Publicado por: MontePituco | 15/10/2017

DÍA NEGRO, #ARDEGALICIA

Lumes, Nunca Máis

Escribo estas liñas de madrugada, en vela, coa roupa do día posta en vez de terme mudado para intentar durmir. Pero quen dorme co que está sucedendo aí fóra! Sopra un vento inusualmente cálido para estarmos ás portas de novembro, con rachas cada vez máis fortes, e o aire é irrespirable porque os montes de toda a contorna -con máis virulencia na bisbarra de Vigo- levan ardendo dende a madrugada do sábado ao domingo. 

Dende primeira hora da mañá as redes e os grupos de whatsapp canalizan unha enxurrada de fotos, vídeos e comentarios dando conta -con crecente e lóxica  indignación- do arrepiante inferno no que se converteron os montes como consecuencia dunha ecuación diabólica: a seca prolongada que mermou por completo ou ata niveis mínimos o caudal dos mananciais, as adversas condicións meteorolóxicas que nos depara a proximidade do furacán Ophelia no seu desprazamento cara ao norte, a polémica desactivación por parte da Xunta dunha parte das brigadas contra incendios (segundo o colectivo de Bombeiros Forestais de Galicia algúns concellos xa prescindiron delas; os operarios de Seaga remataron contrato o día 12 e malia que 24 horas despois prorrogáronllo ata o 31 de outubro, moitos aínda non se reincorporaron; e os de Tragsa tamén foron convocados onte para continuar traballando) e a acción criminal dos terroristas que prenden lume sen importarlles en absoluto xa non só o dano irreparable ao medio ambiente e ao patrimonio natural e cultural, ou as cuantiosas perdas económicas para o sector forestal e os graves desperfectos nas infraestruturas, senón que tampouco se apiadan do perigo para as vidas humanas nin do caos social nas aldeas, vilas e cidades cercadas polas lapas. 

Dende hoxe, como xa ocorrera na vaga de lumes de 2006, varias mortes pesan sobre a conciencia -se é que a tiveran- dos autores desta barbarie incendiaria. Se hai 16 anos foran dúas mulleres en Serrapio, Cerdedo, a desgraza foi bater agora a Chandebrito, Nigrán, con outras dúas anciás e un cadeliño que as acompañaba. En ambos casos, un vehículo engulido polo lume foi a súa perdición. Un home faleceu tamén en Abelenda, Carballeda de Avia, tratando de apagar o lume… A gravidade do acontecido nesta fin de semana sobrepasa con creces a traxedia de antano. Todo o peso da Lei debería caer sobre os responsables destes crueis e cobardes atentados; a prisión permanente revisable debería valorarse tamén nestes casos extremos. Quen lles paga? Que mafia está detrás das mans executoras? Como é posible que queden impunes?

Segue o vento pero non hai rastro da chuvia, que nunca tanto se fixo tan de rogar. Saio a unha das fiestras que están orientadas ao Monte Pituco para ver se na escuridade da noite asoma algún resplandor ameazante. Asómome logo a outra das fiestras que dan aos matos da Curxeira coa mesma intención de comprobar que todo segue en calma, agás o insoportable bafo a queimado que arrastra o aire dende as zonas calcinadas. O canto da avelaiona que sinto ao lonxe tranquilízame un pouco. Pero cando estendo os brazos na procura das ansiadas pingueiras de auga, as miñas mans só recollen restos da borralla que flota neste ambiente asfixiante. O único que caen do ceo dende primeira hora deste ‘Día Negro’ son faíscas cincentas. Ophelia, onde estás?!

#ArdeGalicia

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: