Publicado por: MontePituco | 12/01/2016

PLENO DE APROBACIÓN DO PLAN MARÍN2020

Marin2020 PPafavor_xan16

[Votos a favor de PP, Psoe e Bng]

A Corporación Municipal de Marín celebrou un pleno extraordinario cun único punto na orde do día ddedicado ao debate e aprobación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado Marín 2020, que opta ao Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020. Saíu refrendado cos votos a favor do PP, PSOE e BNG, mentres que os tres edís da Marea Veciñal de Marín abstivéronse.

Marin2020 MareaAbstencion_xan16

[Tres abstencións dos concelleiros da Marea Veciñal de Marín]

A sesión contou coas únicas intervencións de María Ramallo e dos tres voceiros da oposición: Luz Santiago (Psoe), Pilar Blanco (Bng) e Sandra Pesqueira (Marea). Abriu a quenda de discursos a alcaldesa, quen afirmou que esta Estratexia Marín2020 é “un impulso importantísimo para o Concello” que permitiría levar a cabo “proxectos realistas que poidan ser posibles”: mobilidade sostible, seguridade vial, conexión entre as barriadas e as parroquias, novas tecnoloxías, mellora enerxética ou fomento do deporte foron algúns epígrafes que recollería este paquete de medidas para o “futuro de Marín”.

María Ramallo tamén se referíu ás xuntanzas mantidas coa Xunta e coa Autoridade Portuaria con vistas a expoñer os proxectos susceptibles de materializarse. E aínda que os grupos da oposición discreparon da súa eficacia, a rexedora tamén aludíu aos encontros cos demais grupos municipais da Corporación e con representantes das asociacións. Con estes últimos celebráronse DÚAS! (2) “mesas de participación”.

Poñemos a expresión “mesas de participación” entre aspas porque -como asistentes en ambas convocatorias- a participación que se producíu limitouse a escoitar os ponentes da empresa consultora, preguntarlles dúbidas, atender as respostas ás preguntas que nas máis das veces non foron precisamente aclaratorias, ceibar algunha idea peregrina sen máis fundamento que a improvisación e a espontaneidade do momento, e máis nada…

Con todo, o Concello de Marín aspira a recibir un investimento por valor de 6 millóns de euros, dos cales a financiación europea cubriría o 80% do total.

Luz Santiago queixouse de que a oposición recibira o documento no mesmo día da convocatoria do pleno con pouco tempo para estudalo a fondo, e criticoulle aos responsables do Goberno local que “no supieron llegar a la calle” argumentando que houbera “muy pocas cartas de apoyo” al proyecto.

…Cabe destacar que as cartas de apoio as repartiu unha traballadora do Goberno local o día da segunda xuntanza cos colectivos sociais e veciñais. E que no mesmo día no que se celebraba o Pleno, a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO recibíu por correo electrónico dous modelos de adhesión… que esta entidade non subscribíu por razóns que se rematarán de expoñer ao final deste artigo.

Aínda que a voceira do Psoe anunciou que o seu partido votaría a favor, reprochoulle ao Goberno local que os proxectos máis importantes da Estratexia Marín2020 estean en consonancia co programa electoral do PP de Marín: a construcción dun auditorio en terreo portuario e a remodelación da Avenida de Ourense. Dos dous salientou a súa “poca concreción”.

Pola súa parte, Pilar Blanco comezou protestando porque o debate deste asunto viña a pleno “sen dictaminar” e sen pasar por comisión informativa previa. A voceira do Bng amosou as súas “dúbidas” sobre os proxectos de reforma da Avenida de Ourense e a súa integración coa Alameda, o equipamento sociocultural previsto no porto e o plan de mobilidade urbana incluídos na Estratexia Marín2020.

Sobre o primeiro, lembrou que en 2011 o PP “botou abaixo” o convenio para soterrar a Avenida de Ourense e preguntouse “en que vai quedar” o asunto logo de que tempo despois o Goberno local presentara unha moción para remodelar os terreos cedidos polo porto coa construcción dun aparcadoiro subterráneo aparellado dun centro sociocultural.

“Aplican nestes proxectos o seu programa electoral pero non teñen en conta o que lles propoñen as asociacións nin o Bng”, cuestionou Pilar Blanco, en alusión ás iniciativas do seu partido de “abrir Marín ao mar”, crear un porto deportivo e unha nave de deportes náuticos. Para a voceira nacionalista, a xestión da Estratexia Marín2020 por parte do Goberno local “nada ten que ver cunha participación real”.

Tamén puxo en dúbida a viabilidade dun plan de mobilidade urbana “sen afondar no desenvolvemento do PXOM nin abrir novas rúas”.

En canto ao equipamento cultural, comentou a proposta do Ateneo Santa Cecilia -ao que se referiu como “o principal colectivo cultural de Marín”- de ceder un terreo céntrico, o que permitiría “a rehabilitación dunha zona degradada” da vila, en alusión á mazá entre o Colexio Inmaculada e a rúa Méndez Núñez. 

