” os ciclistas que se botan ao monte, o que acarrea “unha presión forte” sobre o territorio.
Por iso insistiu en que queda aínda “moito que dialogar para atopar unha solución ás incompatibilidades”. E pediu a implicación da Xunta, dos concellos -entre o público estaba o concelleiro delegado do Rural en Pontevedra, Demetrio Gómez-, de todas as partes implicadas para “denunciar e aillar os que fan un mal uso do monte”. Que haxa que mellorar a sinalización? Pode ser, pero “non a costa de encher o monte de sinais”, recalcou Morgade. “Todo se pode falar e hai monte para todos”, concluíu.
A última quenda foi para o avogado Calixto Escariz, que foi moi rotundo ao afirmar que “quen dolosamente coloca algo para causar dano” no monte a quen pase por aí, teña autorización para pasar ou non, “non ten disculpa”. Dito isto, quixo que quedara claro que “a titularidade dos montes comunais correspóndelle ás comunidades de montes” e que “ninguén pode arrogarse o dereito a poder disfrutar dalgo que a lei non lle confire”.
Por outra parte, expuxo tamén que “a vocación do monte ten que ser aberta” e que todo o que non pase por aí “é un retroceso”. Por iso apelou á sociedade para que sexa “consciente” de que as actividades que se leven a cabo no monte teñen que estar “reguladas ou autorizadas”.
Diante dos riscos aos que se expón unha comunidade de montes como responsable dos danos a nivel civil e económico, en caso de acontecer algunha incidencia, Escariz advertiu que “é imprescindible cubrir ese risco cun seguro”.
Expostos os puntos de vista iniciais, comezou un intenso e interesante intercambio de opinións, pareceres e interpelacións por parte dos asistentes, entre os que se atopaban representantes de comunidades de montes e moitos usuarios.
O primeiro en pronunciarse foi o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, que en primeiro lugar destacou que “o monte veciñal en Galicia é un perfecto descoñecido”, empezando por cuestións tan básicas como que “as pistas forestais tamén son monte”. Aproveitou tamén para advertir que a polémica “falsa” xurdida entre comuneiros e usuarios beneficiaba e mesmo estaba mediatizada dende sectores económicos e intereses urbanísticos que queren “privatizar os montes, amparados pola Xunta”. “Os ciclistas teñen que ser aliados nosos”, afirmou Pereira cun ton firme e contundente que o caracteriza.
Outra das intervencións estivo protagonizada por un ciclista que, dun xeito un tanto inxenuo nas súas afirmacións, aínda que sen mala intención no seu pronunciamento, insistía en que el “como galego”, tiña dereito a gozar dos “montes galegos”, apelando a unha especie de patriotismo que na teoría non existe e, por tanto, na práctica, non deixa de ser unha crenza artificial.
O avogado Calixto Escariz intentou aclararlle o seu equívoco do xeito máis claro posible, ante a resistencia deste usuario a ‘apearse’ -nunca mellor dito, en termos ciclistas- dunha idea errónea que moitas persoas teñen fortemente arraigada na súa mentalidade: “Non tes dereito a ir ao monte coa bici, igual que eu non teño dereito a ir á túa casa, abrir o frigorífico e prepararme uns ovos fritidos para comer”, explicoulle Escariz empregando un símil doméstico. “A clave está en que se faga ese proceso de entendemento”, insistía o avogado, que puxo otro exemplo: “O monte de Mourente non é público”, en alusión á comunidade que preside Morgade.
O ciclista seguía sen dar creto á ‘realidade’ e interpelaba a Amalia Pazos: “Estasme dicindo que non teño dereito a ir en bici polos montes galegos e si polos de Burgos? Non pode ser! Pero, a Xunta está de acordo con iso?”. A xefa de Montes non sabía xa como explicarlle que non había máis volta de folla…
No ano e medio que levaba no cargo, Amalia Pazos apuntou que “non chegan a 10” as solicitudes para que se regulen actividades deportivas que discorren por monte veciñal. O dato era ben significativo da manga ancha coa que se actúa.
