“Se a crenza nos tesouros estaba amplamente difundida e se o seu descubrimento podía arranxarche a vida, a cuestión radicaba en donde buscar. Ademais de nos castros e mámoas -morada favorita dos mouros- críase que os tesouros estaban agochados naqueles lugares nos que habitaban os encantos: fontes, pozos, ríos, covas, rochas, buratos, etc. (M. Llinares García e J.M. Vázquez Varela, 1990: 102). Os seres imaxinarios posouidores das riquezas, demarcaban simbolicamente o territorio deixando pegadas da súa presenza”.
[Segredos ao descuberto: pegadas de canteiros e de buscadores de tesouros nos petróglifos galegos: Buenaventura Aparicio Casado e Antonio de la Peña Santos, Ed. Ab Origine, 2017]
“É incuestionable que, en moitos casos, os canteiros -que traballaban debruzados materialmente sobre as rochas- si ollaron os gravados, afirmación que se reforza ao relativizar o efecto en contra la luz solar nas horas centrais do día, posto que a tarefa dos picapedreiros levaba o seu tempo e durante xornadas enteiras de duro traballo puideron contemplar as laxes iluminadas con intensidade e ángulo de incidencia variables. Por conseguinte, viron en non poucas ocasións as insculturas e, nalgúns casos, voaron ou fragmentaron a rocha -non tiñan ou non atoparon nese intre razóns de peso para proceder doutra maneira- e, noutras, decidiron deixar intacta a pedra ou a porción dela que servía de soporte aos gravados -sobre todo os máis sobranceiros- movidos, quizais, por determinadas crenzas”.
[Segredos ao descuberto: pegadas de canteiros e de buscadores de tesouros nos petróglifos galegos: Buenaventura Aparicio Casado e Antonio de la Peña Santos, Ed. Ab Origine, 2017]
Temos entre mans a lectura do novo libro do antropólogo Buenaventura Aparicio e do arqueólogo Antonio de la Peña. Unha obra que cita numerosos exemplos de gravados no monte de Salcedo que antano foron ‘indultados’ polos canteiros que traballaban no aproveitamento das moles graníticas. Os autores citan tamén o caso dos petroglifos de Mogor, onde tamén se realizaron labores extractivas e picadas de punteiros.
Tampouco o Pornedo (Pituco) foi alleo ao paso dos picapedreiros; non en van coa abundancia de canteiras cuxos restos se atopan en distintos puntos deste monte, construíronse numerosas vivendas e muros nas aldeas próximas, entre outros usos. En xaneiro de 2016, dende a Asociación Monte Pituco mesmo formulamos un proxecto destinado aos fondos DUSI para que se crease no Pornedo un centro de interpretación das antigas canteiras, co seu correspondente roteiro.
Velaí o ‘corte’ na laxe onde se que sustenta o xacemento de Pinal de Caeiro, as marcas dos punteiros no gravado de Sete Camiños ou no propio conxunto rupestre do Pornedo. Dende a Asociación Monte Pituco defendemos o valor antropolóxico deste legado como ferramenta de desenvolvemento educativo, cultural e social. Agora, unha publicación froito dun traballo de investigación de Aparicio e De la Peña vén explicar a teoría de que moitos dos vestixios prehistóricos que hai labrados nas rochas dos montes galegos chegaron ata os nosos días grazas a unha “decisión intencionada” dos canteiros que “evitaron a destrucción dos gravados como consecuencia de profesar certas crenzas inseridas na cosmovisión popular”, como expoñen os editores.
Paga a pena adentrarse na lectura desta obra para comprender un pouco máis e mellor o mundo dos petróglifos que, pouco a pouco, vai callando máis na sociedade. Mais aínda queda moito camiño por percorrer para que este patrimonio acade o respecto que se lle debe.
Deixar unha resposta