A Asociación Monte Pituco leva presentando varios escritos ao longo dos últimos meses para recordarlle ao Goberno local que ten unha obriga pendente de cumprir, unha ‘patata quente’ que non foi quen de pelar neste último treito do mandato. E aínda que faltan menos de vinte días para a seguinte cita coas urnas e, cobardemente, vai seguir dando a calada por resposta, non podemos menos que insistir nesta teima lexítima. Aínda que sexa para volver retomala con novos folgos despois do 26 de maio e unha vez que se constitúa a nova Corporación Municipal.
A quen lle toque gobernar despois desa data, a Asociación Monte Pituco volverá recordarlle que o pasado 18 de maio de 2017 unha sentenza do TSXG ordeoulle á Xunta retirar o proxecto de Parque Empresarial Marín-Pornedo que, a instancias do Concello de Marín, fora incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.
Tamén insistiremos en lembrar a quen asuma o bastón de mando que o 23 de novembro dese mesmo 2017 o TSXG volveu emitir un segundo dictame obrigando o Concello de Marín a anular a clasificación do Pornedo -ou Pituco, polo seu nome tradicional- como solo urbanizable delimitado de uso industrial.
E como ben sabe a Corporación Local de Marín trala toma de coñecemento oficial no Pleno de xaneiro deste ano, ambas resolucións xudiciais son firmes e irrevogables: a primeira dende o 1 de setembro de 2017 e a segunda dende o 23 de xaneiro de 2018.
Tendo transcorrido VINTE MESES o dende a primeira, e case DEZASEIS MESES da segunda, a Asociación Monte Pituco esixe que cese a desidia e a falta de vontade política para abordar o cumprimento da sentenza sobre o PXOM e que o equipo de Goberno que resulte das vindeiras eleccións municipais do 26 de maio tome este asunto como unha prioridade e proceda á convocatoria urxente da Comisión de Urbanismo para iniciar as xestións oportunas co fin de acometer a modificacion puntual do PXOM, en cumprimento de ambas sentenzas xudiciais. Asimesmo, reclámase novamente que o próximo Goberno local informe por escrito a esta Asociación do prazo concreto no que esas medidas se vaian levar a cabo.
A Asociación Monte Pituco reclama que un asunto de tanta trascendencia como a planificación das dotacións para uso empresarial e industrial se regularice canto antes e se axuste á lei, sendo un asunto importante para a gobernanza do Concello.
Por dignidade e por dereito -conquerido con moito esforzo e por partida dobre nos tribunais- a Asociación Monte Pituco vén reiterando mes tras mes as súas peticións, que simbolicamente se acompañan cunha goma de borrar para recordarlle ao Concello que forzosamente e por imperativo xudicial ten que suprimir a clasificación do Pituco como solo industrial.
Atendendo ás especiais cualidades do Monte Pituco que o TSXG aprecia nos seus dictames -a orografía natural dun terreo cun acentuado desnivel, a existencia de patrimonio histórico catalogado como Ben de Interese Cultural, a importancia natural e paisaxística deste enclave no contexto da ría de Pontevedra e dos Montes do Morrazo-, a Asociación Monte Pituco non cesará de demandar máis atención e investimentos por parte do Goberno local a este espazo, para o que cómpre abrir as vías de cooperación que correspondan coa Comunidade de Montes de San Xián como titular do terreo veciñal, en aras de poñer en valor os xacementos arqueolóxicos, que seguen estando nunha situación de absoluta e preocupante precariedade, rodeados de vexetación seca e de especies pirófitas que fan temer seriamente pola integridade dos gravados rupestres en caso de incendio.
E á marxe de que o Goberno local propoña a declaración do Lago de Castiñeiras como Espazo Natural de Interese Local ou que faga publicacións “en verde” sobre os “espazos naturais do Concello”, esta Asociación quere recordarlle ao Concello que existe un ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS que abrangue terreos marinenses tan importantes coma esoutros lugares tan promocionados institucionalmente, mentres o Monte Pornedo, Sete Camiños e o ‘balcón da ría’ padecen o abandono e o desdén dos responsables de velar polo mantemento e promoción do seu patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e medioambiental.
Deixar unha resposta