Publicado por: MontePituco | 11/01/2016

MARIN 2020: PROXECTO DE RUTA POLAS CANTEIRAS DO PORNEDO

pituco1956

[Imaxe aérea do Monte Pornedo en 1956, achegada por J.C. Epifanio. As manchas brancas corresponderían a posibles afloramentos graníticos con actividade de canteiría]

No Monte Pornedo -tamén coñecido como Monte Pituco- e nos núcleos de poboación rural máis próximos son numerosos os sinais da importancia da pedra e do correspondente paso dos canteiros por eses lugares: A Pena, O Caeiro, A Laxe, Arealonga, As Pedreiras… son topónimos que xa reflicten a existencia, no pasado, desa actividade baseada na extracción de granito dos outeiros e das ladeiras onde abundaba, e aínda abunda, este tipo de rocha.

Proba da composición granítica do Monte Pornedo son as incidencias nas obras de infraestruturas que se realizaron nos últimos anos e nas actuacións que aínda na actualidade seguen furando nestes terreos. Destacan a construcción da Variante de Marín, que requeriu a utilización reiterada e continuada de cargas explosivas no trazado do vial; e máis recentemente, a instalación da nova rede de abastecemento de auga promovida por Acuaes, ralentizada na súa evolución pola aparición De sustrato rochoso tanto ao paso das tubarías polo Monte Pornedo e polas demais áreas montañosas da parroquia de San Xulián, como no lugar elixido para erguer un novo depósito en Pardavila.

Obras da variante de Marín: as pás excavadoras furan no Monte Pornedo, á altura da Pena e do Caeiro. Corría o ano 2003 e as casas abaneaban a causa das detonacións.

[Obras na 1ª fase da Variante]

Obras de ACUAES na pista de servizo da Variante.

[Obras de Acuaes]

Na ASOCIACIÓN MONTE PITUCO levamos tempo fixándonos nas antigas canteiras, atraídos polo seu valor etnográfico, histórico e cultural. Son capítulos dun tempo pasado, escenarios dun traballo gremial cunha idiosincrasia moi particular e mesmo cunha fala propia: o latín dos canteiros, o verbo dos arginas.

"Monte do Seixo", Calros Solla. "O verbo dos arginas de Avedra", Feliciano Trigo Díaz. "Sostenibilidad, valores y cultura ambiental", Ricardo García e Pedro Vega. "Andando a terra", Manuel Hortas.

A abundancia de lugares nos que se practicou este oficio lévanos a considerar o seu estudo, coñecemento e posta en valor como un traballo a medio prazo que incluiría: entrevistas a canteiros xubilados ou descendentes de familias dedicadas a esta profesión artesanal; busca nos arquivos municipais e provinciais de información sobre a repercusión económica e laboral desta actividade; catalogación de monumentos -vivendas, hórreos, pontes, cruceiros, muros…- nos que se utilizara pedra procedente destas canteiras; estudo dos arquivos históricos da Escola Naval Militar e da Autoridade Portuaria de Marín sobre as súas respectivas obras de construcción, nas que se empregaron materiais das canteiras marinenses; recollida de ferramentas e utensilios empregados polos canteiros no seu traballo; pescuda da microtoponimia da zona na que se localizaban as canteiras…

CanteiraDaLaxeAnos40

[Canteira da Laxe, da que se extraeu pedra para o recheo da zona portuaria]

O obxectivo final do proxecto de creación dunha Ruta das Antigas Canteiras do Pornedo é ter un coñecemento máis fondo do monte, difundir esa información entre a veciñanza e artellar unha rede de intereses que conflúan na creación dun centro de interpretación ao aire libre, coa pedra como fío condutor: petroglifos da Idade do Bronce, mámoas no Neolítico, gravados modernos de José Meijón (Marín, 1899-1980) e antigas canteiras.

ruta canteiras paulo

[Plano elaborado por P. Troitiño]

Esta proposta súmase ao proxecto xa materializado do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que comprende, entre os seus dominios, o Monte Pornedo na parroquia marinense de San Xulián. Inaugurado no verán de 2015, o Espazo Sete Camiños recibe visitas espontáneas por parte de veciños e veciñas da zona, de persoas de diversa procedencia interesadas na natureza e no patrimonio cultural, e de grupos organizados de estudantes ou integrantes de colectivos sociais que son guiados por voluntarios da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO.

A carón da Pedra do Sapo, falando sobre as canteiras.

[Parada nunha antiga canteira durante unha visita ao Espazo Sete Camiños]

Actualmente o reto do Espazo Sete Camiños sería integrarse na oferta turística e cultural do Concello de Marín (e do Concello de Pontevedra, na parte que corresponde aos terreos pertencentes ás comunidades de montes e Salcedo e de Lourizán). Para o futuro tamén se contempla conectar os conxuntos rupestres de Champás e da Carrasca, situados no monte veciñal de San Xulián, co Lago de Castiñeiras e co futuro parque forestal que se prevé crear a instancias da Fundación Lago Castiñeiras-Cotorredondo, impulsada polas comunidades de montes de San Xulián e de Santomé de Piñeiro (Marín), de San Martiño e de Santa Cristina (Vilaboa).

Roteiro pola protección do Monte Pituco (Pornedo).

[Marcas de canteiría no Monte Pornedo]

No marco da estratexia de Desenvolvemento Urbán Sostible Marín 2020, a proposta de creación dun roteiro que enlace as antigas canteiras do Pornedo encaixa na Liña de Actuación 6, destinada a artellar un Plan de Valorización do Patrimonio Histórico, Arqueolóxico e Etnográfico de Marín. Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO entendemos que esta achega contribúe a acadar parte dos obxectivos propostos, na liña de acadar “un concello que valora o seu patrimonio ambiental, paisaxístico e etnográfico, e que o adecúa para a súa conservación e disfrute por parte da cidadanía e dos visitantes”.

[Texto de presentación da proposta presentada á Estratexia Marín 2020]

Os "dentes" que deixaron marcadas na pedra as cuñas cravadas nunha pedra que foi traballada polos canteiros de antano.


Respostas

  1. […] Tampouco o Pornedo (Pituco) foi alleo ao paso dos picapedreiros; non en van coa abundancia de canteiras cuxos restos se atopan en distintos puntos deste monte, construíronse numerosas vivendas e muros nas aldeas próximas, entre outros usos. En xaneiro de 2016, dende a Asociación Monte Pituco mesmo formulamos un proxecto destinado aos fondos DUSI para que se crease no Pornedo un centro de interpretación das antigas canteiras, co seu correspondente roteiro. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: