Antonio Fraguas, o autor homenaxeado neste 17 de Maio, foi un gran defensor do patrimonio arqueolóxico, da natureza e da paisaxe, da cultura inmaterial. Lembrouno hoxe a escritora Fina Casalderrey na carballeira a carón da escola onde Fraguas foi alumno. Falou da querencia do vello mestre por montes como o do Seixo, por petróglifos como o de Fentáns, por castros como o de Famelga, na vila natal do propio autor. “Foi un explorador do mundo rural, un Indiana Jones das corredoiras”, dixo del.
“Fuxiu das teorías e centrou os seus esforzos no traballo de campo, na urxencia da recollida dun patrimonio inmaterial que se esvaía (…) Foi un explorador do mundo rural, un ‘Indiana Jones’ das corredoiras que loitou contra o esquecemento”.
Fina Casalderrey, académica
“Xa licenciado en Filosofía e Letras, o exalumno foi convidado por don Antonio Vidal a dar unha clase práctica de arqueoloxía e foron os dous cos nenos da escola ao castro de Famelga. Fixeron varias catas e descubriron restos que trouxeron para expoñer na escola”.
Clodio González Pérez, académico
“Foi un discípulo de Otero Pedrayo bastante particular que interpretou moi ao seu xeito a teoría ‘oteriana’ dos tempos da paisaxe, xa que do cósmico quedou basicamente cos vales; do biolóxico, co xogo cromático estacional das carballeiras, soutos e bidueiras; e do histórico, cos pequenos recantos construídos co traballo calado e teimudo do labor campesiño. En definitiva, todo aquilo que tiña máis que ver coa humanización miúda do espazo natural”.
“Se hai algo que distingue as súas descricións paisaxeiras dos vales e ribeiras galegos son as ilustracións literarias que normalmente as acompañan e que Fraguas recolle do cancioneiro popular ou dos poetas máis intimamente identificados co mundo campesiño, como Noriega. Neste senso, amósase de total actualidade, pois hoxe todos os atlas ou catálogos das paisaxes, seguindo as recomendacións do Convenio Europeo, levan sempre -ao par das descricións xeográficas- as pegadas que a súa percepción estética deixou na literatura ou na pintura”.
“Os sons do campo, como o do millo abaneado polo vento, ou os recendos da terra mollada despois das primeiras chuvias son sensacións que ninguén debería esquecer. A comuñón do ser humano coa natureza, que é o mellor xeito de valorar as paisaxes, debe de realizarse con todos os sentidos ben espertos”.
“Nega con rotundidade que Galicia poida ser representada só por esa tonalidade verde que os incipientes axentes turísticos da época ou escritores de improvisadas sínteses tentaban difundir: Galicia esquina verde, rincón verde, etc…”
Francisco Díaz-Fierros, académico
Ata a carballeira de Famelga levamos un Poema Viaxeiro elaborado -xa no 2017 dedicado a Mª Victoria Moreno se organizara esta iniciativa- por alumnas e alumnos da Escola de Educación Infantil Nosa Señora do Carme, de Marín. Dende un banco na alameda Rosalía de Castro, onde os atopamos a pasada noite, os versos de Antonio Fraguas chegaron ata o pleno extraordinario da Real Academia Galega. Agora están en mans do presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, que depositará esta tarxeta no arquivo da Academia.
Se atopas unha postal coma esta, goza da lectura dos versos que o alumnado compartiu contigo. Logo, deixa o poema noutro lugar, onde máis gustes, para que outras persoas o poidan atopar. Finalmente, toma unha foto dese momento e envíalla ao colexio por correo electrónico (eei.nosasenora.carmen@edu.xunta.es) para que a comunidade escolar saiba que a iniciativa ten continuidade.
Bo Día das Letras Galegas, hoxe e sempre!
Deixar unha resposta