Publicado por: MontePituco | 21/10/2017

POLA PROTECCIÓN DOS MONTES DE TIRÁN

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo realizou a súa segunda andaina da tempada polos montes da parroquia de Tirán, no concello de Moaña, para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural destes espazos, catalogados como solo rústico de especial protección forestal, patrimonial e de costas, ademais de reivindicar a importancia e a necesidade de preservalos.

De trazado circular, o roteiro partiu do igrexario e continuou por A Carrasqueira, o Castro dos Remedios, Catro Camiños, Vilela, Monte do Ramil, ata rematar nas praias de Niño do Corvo, da Videira e Río da Ribeira.

Igrexa de San Xoán, Tirán (Moaña)

A igrexa de estilo románico tardío de San Xoan de Tirán data do século XIII, aínda que recibiu  engadidos posteriores do século XVIII. Ao seu carón están o cemiterio e o adro, onde destaca o panteón onde están depositados os restos do escritor José María Castroviejo e de varios membros da súa familia. Trátase dun lugar cunha gran singularidade, pola súa situación ao carón da ría de Vigo.

DSC_0504-min

Panteón da familia Castroviejo

Situado entre Moaña e Cangas, o Monte do Castro ou Castro dos Remedios contén os vestixios dun dos meirandes castros prerromanos da Idade do Ferro na comarca do Morrazo. Conta cunha suposta divinificación propia e, no século XVI, a igrexa católica ordeou construír na súa cima, a unha altitude duns 124 metros de sobre o nivel do mar e con boas panorámicas da ría de Vigo, unha capela dedicada á Virxe dos Remedios, de aí os actuais topónimos.

Dous claros exemplos de agresión ao patrimonio e á paisaxe: unha enorme explanada formigonada na croa dun castro; ademais, na propia capela, porta e tellado de chapa

Ao carón da entrada da capela dos Remedios situase unha pequena rocha cun gravado serpentiforme da Idade do Bronce-Idade do Ferro. O penedo no que se atopa o gravado foi desprazado da súa ubicación orixinal e recuperado para ser depositado a carón do templo. Ao igual que o castro, este petroglifo tamén está asociado a lendas e historias sobre supostos encantamentos de mouros e mouras.

O petroglifo foi pintado de vermello, unha agresión grave 

Preto do castro e antes de que comezaran as obras de construcción do corredor de alta capacidade do Morrazo, nas catas arqueolóxicas atopouse un novo xacemento que representaba un asentamento prehistórico da Idade do Bronce e complementaba o propio castro. Finalmente, por desgraza, este xacemento foi un dos moitos vestixios prehistóricos que foron destruídos pola construción do corredor.

Vestixios dun antigo asentamento arrasado polo Corredor do Morrazo

Máis mostras de maltrato á paisaxe e ao medio ambiente: os eucaliptos volven agromar na ladeira do castro dos Remedios despois dunha corta agresiva; ata o cruceiro foi agredido engadindo enriba da pedra unha base feita de cemento

Nunha pedra fincada á beira da corredoira principal que atravesa o monte está gravado o nome de OYA, en clara referencia ao vencello no pasado da parroquia, a través do couto de Vilela, á xurisdición do mosteiro cisterciense de Oia.

No seu conxunto e dada a cantidade de material atopado, representa unha zona arqueolóxica cunha ampla adscripción cultural que abrangue desde a Idade do Bronce e do Ferro, na prehistoria, ata a Romana e o Medievo, en datas xa históricas.

Marca de xurisdicción do mosteiro de Oia

Cara ao sur e nas postrimerías do castro, rodeado de arborado caducifolio, está situado o petróglifo da Graña, da Idade do Bronce. Está no límite coa parroquia canguesa de Coiro e nun pequeno outeiro con boas vistas do val do rego Saíñas e da vila de Cangas ata a serra da Madalena e o Castelo de Darbo. Nunha rocha plana e de grandes dimensións, a súa superficie está chea de gravados con motivos xeométricos de diversa índole -trazos rectilíneos, circulares, ondulantes e coviñas-.

Petroglifos da Graña

Petroglifos da Graña

Coviñas nos petroglifos da Graña

Petroglifos da Graña

Gravados con forma de pés ou pegadas de animais, no xacemento da Graña

Preocupante situación destes petróglifos da Graña, completamente rodeados de vexetación seca, nunha zona onde antano as leiras eran cultivadas. Por riba, a escasos metros do xacemento foi instalada unha torreta eléctrica; un caso máis de obras que non respectan as áreas de cautela dos xacementos arqueolóxicos catalogados.

Na senda ata os Catro Camiños e saíndo do castro pola corredoira principal, sobresae a fondura da corredoira empedrada entre o bosque de carballos e castiñeiros.