Pola súa parte, Calixto Escariz falaba de “usos inocuos” ou usos “comúns” que son perfectamente “compatibles” coa conservación do monte e que en absoluto resultan perxudiciais, por contraposición aos usos que cómpre regular para evitar conflictos. “As comunidades non tiñan isto previsto”, explicou o letrado sobre unha actividade -a práctica do ciclismo nos montes- que antano era “residual” e que ultimamente se puxo moi de moda.
O voceiro de Anova, David Carballal, propuxo sinalizar os accesos e as entradas ao monte veciñal con carteles que fagan constar unhas mínimas normas de actuación, así como un convenio da Xunta coas aseguradoras. A este respecto, a xefa de montes amosouse partidaria de “axudar a pagar só ás comunidades que non teñan ingresos”.
Carlos Morgade recuncaba sobre as ideas preconcebidas e erróneas por parte dos usuarios do monte alleos ás comunidades: “Esta actitude dos ciclistas que cren que o acceso é libre, é frecuente, así como tamén se dá por sentado que as castañas que caen ao chan ou os cogomelos, non son de ninguén”. Pero así como alertaba do “descoñecemento” por parte dos usuario sobre “o que se pode e non se pode facer no monte”, ese tamén era un mal común nos propios comuneiros: “Hai que formar e informar sobre o que se pode facer, non é certo que a xente ‘ten dereito a’ coller ou a facer o que queira”.
Unha das intervencións máis clarificadoras, positivas e mesmo aplaudidas foi a do presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez, que incidiu no “descoñecemento” para o 90% dos comuneiros sobre o seu propio monte. Ademais, realizou un oportuno exercicio de regresión histórica: “A ditadura franquista fixo unha expropiación legal, que non lexítima, dos montes e a xente desvencellouse deles. Ao rematar a ditadura colléronse os montes e devolvéronselle ás comunidades, sen que teñamos idea deles”, explicou Domínguez, en alusión a que a polémica actual “non acontecería hai cen anos” porque daquela os veciños de cada parroquia sabían ata onde chegaba o seu monte e non ían meterse nos montes dos outros veciños. “Estamos condeados a entendernos”, concluíu o presidente dos comuneiros de Campañó pero “hoxe empeza o bo, con todos aquí reunidos”, engadiu cun ánimo esperanzador.
Seguiulle o presidente da Comunidade de SanTomé, de Marín, Daniel Rosales, que defendeu a faceta do monte como “pulmón da sociedade”. No caso do Morrazo, por exemplo, insistiu en que se trata dun “monte periurbán” nunha bisbarra cunha poboación de 80.000 persoas, polo que cumpría dotalo dun uso “turístico, ambiental educacional”. Rosales amosouse partidario de facer del “un monte social”: “Eduquemos a xente!”, arengou na súa intervención, asegurando que hai “vontade” por parte das comunidades para negociar, chegar a acordos e asinar autorizacións para a práctica de certas actividades.
Canda el, unha intervención que puido ter levantado bochas pero que foi correcta a pesar do nerviosismo, e aparentemente non xerou ningunha contestación negativa: a de Gregorio Álvarez, actual presidente da Comunidade de Montes de Valadares, en Vigo, onde se produciu o percance que deixou nunha cadeira de rodas ao ciclista Diego González. Insistiu en que non sinalaba a ninguén, chamando a atención sobre as ameazas -mesmo co emprego de armas- recibidas nas redes sociais a raíz dese incidente. Actualmente hai catro persoas imputadas -tres traballadores e o anterior presidente- e confiou en que saian absoltas por falta de probas. En todo caso, a maior parte da súa intervención foi para poñer o acento sobre a colaboración dende hai anos, da comunidade de Valadares con diversas accións deportivas que discorren por ese monte veciñal.
Contestoulle Manuel Torres para expoñer que se había unha causa contra os procesados de Valadares fora porque o xuíz observara motivos. O presidente de Pedaladas incidiu ademais no seu rexeitamento ás alteracións que se producen no monte -coa instalación de rampas ou saltos-, ao igual que o depósito de verquidos ilegais, que supoñan poñer elementos alleos ao propio espazo natural.
Tamén foi interesante descubrir entre o público a presenza dun representante da Asociación de Propietarios de Monte Privado do Morrazo. Esta entidade tampouco debería ser allea a este proceso de diálogo porque, efectivamente, hai moita superficie de monte de titularidade privada que, por riba, está sen xestionar.
O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, fixo outra achega valiosa ao incidir en que, así como antano ir en moto ou en bici polo monte era unha actividade “aillada”, “agora masificouse”. Pintos abogou por “xerar unha cultura diferente”, empezando polas propias comunidades, para que impulsen o carácter “multifuncional” do monte.
Outro representante da Organización Galega de Comunidades de Montes, Claudio Quintillán, comentou que ata agora a Xunta non se “metera” a regular outros usos que non foran os “clásicos”, por iso era importante que a Administración organizara foros de participación coa achega das asociacións “para dar coa fórmula para que se regulen estas actividades e se chegue a unha convivencia de todos os usos, que son compatibles”.
Logo de tres horas e media de intervencións, diálogo e debate, pechou a mesa redonda Carlos Morgade, concluíndo que os comuneiros teñen que aceptar que a estas alturas haxa “máis xente de fóra no monte”.
… É unha realidade. Como ogallá que sexa unha realidade a continuación deste encontro. Que non quede como unha mera declaración de intencións e que continúe o diálogo, a ser posible de forma aberta, coa participación do maior número posible de comunidades de montes, de colectivos vencellados ao monte, á práctica deportiva, á micoloxía, ao sendeirismo, ao patrimonio cultural, ás asociacións veciñais, ao público interesado.
Ficamos pendentes e moi interesados en próximas citas. Non chegará a solución da noite para a mañá, será un percorrido longo, sobre todo polo cambio de mentalidades que cómpre facer. Todo será que estas bases sexan sólidas para seguir avanzando na concienciación, na tolerancia e na responsabilidade en todas as frontes.
segun parece no monte so hai infractores e forzas de represión, e onde está a Gardería Forestal? o lazo de unión entre a administración e as CMVMC ou os propios veciños, acaso a garda civil, ou a policia lle tramita permisos, subencions etc.? eu “ando” centos de kms. ó longo do ano por montes de todo o Dto XIX e nunca vín un arame colocado fora de “contexto” será que os atopan se saen do normal. O MONTE TEN DONOS, o mesmo cas praias, a ninghen se lle ocurre ir cun quad a praia de Mogor, A Lanzada, etc.nin cunha bicicleta, de momento non están inventadas pero todo chegará, e logo veremos o que pasa.
By: javier on 19/01/2016
at 10:02
Grazas por visitar o blog e por contribuír co teu comentario. Eu boto en falta algo tan simple e tan complexo é vez como o ‘sentido común’. Na mesa redonda e no coloquio posterior co público falouse de ‘educación’ e información á cidadanía. A relación entre os usuarios puntuais do monte (ocio, deporte, interés cultural, mesmo científico) e os que fan un uso ‘doméstico’ do que se produce no monte (toxo, leña, auga, pedra…) vai levar tempo conciliala porque son mentalidades diferentes que teñen que afacerse unha á outra: os primeiros asumindo que hai ‘normas’ como as que poden ter na súa propia casa, e os segundos asumindo que xa non son os únicos inquilinos do monte, atendendo á dimensión social e multifuncional que ten o monte na actualidade.
By: MontePituco on 19/01/2016
at 13:51