Publicado por: MontePituco | 26/01/2016

ACTUALIDADE OBRIGA: MOVILIZACIÓN CONTRA A PRÓRROGA A ENCE

Asemblea na Federación Castelao en Pontevedra

A actualidade imponse nestes días. 24 horas despois de coñecerse que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente decidiu prorrogar por 60 anos máis a concesión dos terreos que ocupa a fábrica de Ence en Lourizán. Os colectivos que conforman a Plataforma Ence Fóra da Ría para Sempre, reunidos no local da Federación de Asociacións de Veciños Castelao -que quedou pequeno- en Pontevedra, acordaron convocar unha concentración cidadá con veciñanza de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, Bueu… mañá mércores ás 19:00 horas diante da sede provincial do PP para protestar contra esa resolución, adoptada polo Goberno Central en funcións.

12644882_1176076629087347_1583434806260408694_n (2)

[Concentración espontánea diante da sede provincial do PP de Pontevedra dos representantes dos colectivos participantes na asemblea celebrada na Federación Castelao, tralo remate da xuntanza. Foto: Antonio Costa]

A seguinte mobilización de rexeitamento á consolidación de Ence en Lourizán será este vindeiro venres 29, coa convocatoria dunha manifestación que partirá ás 20:30 horas dende a Praza da Ferrería, e que rematará ás portas da Subdelegación do Goberno.

Durante a asemblea de representantes dos colectivos sociais e veciñais, ecoloxistas (APDR, Adega, Greenpeace Pontevedra, Vaipolorío) e políticos (Anova, Bng, Psoe, Podemos), ademais de persoas que acudiron a título particular, escoitáronse palabras de ánimo fronte ao abatemento inicial que, non por menos sorprendente era menos agardado. “Unha labazada máis que nos dán o PP e Ence, que son a mesma cousa”, afirmou o presidente da APDR, Antón Masa. “Isto para nada é unha derrota”, insistía ao comezo da xuntanza.

A concelleira de Urbanismo de Pontevedra, Carme da Silva, criticaba “o uso do aparato do Estado en beneficio dunha empresa privada” e apelaba a plantarlle cara á prórroga dando “unha resposta social clara e contundente” na rúa, complementaria aos recursos que se interporán pola vía administrativa e xudicial.

Outras medidas das que se falou nesta reunión e que irán tomando forma en próximos días son unha recollida de sinaturas, tanto en formato físico e impreso como a través das plataformas dixitais na rede pedindo a anulación da prórroga.

Durante o Entroido tamén se levarán a cabo accións de tipo lúdico en forma de pasarrúas, cantares de cego e no propio desfile do enterro do Ravachol.

E despois do Entroido, a Plataforma Anti-Ence volverá reunirse para dárlle forma a unha gran manifestación que se celebrará en Pontevedra, con chamamento á asistencia por parte de colectivos e persoas procedentes de toda Galicia

Na recta final da xuntanza, escoitouse o testemuño dunha veciña de Lourizán que se dedicara ao marisqueo. Contou que a súa casa estaba a 100 metros de Ence e Elnosa e que tivera que marchar de alí e instalarse en Pontevedra porque non aturaba a situación, especialmente a raíz dun escape de cloro que acontecera recentemente e que non tivera trascendencia nos medios de comunicación.

Ademais, entre os asistentes lanzouse a petición de “empapelar” os balcóns, as fiestras das vivendas e os vehículos coas bandeiras e cos cartaces da APDR e da Plataforma Ence Fóra para darlle visibilidade e dimensión simbólica ao malestar da veciñanza contra a prórroga e a favor da recuperación da ría, retomando o ambiente das Marchas contra Celulosas que se organizan polo verán.

…Por compromiso co medio ambiente, coa saúde, coa paisaxe, co Estado de Dereito, coa recuperación da ría, co aproveitamento sostible dos seus recursos pesqueiros e marisqueiros, co desenvolvemento turístico, coa explotación racional do sector forestal alternativa ao monocultivo do eucalipto. Hai moitas razóns…

Marcha contra Celulosas, este sábado 11 de xuño con saída ás 19:30 horas dende as alamedas de Marín e Pontevedra.

 

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: