A Aula da Natureza de Cabo Udra organiza nesta Semana Santa varias actividades para público infantil e adulto relacionadas co coñecemento deste Espazo Protexido pertencente á Rede Natura 2000 e catalogado como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Xa o visitaramos en varias ocasións con motivo das Xornadas Sinte-Udra e dun paseo polos seus sendeiros para achegarnos á flora, á fauna, á paisaxe de bolos graníticos e ao horizonte oceánico. Nesta ocasión, un biólogo da empresa ambiental Babadiva -adxudicataria do servizo- guía as andainas, explica curiosidades sobre as especies que habitan na zona ou fenómenos naturais como os afloramentos mariños.
Os fortes ventos, a salinidade do ambiente e a directa incidencia do sol son as duras condicións que fan de Cabo Udra un espazo singular, con gran biodiversidade. Da flora destaca a matogueira: carrascos, fentos e toxos son o habitat de réptiles como o lagarto arnau, aves de paso no seu tránsito migratorio ou pequenos paxaros como a papuxa, e mamíferos como o raposo, dos que se poden atopar as súas pegadas nos camiños. Doutras plantas como o trovisco aprendemos que a sustancia velenosa que produce empregábase como técnica de pesca nos ríos porque anulaba a presenza de osíxeno ou que os seus duros filamentos servían antano para trenzar cordas.
Hemaris tityrus (esfinxe abellón), identificada por José Rodrigo Dapena, da SGHN Pontevedra
Un dos aspectos máis curiosos dende o punto de vista etnográfico ten que ver coa presenza de chozos ou cortellas en Chan de Esqueiros. Entre finais do século XIX e principios do XX eran utilizados polos pastores como refuxio. Normalmente eran rapaces novos que, para aforrar tempo no desprazamentos entre as súas casas e os lugares de pasto, pernoctaban nestes refuxios acondicionados entre os penedos.
No itinerario de volta, deixando atrás a praia do Pedrón, obsérvanse árbores e arbustos ‘bandeira’, que reciben ese nome porque , pola forma na que adaptan a súa fisonomía e crecemento, indican dende que dirección sopra habitualmente o vento.
Moitas grazas pola información, participaremos na andaina.
Unha aperta
By: Lola on 18/04/2019
at 22:22
Moitas grazas por visitar este blog e por participar co teu comentario. Alégranos que a información che resultase útil.
By: MontePituco on 22/04/2019
at 00:32