Andaina por Tirán, Moaña

Ruta por Tirán, Moaña

Ruta por Tirán, Moaña

Monte do Ramil está ao carón da ría. Na parte máis afastada atopouse material arqueolóxico da época romana; na parte máis próxima á ría e riba da praia do Niño do Corvo, atopouse un asentamento prerromano da Idade do Bronce.

Ruta por Tirán, Moaña

Praia do Niño do Corvo, Tirán (Moaña)

Na parte máis costeira e no medio do cantil sobresae, a nivel xeolóxico, a grande presenza de rochas de composición magmática e híbrida dentro do que, a xeóloga asturiana Gloria Gallastegui Suárez, catalogou como vaugneritas nos denominados “corredores de enclaves” na tese da súa licenciatura, a mediados da década dos oitenta do século pasado.

A presenza destes corredores de enclaves, por outra banda, espállase e a distintos niveis por boa parte da costa de Tirán ata o límite co concello de Cangas.

'Corredor de enclave' na praia de Niño do Corvo, Tirán (Moaña)

Praia do Niño do Corvo, Tirán (Moaña)

Este tramo de costa malia as afeccións das últimas décadas -verteduras ilegais, ocupación da área de servidume e de policía do dominio público marítimo terrestre…- segue a representar o territorio mellor conservado do concello moañés, cunha franxa litoral e intermareal de gran valor paisaxístico: xeomorfoloxía dos cantís e dos múltiples cons e illotes sumerxidos das mareas e a policromía dos areeiros pola grande arribazón das macroalgas… 

Litoral de Tirán, Moaña

…Sen esquecer o valor natural: orla verde arborada onde destacan a carballeira da antiga granxa de Castroviejo e do Foxón, e a contorna das praias desde o Niño do Corvo ata Río da Ribeira con carballos, chopos, loureiros, estripeiros e abruñeiros, fauna e flora dunar, presenza de fauna vertebrada e invertebrada terrestre e mariña e algas entre a zona supra e intermareal.

Litoral de Tirán, Moaña

A isto engádese a ampla e diversa presenza de aves acuáticas e mariñas en fase estacional -ou a visita ocasional de cetáceos-, xunto co interese socioeconómico e produtivo da explotación dos recursos mariños desta franxa da beira norte da ría, que polo momento segue estando libre de grandes obras portuarias e de masificación urbanística.

Litoral de Tirán, Moaña

Litoral de Tirán, Moaña

Dentro da cultura oral inmaterial, destaca tamén a denominada Cova da Lontra, unha pequena furna situada no cantil á beira da praia do Río da Ribeira. Está vencellada a algunha lenda que refire a presenza nela da lontra que sobresae polo seu tamaño, fisonomía e ferocidade. Tamén se fala da suposta conexión da cova co Castro dos Remedios e a existencia de resplandores no seu interior relacionados coa situación da cova xusto por debaixo do cemiterio parroquial. A lontra (Lutra lutra), sen ter as esaxeradas connotacións da lenda, existe fisicamente pola contorna da costa de Tirán e representa unha riqueza faunística engadida.

Cova da lontra

As principais afeccións para os montes e o litoral de Tirán nas últimas décadas foron a eucaliptización, a introdución e invasión de acacias e doutras especies alóctonas e invasoras, a falta de silvicultura, as cortas a ‘mata rasa’ e indiscriminadas do arborado, as verteduras incontroladas de lixo, a instalación de torretas e cableado aéreo de alta tensión, a construcción do corredor de alta capacidade do Morrazo e o incumprimento da protección patrimonial e costeira.

Litoral de Tirán, Moaña

No futuro subxace a probabilidade, como ameaza, da especulación urbanística. Xa ao longo da década pasada o Monte do Ramil, dentro de solo rústico de especial protección de costas, fora obxecto dun intento fallido de convenio urbanístico.

En abril de 2016 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta a declaración de Lugar de Especial Interese Paisaxístico (LEIP) para o Castro dos Remedios e o tramo de costa de Tirán entre as praias do Con e do Canabal, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Litoral de Tirán. Moaña

Texto: Cándido Martínez

Planos: Plataforma Montes do Morrazo

Fotos: Asociación Monte Pituco

Plano do roteiro por Tirán, Moaña

Plano do roteiro por Tirán, Moaña


Respostas

  1. Un bo, boisimo e elaborado traballo. Ademais de un paseo muy muy ilustrativo pra mente e muy muy reconfortante pra o espiritu Noraboa.

    • Moitas grazas pola visita ao blogue e polo teu xeneroso comentario. Que ben que che gustara! Saúdos!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: