Saturno Vidal (terceiro pola dereita, de pé), in memoriam
Tal día coma hoxe hai nove anos presentabamos publicamente en Pontevedra o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Queremos agradecer aos compañeiros de viaxe a oportunidade de ter participado nesta iniciativa, porque foi a semente para termos logrado, a día de hoxe, dúas sentenzas firmes contra un polígono industrial ilegal e infame que o Concello de Marín pretendía perpetrar no Monte Pornedo, absolutamente incompatible coa protección e posta en valor dos recursos naturais, do patrimonio e da paisaxe desta contorna privilexiada que forman as parroquias de San Xián, Salcedo e Lourizán. Como tamén foi posible neste tempo recuperar a titularidade comunal dos terreos que ocupaba a Brilat e anular a ampliación da franxa de seguridade arredor da base militar.
Existía un traballo previo que -co esforzo colectivo- foi ampliado e mellorado para que hoxe podamos visitar unha área rica en biodiversidade, elementos arqueolóxicos, lendas, miradoiros… Por desgraza, non todas as persoas que nos acompañaron naquela presentación chegaron a ver cumprida esta arela. Sirva pois de homenaxe a quen xa non está connosco: Saturno Vidal, da Asociación de Veciños de San Xián; e Xan Montenegro, inspirador do ‘balcón da ría’.
Deixar unha resposta