Saímos do Monte Pituco rumbo á outra punta da bisbarra do Morrazo. Volvemos a Cabo Udra para gozar do mar aberto que non temos no saco da ría, para sentir o vento con máis intensidade, para achegarnos ás especies de flora e fauna que habitan neste vértice da costa…
Tantas veces contemplando o arquipélago de Ons na liña do horizonte! Nesta ocasión achegámonos a Bueu para (intentar) ver o Pituco dende outra perspectiva. A vista non dá…
Pasear por Cabo Udra é sentir a frescura do vento no rostro, ollar a forza do mar batendo contra os cantís e somerxerse nun paraíso de praias salvaxes. Pero é tamén achegarse a formas de vida ancestrais e rodearse dunha riqueza botánica e faunística única que mereceron a inclusión deste espazo na Rede Natura 2000, ademais da súa catalogación como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). O espazo protexido constitúeno hoxe 8 km de fronte costeira e 443 hectáreas de auga mariña cunha singular biodiversidade, onde os penedos de estrañas formas moldeadas pola chuvia, o vento e as ondas converten a espectacular paisaxe nun auténtico monumento xeolóxico.
[Texto da “Guía de Cabo Udra“, elaborada polo Concello de Bueu]
Nunha visita a Udra é inevitable non fixarse nos enormes bolos graníticos que coroan o terreo. Os penedos merecen un capítulo fotográfico propio…
Os penedos de granodiorita con megacristais de feldespato fan de Cabo Udra un monumento xeolóxico moi apreciado polo seu valor científico e paisaxístico. Nun dos paneis informativos explican que a fisonomía redondeada destas enormes rochas débese ao efecto que a auga subterránea produce nas fendas da pedra, antes de que asomen ao exterior. Entre as formas máis correntes están as “acanaladuras”, producidas polo desgaste da auga da chuvia que esvara pola pedra; as “cacholas” ou cavidades situadas na parte inferior, formadas pola alteración química da humidade nas rochas previamente debilitadas; e as “pías”, que son cavidades circulares que se forman na parte superior.
A flora tamén destaca pola súa variedade. Nun contexto territorial algo distinto ao do monte de ría adentro, mesmo atopamos algunha especie que non medra no Pituco.
Entre as coincidencias botánicas co Pituco, en Udra tamén destaca a presenza da matogueira, formada por carrascas (do xénero Erica), os toxos mariños (Ulex), o trovisco (Daphne gnidium) ou a carqueixa (Halimium alyssoides). Entre esta vexetación o habitual é que aniñen aves como a papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), a papuxa encapuchada (Sylvia atricapilla), a papuxa montesa (Sylvia undata), a escribenta paponegra (Emberiza cirlus), o liñaceiro común (Carduelis cannabina) e o chasco común (Saxicola torquata).
Nun medio adverso de fortísimos ventos, salinidade e insolación, a riqueza vexetal de Udra converte o cabo nun espazo singular. Domina a paisaxe a matogueira, formada principalmente por carrascas e toxos mariños que medran en forma de almofadas, de xeito arredondado e a escasa altura, para adaptárense ao forte vento. O brizo, a silene marina, a margarida grande de cantil, o trovisco e a carqueixa boieira áchanse tamén neste hábitat de excepcional valor ecolóxico, tan escaso no resto do continente europeo, que foi considerado de interese prioritario pola UE. Na parte baixa dos cantís, salpicada polas pingas de auga salgada, nacen o pirixel de mar e a herba de namorar, e nas fendas protexidas e húmidas atopamos o fento mariño. Nos areais xorden a eiruga mariña, a correola das praias e o cardo mariño, ao que se suma nas pequenas dunas o feo da praia. Nas penedías, os liques son os protagonistas.
[Texto da “Guía de Cabo Udra“, elaborada polo Concello de Bueu]
E xa tan preto do mar, as pedras en contacto coa auga volven sorprender polas formas caprichosas que son esculpidas pola forza das ondas…
Os paneis informativos instalados en distintos puntos da ruta tamén falan da avifauna que predomina neste espazo. Así, nas praias e preto dos núcleos de poboación é doado atopar exemplares de gaivota patiamarela (Larus michahellis), que prefiren a zona dos cantís para instalar os seus niños. O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) sitúase nas rochas e a súa maior colonia de cría de España está en Ons.
Parece ser que en Ons tamén se atoparía unha das escasas colonias de arao común (Uria aalge), unha especie moi ameazada no resto do territorio estatal. A súa recuperación presenta moitas dificultades porque as postas teñen un só ovo. Ademais, as mareas negras provocaron a desaparición destas aves en varios puntos da costa galega.
A pardela cincenta (Calonectris diomedea) e a pardela balear (Puffinus mauretanicus) percorren estas costas na época do verán. No outono e no inverno vense o mascato (Morus bassanus), o corvo mariño real (Phalacrocorax carbo), a píldora raiada (Arenaria interpres) a gabita común (Haematopus ostralegus) ou o pilro tridáctilo (Calidris alba)… Un paraíso para afeccionados á ornitoloxía!
O lagarto arnau é a especie animal máis representativa de Udra. Porén, son as aves as que espertan meirande interese: máis de 100.000 voan fronte a esta costa durante os pasos migratorios. Parrulos pentumeiros, araos, mascatos, carráns e palleiras déixanse ver cando viaxan cara as colonias de cría no norte e cando retornan aos lugares de invernada. Por aquí pasa mesmo a pardela balear, en perigo de extinción. A gaivota patiamarela e o corvo mariño cristado achéganse dende as veciñas Illas Atlánticas. O rabirrubio é a especie máis común nas penedías, mentres que o chaschás e a papuxa se agochan na matogueira. A avenoiteira cincenta fai o niño directamente no chan. O meirande depredador é o miñato, canda o falcón peregrino que aniña nos cantís. A Rede Natura 2000 protexe tamén o mar que rodea o cabo, onde nadan o arroaz e a toniña, especies ameazadas. Os seus saltos en media lúa son todo un espectáculo no serán.
[Texto da “Guía de Cabo Udra“, elaborada polo Concello de Bueu]
Emprendemos o camiño de volta… Ao lonxe, Tambo parece deixar de ser unha illa para integrarse -polo menos- visualmente no continente.
[…] Naturais (ZEPVN). Xa o visitaramos en varias ocasións con motivo das Xornadas Sinte-Udra e dun paseo polos seus sendeiros para achegarnos á flora, á fauna, á paisaxe de bolos graníticos e ao […]
By: RUTA GUIADA POR CABO UDRA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 18/04/2019
at 19:50