Xa facía tempo (máis dun ano) que tiñamos en mente visitar o ‘balcón da ría’ de Monte Pituco pero’ entre unhas cousas’ e outras Carmen-Carmiña-Carmela e mais eu non conseguiamos acercarnos.
Por fin, case de casualidade, achegámonos o vernes 21 de abril e marchamos encantados. Non só polas fermosas vistas sobre a ría de Pontevedra, senón pola panorámica do entorno, de 360°, que conxunta mar e monte, rural e urbano.
Xa no ascenso puidemos ver plantas como Potentilla erecta (solda brava), senón que no ‘balcón’, ademáis da vista, fomos recibidos por dúas especies de lepidópteros: macaón (Papilio machaon) e chupaleites (Iphiclides podalirius).
Puidemos observar a sempre curiosa planta parásita barba do raposo (Cuscuta epythymun), herba piolleira (Pedicularis sylvatica), e tivemos a sorte de atopar unha ooteca de Mantis. E así poderiamos seguir nunha longa lista da gran diversidade do entorno do Monte Pituco.
Achegámonos aos gravados rupestres, compartidos cos de Pepito Meijón, onde un escarabello se paseaba por enriba deles.
Só podemos dicir que voltaremos a este fermoso sitio onde a tranquilidade, a historia, a natureza e as fermosas vistas, se conxugan para deter o tempo e dánnos ganas de quedar aló para sempre.[Texto e fotos: Damián Pereira Pazos]
Petroglifos do Pornedo
Solda brava
Herba piolleira
Chupaleites
Macaón
Escarabello
Ooteca de mantis
Panorámica dende o miradoiro do Pornedo
Dende a Asociación Monte Pituco, moitas grazas a Damián e a Carmela por visitar o ‘balcón da ría’. Abofé, non será nin a primeira nin a última visita. Agardamos acompañalos nunha próxima andaina para aprender dos seus coñecementos sobre bioloxía, para seguir ampliando a nosa bagaxe sobre a rica variedade de fauna e flora do monte. Ata pronto, amig@s!
Deixar unha resposta