Por riba, Pilar Blanco alertou que o groso dos proxectos levaríase a cabo no “ano electoral” 2018.

Con todo, o Bng apoiaría a Estratexia Marín2020 malia que” está todo no aire”, concluíu Pilar Blanco.

Por último, Sandra Pesqueira tomou a palabra para amosar o “estupor” da Marea Veciñal de Marín pola “maneira” na que o Goberno local lle presentou un documento que “choca frontalmente cos obxectivos que persegue”, en tanto os grupos da oposición recibiron unha copia impresa en vez dun arquivo dixital, co que conleva de gasto en papel e contradición cos principios de sostibilidade que en principio abandeira esta estratexia; e ademais, denunciou a “falta de previsión” do Concello por non ter o documento traducido ao galego, incumprindo así os acordos en materia de normalización lingüística aprobados nun pleno anterior. 

A voceira da Marea tamén cuestionou o sentido da aparencia de participación, coa convocatoria de “dúas xuntanzas de trámite” cos colectivos marinenses, que foron “só informativas”. Colectivos que “non teñen copia deste documento”, polo que Sandra Pesqueira instou o Goberno local a “colgar” o documento da Estratexia Marín2020 na web, para que estea accesible ao público interesado.

Sobre os seus contidos, a representante da Marea chamou a atención sobre o feito de que “non se coñece quen presenta” as propostas recollidas na web de Marín2020. Propostas e xuntanzas abertas que “foron ben rendibilizadas na prensa” por parte do Goberno local.

Sandra Pesqueira sumouse á queixa de que boa parte das accións programadas encaixábanse “en ano electoral” e insistiu en que “no caso de que nos deran a subvención, xa estaría todo o peixe vendido” no sentido en que a capacidade de influencia, opinión e participación por parte da veciñanza é fictcia. “É positivo recibir calquera tipo de subvención pero ficamos vixiantes sobre como se materialice”, avisou a voceira da Marea.

Na súa réplica, María Ramallo foi moi clara: “Vou quedar co último que dixeron, que van apoiar o asunto”. Pódese dicir máis alto pero non máis claro: pataleen, critiquen, despotriquen, que tanto ten a verborrea cando van votar a favor, veu dicir a alcaldesa. Sandra Pesqueira matizaría logo esta afirmación avisando: “Dixemos que non nos iamos opoñer, non que fósemos apoiar”. 

Rematou María Ramallo aclarando que este era un documento “moi técnico” e que “dentro de seis meses poderemos estar no momento de elixir” proxectos, polo que lles recomendou ás adversarias políticias “non adiantar debates” sobre proxectos que “haberá que concretar se nos dán a subvención”.

No seu segundo turno a achega de Luz Santiago foi de absoluta sumisión aos postulados do PP cando expuxo: “La empresa es seria porque es la misma con la que se consiguieron los fondos del Arela”. Gran mostra de ‘coherencia’ da voceira socialista, intentando que non se cuestione o traballo da empresa consultora, non vaia ser que se reabra o debate sobre as eivas do plan de investimentos europeos conseguidos durante o bipartito do que ela formou parte… 

Se non fose porque Luz Santiago amosouse crítica co feito de que o documento elaborado “habla de la prórroga de Ence como algo bueno para Marín”, parecería que a edil socialista non lera o documento, xustificando a súa suposta ‘fe’ no labor da consultora que redactou o informe da Estratexia Marín2020.

Pilar Blanco insistiu no argumento exposto anteriormente pola Marea sobre a inexistencia dunha copia en galego á que “temos dereito” porque “a orde do Ministerio di que se podía presentar en galego”, polo que solicitou a tradución do documento, así como “unha copia dixital para amosarlla á cidadanía”.

A voceira do Bng definíu esta Estretexia Marín2020 como “palla” e un “corta-pega” do texto do PXOM adaptado ás necesidades desta convocatoria.  Tamén equiparou a situación dos terreos do Ateneo cos terreos do porto, en tanto uns e outros tiñan que ser obxecto dunha cesión, coa diferenza de que a proposta do Ateneo para dotar Marín dun auditorio era “para xa”; só que “vostede decidiu que tiña que ser no porto”, espetoulle Pilar Blanco á alcaldesa. 

“Este pleno é para cumprir”, sentenciou Pilar Blanco, quen advertiu non obstante que “o debate máis importante ía ser coa sociedade”.

“Orientaron o proxecto aos seus intereses, non á opinión da cidadanía”, recalcou Sandra Pesqueira na súa derradeira intervención. A concelleira da Marea tamén calificou de “escandaloso” que se introducira “no apartado de oportunidade” a situación de Ence ante a solicitude de prórroga e as melloras prometidas pola empresa se conseguía perpetuarse en Lourizán. “Onde está esa oportunidade aquí!”, ironizou Sandra Pesqueira, quen rematou criticando a “utilización partidaria” por parte do PP da Estratexia Marín2020.

Marin2020_3

“La empresa Ence, fuerte barrera física para la continuidad espacial con Pontevedra y que actualmente ha solicitado la prórroga de su concesión, ha presentado varios proyectos de mejora de su imagen”.

“Só faltaba que en vez de plasmar o noso programa electoral plasmáramos o programa de outros”, replicoulle María Ramallo. Foi a frase que toda a oposición agardaba que pronunciara e a alcaldesa serviulla en bandexa ao final do pleno, recoñecendo que a Estratexia Marín2020 estaba feita á medida dos intereses do seu partido en materia electoral. A súa reacción motivou certo rebumbio entre o escaso público que asistía ao pleno, especialmente entre os catro simpatizantes do Bng, encabezados polo ex-edil Xosé María Vilaboa.

María Ramallo aínda tiña máis que dicir sobre as críticas da oposición a respecto da participación cidadá no Marín2020; por iso cando afirmou que na tramitación inicial do Plan Arela non houbera contactos cos colectivos sociais e veciñais, Vilaboa explotou dende as cadeiras do público: “Mentirosa!” , repetiu en varias ocasións. A súa acusación tivo eco entre o escaso público que, ao outro lado do pasillo, apoiaba o PP, que lle berrou a Vilaboa para que calara e deixara falar a alcaldesa. “Mono! Idiota!”, exclamou Vilaboa contra o presidente dos veciños de Seixo, con quen ao parecer xa antes do Pleno tivera un rifi-rafe persoal.

María Ramallo zanxou a polémica mandando calar ao ex-concelleiro do Bng e pedindo “respecto” para o traballo da empresa consultora. “A empresa cobra”, terciou Pilar Blanco. “Tamén cobrou con vostedes, no faga demagoxia”, retrucoulle a alcaldesa á voceira do Bng. 

…E tanto que cobra a empresa: 20.000 euros por un traballo que non está paxinado e que, por riba, presenta varios erros que a alcaldesa calificou de “ortográficos”: Mestre Dandín en vez de Mestre Landín, Molete (ou algo así) en vez de Moledo… e grallas varias que María Ramallo excusou ‘alegremente’, obviando a realidade: a PREMURA, as PRÉSAS e a FALTA DE REVISIÓN dun traballo que, para o que custa, tiña que ser impecable.

Por riba, a alcaldesa instou os concelleiros e concelleiras da oposición a colaborar avisando doutros erros que puideran detectar pola súa conta na lectura do documento…

Mais chama sorprendentemente a atención que nos escasos minutos que a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO tivo para botarlle unha ollada ‘de prestado’ ao documento, nada máis ler o polémico apartado dedicado ao “Plan Sectorial de Suelo Empresarial de Galicia”, atopemos a seguinte BARBARIDADE:

“En el ámbito de estudio se plantea el polígono empresarial de Marín-Moaña situado en monte comunal de Lourizán“.

Quen -con dous dedos de fronte- pode pasar por alto semellante METEDURA DE PATA! …Mesturando o concello de Pontevedra co concello de Moaña! …Situando na parroquia pontevedresa de Lourizán un polígono industrial que en realidade está proxectado no Monte Pituco (Pornedo) marinense, pero ao mesmo tempo referíndose a ese mesmo polígono lindante con outra localidade que está na bisbarra do Morrazo!

…E por isto se pagan 20.000 euros?

Marin2020_1

Seguinte despropósito, unha auténtica FALTA DE RESPECTO ao patrimonio arqueolóxico da parroquia de San Xulián, un DESPREZO ao esforzo da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO e doutras entidades na loita pola visibilización, o recoñecemento e a posta en valor de xacementos únicos, moi senlleiros do noso Concello.

Nunha relación de xacementos, o documento cita A Carrasca e Champás, o petroglifo da Moreira, os petroglifos de Mogor, o da Godalleira, da Laxe da Eira dos Mouros… e obvia os conxuntos rupestres do PORNEDO, PINAL DE CAEIRO e SETE CAMIÑOS, que por riba acaban de integrarse no recén estreado Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. 

Marin2020_2

Despois destes agravios clamorosos, o Concello de Marín non pode esperar que a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO lle asine ningunha carta de apoio á Estratexia Marín2020. Nin sequera coa excusa de que este colectivo teña presentado unha proposta de creación dunha Ruta polas Antigas Canteiras do Monte Pornedo; unha achega que vai quedar unilateralmente nun caixón, porque nada hai contemplado para o rural marinense nesta Estratexia Marín2020, discriminatoria e excluínte cunha parte fundamental da xeografía física, social, cultural e económica desta vila. 

pleno marin2020


Respostas

  1. Graciñas pola vosa información, é sumamente importante saber en que mans están as decisións que se toman en nome d@s veciñ@s, a quen realmente benefician e con que “sensibilidade” e “rigor” elabóranse estes carísimos documentos

    • Moitas grazas pola visita ao blog e por aprezar o esforzo no relato do pleno.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: