Publicado por: MontePituco | 09/01/2019

PLENO DE XANEIRO (I): SENTENZA CONTRA O POLÍGONO

O primeiro Pleno deste recén estreado 2019 pasará á historia da Asociación Monte Pituco polo punto 8 da orde do día, co seguinte enunciado:

“Posta en coñecemento do Pleno da Corporación da Sentenza nº 457/2017, ditada o 23.11.2017 pola Sala do Contencioso-Administrativo do T.S.X. de Galicia, que estima parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto pola Asociación Defende o Monte Pituco contra a Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de 27.06.2012, pola que se aproba definitivamente o PXOM do Concello de Marín”.

Pleno de xaneiro 2019: orde do díaEn xaneiro de 2010, casualmente por estas mesmas datas, a prensa local anunciaba a celebración dunha reunión da Comisión especial de Urbanismo que traballaba a toda mecha para acelerar a aprobación do Planeamento urbanístico. Daquela, o Monte Pituco xa fora sinalado polo antigo bipartito para quedar clasificado como solo industrial. 

Nove anos despois, a Corporación marinense toma coñecemento dunha sentenza firme e irrevogable do TSXG que obriga o Concello a modificar aquel flamante PXOM porque o Monte Pituco non reúne as condicións mínimas para acoller ningunha dotación empresarial, como viña insistindo a Asociación Monte Pituco a pesar de que o daquela alcalde, o socialista Francisco Veiga -incapaz de xustificar o inxustificable-, nunca se dignou en recibir a veciñanza; a pesar da prepotencia coa que actuaron dende o Bng mentres ostentou a Concellaría de Urbanismo desdeñando a protección ambiental do Pituco -“desaféctase e punto!”, berrou Xosé María Vilaboa- no ámbito dos Montes do Morrazo; a pesar do moito que fachendeou a actual rexedora popular cando a Xunta incluíu o polígono proxectado no Pituco no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia.

O tempo deunos a razón! Tantos anos de traballo, tempo e esforzo dedicado á protección do patrimonio natural e cultural do Pituco deron o seu primeiro froito o 18 de maio de 2017 cun primeiro dictame xudicial impedindo que o Parque Empresarial Marín-Pornedo formase parte do Plan Sectorial autonómico artellado polo Goberno galego. O 23 de novembro dese mesmo 2017 chegou a segunda sentenza contra o PXOM de Marín ordeando que se anule a catalogación do Pituco como solo urbanizable delimitado de uso industrial. Ambas resolucións xa son firmes e inapelables: a primeira dende o 1 de setembro de 2017 e a segunda dende o 23 de xaneiro de 2018.

Por todo isto, a Asociación Monte Pituco vén de rexistrar unha outra reclamación ante o Goberno local de Marín -semellante á presentada o pasado mes de novembro co gallo do Día de Protección do Patrimonio- para que se convoque coa máxima urxencia a Comisión de Urbanismo e se inicien á maior brevidade as xestións oportunas para acometer a oportuna modificación puntual do PXOM, en cumprimento desas dúas sentenzas. 

Un asunto de tanto calado como a planificación das dotacións para uso empresarial e industrial ten que regularizarse canto antes, axustándose á lei. A Asociación Monte Pituco vén de esixirlle ao Concello que as medidas que teña que tomar non se apracen ata o seguinte mandato, senón que se inicien as tramitacións necesarias antes das vindeiras eleccións municipais de maio deste 2019. 

Por dignidade e por dereito -gañado con firmeza e determinación ante os tribunais-, a Asociación Monte Pituco vai reiterar periodicamente o cumprimento das sentenzas que lle foron favorables, acompañando simbolicamente cada petición cunha goma de borrar para recordarlles aos responsables municipais a súa obriga de suprimir a clasificación do Pituco como solo industrial.

Goma de borrar para suprimir o polígono no Pituco

Atendendo ás especiais cualidades do Monte Pituco que o TSXG aprecia nos seus dictames -a orografía  natural do terreo con fortes desniveis, a presenza de patrimonio histórico catalogado como Ben de Interese Cultural que resultaría gravemente afectado, a importancia natural e paisaxística deste enclave no contexto da ría de Pontevedra e dos Montes do Morrazo-, a Asociación Monte Pituco tamén volveu demandar atención e investimentos por parte do Goberno local cara a este espazo, abrindo as vías de colaboración oportunas coa Comunidade de Montes de San Xulián como titular do terreo comunal. O obxectivo pasa necesariamente por poñer en valor os xacementos arqueolóxicos, que seguen estando nunha situación de absoluta precariedade.

Á marxe das accións propias do Goberno municipal, a Asociación Monte Pituco tamén apelou neste escrito á responsabilidade dos representantes elixidos pola cidadanía marinense no presente período para que, ante o inminente contexto electoral, todos os grupos que opten a estes comicios respecten e acaten rigorosamente os termos dos dictames xudiciais, elaborando os seus programas conforme á decisión do TSXG referentes á protección e á conservación do Monte Pituco, e desistindo definitivamente de considerar esta zona nas súas previsións de hipotéticas infraestruturas, que volverían contar co rexeitamento e coa acción combativa desta asociación.


Respostas

  1. […] como ben sabe a Corporación Local de Marín trala toma de coñecemento oficial no Pleno de xaneiro deste ano, ambas resolucións xudiciais son firmes e irrevogables: a primeira dende o 1 de setembro […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: