Publicado por: MontePituco | 16/10/2017

LUME, NUNCA MÁIS

Lumes Nunca Máis

Pontevedra, Ourense, A Coruña, Lugo, Ferrol, Monforte, Cambados, Cangas, As Pontes, Ribadavia, Rianxo, Verín, Xinzo, Castrocaldelas, Foz, Vilagarcía, Nigrán, Viveiro, Ponteareas, Madrid, Barcelona, Brescia… nas rúas e nas prazas destas vilas e cidades soou con forza o berro de “Lume, Nunca Máis. 

Baixo a chuvia, e bendita chuvia, centos de persoas mollámonos na defensa dos montes e contra a lacra incendiaria que xa segou a vida de catro persoas, ademais de causarlles lesións de diversa consideración a varias persoas. Lamentando as vítimas mortais, solidarizándose cos feridos e aplaudindo o labor do persoal de extinción que leva moitas horas ás costas arriscando a súa integridade para sofocar as lapas, comezou a concentración na Praza da Peregrina.

Tamén foi motivo de eloxio o exemplo de civismo, cooperación e eficacia colectiva demostrada nos numerosos puntos da xeografía galega nos que, a falta de persoal e medios públicos, foi a propia veciñanza -as imaxes das cadeas humanas carrexando baldes de auga deron a volta ao mundo-a que se organizou con coraxe para salvar vidas, protexer vivendas, escolas ou infraestruturas sensibles.

Precisamente a ausencia inicial, a reacción tardía, a manipulación na información e a desviación cara a outros argumentos dos verdadeiros motivos que nos levaron a padecer esta lamentable situación, foron as razóns polas que tamén se esixiron as dimisións do presidente da Xunta e do responsable da radio e da televisión galegas, pola grave omisión no seu deber de servizo público cando a cidadanía máis precisaba de información puntual e veraz sobre cuestións tan básicas as zonas afectadas polas lapas ou as restriccións no tráfico viario.

Lanzouse un clamor contra as millonarias perdas en términos económicos para os sectores produtivos damnificados; mais tamén se advertiu sobre as repercusións incuantificables e irreparables en termos materiais: a paisaxe arrasada, os mananciais esgotados, a fauna e a flora seuilada, o patrimonio cultural danado de xeito irreversible…

Por iso, para aprender deste duro trance, para que tanto sufrimento non sexa en balde, erguéronse voces a prol dun cambio urxente na política forestal da Xunta e criticouse duramente o actual modelo enfocado á produción de eucalipto para o abastecemento exclusivo da todopoderosa empresa Ence. Como alternativa, a aposta pola explotación racional, integral e sostible do monte, que se fomenten os investimentos en materia de ordenación forestal, e se profesionalice o persoal destinado a esa misión preventiva.

Nesta tarefa debe implicarse toda a sociedade; non só as comunidades de montes, os propietarios de matos privados ou as empresas do sector. A sensibilización e o compromiso da cidadanía son fundamentais para que este cambio de rumbo sexa unha realidade xa non agora, senón de cara ao futuro. 

Abofé que esa mobilización social ten moito que ver coa necesidade de que a cidadanía se decate das graves repercusións que conleva a chamada ‘Lei de depredación de Galicia’ que nos deixa indefensos ante a voracidade das grandes corporacións que viven da explotación dos recursos naturais ou que, a partir de mañá coa súa aprobación, teñen vía libre para instslarse onde, cando e como lles pete, obviando estudos medioambientais, posibles alegacións e outras cautelas nas que actualmente prima a protección do territorio fronte aos intereses económicos e especulativos.

Lume, Nunca Máis


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: