Publicado por: MontePituco | 22/10/2017

NA MARCHA NON Á LEI ‘DEPREDACIÓN’

En Compostela, na manifestación contra a 'Lei Depredación'.

Hoxe e sempre, defendendo a terra que nos sustenta, a auga que bebemos, o aire que respiramos, o patrimonio cultural que nos foi legado.
…Camiñando polas rúas de Compostela entre colectivos tan cargados de razóns e dignidade como a veciñanza de Monte Cabral que rexeita o centro comercial proxectado neses terreos, a APDR ou a cooperativa Trespés. Non á Lei de ‘Depredación’!

 * * *

Aprobouse pola vía de urxencia o pasado martes 17, dous días despois de que Galicia padecese unha debacle incendiaria sen precedentes. Porque o (des)goberno da Xunta, como a radio e a televisión públicas de Galicia que emitían fútbol e teleseries mentres o país ardía, vai ao seu. E o seu é neste caso darlle carta branca ás grandes corporacións para que exploten os recursos naturais, amordazando e atando de pés e mans a cidadanía, impotente e sen armas para frear a especulación, os intereses políticos e económicos duns poucos.

Xa o fixeron co Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais contra o que a Asociación Monte Pituco loitou titanicamente con moito esforzo e modestísimos recursos, logrando que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dictase unha sentenza que agora é firme e irrevocable, ordeando a retirada do polígono industrial proxectado neste ‘balcón da ría’. Pero agora van un paso máis aló, chuzando pola porta de atrás unha Lei de Fomento de Implementación de Iniciativas Empresariais de Galicia -alias Lei de ‘Depredación’- da que non se ten dado información abondo para que a poboación sexa consciente do que nos vén enriba.

Se esta ‘Lei Depredadora’ fose aprobada antes de que o Monte Pituco fose clasificado como solo empresarial tanto no PXOM de Marín -cun recurso aínda pendente de resolución- como posteriormente no Plan Sectorial que fomos quen de tumbar, tería sido moito máis difícil ou practicamente imposible combatela cos argumentos técnicos, medioambientais e de protección ao patrimonio cultural que hai vixentes.

Como advertiu a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, “esta lei procura a a desregulamentación que elimina as cautelas ambientais e os dereitos dos administrados para outorgarlle patente de corso ás empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas, modificando normas coma a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico, a Lei 3/2008 de minería, ou a Lei 7/2012 de Montes”. É dicir, estamos ‘vendidos’.

A Plataforma Montes do Morrazo tamén sostén que a partir de agora a Xunta outórgalles aos proxectos empresariais “máis facilidades para eludir os controis, debido a que fai máis sinxela a súa consideración como proxectos industriais estratéxicos, que se benefician dun menor control urbanístico, dunha declaración de utilidade pública, da prevalencia sobre outras utilidades públicas e que adquiren unha incidencia supramunicipal, polo que poden eludir o control dos concellos; así mesmo, poden obter adxudicacións directas de solo e maiores subvencións”.

A Consellería de Industria pasa a ter practicamente ‘patente de corso’ para saltar por riba dos criterios que rexen en materia de medio ambiente, paisaxe, montes, patrimonio, residuos ou xestión hidráulica.

A manifestación celebrada en Compostela contra a Lei de Depredación tivo unha triste motivación extra, ao cumprirse unha semana dende que os lumes se cebaran cos montes e coa contorna de moitas vilas e cidades, tendo provocado a morte de catro persoas e numerosas perdas materiais -vivendas, granxas, alpendres, fábricas, vehículos…-, sen contar o dano irreparable aos bosques, á fauna e á flora que os sustentan, aos mananciais, e ao patrimonio prehistórico e etnográfico que atesouran.

Ante a ausencia da Administración tomando as rendas da situación, deron a volta ao mundo as imaxes da veciñanza portando mangueiras e formando cadeas humanas para extinguir as lapas con precarios baldes de auga

Aínda que a seca, as altas temperaturas e o vento fosen elementos adversos, é inaceptable que a Xunta atribúa a catástrofe ás condicións climatolóxicas, que cargue as tintas na orixe intencionada de moitos incendios, e por riba culpe a Portugal de non dar extinguido lumes na zona fronteiriza con Galicia, tal e como expuxo o presidente do Executivo galego cando por fin os responsables dos medios públicos galegos se dignaron en informar a cidadanía; total, para abrir os micrófonos á versión oficial, institucional e partidista.

É a enésima vaga de lumes; posiblemente a peor ou unha das peores que se teñan padecido. E sempre nos queda o temor de que a seguinte que veña -porque con esta política forestal estamos condenados a que a historia se repita- teña consecuencias aínda máis negativas.

A coordinación foi un fracaso, a maioría dos medios de extinción foran desactivados e a inmediatez coa que se declararon e propagaron os lumes acentuou o efecto da desmobilización e da desprevención,

“A nefasta política forestal que está a comportar un maior abandono do rural e da xestión dos montes, do desordenamento do territorio, da falta de prevención, da falta de medios para a extinción, da privatización destes e do espallamento incontrolado de especies pirófitas como o eucalipto, que son os factores máis importantes que fan que ano tras ano arda Galiza”, critica a Plataforma Montes do Morrazo.

Por riba, hai que aturar ambigüedades como as da conselleira do Medio Rural sobre a condición do eucalipto como especie pirófita ou do seu responsable de Ordenación Forestal negando as denuncias sobre recalificación dos terreos queimados para, a renglón seguido, admitir que abondaría unha xustificación “de interese xeral” -o eufemismo que todo o soporta- para obviar a prohibición que preserva durante décadas os solos calcinados.

A Lei de Depredación vén servir agora en bandexa calquera excusa para agredir o territorio con polígonos industriais, parques éolicos, minas, granxas acuícolas ou o que se tercie, sen importar a idoneidade da ubicación dende o punto de vista urbanístico, medioambiental, paisaxístico ou patrimonial.

“Cómpre abrir dunha vez o debate sobre que política forestal precisamos como país”, proclama a Plataforma Montes do Morrazo, “que ten pasar necesaria e urxentemente pola total prohibición das plantacións de eucalipto, a substitución progresiva das plantacións existentes por plantacións de especies caducifolias e autóctonas, a aplicación real das planificacións de defensa e prevención dos lumes e das redes de faixas de xestión da biomasa forestal e a desestacionalización da loita contra os lumes”.

E cómpre, engadimos dende a Asociación Monte Pituco, que a sociedade se implique, que os colectivos en defensa da natureza, as comunidades de montes, os propietarios de montes privados, as institucións académicas, os expertos en xestión de emerxencias e todos os sectores que poidan achegar experiencia e coñecemento se unan -sen deixarse contaminar por intereses partidistas- nun obxectivo común: Lumes, Nunca Máis.

En Compostela, na manifestación contra a 'Lei Depredación'.

En Compostela, na manifestación contra a 'Lei Depredación'.

En Compostela, na manifestación contra a 'Lei Depredación'.

En Compostela, na manifestación contra a 'Lei Depredación'.

En Compostela, na manifestación contra a 'Lei Depredación'.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: