“Quixera saber cando pensan executar a sentenza do Monte Pornedo”, preguntou a concelleira Sandra Pesqueira na súa derradeira intervención do mandato, durante o Pleno ordinario da Corporación deste mes de maio.
“Estamos a disposición dos servizos técnicos e xurídicos do que hai que facer con respecto á modificación que sexa necesaria para dar cumprimento, non a esa, senón ás sentenzas que xa están recollidas na modificación puntual; ese sería o seu curso”, replicou a alcaldesa.
Quince segundos de resposta educada e diplomática da rexedora municipal abondaron para ventilar o posicionamento do Goberno local sobre unha resolución xudicial que custou 8 longos anos conseguir. A burocracia administrativa será todo o lenta que ao Concello lle conveña ou lle interese, pero se fose un veciño ou veciña o condenado polo TSXG non habería tanta demora en forzar o cumprimento dunha sentenza. Reciprocidade, por tanto, é o que cómpre reclamarlles aos poderes públicos, por respecto ao Estado de Dereito e pola dignidade de quen emprende un procedemento xurídico no que a razón e a Lei están da súa parte.
A Asociación Monte Pituco leva dende xaneiro de 2018 agardando que o Concello de Marín se digne en acatar unha sentenza firme e irrevocable a prol da conservación deste Espazo Natural dos Montes do Morrazo, da que a Corporación xa tomou coñecemento oficial. Son varios os escritos presentados demandando a convocatoria da Comisión de Urbanismo para que se tramite a modificación puntual do PXOM e reclamando información por escrito sobre os prazos nos que esta medida se vaia facer por fin efectiva, logo dunha longa loita.
A alcaldesa debería lembrar cando, estando na oposición, se enfrontou ao bipartito para advertirlle que o Monte Pituco tiña unha figura de protección ambiental que podía dificultar o proxecto de instalación do polígono industrial que prevía o PXOM que daquela se estaba tramitando. Como así foi, entre outros aspectos técnicos que demostraron rotundamente a inviabilidade de semellante despropósito.
Tamén debería lembrar María Ramallo a présa que tiña o Concello de Marín por aprobar o PXOM, en contraposición e contradición coa ‘calma chicha’ que demostra agora o Goberno local para corrixir as eivas do Planeamento.
Será no novo mandato que comece tralas eleccións municipais do 26 de maio cando a Asociación Monte Pituco retome con máis folgos as peticións de cumprimento do que lle corresponde. Ou terán que ser outras instancias as que peten con forza na mesa da Alcaldía para situar esta obriga entre as prioridades do equipo de de Goberno entrante.
Dende a Asociación Monte Pituco só cabe agradecerlle á concelleira Sandra Pesqueira a súa aposta persoal pola defensa do ‘balcón da ría’, as non poucas ocasións nas que se interesou pola protección do patrimonio arqueolóxico existente nesta contorna, a súa preocupación pola solución a problemáticas diversas relacionadas coa conservación deste Espazo Natural e coa súa promoción cultural e turística. A Corporación marinense perde unha figura ben valorada socialmente, empática coa veciñanza da vila, seria e coherente nos seus principios. A política tórnase hostil con quen rexeita participar nas loitas polo poder; mais quedan os ronseis dunha proveitosa travesía. Sorte!
Deixar unha resposta